Manifesto Futurista

manifesto artístico italiano

O Manifesto Futurista foi escrito por Filippo Tommaso Marinetti e publicado en febreiro de 1909. O seu estilo declamatorio pretendía expoñer un conxunto sucinto dos principios, crenzas e intencións do movemento. Tamén se publicou en francés en París no xornal Le Figaro, baixo o título Manifeste du Futurisme.

Manifesto Futurista
Título orixinalManifesto del futurismo
Autor/aFilippo Tommaso Marinetti
OrixeItalia
Lingualingua italiana
Tema(s)Futurismo
Xénero(s)manifesto
Data de pub.20 de febreiro de 1909
editar datos en Wikidata ]
1. Queremos cantar o amor ao risco, o hábito da enerxía e da temeridade.

2. A coraxe, a audacia e a rebeldía van ser elementos esenciais da nosa poesía

3. A literatura magnificou ata hoxe a inmobilidade do pensamento, a éxtase e o soño, nós queremos exaltar o movemento agresivo, o insomnio febril, a carreira, o salto mortal, a labazada e a puñada.

4. Afirmamos que o esplendor do mundo se enriqueceu cunha beleza nova: a beleza da velocidade. Un coche de carreiras co seu capó adornado con grandes tubos semellantes a serpes de alento explosivo... un automóbil ruxinte que parece que corre sobre a metralla é máis belo que a Vitoria de Samotracia.

5. Queremos encomiar o home que ten o volante, cuxa lanza ideal atravesa a Terra, lanzada ela mesma polo circuíto da súa órbita.

6. Cómpre que o poeta se prodigue con ardor, fausto e esplendor para aumentar o entusiástico fervor dos elementos primordiais.

7. Non hai beleza senón na loita. Ningunha obra de arte sen carácter agresivo pode ser considerada unha obra mestra. A poesía debe ser concibida como un asalto violento contra as forzas descoñecidas, para reducilas a prostrarse diante do home.

8. Estamos sobre o outeiro máis elevado dos séculos! Por que nos deberiamos protexer se pretendemos derrubar as misteriosas portas do Imposible? O Tempo e o Espazo van morrer mañá. Vivimos xa no absoluto porque xa creamos a eterna velocidade omnipresente.

9. Queremos glorificar a guerra -única hixiene do mundo-, o militarismo, o patriotismo, o xesto destrutor dos anarquistas, as belas ideas para as cales se morre e o desprezo da muller.

10. Queremos destruír os museos, as bibliotecas, as academias variadas e combater o moralismo, o feminismo e todas as demais covardías oportunistas e utilitarias.

11. Ímoslles cantar ás grandes multitudes que o traballo axita, polo pracer ou pola revolta: ímoslles cantar ás mareas multicolores e polifónicas das revolucións nas capitais modernas; ímoslle cantar ao febril fervor nocturno dos arsenais e dos estaleiros incendiados por violentas lúas eléctricas; ás estacións ávidas devoradoras de serpes que fumegan, nas fábricas colgadas nas nubes polos fíos das súas fumaredas; nas pontes parecidas a ximnastas xigantes que salvan os ríos brillando ao sol como coitelos escintilantes; nos barcos de vapor aventureiros que olen o horizonte, nas locomotoras de peito ancho que pisan os raís como enormes cabalos de aceiro embridados de tubos e ao voo esvaradío dos avións cuxa hélice renxe ao vento como unha bandeira e semella que aplauda como unha tola demasiado entusiasta.

É desde Italia onde imos lanzar ao mundo este manifesto noso de violencia atropeladora e incendiaria, co cal fundamos hoxe o "futurismo", porque queremos liberar este país da súa fedorenta gangrena de profesores, de arqueólogos, de cicerones e de anticuarios.

Xa durante demasiado tempo Italia foi un mercado de antigallas. Nós queremos liberala dos innumerables museos que a cobren toda de cemiterios innumerables. [...]
Fragmento traducido do Manifesto Futurista [1]

Publicación

editar

O Manifesto Futurista naceu como unha reacción á cultura burguesa do século XIX, incluído o decadentismo deGabriele d'Annunzio. O estilo literario Parole in libertà («Palabras en liberdade») do manifesto había substituír a retórica tradicional.

