Mahabharata
O Mahabharata (en sánscrito महाभारत, mahābhārata no sistema AITS) é unha das dúas principais epopeas da literatura sánscrita sobre a Historia da India, xunto co Ramayana. A épica é parte da itihasa (ou "historia") hindú.
Mahabharata | |
---|---|
Ilustración da batalla de Kurukshetra. | |
Título orixinal | महाभारतम् |
Autor/a | Vyasa |
Lingua | Lingua sánscrita |
Xénero(s) | Epopea |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Etimoloxía
editarMahābhārata significa "a gran [guerra] dos bharatás", a partir de mahā "grande" e bhārata "os clans bharatás". Xeralmente atópase xunto con iudhá (yuddhá), aajavá (āhavá) ou algunha outra palabra que signifique "batalla".[1]
O título pode traducirse como "a grande India", xa que bhārata é un patronímico que significa "o que pertence a Bharata", mítico rei fundador do país de Bhárata-varsha (varshá, "país"), que é o nome oficial da India en hindi.
Historia
editarAdemais da narración épica da guerra Kurukshetra e do destino dos Kaurava e os Pandava, o Mahabharata contén moito material filosófico e relixioso, como por exemplo unha discusión dos catro "obxectivos da vida" ou purusharthas (12.161). Estes últimos enuméranse como dharma (acción correcta), artha (propósito), kama (pracer) e moksha (liberación). Entre as principais obras e historias do Mahabharata están o Bhagavad-guita, a historia de Damayanti, unha versión abreviada do Ramayana, e o Rishyasringa, adoito considerado como unha obra en si mesmo.
Tradicionalmente, a autoría do Mahabharata atribúese a Vyasa. Houbo moitos intentos de descifrar o seu desenvolvemento histórico e as capas compositivas. As partes máis antigas do texto non son moi anteriores ao 400 a.C.[2] O texto probablemente acadou a súa forma definitiva a principios do período Gupta (arredor do s.IV d.C.).[3] O título pódese traducir como "a grande historia da dinastía Bhārata". Segundo o propio Mahabharata, a historia estende unha versión máis curta de 24.000 versos chamada simplemente Bhārata.[4]
Extensión
editarCon arredor de cen mil versos, longas pasaxes en prosa, ou arredor de 1,8 millóns de palabras en total, a extensión do Mahabharata é aproximadamente dez veces a da suma da Ilíada e a Odisea, ou arredor de catro veces a do Ramayana.[5][6]
O Mahabharata, a historia épica
editarA historia principal deste traballo é dunha loita dinástica polo trono da capital Jastina Pura, o reino do clan Kuru. Jastina Pura e os reinos inmediatamente circundantes estaban asentados no Doab, a rexión do Ganxes superior e o río Yamuna, ao norte da actual Nova Deli. As dúas ramas primas da familia que participan na loita son os Kauravas (os fillos de Kuru, a rama maior da familia), e os Pándavas (a rama máis nova, formada polos fillos do rei Pandú ('pálido') quen era irmán de Dhrita-rastra e fillo de Viasa coa esposa de Vichitra-Viria).
A loita culmina na gran batalla en Kurukshetra, de 18 días, que os Pándavas gañan ao final. O Mahabharata termina coa morte do deus Krisná, e o final da súa dinastía, e o ascenso dos irmáns Pándavas a un planeta celestial xunto cos deuses Ese momento tamén marca o principio de era de Kali (Kali yuga). Esta é a cuarta e última idade da humanidade, onde os grandes valores e as ideas nobres que a humanidade representadas están desmoronadas, e os homes diríxense rapidamente cara á disolución completa da moralidade e a virtude en xeral.
Historias
editarDescrición curta dalgunhas personalidades e historias:
- Algunhas das figuras máis nobres e reverenciadas da historia terminan por loitar ao lado dos Kurus, debido ás lealdades formadas antes do conflito.
