Luc Montagnier
Luc Montagnier, nado en Chabris o 18 de agosto de 1932 e finado en Neuilly o 8 de febreiro de 2022, foi un virólogo francés.[1] Realizou o seu doutoramento en medicina pola Universidade de Poitiers, e en 1967 iniciou as súas investigacións en viroloxía. En 1972 foi nomeado xefe da Unidade Oncolóxica Viral do Instituto Pasteur, e en 1974 foi designado tamén director do Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS). En 2008 obtivo o Premio Nobel de Medicina, xunto a Françoise Barré-Sinoussi, polo descubrimento do virus de inmunodeficiencia humana (VIH), causante da sida; devandito galardón foi compartido con Harald zur Hausen, quen foi premiado polo descubrimento dos virus do papiloma humano que causan cancro cervical.[2]
Principais achegas
editarEn 1983 o equipo do que formaba parte describiu e identificou o que foi un dos maiores descubrimentos das últimas décadas do século XX: o virus VIH causante da sida, apenas pouco despois de que esta síndrome fose recoñecida como unha nova entidade patolóxica en 1981. O virus foi chamado inicialmente virus asociado á linfomadenopatía (LAV). Un ano despois o equipo do estadounidense Robert Gallo confirmou o descubrimento do virus e que este era o causante da sida. O virus foi renomeado virus T-linfotrópico tipo III (HTLV-III).[3]
Durante moitos anos houbo unha forte disputa sobre se o primeiro en illar o virus fora Montagnier ou Gallo. En novembro de 1990, a Oficina de Integridade Científica dos Institutos Nacionais da Saúde tentaron clarificar o asunto designando unha comisión que analizase as mostras almacenadas no Instituto Pasteur e no Laboratorio de Bioloxía de Células Tumorais do Instituto Nacional do Cancro entre 1983 e 1985. O grupo, liderado por Sheng-Yung Chang, concluíu que o virus de Gallo proviña do laboratorio de Montagnier. Chang concluíu que o virus do grupo francés contaminara un cultivo do que o grupo de Montagnier enviara unha mostra a Gallo, e á súa vez contaminou os cultivos en que Gallo estaba a traballar.[4]
Hoxe en día recoñécese que o grupo de Montagnier foi o primeiro en illar o virus VIH, mais que o grupo de Galo foi o que demostrou que o virus causa a sida e foi responsable de gran parte do desenvolvemento científico que fixo posible o descubrimento, incluíndo unha técnica desenvolvida previamente por Gallo para o cultivo de células T en laboratorio.[5]
No número de 29 de novembro de 2002 de Science, Gallo e Montagnier publicaron unha serie de artigos, un deles asinado por ambos, en que recoñecen as achegas fundamentais que cada un tivera no descubrimento do VIH.[6]
Premios
editarMontagnier recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, compartido con Robert Gallo, no ano 2000 e o Premio Nobel de Medicina en 2008 compartido con Harald zur Hausen e Françoise Barré-Sinoussi.[2]
Controversias
editarNo seus últimos anos algunhas declaracións de Luc Montagnier foron polémicas como a recomendación dada en 2002 ao papa Xoán Paulo II de tratar o párkinson con papaia fermentada,[7] a idea de que a dieta africana favorecía a difusión da sida,[8] ou a defensa da "pista microbiana" como causante do autismo e da homeopatía.[9][10] O seu escepticismo sobre as vacinas foi denunciado en 2017 por máis de cen académicos franceses, que cualificaron as súas posicións como "perigosas".[11] En abril de 2020, ao comezo da pandemia de covid-19, Luc Montagnier considerou que se trataba dun virus creado nun laboratorio a partir do VIH, algo que foi criticado pola comunidade científica.[12] Todas estas controversias lastraron o seu prestixio científico.[13][14][15]
Notas
editar- ↑ "Luc Montagnier, prix Nobel et figure des antivaccins, est mort". LEFIGARO (en francés). 2022-02-10. Consultado o 2022-02-10.
- ↑ 2,0 2,1 Dous franceses e un alemán gañan o Nobel de Medicina, AFP, 6 de outubro de 2008
- ↑ Popovic M, Sarngadharan MG, Read E, Gallo RC (1984). "Detection, isolation, and continuous production of cytopathic retroviruses (HTLV-III) from patients with AIDS and pre-AIDS". Science 224 (4648): 497–500. PMID 6200935. doi:10.1126/science.6200935.
- ↑ Sheng-Yung P. Chang, Barbara H. Bowman, Judith B. Weiss, Rebeca E. Garcia & Thomas J. White (1993). "The origin of HIV-1 isolate HTLV-IIIB". Nature 363 (6428): 466–469. PMID 8502298. doi:10.1038/363466a0.
- ↑ DA Morgan; FW Ruscetti; R Gallo (10 de setembro de 1976). "Selective in vitro growth of T lymphocytes from normal human bone marrows". Science (en inglés) (Sciencemag.org) 193 (4257): 1007–1008. Bibcode:1976Sci...193.1007M. PMID 181845. doi:10.1126/science.181845. Consultado o 15 de maio de 2012.
- ↑ Montagnier L. (2002) Historical essay. A History of HIV Discovery. Science 298(5599): 1727-8 (29 de novembro). doi 10.1126/science.1079027 PMID 12459575 Gallo RC. (2002) Historical essay. The Early Years of HIV/AIDS. Science 298(5599): 1728-30 (29 de novembro). doi 10.1126/science.1078050 PMID 12459576 Gallo RC & Montagnier L. (2002) Historical essay. Prospects for the Future. Science 298(5599): 1730-1 (29 de novembro). doi 10.1126/science.1079864 PMID 12459577
- ↑ "Luc Montagnier a prescrit au pape un traitement miracle". Le Monde.fr (en francés). 2002-08-31. Consultado o 2022-02-10.
- ↑ "Prix Nobel mais conspué par les scientifiques, qui est le professeur Luc Montagnier?". LExpress.fr (en francés). 2020-04-18. Consultado o 2022-02-10.
- ↑ "Autisme et microbes: l'Académie de médecine se démarque du Pr Montagnier". Sciences et Avenir (en francés). 2012-03-28. Consultado o 2022-02-10.
- ↑ "El premio nobel Luc Montagnier se toma la homeopatía en serio". Revista Médica de Homeopatía (en castelán) 4 (1): 39. 2011-01-01. ISSN 1888-8526. doi:10.1016/S1888-8526(11)70094-7.
- ↑ "Vaccins. Une pétition dénonce les propos « dangereux » du Nobel Luc Montagnier". Ouest France. 17-11-2017. Consultado o 10-2-2022.
- ↑ "Le coronavirus, fabriqué à partir du virus du sida ? La thèse très contestée du professeur Montagnier". Le Monde.fr (en francés). 2020-04-17. Consultado o 2022-02-10.
- ↑ "Le lent naufrage scientifique du Professeur Luc Montagnier". sante.lefigaro.fr. 2017-11-17. Consultado o 2022-02-10.
- ↑ "Mort de Luc Montagnier, découvreur controversé du sida". La Croix (en francés). 2022-02-10. ISSN 0242-6056. Consultado o 2022-02-10.
- ↑ "Luc montagnier, étrange nobel séduit par l’irrationnel". Revue Medicale Suisse (en francés). Consultado o 2022-02-10.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luc Montagnier |
A Galipedia ten un portal sobre: Francia |