Man de Irulegi

artefacto arqueolóxico vascón

A man de Irulegi (en éuscaro: Irulegiko eskua)[1] é un obxecto arqueolóxico atopado nun poboado da Idade de Ferro, século -I, situado ao pé das ruínas do castelo de Irulegi en Lakidain, no concello de Aranguren, preto de Pamplona, en Navarra.

Man de Irulegi
Material:Bronce
Peso:35,9 gr
Medidas:143,1 x 127,9 x 1,09 mm
Ano da descuberta:2021
Lugar:Aranguren, Navarra Navarra
Data:século -I
Civilización:Vascóns

Trátase dunha placa de bronce en forma de man estendida en cuxo dorso figura unha inscrición de catro liñas escrita, segundo os expertos, en antigo aquitano (tamén chamado vascónico),[2] xa que a primeira palabra puido traducirse por comparación coa lingua éuscara actual. Foi atopada en 2021 e presentada ao público en novembro de 2022, causando grande expectación por ser a inscrición máis antiga atopada neste idioma. O poboado, escavado e estudado pola Sociedade de Ciencias Aranzadi baixo a dirección de Mattin Aiestaran, foi incendiado no contexto da guerra sertoriana.

Achado

editar
 
Sitio arqueolóxico e castelo.

A Sociedade de Ciencias Aranzadi realizou traballos de recuperación do castelo medieval, e a partir de 2017 localizou, ao pé do castelo, un poboado da Idade de Ferro datado no século I a. C., que se atopa en territorio que as fontes clásicas atribuían aos vascóns. O poboado foi abandonado tralo incendio que sufriu no contexto da guerra de Sertorio. O sitio arqueolóxico foi escavado e estudado por Aranzadi dende ese ano, e nel atopáronse multitude de pezas arqueolóxicas.

O 14 de novembro de 2022, o Goberno de Navarra comunicou oficialmente un achado de excepción realizado en devandito lugar.[3] Na campaña, dirixida por Mattin Aiestaran,[4] atopouse unha peza de bronce con forma de man dereita estendida, cunha escritura no dorso realizada en caracteres paleohispánicos, anterior á chegada dos romanos á península. A lingua empregada nela foi definida polos especialistas en epigrafía paleohispánica e lingüística indoeuropea Javier Velaza e Joaquín Gorrochategui como «vascónico», e relacionada coa lingua éuscara actual.

A man de Irulegi foi atopada pola arqueóloga Leire Malkorra o 18 de xuño de 2021 baixo o adobe dos muros das vivendas derruídas tras ese feito bélico, e foi depositada no Departamento de Restauración do Goberno de Navarra. O 18 de xaneiro de 2022, no proceso de limpeza e restauración que levaba a cabo Carmen Usúa,[5] esta atopou unha serie de raias e puntos que, examinados con detalle, deron como resultado a identificación de texto na peza de bronce.

Descrición

editar
 
Calco da peza.

A peza arqueolóxica en cuestión representa unha man dereita estendida duns 14,5 cm de lonxitude, recortada dunha lámina de bronce, cuxa pátina contén un 53,19 % de estaño, un 40,87 % de cobre e un 2,16 % chumbo, algo que é adoito en aliaxes moi antigas. Contén uns 40 signos, que corresponden a cinco palabras, distribuídos en catro liñas. É lisa polo lado da palma, mentres que no dorso presenta a forma das unllas, aínda que no se atoparon as correspondentes cos dedos anular, maior e índice. No centro do extremo achegado ao pulso hai unha perforación de 6,51 mm para clavala nunha madeira. As súas medidas son: 143,1 mm de altura, 1,09 mm de grosor, 127,9 mm de anchura e 35,9 g de peso.[6]

Liña Escritura paleohispánica Transcrición
1          sorioneku · {n}
2               tenekebeekiŕateŕe[n]
3                oTiŕtan : eseakaŕi
4        eŕaukon :

O texto pódese transcribir a partir do sistema da escritura ibérica nororiental. Porén, o signo con forma de T latina, que aparece na segunda posición da terceira liña, non é un signo ibérico nin aparece noutras inscricións ibéricas; unicamente se viu en moedas de dúas cecas vascoas, que rezan: oTtikes e uTanbaate.[7]

Os signos do final da segunda liña aparecen amoreados, polo que se entende que o n que aparece por enriba, na primeira liña, escribiuse aí porque ao escriba xa se lle acabara o espazo na segunda liña, mais en realidade continúa a palabra [...]teŕe[n].

Interpretación

editar
Un xeólogo, dous arqueólogos, unha restauradora e dous lingüistas explican o descubrimento e a súa importancia (en éuscaro e castelán).

A transcrición dos caracteres atopados na peza deu o resultado de poder entender a primeira palabra dende a semellanza co éuscaro actual. Dita palabra transcríbese como «SORIONEKU», relacionada co actual zorioneko, que en galego é «ditoso, avegoso ou afortunado». O resto do texto aínda está sen descifrar.

Esta palabra convértese no primeiro texto escrito en lingua vascónica e ademais escrito nun signario que é tamén vascónico, cun sistema gráfico derivado do sistema ibérico, ao que se engadiu ou adaptou algún signo para marcar algún son ou fonema vascónico que non existe no signario ibérico.

Interprétase como unha epígrafe ritual de boa fortuna colocada na entrada dunha vivenda, semellante ás existentes en moitos lugares que sobreviviron até a actualidade. Para o gravado dos caracteres utilizáronse dúas técnicas de escritura diferentes, o cal é descoñecido na epigrafía antiga do mundo occidental. O gravado realizouse mediante a técnica coñecida como «puntillado», mais antes de realizalo trazáronse esgrafiadas, incisións realizadas no bronce cun instrumento punzante.[8]

  1. Goberno de Navarra. "Toponimia oficial de Navarra: Irulegi (Aranguren)". Consultado o 25 de novembro de 2022. 
  2. Gorrochategui, Joaquín (2020). Vascónico-aquitano. Lengua, escritura, epigrafía. Zaragoza: Prensas de la Universidad de Zaragoza. ISBN 978-84-1340-151-5. 
  3. Álvarez de Eulate, Josu (14 de novembro de 2022). "La Mano de Irulegi: descubierto el texto más antiguo en ‘euskera’". Noticias de Navarra. Consultado o 14 de novembro de 2022. 
  4. "Mattin Aiestaran, arqueólogo de Aranzadi: “Es el primer texto escrito del antecedente del euskera”". EITB. 14 de novembro de 2022. Consultado o 14 de novembro de 2022. 
  5. Zozaya, Imanol (14 de novembro de 2022). "La restauradora que descubrió el texto de la Mano de Irulegi: “Me llegó como un adorno de casco”". Noticias de Navarra. Consultado o 14 de novembro de 2022. 
  6. G. Olaya, Vicente (14 de novembro de 2022). "Un equipo de investigadores afirma haber descubierto en Navarra la primera inscripción en euskera de hace 2.100 años". El País. Consultado o 14 de novembro de 2022. 
  7. Orduña Aznar, Eduardo (2018). "El signo T de las leyendas monetales vasconas uTanbaate y oTtikes" (PDF). Paleohispanica 18: 137–149. ISSN 1578-5386. Consultado o 24 de novembro de 2022. 
  8. Conde-Egia, Eider (14 de novembro de 2022). "La escritura en la mano. Una mano de bronce, con 2.000 años de antigüedad, recuperada en el yacimiento del poblado vascón de Irulegi". Aranzadi Zientzia Elkartea. Consultado o 14 de novembro de 2022. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
chat 2
multimedia 1
os 35
text 9
todo 1