- Iudishtira é o maior dos cinco irmáns Pándavas, fillo da raíña Kunti (esposa de Pandú) con Dharmarash (o 'rei da relixión', tamén coñecido como Iamarash, o 'rei da prohibición'). Iudishtira é comunmente coñecido na India como un modelo de integridade, xa que nunca dixera unha mentira na súa vida e así obtivera poderes místicos. Participou nunha estrataxema ideada para matar a Drona, o mestre de armas dos cinco Pándavas. Mataron a un elefante co mesmo nome que o fillo do mestre Drona. Entón Iudishtira achegouse ao seu mestre e dixo: «Ashwattama (o elefante) morreu». Drona deixou caer as súas armas e foi asasinado polos irmáns Pándavas. Nese momento a cuadriga de Iudishtira -que debido á súa virtude ata ese momento flotara a uns centímetros do piso (o que enchía de espanto ao exército inimigo)-, inmediatamente tocou terra.
- Bhima é un dos cinco irmáns Pándavas cuxa forza, tamaño, e lealdade son lendarios.
- Arjuna (cognado do latín argentum: 'prateado'), fillo de Kuntí co deus Indra, o mellor amigo do deus Krisná (quen finalmente faille gañar a guerra de Kurukshetra por medios non-santos).
- Nakula e Sajádeva son os fillos xemelgos de Madri (a segunda esposa do rei Pandú) cos Asuini-kumaras (os médicos dos deuses).
- Unha das historias máis conmovedoras do Mahabharata é a de Karna ('orella'), fillo da raíña Kuntí con Suria (o deus do sol), era un nobre guerreiro de quen ninguén sabía que era o irmán máis vello dos cinco Pándavas. Os seus inmensos poderes falláronlle durante a batalla porque el mentira, algúns anos antes, ao seu guru sobre quen era el.
- O «avó» Bhishmá era o nobilísimo tío avó de todos os guerreiros principais (que eran primos entre eles). El renunciara ao seu reino e fíxose célibe polo amor do seu pai cara a unha pescadora. (Ela quixo que o seu fillo co rei fose o príncipe herdeiro, polo que Bhismá tivo que xurar non ter fillos toda a súa vida). Por este acto de renuncia obtivo a bendición dos deuses para elixir o momento da súa morte. El terminou por morrer sobre unha cama de frechas postas por Áryuna, o seu neto máis amado (quen lle preguntou a noite anterior como podía facer para matalo, xa que nunca poderían gañar a guerra en presenza do avó).
Véxase tamén: Draupadi.
Mahabharata moderno
editarO Mahabharata afirma conter a esencia e a suma de todos os Vedas (textos épico-relixiosos compostos un milenio antes que o Mahabharata, e os máis antigos da literatura da India) e outras escrituras hindús. Inclúe grandes cantidades da mitoloxía hindú, historias cosmolóxicas de deuses e deusas, e parábolas filosóficas apuntadas a estudantes da filosofía hindú. As historias son comunmente contadas a nenos, en funcións relixiosas, ou ao redor do fogar. A aqueles que non o len, o Mahabharata os ameaza con que nunca cumprirán as súas procuras espirituais e de ioga.
Estrutura
editarO Mahabharata está escrito en dezaoito parvas (libros), que son:
- Adi-parva (ādi: "primeiro"): historias introdutorias do libro, nacemento e educación dos cinco príncipes Pándavas.
- Sabha-parva: a vida na casa dos Pándavas, o xogo de dados co seu malvado primo Duriódhana (fillo de Dhrita-Rastra), que provoca o exilio dos Pándavas ao deserto. O deus Indra (pai de Áryuna) crea e regálaslle unha cidade verxel, Indraprastha, onde o dánava Maia (un dos 40 fillos demos de Danu e o sabio Kasyapa) erixe o palacio e o tribunal (sabha) dos Pándavas.
- Araniaka-parva (tamén Aranya-parva ou Vana-parva, sendo aranya ou vana "bosque"): os doce anos no exilio no bosque.
- Virata-parva: o ano de exilio no reino de Virata (Áryuna transfórmase en eunuco).
- Udioga-parva: preparativos para a guerra.
- Bhishmá-parva: primeira parte da gran batalla, co «avó virxe» Bhishmá como comandante dos Kauravas.
- Drona-parva: segue a batalla, con Drona como comandante.
- Karna-parva: a batalla outra vez, con Karna como comandante.
