Moeda dunha lira italiana
A moeda dunha lira italiana foi a moeda representativa da unidade do sistema monetario da lira italiana, vixente desde a unificación do Reino de Italia en 1861 ata a implantación do euro en 2002.
Inicialmente, durante o reinado de Vítor Manuel II (1861-1878), as moedas dunha lira cuñáronse en prata de 900 milésimas, mais en 1863 rebaixaron a súa lei a 835 milésimas. Logo da primeira guerra mundial, a moeda dunha lira pasou a cuñarse en níquel entre 1922 e 1938, cun diámetro superior, e finalmente en acmonital, a partir de 1939, tamén cun diámetro lixeiramente superior.
Tras a caída da monarquía, as moedas dunha lira cuñáronse nunha aliaxe de aluminio (96,2 %), magnesio (3,5 %) e manganeso (0,3 %) coñecida como italma, e cun diámetro e peso progresivamente superiores.
A partir de 1968, a moeda dunha lira pasou a emitirse exclusivamente para formar parte das presentacións especiais para coleccionistas producidas e comercializadas pola Casa da Moeda Italiana.
Reino de Italia
editarVíctor Manuel II (1861-1878)
editarO primeiro monarca en cuñar moedas dunha lira foi Vítor Manuel II, xa en 1861, o primeiro ano da unificación italiana. Estas moedas amosaban no seu anverso a cabeza espida do monarca ollando cara á dereita e, debaixo do truncamento do pescozo, engadiuse a inscrición FERRARIS, en letras de pequeno tamaño, correspondentes ao apelido do deseñador e gravador da moeda, Giuseppe Ferraris (1791-1869). A lenda que rodeaba o busto é VITTORIO EMANUELE II e no exergo figura a data de emisión.
Para o reverso hai dous tipos:
- O primeiro reverso representa o escudo coroado coas armas da Casa de Savoia, decorado co colar da Suprema Orde da Santísima Anunciación e no interior dunha coroa de loureiro. No centro do exergo indícase o valor facial da moeda (L·1), e engádese á esquerda a marca de ceca e á dereita un monograma incuso nun rectángulo coas iniciais BN (de Banca Nazionale). A lenda do reverso é REGNO D'ITALIA".[1][2]
- En 1861 e 1862, este primeiro modelo da moeda dunha lira cuñouse nas cecas de Turín (marca de ceca T), Florencia (F) e Nápoles (N).[1] Entre 1863 e 1867 cuñouse nas cecas de Turín e Milán (M).[2]
- En 1863 introduciuse un reverso alternativo que unicamente foi utilizado ese ano. Este estaba caracterizado polo valor facial en grande e en dúas liñas (1 LIRA) como motivo principal, no canto do escudo de Savoia. Na parte superior figura a lenda REGNO D'ITALIA , e debaixo unha grilanda de pólas de loureiro, coa marca de ceca e o monograma BA no exergo.[3]
Ambos os modelos foron cuñados en prata, cunha pureza de 900 ‰ nas emisións de 1861 e 1862, e de 835 900 ‰ a partir de 1863. O seu peso é de 5 gramos e o seu diámetro de 23 milímetros.[1][2][3]
No canto destas moedas, que ten un grosor de 1,5 mm, aparece incusa a inscrición FERT repetida tres veces, alternando con nós e rosetas de Savoia. FERT era o lema da Casa de Savoia e fora adoptado por Vitor Amadeu II (1666-1732). As teorías sobre o seu significado son variadas; desde que se trata dunha forma do verbo latino ferre (co significado de "sufre" ou "soporta", en alusión á cruz de Cristo) ata que é un acrónimo de formación incerta.[1][2][3]
Humberto I (1878-1900)
editarO deseñador da lira a nome de Humberto I foi Filippo Speranza. O anverso é moi semellante ao do seu predecesor, coa obrigada substitución do busto do monarca, tamén ollando cara á dereita, e a lenda alusiva a el, que agora é UMBERTO I RE D'ITALIA". No exergo indícase a data e, no truncamento do pescozo, do mesmo xeito que ocorría anteriormente, engádese en letras pequenas o apelido do gravador: SPERANZA.[4]