O Manifesto apareceu por primeira vez na Gazzetta dell'Emilia de Boloña o 5 de febreiro de 1909.[2] Días despois foi publicado noutros xornais italianos:[3]

Acadou fama internacional cando se publicou en francés no xornal parisiense Le Figaro o 20 de febreiro dese ano, baixo o título Manifest du Futurisme.[3]

Relacións co fascismo e o progreso

editar

En xeral, a relación entre o futurismo e o fascismo non semella clara. Porén, a violencia verbal e metafórica do manifesto podería axudar a explicar por que o fascismo empregou con éxito o seu estilo e aparencia, trazos típicos do nacionalismo. Mediante a metáfora «a guerra, a única hixiene do mundo», levou á perda dos seus mellores expoñentes (Umberto Boccioni e Antonio Sant'Elia) na fronte da primeira guerra mundial .

O esgotamento da literatura italiana a finais do século XIX radicou na falta de contidos intensos e o seu laissez faire, tranquilo e pasivo. A situación foi combatida de inmediato polo futurismo, cunha reacción que incluía o uso dos excesos. Isto demostrou a existencia en Italia dunha clase intelectual propia, retrógrada e activa.

Nun momento en que o peso da industria estaba a medrar en toda Europa, o futurismo sentiu a necesidade de confirmar que Italia estaba presente. Afirmaba ter a capacidade para participar nesa nova experiencia, así como saber atopar a máxima esencia do progreso. Para isto valeríase dos seus símbolos, o automóbil e a súa velocidade, como recolle o artigo 4 do manifesto.

O futurismo confirmou tamén que a literatura non ficaría superada polo progreso, senón que o absorbería na súa evolución. Amais, demostraría que a razón de ser deste baseábase en que o ser humano o empregaría para deixar ceibe a súa natureza, feita de instinto. Así, o ser humano reacciona contra a forza potencialmente opresora do progreso e clama a súa centralidade. O ser humano, xa que logo, empregará a velocidade, non ao revés (art. 5 e 6).

Outro punto en común co fascismo é a interpretación da guerra como a «hixiene» do mundo, para purificalo de todo mal. A poesía, como voz da alma, axudará ao ser humano a permitir que a súa alma sexa parte do mundo (art. 6 e 7). Este novo concepto de beleza alude ao instinto humano de loita.[4]

Non se pode deixar de lado o sentido da historia. Moitas cousas están a piques de mudar en forma e contido. Porén, o ser humano será quen de pasar por estes cambios (art. 8).

Un dos artigos máis particulares é o 9. Describe a guerra como unha sorte de necesidade do espírito humano polo seu carácter purificador, pois permite e favorece o idealismo. Algunhas fontes afirman que esta definición influiría nos movementos de masas que anos despois darían forma ao totalitarismo, principalmente en Italia, Alemaña e, de xeito diferente, en Rusia.

A forte provocación recollida no art. 10 é consecuencia lóxica de todo o anterior.

Cómpre sinalar que o manifesto apareceu moito antes dos grandes conflitos do século XX. De feito, os máis deles poden considerarse exemplos prácticos do sentido do texto, e moitos deles foron inesperados. A Rusa foi a primeira das «revolucións» do artigo 11, malia ter lugar oito anos despois da publicación do manifesto.

Referencias

editar
  • En 2004 o movemento literario do Conectivismo escribiu o seu propio manifesto, o cal imitaba na súa forma o do Futurismo.[5]
  1. "MARINETTI: Manifesto futurista". A Profa. 
  2. Tonini, Paolo (2011). I Manifesti del Futurismo italiano: Catalogo dei manifesti, proclami e lanci pubblicitari stampati su volantini, opuscoli e riviste (1909-1945) (PDF) (en italiano). Gussago: Edizioni dell’Arengario. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Guerri, Giordano Bruno (2011). Filippo Tommaso Marinetti: invenzioni, avventure e passioni di un rivoluzionario (en italiano). Mondadori. ISBN 9788804595687. 
  4. Petronio, Giuseppe (2014). L'attività letteraria in Italia. Storia della letteratura italiana (en italiano). Palumbo. ISBN 9788880200208. 
  5. "Il manifesto del Connettivismo". Next Station (en italiano). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  NODES
Idea 3
idea 3
INTERN 1
todo 3