- Salia-parva: a última parte da batalla, con Śalya como comandante.
- Sauptika-parva: como o exército Pándava é destruído durante o soño (suapná-hipnós) por Ashwattama (o vengativo fillo do mestre Drona) e os poucos Kauravas sobreviventes.
- Stri-parva (stri "muller"): Gandhari e as outras mulleres lamentan os mortos.
- Shanti-parva (śanti "paz"): coroación de Iudishtira, e instrucións de Bhishmá.
- Anushasana-parva (anushasana "instrución"): instrucións finais de Bhishmá.
- Asuamedhika-parva: cerimonia imperial ou asua-medha ("o sacrificio dun cabalo" ou ashua’) conducida por Iudishtira.
- Ásrama-vásika-parva: Dhritarashtra (o senescal do rei Pandú), a súa esposa Gandhari e a raíña Kuntí (nai dos Pándavas e de Karna) íllanse nun áshram no bosque ata morrer.
- Mausala-parva: matanza corpo a corpo con mazas (mausala) entre os Yádavas (os 16 100 fillos do rei-deus Krisna) embriagados nunha festa á beira do mar.
- Majá-prasthánika-parva: Iudishtira e os seus irmáns camiñan cara ao Himalaia ata falecer (majá-prasthana "a gran viaxe", eufemismo da morte).
- Suarga-arojana-parva (suarga "cielo"): os Pándavas ascenden ao paraíso material.
Tamén existe un apéndice de 16 375 versos, o Hari-vamsa ("a familia de Hari", outro nome de deus Krisna).
Entre o principal traballo e as historias que son parte do Mahabharata están as seguintes, que ás veces se illan e se presentan como obras completas por elas mesmas:
- Bhagavad-gītā: Krisna instrúe e ensina a Árjuna (na parte 6, o Bhishmá-parva).
- Krishnavatara: a historia do deus Krisna, que se conta en moitos capítulos da historia.
- Rama: unha versión abreviada do texto épico Ramaiana (no Araniaka-parva).
- Nala e Damaiantí: a historia de amor dun rei e a súa esposa (no Araniaka-parva).
- Savitrí e Satiaván: a historia de amor da princesa Savitrí e o rei Satiaván (no Araniaka-parva).
- Risiasringa (tamén escrito como Rishia Shringa), un rishi (sabio) con cornos (no Araniaka-parva).
Durante o século XX, os eruditos empregaron as copias existentes máis antigas dese traballo nas súas variacións rexionais, para desenvolver un traballo de referencia coñecido como a Edición crítica do Mahabharata. Este proxecto foi completado en 1966 no Instituto de Investigación Oriental Bhandarkar (Pune, India).
Adaptacións
editarA finais dos anos oitenta emitiuse o Mahabharata pola TV nacional da India (Doordarshan). Cada capítulo, emitido os domingos antes do mediodía, practicamente paralizaron todo o país. As persoas vestíanse coas súas mellores roupas, e adornaban o televisor con grilandas de flores (coma se fose unha deidade no altar familiar).
No Reino Unido emitiuse entre 1988 e 1990 unha serie de televisión titulada Mahabharat que acadou grande éxito.
Notas
editar- ↑ Segundo o Sanskrit-English Dictionary (pág. 798 Arquivado 24 de setembro de 2020 en Wayback Machine., do sanscritólogo británico Monier Monier-Williams (1819-1899).
- ↑ J.L. Brockington (1998) The Sanskrit Epics, BRILL:Leiden, p. 26
- ↑ Van Buitenen; The Mahabharata - 1; The Book of the Beginning. Introduction (Authorship and Date)
- ↑ bhārata significa a descendencia de Bharata, o rei lendario a quen se atribúe a fundación do reino Bhāratavarsha.
- ↑ Spodek, Howard. Richard Mason. The World's History. Pearson Education: 2006, New Jersey. 224, 0-13-177318-6
- ↑ Amartya Sen, The Argumentative Indian. Writings on Indian Culture, History and Identity, London: Penguin Books, 2005.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mahabharata |
A Galipedia ten un portal sobre: India |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- HolyBooks.com (Descargar Mahabharata os 12 volumes en PDF gratuíto).