O reverso, agora anepigráfico, está caracterizado por un escudo de Savoia moi similar ao do primeiro modelo de Vítor Manuel II, igualmente coroado, co colar da Orde da Anunciación e rodeado por pólas de loureiro e carballo. O valor amósase agora a ambos os lados do escudo (L 1). No exergo á dereita aparece a marca de ceca, que pode ser R (Ceca de Roma) entre 1883 e 1900, ou M (Milán), só en 1887.[4]
O canto segue o mesmo esquema que no reinado anterior, co lema FERT incuso repetido tres veces, alternando con nós e rosetas de Savoia.[4]
Con datas 1890, 1891 e 1896 cuñáronse tamén moedas dunha lira a nome de Humberto I para a súa circulación na Eritrea Italiana, un territorio que acababa de ser ocupado polos italianos. No seu anverso aparece o busto coroado do monarca ollando cara á dereita e con uniforme, rodeado pola lenda UMBERTO I RE D'ITALIA e a data. Baixo o busto, o apelido do gravador: SPERANZA.[5]
No reverso indícase o valor da moeda en italiano (L·1), en árabe (عــثرا ريا ل, "dous décimos dun rial") e en lingua ge'ez (፪ የብር ፡ አሥርያ, "dous décimos dun birr), repartido en tres liñas e baixo a estrela italiana. Na parte superior aparece a lenda COLONIA ERITREA na inferior unhas pólas de loureiro e a marca de ceca R, de Roma.[5]
Dos catro millóns e medio de exemplares cuñados na Ceca de Roma nos tres anos de emisión, 3.971.683 pezas foron retiradas da circulación e fundidas novamente.[5]
Víctor Manuel III (1901-1946)
editarAntes da I guerra mundial
editarO reinado de Vítor Manuel III é o que maior variedade de modelos ofrece. Antes da primeira guerra mundial, a lira segue a respectar a métrica establecida pola Unión Monetaria Latina, cunha unidade monetaria de prata de 835 ‰, un peso de 5 gramos e un diámetro de 23 mm. Baixo estes criterios emitíronse, entre 1901 e 1917, tres modelos diferentes da moeda dunha lira, todos eles cuñados en Roma, caracterizados sinaladamente polos seus reversos. Nos seus cantos mantense a inscrición FERT incusa repetido tres veces, alternando con nós e rosetas de Savoia.
- Primeiro modelo (1901-1907). O autor desta primeira versión é novamente Filippo Speranza. No anverso amósase a cabeza espida do monarca cara á dereita, e baixo ela a marca do gravador. A lenda desta face é VITTORIO EMANUELE III.[6]
- O reverso representa unha aguia heráldica co escudo de Savoia no peito e a coroa de Italia sobre a súa cabeza; debaixo a marca de ceca entre estrelas, co valor á esquerda (L·1) e a data á dereita. Este conxunto está rodeado pola lenda REGNO D'ITALIA.[6]
- Segundo modelo (1908-1913). Este segundo modelo foi creado por Davide Calandra e presenta no anverso un novo busto do monarca con uniforme de gala e ollando cara á dereita, dentro dun círculo adornado con follas vexetais e coa lenda VITTORIO EMANUELE III RE D'ITALIA polo exterior. Á esquerda do busto, a sinatura do autor é D. CALANDRA M.[7]
- Pola súa banda, o reverso amosa unha representación alegórica nacional de Italia en pé sobre unha cuadriga veloz, cun escudo na man esquerda e unha póla de oliveira na dereita. A data aparece debaixo das patas dianteiras dos cabalos, e máis abaixo, sobre a liña do exergo, figura novamente o nome do autor, D. CALANDRA M. Por debaixo, o valor facial da moeda (L ·1) está flanqueado por dous nós, un deles coa marca da Ceca de Roma (R), e o outro coa estrela de cinco puntas de Italia e a marca do gravador: L GIORGI INC. (Luigi Giorgi).[7]
