Love and Rockets
Love and Rockets foi unha banda inglesa de rock alternativo formada no ano 1985 polos antigos membros de Bauhaus Daniel Ash (voces, guitarra e saxofón), David J (baixo e voces) e Kevin Haskins (batería e sintetizadores) despois de que o grupo se separase en 1983. Ash e Haskins gravaran e actuaran noutra banda, Tones on Tail, entre 1982 e 1984. A fusión de rock underground con elementos da música pop de Love and Rockets forneceu un catalizador temperán para o rock alternativo. A banda publicou sete álbums de estudio antes de separarse en 1999 e reformouse brevemente en 2007 para realizar concertos, separándose novamente en 2009.
Love and Rockets | |
---|---|
Daniel Ash coa banda en 2008 | |
Orixe | Northampton, Inglaterra |
Período | 1985 - 1999 2007 - 2009 |
Xénero(s) | rock alternativo, rock gótico, post-punk |
Selo(s) discográfico(s) | Beggars Banquet, RCA Records, American, Red Ant |
Membros | Daniel Ash Kevin Haskins David J |
Artistas relacionados | Bauhaus, Tones on Tail, The Bubblemen, POPTONE |
Na rede | |
http://loveandrockets.com | |
A banda é quizais máis coñecida polo seu sinxelo de 1989 "So Alive", que chegou ao número 3 da lista Billboard Hot 100.[1]
Historia
editarA banda tomou o seu nome da serie de cómics Love and Rockets dos irmáns Hernandez. Gilbert Hernandez posteriormente referiuse á confusión causada por este feito no seu libro Love and Rockets X, xa que houbo varias bandas co nome "Love and Rockets" durante un tempo.[2]
A pesar de que as súas anteriores bandas tiñan un status de iconas do rock gótico, Love and Rockets moveuse cara a un son lixeiramente máis brillante e influenciado polo pop, como demostrou o seu primeiro éxito menor, unha versión do clásico da Motown "Ball of Confusion", que chegou ao número 18 das listas canadenses en xaneiro de 1986.[3] O seu primeiro álbum de estudio, Seventh Dream of Teenage Heaven (1985), foi un exemplo temperán de rock alternativo, combinado con post-punk e psicodelia.[4] O seu segundo álbum, Express (1986), continuou na mesma liña, engadindo aínda máis sentimento pop á mestura. O disco incluía o éxito dance "Yin and Yang (The Flowerpot Man)". O álbum de 1987 Earth, Sun, Moon tiña un son máis acústico e del saíu o éxito menor "No New Tale to Tell". O ano seguinte o grupo lanzou o sinxelo "The Bubblemen Are Coming" baixo o alias The Bubblemen.
En 1989 a banda publicou Love and Rockets, cun son máis AOR.[5] O seu segundo sinxelo foi a canción inspirada en T. Rex "So Alive", que chegou ao número 3 da Billboard Hot 100,[1] un feito que ningún artista ou banda relacionado con Bauhaus conseguiu nunca.
Despois dunha esgotadora xira para promocionar o seu grande éxito, Love and Rockets tomou uns anos de descanso antes de regresar ao estudio. O resultado foi un movemento cara a un son electrónico que tiña máis en común con The Orb que coas súas raíces rock ou góticas. O seu selo, RCA Records, despediunos e ficharon coa discográfica de Rick Rubin American Recordings para lanzar Hot Trip to Heaven en 1994, seguido en 1996 por Sweet F.A. En abril de 1995, durante a gravación de Sweet F.A., iniciouse un incendio na casa propiedade de American Recordings onde a banda vivía e gravaba. Ningún dos membros do grupo resultou ferido, pero si o seu amigo de visita Genesis P. Orridge de Psychic TV. A banda perdeu o seu equipamento (unha foto dunha guitarra queimada foi usada na portada de Sweet F.A.) e meses de traballo no álbum. Houbo unha longa batalla legal entre a banda, a discográfica e a compañía de seguros. Finalmente Love and Rockets non foi a responsable do incendio, pero tivo que pagar bastantes cartos durante o proceso legal.[6] Lift apareceu en 1998 a través do selo Red Ant Records, e, tras actuar en Toronto en abril de 1999, a banda separouse.[7][8]
Love and Rockets anunciou en outubro de 2007 a través do seu MySpace que se reformarían para tocar unha canción en "Cast a Long Shadow", un concerto tributo a Joe Strummer a beneficio da organización caritativa Strummerville. O concerto celebrouse o 22 de decembro de 2007 no Key Club en West Hollywood, California. A banda versionou a canción de The Clash "Should I Stay or Should I Go", tocando o tema dúas veces, a segunda invitando a xente do público a unirse a eles no escenario.[9] O 27 de abril de 2008 a banda tocou no Coachella Valley Music and Arts Festival, e o 3 de agosto no Lollapalooza en Chicago.
