Coñécese como moeda bizantina a moeda utilizada na parte oriental do Imperio Romano logo da caída de Roma en 476, con base en dous tipos principais: o sólido, de ouro, que pasa a ser chamado nomisma (o grego substitúe o latín como lingua da Administración), e diversas pezas de bronce. A moda de prata, ausente no inicio do Imperio Bizantino por mor da dificultade de fixar a súa paridade co ouro, fixo a súa aparición a finais do imperio.[1][2]

Sólido de Xustiniano II. No anverso, un busto de Cristo; no reverso, o emperador sostendo un globo coa palabra PAX.
Semissis de Anastasio I
Tremissis de Xustino I

Este sistema monetario, no que o nomisma ou sólido bizantino será substituído polo hyperpyron baixo Aleixo I Comneno, continuou cunha relativa estabilidade ata a caída de Constantinopla, en 1453, coa excepción da derradeira etapa do imperio, cando a desvalorización da moeda de ouro obrigou a substituír a moeda deste metal polas de prata e a crear novos valores de cobre.[3]

Logo da súa creación, no período de Constantino I, o sistema foi reformado en varias ocasións. As principais reformas foron as de Anastasio I (491-518), Aleixo I (1081-1118) e Andrónico II (1282-1328).[4][5]

Iconografía

editar
 
Sólido de Constantino I, coroado con loureiro á maneira dos emperadores romanos. No reverso a Vitoria.
 
Miliaresion dos anos 931-944, que amosa a Romano I Lecapeno no anverso e o seu nome e os dos seus coemperadores no reverso.
 
Dinar do califa al-Mustansir (1036-1094)

As primeiras moedas bizantinas suxeitábanse á tradición iconográfica romana, amosando nos anversos o busto do emperador de perfil e no reverso algunha escena que se conmemoraba. Mais o emperador pasou axiña a representarse de fronte nos anversos, entanto que as escenas pagás dos reversos se substituían por símbolos cristiáns como unha cruz, a Vitoria ou un anxo.[6][7]

Baixo Xustiniano II (705-711) revertiuse esta práctica, coa aparición do busto de Cristo nos anversos e un retrato do emperador de fronte, de corpo enteiro ou só o busto, nos reversos. A primeira aparición de Cristo sobre unha moeda fora xa en tempos do emperador Marciano (450-457), pero non chegara a se converter en regular.[8][9][10]

Parece que foi esta innovación na iconografía das moedas a que levou o califa Abd al-Malik (que ata daquela imitara as moedas bizantinas) a substituír os símbolos cristiáns por un novo estilo, xa tipicamente islámico, non que non se amosan máis que caracteres árabes en ambas as dúas faces.

A práctica comezada baixo Xustiniano II recuperouse ao final do período iconoclasta e, con variacións, permaneceu como norma ata o final do imperio.[11][12]

Sistema de ouro

editar

O sólido bizantino e o nomisma

editar
 
Sólido bizantino ou nomisma de Irene e o seu fillo Constantino VI, cuñada entre 793 e 797
 
Tetarteron nomisma de Nicéforo II Focas
 
Histamenon nomisma de Nicéforo II Focas
 
Besante chipriota a nome de Hugo I (1205-1218)
Artigo principal: Sólido (moeda).
Artigo principal: Nomisma.

Cuñado por primeira vez no obradoiro monetario de Trier cara a 310, o sólido foi unha moeda de ouro creada por Constantino I (306-337) para financiar o seu exército, en substitución do áureo, que fora ata entón a moeda de ouro do Imperio.[13][14] A finais do século IV equivalía a 1/72 libra, cunha pureza de 24 quilates de ouro e un peso 4,5 gramos. Coa nova denominación de nomisma, permaneceu como base do sistema monetario bizantino durante dez séculos e, mesmo, mantivo a súa vixencia durante un longo tempo de no norte de África e nos países da conca Mediterránea.[15][16][17]