- Terceiro modelo (1915-1917). Este novo modelo, creado tamén por Davide Calandra, é unha variante do anterior, aínda que con claras diferenzas. O anverso presenta un novo busto de Vítor Manuel, tamén con uniforme de gala e cun tamaño superior. Ao desaparecer o círculo da versión anterior, a cabeza do monarca aproxímase máis á lenda, VITTORIO EMANUELE III RE D'ITALIA. O nome do deseñador (D. CALANDRA M) aparece agora baixo o busto.[8]
- O reverso é unha reinterpretación da anterior, con Italia e a cuadriga. Hai algunha diferenza salientable, como o feito de que os cabalos adoptan unha actitude briosa, coas patas dianteiras rampantes, e non veloz. Sobre a liña do exergo aparece novamente o nome de Calandra e o do gravador dos cuños, que nesta ocasión é Attilio Silvio Motti (A. MOTTI INC). [8]
Despois da I guerra mundial
editarFinalizada a primeira guerra mundial, a partir de 1922 abandónase a prata para a moeda dunha lira e entre ese ano e 1928[10] emitiuse un "bono" dunha lira, xa en níquel, para facer fronte aos gastos ocasionados pola contenda. Tanto o seu diámetro (26,5 mm), como o seu grosor (1,96 mm) e o seu peso (8 g,) son superiores aos das anteriores emisións de prata.[9]
O autor desta moeda é Giuseppe Romagnoli, e presenta no anverso unha personificación alegórica nacional de Italia, sedente, drapeada e ollando cara á esquerda, que sostén coa súa man esquerda unha estatuíña alada da Vitoria e unha póla de oliveira na man dereita e ergueita. Partida a ambos lados da figura, a palabra ITALIA, e baixo a liña do exergo os apelidos do deseñador e do gravador: G·ROMAGNOLI e A·MOTTI INC. (Attilio Silvio Motti).[9]
Pola súa banda, o reverso amosa o valor facial en dúas liñas (BVONO DA L.1), co escudo coroado das armas de Savoia á súa esquerda, todo dentro dunha coroa vexetal de coroas de pólas de loureiro. No exergo a marca da Ceca de Roma (R). O lema da Casa de Savoia abandona o canto da moeda, que pasa a ser estriado e sen lenda ningunha.[9]
Finalmente, para conmemorar a proclamación do Imperio Italiano, entre 1936 e 1943 cuñouse unha nova moeda dunha lira, tamén de níquel, a derradeira da etapa monárquica de Italia. O seu creador foi tamén Giuseppe Romagnoli. No anverso presenta a cabeza espida do monarca xa ancián, ollando cara á esquerda e rodeada pola lenda VITTORIO EMANUELE III RE E IMP. No exergo, baixo o busto, a marca do deseñador: G. ROMAGNOLI.[11]
O reverso representa unha aguia pousada nunha póla, coas súas ás estendidas e a cabeza cara á dereita. Debaixo da aguia hai un fasces en posición vertical cunha machada á dereita. Debaixo, o escudo de Savoia divide a indicación do valor facial (L.1), coa data e a marca da Ceca de Roma (R) á esquerda e a data co calendario fascista (XIV) á dereita. O canto da moeda é estriado.[11]
Esta derradeira lira da época monárquica tiña un diámetro de 26,5 cm e un peso de 8 gramos, e cuñouse en níquel os tres primeiros anos.[11] A partir de 1939, pasou a cuñarse nunha nova aliaxe similar ao aceiro inoxidable chamada acmonital, por mor das leis autárquicas impostas polo Goberno fascista. Con este cambio aumentouse lixeiramente o diámetro da moeda, ata os 26,7 mm.[11]
República Italiana
editarModelo da laranxa
editarComo consecuencia do referendo do 2 de xuño de 1946, que abría a nova etapa da Italia republicana, o presidente provisional da República, Enrico de Nicola, asinou o decreto do 6 de setembro polo que se instaba a Zecca dello Stato a emitir moedas de 10, 5, 2 e unha lira nunha nova aliaxe lixeira, chamada italma, composta por aluminio, magnesio e manganeso. O 21 de decembro dese mesmo ano, as novas moedas tiñan xa curso legal.[13]