Nunha entrevista en xuño de 2009, Ash dixo que non tiña plans para tocar con Love and Rockets. "Traballamos xuntos dende 1980. Gústame traballar con xente nova, estou seguro que todo o mundo sente o mesmo".[10]
Un álbum tributo titulado New Tales to Tell: A Tribute to Love and Rockets foi editado o 18 de agosto de 2009, con contribucións de The Flaming Lips, Frank Black, Puscifer, A Place to Bury Strangers, Film School, Better Than Ezra, Johnny Dowd, The Dandy Warhols, Blaqk Audio, The Stone Foxes e Monster Magnet.[11]
Discografía
editarÁlbums
editarÁlbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Seventh Dream of Teenage Heaven | 1985 | Beggars Banquet Records |
Express | 1986 | Beggars Banquet Records |
Earth, Sun, Moon | 1987 | Beggars Banquet Records, Big Time Records |
Love and Rockets | 1989 | Beggars Banquet, Sonolux, Vertigo, Big Time, RCA |
Hot Trip to Heaven | 1994 | American Recordings |
Sweet F.A. | 1996 | American Recordings |
Lift | 1998 | Red Ant |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Whitburn, Joel. (2004). The Billboard book of top 40 hits (Rev. and expanded 8th ed ed.). New York: Billboard Books. ISBN 978-0-8230-7499-0. OCLC 55966764.
- ↑ Hernandez, Gilbert. (1999). Love and rockets X (2nd Fantagraphics Books ed ed.). Seattle, WA: Fantagraphics Books. ISBN 978-1-56097-101-6. OCLC 42840145.
- ↑ "Barry's Hits of All Decades Pop rock n roll Music Chart Hits". hitsofalldecades.com. Consultado o 2020-07-06.
- ↑ "Seventh Dream of Teenage Heaven - Love and Rockets | Songs, Reviews, Credits | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2020-07-06.
- ↑ "Love and Rockets lifts off with newest album". The Pittsburgh Press. Consultado o 2020-07-06.
- ↑ "Love and Rockets Set to "Lift" Off". Rolling Stone.
- ↑ "ChartAttack's Daily Music News - The Ultimate Canadian Source for Music News!". web.archive.org. 1999-05-02. Archived from the original on 02 de maio de 1999. Consultado o 2020-07-06.
- ↑ "Live Reviews - Love & Rockets - April 5, 1999". web.archive.org. 2000-02-04. Archived from the original on 04 de febreiro de 2000. Consultado o 2020-07-06.
- ↑ "Pixie Vision Productions Photography :: LOVE & ROCKETS *LIVE* - JOE STRUMMER TRIBUTE ~ 22 DECEMBER 2007". web.archive.org. 2011-10-04. Archived from the original on 04 de outubro de 2011. Consultado o 2020-07-06.
- ↑ "Daniel Ash: Rock On". SuicideGirls. Consultado o 2020-07-06.
- ↑ "Flaming Lips, Black Francis for Love And Rockets tribute". NME (en inglés). 2009-06-03. Consultado o 2020-07-06.