Durante os séculos VI e VII, emitiuse unha serie de sólidos cun peso rebaixado de arredor de 3,96 gramos e cunha marca particular, cuxo propósito hoxe se descoñece. Xa no período de Teodosio I (379-395), a creación do medio sólido, denominado semissis, e especialmente do terzo de sólido ou tremissis (1,5 gramos de ouro), este último cuñado en grandes cantidades, converteu a moeda de ouro en máis accesible para a poboación e aumentou a súa difusión nos circuítos económicos.[18] Estas dúas novas moedas continuaron a súa produción en Constantinopla ata o período de Miguel I (811-813), e en Siracusa, ata o imperio de Basilio I (867-886).[19]

Nicéforo II Phocas (963-969) emprendeu numerosas campañas contra os Árabes e, para as financiar, creou unha nova variedade do nomisma,denominda tetarteron nomisma, que se utilizaba nas transaccións comerciais á par que o nomisma tradicional, aínda que 1/12 máis lixeiro.[20][21] Para distinguir as dúas variedades, pasou a denominarse histamenon nomisma ao nomisma estándar. Algúns investigadores numismáticos teñen apuntado a posibilidade de que esta redución lle conferise ao nomisma un peso semellante ao do dinar fatimida, para facilitar o seu uso no comercio internacional. O tetarteron foi usado ata 1092, cando foi substituído por unha moeda de cobre do mesmo nome que circulou ata mediados do século XIII.[22]

Se o nomisma "pesado" e o nomisma "lixeiro" tiñan nos seus inicios unha mema aparencia, baixo Basilio II (976-1025) caracterizaron na súa forma as súas diferenzas: mentres que o tetarteron nomisma pasou a ter un tamaño menor, o histamenon nomisma fíxose máis grande e máis groso. Baixo o emperador Constantino VII (1025-1028) ampliáronse as diferenzas: o tetarteron pasou a ter un diámetro de 18 mm e un peso de 3,98 gramos, mentres que o histamenon alcanzou un diámetro de 25 mm e adquiriu unha forma cóncava, denominada "scyphate" (o nomisma orixinal, previo á diferenciación, tiña un diámetro de 20 mm). Esta peculiar forma foi ampliada posteriormente ás moedas bizantinas de electro (aliaxe de ouro e prata) e de billón (aliaxe de prata e cobre). Ata o comezo do século XI, o nomisma (tanto o histamenon coma o tetarteron) mantivo unha pureza case uniforme, cun contido de ouro de entre 23 e 23,5 quilates. A partir do emperador Miguel IV (1034-1041), nado nunha familia de cambistas en Paflagonia (e que exerceu este oficio antes de casar coa emperatriz Zoe), houbo unha desvalorización progresiva da moeda bizantino, debida á diminución do seu contido en ouro.[23] Dunha pureza de 21 quilates (87,5 % de pureza) con Constantino IX (1042-1055), baixou a 18 quilates (75 % de pureza) con Constantino X (1059-1067), a 16 quilates (66,7% de pureza) con Romano IV (1068-1071), a 14 quilates (58 % de pureza) con Miguel VII (1071-1078), a 8 quilates (pureza do 33 %) baixo Nicéforo III (1078-1081) e preto de 0 quilates durante a primeira parte do reinado de Aleixo I (1081-1118).

O termo besante (do francés antigo: besant) utilizouse en Europa Occidental durante a Idade Media, sobre todo entre os séculos X e XIII, para designar varias moedas de orientais e da área mediterránea, de ouro, derivadas do sólido bizantino e do nomisma, entre elas o hyperpyron.

O hiperpyron

editar
Artigo principal: Hyperpyron.
 