Giuseppe Romagnoli foi novamente o autor do deseño da moeda dunha lira, que amosaba no seu anverso unha cabeza feminina cara á esquerda, que representa a Italia, con dúas espigas de trigo na cabeza (o xeito habitual de representar a Ceres, a deusa da agricultura e da fertilidade). No exergo do anverso aparecen as inscricións ROMAGNOLI - P.G.INC., indicativas do deseñador da moeda e do gravador dos cuños (Pietro Giampaoli).[12]
Pola súa banda, o reverso reproduce unha poliña de laranxeira cunha laranxa e, debaixo, a indicación do valor facial (L. 1), a data e a marca da Ceca de Roma. O canto da moeda é liso.[12]
Modelo da cornucopia
editarConsonte o decreto do 24 de decembro de 1951,[15] emitiuse un novo modelo da moeda dunha lira, caracterizado pola figura dunha balanza no seu anverso, como símbolo da xustiza, e unha cornucopia no reverso, que representa a riqueza.[14]
Esta derradeira lira, deseñada tamén por Giuseppe Romagnoli, está igualmente cuñada en italma e ten un peso de 0,6 g, un diámetro de 17,2 mm, e un grosor de 1,2 mm. Logo da súa primeira emisión de 1951 cuñouse ininterrompidamente ata 1959, mais nese ano cesou a súa produción, dado que a inflación fixo que o seu valor chegase a ser ínfimo. En 1968 retomouse a súa produción mais unicamente para a incluír nas series anuais para coleccionistas comercializadas pola Zecca dello Stato. Finalmente, a súa cuñaxe cesou de xeito definitivo en 2001 por mor da chegada do euro.[14]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "1 Lira - Victor Emmanuel II (1861-1862)". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "1 Lira - Victor Emmanuel II (1863-1867)". Numista.com
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "1 Lira - Victor Emmanuel II (1863)". Numista.com"
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "1 Lira - Umberto I". Numista.com
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 "1 Lira / 2⁄10 Rial - Umberto I". Numista.com
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "1 Lira - Victor Emmanuel III (1901-1907)". Numista.com
- ↑ 7,0 7,1 7,2 "1 Lira - Victor Emmanuel III (1908-1913)". Numista.com
- ↑ 8,0 8,1 8,2 "1 Lira - Victor Emmanuel III (1915-1917)". Numista.com
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 "Buono da L.1 - Victor Emmanuel III". Numista.com
- ↑ Entre 1928 e 1935 fixéronse tamén emisións desta moeda aínda que só para coleccionistas, cunha ínfima tiraxe de só 50 exemplares anuais. Véxase "Buono da L.1 - Victor Emmanuel III". Numista.com
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Variantes de metal: "1936-1938", "1939-1940", "1939-1943". Numista.com
- ↑ 12,0 12,1 12,2 "Lira (1946-1950)". Numista.com
- ↑ "Repúbblica Italiana. Lira Arquivado 13 de xullo de 2024 en Wayback Machine.". Numismatica-italiana.lamoneta.it
- ↑ 14,0 14,1 14,2 "1 Lira (1951-2001)". Numista.com
- ↑ "Legge 24 dicembre 1951. Nº 1405. Norme sulla circolazione monetaria". Normattiva.it
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda dunha lira italiana |
Bibliografía
editar- Boasso, A. (2008). Catalogo Alfa delle Monete italiane e Regioni (33ª ed.). 2008. Alfa Edizioni, Turín. ISBN 978-8888032139
- Gigante, F. (2023). Gigante 2024. Catalogo nazionale delle monete italiane dal '700 all'euro (32ª ed.). Gigante, Varese. ISBN 978-8889805459
- Montenegro, E. (2020). Manuale del collezionista di monete italiane. 26ª ed. Montenegro, Turín. ISBN 978-8888894034