Hyperpyron de Manuel I Comneno, cuñado nun disco cóncavo ("scyphate")

Durante a segunda parte do seu reinado, Aleixo I procedeu a unha reforma radical do sistema monetario. O nomisma desaparece nas súas dúas variedades (histamenon e tetarteron) e substitúese por unha nova moeda de ouro, o hyperpyron, cunha pureza do 90 %, un peso de 4,45 gramos e un diámetro lixeiramente menor co do vello nomisma.[24]

O hyperpyron permaneceu en circulación ata a caída de Constantinopla en 1453. Con todo, desvalorizouse significativamente ata que, no reinado conxunto de Xoán V (1347-1353) e Xoán VI (1347-1353), deixou de ser cuñado.[25][26]

Sistema de prata

editar
 
Siliqua de Xoviano (363-364)
 
Hexagrama de Constante II e Constantino IV
 
Reprodución do primeiro miliaresion emitido polo emperador iconoclasta León III, para celebrar a coroación do seu fillo Constantino V. É salientable a ausencia de figura humana, substituída pola cruz.
 
Aspron trachy de Andrónico I Comneno (1183-1185)
 
Exemplar de basilikon, con Cristo sedente e as imaxes de Andrónico II e Miguel IX sostendo un lábaro entre eles, coa lenda: ΘΕΕ ΒΟΗΘΕΙ AYTOKPATOPEC PWMAIWN ("Deus axuda os emperadores dos romanos").
 
Stavraton de Xoán V Paleólogo

Durante un longo tempo, a prata non xogou máis ca un papel subalterno no sistema monetario bizantino, debido a que o valor deste metal flutuaba constantemente en relación ao do ouro.

A siliqua

editar
Artigo principal: Siliqua.

A siliqua (lat. siliqua) foi unha pequena moeda romana de prata cuxa cuñaxe comezou no século IV da nosa era.[27] Creada baixo o reinado de Constantino I para reestruturar un sistema monetario que databa de Augusto, o siliqua, que recibiu o nome de keration (plural keratia) no Imperio Bizantino, tiña un peso de 2,24 gramos de prata, a metado do sólido de ouro.[28]

O hexagrama

editar
Artigo principal: Hexagrama (moeda).

O emperador Heraclio (610-641) fixo bater en 615 unha moeda de prata chamada hexagrama (grego: ἑξάγραμμα, hexagramma) para atender as necesidades da súa guerra contra o Imperio Sasánida. Con este fin, utilizou pratos e bandexas de prata confiscados en igrexas. Cun peso de 6,84 gramos, valía  1/12 de sólido de ouro, e chegou as ser utilizado baixo o seu sucesor, Constante II, pero foi gradualmente eliminado da circulación a partir de Constantino IV (668-685).[29][30][31]

O miliaresion

editar
Artigo principal: Miliaresion.

Baixo León III (717-741) apareceu unha nova moeda de prata chamada miliaresion, chamada así porque nos seus inicios tiña o valor de 1.000 nummi de cobre.[32] Foi emitida para celebrar a coroación do seu fillo Constantino como co-emperador en 720. Estas pezas estaban cuñadas sobre dirhams árabes e valían 1/12 de nomisma.[33]

O aspron

editar
Artigo principal: Aspron.

A reforma de Aleixo I, caracterizada pola introdución do hyperpyron, trouxo tamén unha moeda de electro denominada aspron ou aspron trachy, que valía un terzo do hyperpyron e contaba con aproximadamente un 25 % de ouro e un 75 % de prata. Paralelamente, emitiuse o aspron de billón, valorado na corentaeoitoava parte do hyperpyron, cun 7 % de prata, e o tetarteron de cobre e o noummion, con valores de 18 e 36 unidades, respectivamente, en cada aspron.[34]

O basilikon

editar
Artigo principal: Basilikon.

O basilikon foi introducido no sistema monetario cara a 1304 ou 1307 polo emperador Andrónico II Paleólogo (1282-1328), como unha imitación directa do ducado veneciano de prata (ou grosso) principalmente para o pagamento aos mercenarios da Compañía Catalá nas campañas contra os turcos.[35]

O basilikon era de prata de gran pureza (920 milésimas), cuñado nun disco plano e non cóncavo, como no caso doutras moedas bizantinas. O seu peso oficial era de 2,2 gramos e o seu valor era o da doceava parte do hyperpyron , moeda que funcionaba como padrón para as equivalencias de todas as moedas de prata bizantinas, desde o hexagrama ao miliaresion. No entanto, a equivalencia real no mercado era inferior e flutuou en función da variación do prezo da prata (entre 12 e 15 pezas por cada hyperpyron).[36][37] Coñécese tamén a cuñaxe de moedas de medio basilikon.[38]

O stavraton

editar
Artigo principal: Stavraton.

Durante a derradeira etapa da moeda do Imperio Bizantino, as emisións en ouro volvéronse moi descontinuas e, a partir dunha nova reforma do sistema monetario que tivo lugar en 1367, baixo Xoán V Paleólogo, apareceu unha nova moeda de prata cunha emisión regular, chamada stavraton, en substitución do anterior basilikon, da que se cuñou a unidade, a metade, un oitavo e un dezaseisavo. Esta moeda era no seu momento a de máis valor do sistema, cun valor da metade do hyperpyron, cando este xa non estaba en circulación. O peso inicial do stavraton era de 8,5 gramos, aínda que máis tarde baixou a 7,4 gramos.[39][40][41][42]

Sistema de bronce

editar

O nummus e o follis de 40 nummi

editar
Artigo principal: Nummus.
Artigo principal: Follis.
 
Moeda de 40 nummus (K) de Anastasio I, cuñado entre 512 e 517

Cara a 294, durante a tetrarquía, apareceu unha nova moeda de bronce: o nummus (plural nummi). Tratábase dunha pequena peza cun diámetro de entre 8 e 10 mm, e cun peso de 0,56 g, dotada dun valor teórico de 1⁄7200 sólidos de ouro, aínda que na realidade oscilou entre 1⁄6000 e 1⁄12000, segundo a época.[43][44]

Aínda que cumpría unha moeda para as transaccións máis cotiás, o seu escaso valor fixo, no entanto, que o nummus tivese pouco uso. Así as cousas, o emperador Anastasio I, coa reforma, interrompeu a circulación das pezas dun nummus e introduciu múltiplos con denominacións de corenta unidades (tamén coñecido como o follis), de vinte (semifollis) e de dez (decanummium, δεκανούμμιον). O seu valor estaba representado polo numeral grego : M = 40; K = 20; I = 10; E = 5.[45]

No século VII, a peza de 40 nummi ou follis era a única que mantiñ a súa existencia, aínda que o seu volume en circulación se reducira consoiderablemente. Xustiniano II (685-695 e 705-711) intentou restablecer o seu volume equiparándoo co que había en tempos de Xustiniano I, pero de camiño se reduciu novamente. Ata entón, aqueles follis amosaban no anverso o retrato do emperador, mais a partir do século X batéronse pezas anónimas co busto de Cristo coa lenda XRISTUS / BASILEU / BASILE ("Cristo, rei dos reis).

Equivalencia de valores

editar
Anastasio I (491-518)
Sólido Follis Semifollis Decanummium Pentanummium Nummus
Sólido 1 420 840 1680 3360 16.800
Follis 1⁄420 1 2 4 8 40
Semifollis 1⁄840 1⁄2 1 2 4 20
Decanummium 1⁄1680 1⁄4 1⁄2 1 2 10
Pentanummium 1⁄3360 1⁄8 1⁄4 1⁄2 1 5
Nummus 1⁄16.800 1⁄40 1⁄20 1⁄10 1⁄5 1

Obradoiros monetarios bizantinos

editar
Artigo principal: Cecas bizantinas.
Localidade Sigla nas moedas Posto segundo
a súa produción
Abazis ALE 13
Antioquía ANT – MANT – ANTX – ANTIX 2
Cartago CAR – KAR – KART – CT – KARTA 12
Catania CAT 18
Quersoneso XEP – ZEPCONOC 9
Chipre KVIIP – KY – P 10
Cízico KY – KVZ 5
Constantinopla CON – COM 1
Costanza KN 14
Éfeso SEPSUS 7
Isaurus ISAUR 11
Milán ML 17
Nápoles NE 19
Nicea NC 8
Nicomedia NI – NIC – NIK – NIKM – NIKA – NICO 4
Rávena RA – RAB – RAS – RAV – RAVENN 16
Roma R – ROM – RO 15
Sikelia SCL 20
Tesalónica TC – TES – OES 6
Teopoli THEV – THEVP – THEVII 3
  1. Pina, Manuel. "Introducción a la numismática bizantina". En Tesorillo.com
  2. Morrisson, C. "Numismatique Byzantinne". En Anuaires de l'École des hautes études. París, 1974. Páxinas 339-346
  3. Cartwright, M. "Byzantine coinage". En Ancient History Encyclopedia
  4. Cartwright, M. "La reforma monetaria de Anastasio: el nacimiento de las monedas bizantina". En Monedas antiguas (en castelán)
  5. Nobes, A. "The Economic and Monetary Policy of the Byzantine Empire under Alexios I Komnenos". En Rosetta 11:56-71. 2012
  6. Montemurro. L. M. "Monedas de las Cruzadas: introducción al análisis de su iconografía y estilo". En Mirabilia. 10. Xaneiro-xuño de 2010. ISSN 1676-5818
  7. "Iconografía sacra". En Las monedas de Bizancio (www.mundonumismática.com.ar)
  8. Banning (1987). Páxina C 20).
  9. "The byzantine emperors on coins". En Dumbarton Oaks. Research Library and Collection.
  10. Margulies, Z. "Christian Themes in Byzantine Coinage. 307-1204 CE". En Forum Ancient Coins.
  11. Méndez Barozzi, R. "Período de la Controversia Iconoclasta (717-842) Arquivado 02 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Breve introducción a la moneda bizantina. Numismático Digital. 2015
  12. "Moneda Bizantina: Período de la Controversia Iconoclasta (717-842 DC) Arquivado 02 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Comunidad Numismática Virtual
  13. "La création du Solidus par Constantin". En Les monnaies d'or romaines. www.sacra-moneta.com
  14. Jarpagon (2007). Páxina 325.
  15. Morrisson (2004). Páxina 218.
  16. "Glosario de unidades monetarias: Sólido". En Pita Fernández, Ricardo Luís. Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999. ISBN 84-605-9958-2
  17. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Sólido".
  18. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Tremissis" e "Semissis".
  19. Petit (1974). Páxina 671.
  20. Treadgold (1997). Páxina 503.
  21. Hendy (1985). Páxina 507.
  22. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Nomisma (2)", "Nomisma histamenon" e "Nomisma tetarteron".
  23. Kazhdan (1991). "Michael IV Paphlagon". Páxina 1.365.
  24. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Hyperpyron".
  25. Sear (1987). Nº 2.526.
  26. Sommer (2010). Nº 84,1.
  27. "La silique, une monnaie romaine en argent du IVme siecle". En Sacra-moneta.com
  28. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Silicua".
  29. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Hexagrama".
  30. Grierson (1999). Páxina 13.
  31. Kazhdan (1991). "Hexagram". Vol. 1. Páxina 927.
  32. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Miliaresion".
  33. Treadgold (1997). Páxina 340.
  34. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Aspron trachy".
  35. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Basilicón".
  36. "La monnaie au XIVe et au XVe siècle: hyperpère, basilikon et stavraton". En Morrisson, C. et al. Byzance et sa monnaie (IVe-XVe siècle). Lethielleux. 2015.
  37. Hendy (1985). Páxinas 533-634.
  38. Kazhdan (1991). Páxina 267.
  39. Hendy (1985). Páxina 540.
  40. Kazhdan (1991). Páxinas 965 e 1.946.
  41. Grierson (1999). Páxinas 16, 17 e 45.
  42. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Stauraton".
  43. Kazhdan (1991). "Nummus". Vol. 3. Páxina 1.504.
  44. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Nummus (2)".
  45. Grierson (1999). Páxinas 17-18.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Intern 1
iOS 6
mac 3
multimedia 1
os 98
todo 3