Museo de Arte de Filadelfia
O Museo de Arte de Filadelfia (en inglés, Philadelphia Museum of Art), situado ao oeste do Benjamin Franklin Parkway no Fairmount Park de Filadelfia, creouse en 1876 ligado á Exposición do Centenario dese mesmo ano e hoxe en día atópase entre os máis grandes e importantes museos de arte dos Estados Unidos. Orixinalmente chamouse Pennsylvania Museum and School of Industrial Art (Museo de Pensilvania e Escola de Artes Industriais). A súa fundación foi inspirada polo Museo de South Kensington (hoxe o Museo Vitoria e Alberto) en Londres, que naceu da Grande Exposición de 1851. É coñecido local e coloquialmente como "O Museo de Arte". O museo abriu as súas portas ao público o 10 de maio de 1877.
Museo de Arte de Filadelfia | |
---|---|
e | |
Coordenadas | 39°57′57″N 75°10′53″O / 39.965833333333, -75.181388888889 |
País | Estados Unidos de América |
Cidade | Filadelfia |
Tipo | Museo de Arte |
Director | Timothy Rub, Langdon Warner, Sidney Fiske Kimball e Anne d'Harnoncourt |
Inauguración | 1876 |
Visitantes | 639 810 (2013)[1] |
Na rede | |
http://www.philamuseum.org/ e https://www.philamuseum.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
A construción do edificio actual comezou en 1919 e a súa primeira fase finalizou na primavera de 1928. O deseño case neogriego era obra de Horace Trumbauer e a firma de Zantzinger, Borie e Medary.
Durante case un século a familia McIlhenny tivo unha importante relación co museo. Henry P. McIlhenny estivo involucrado durante case medio século, primeiro como encargado do museo desde 1939 ata 1964, logo como presidente do consello de administración en 1976 ata a súa morte en 1986, cando deixou o groso da súa herdanza ao museo.
A institución descríbese a si mesma como "un dos máis grandes museos dos Estados Unidos"[2], e as súas coleccións inclúen máis de 225.000 obxectos,[3] aínda que a institución non ten galerías dedicadas á arte exipcia, grego ou romano.
Colección
editarCada ano o museo realiza de 15 a 20 exposicións especiais e visítano 800.000 persoas. Algunhas das exposicións máis famosas, que atraeron a centos de miles de persoas de todos os estados e doutros lugares do mundo, foron as de Paul Cézanne (en 1996, 548.000 visitantes) e Salvador Dalí (en 2005, 370.000 visitantes).
Amplamente considerado como unha institución artística de calidade mundial, o Museo de Arte de Filadelfia inclúe non só seu icónico Edificio Principal, senón tamén o Museo Rodin (tamén no Benjamin Franklin Parkway) e outros lugares históricos. Recentemente adquiriuse o Edificio Perelman (alén da rúa a partir do Edificio Principal) e está previsto que abra en 2007, mostrando en exposición pública algunhas das coleccións máis populares do museo.
No século XVIII, Filadelfia era unha das cidades máis importantes tanto antes como logo da Revolución Americana e era un centro de estilo e cultura.[4] O museo é coñecido en particular polas súas importantes coleccións de arte Alemán de Pensilvania, mobiliario dos séculos XVIII e XIX e prata realizados por artesáns antigos de Filadelfia e Pensilvania, e obras do prominente artista de Filadelfia Thomas Eakins. O museo alberga a máis importante colección do mundo en obras de Eakins.
A Colección Carl Otto Kretzschmar von Kienbusch
editarNeste museo gárdase a colección de armaduras de Carl Otto Kretzschmar von Kienbusch. A colección von Kienbusch foi legada polo celebrado coleccionista ao Museo de Arte de Filadelfia en 1976, o Bicentenario da Revolución Americana. Esta ampla colección inclúe armas europeas e armaduras de varios séculos. [3]
Hai uns anos, o Museo de Arte de Filadelfia alcanzou un acordo coas autoridades alemás para devolver cinco pezas de armadura roubadas de Dresde durante a segunda guerra mundial. En 1953, o coleccionista von Kienbusch comprou a armadura sen sospeitas. Foi doada ao Museo de Arte en 1976. Kienbusch publicou catálogos das súas coleccións, o que co tempo levou ás autoridades de Dresde a expor a cuestión ao Museo de Arte.
Relación coa cidade
editarXunto á súa arquitectura e coleccións, este museo é moi coñecido polo papel que tivo nunha famosa escena da película Rocky, e en catro das súas secuelas, Rocky II, Rocky III, Rocky V e Rocky Balboa. Os visitantes do museo adoitan imitar a famosa carreira de Rocky polas escaleiras da fachada, hoxe coñecidas localmente como "Rocky Steps" (os chanzos de Rocky).
Unha estatua de bronce de Rocky foi situada brevemente no alto da escaleira para a rodaxe de Rocky III. A estatua trasladouse despois ao Wachovia Spectrum debido a un furioso debate sobre o significado de "arte". A estatua volveu alí para filmar Rocky V, e aparece igualmente no alto das escaleiras nas películas Philadelphia e Mannequin, pero volveu a trasladarse. A estatua foi substituída cun simple conxunto de pegadas nas que se le "Rocky." A estatua volveu ao pé das escaleiras o 8 de setembro de 2006.
Debido á súa localización ao final do Ben Franklin Parkway, o museo é o pano de fondo de moitos concertos e desfiles. O 2 de xullo de 2005, as escaleiras do museo serviron como local en Filadelfia do Live 8, onde interviñeron artistas como Dave Matthews Band, Linkin Park e Maroon 5. O museo pechouse para o Live 8, pero se reabriu con horario normal ao día seguinte.
Expansión da galería
editarDebido á súa gran popularidade e desbordantes coleccións, anunciou en outubro de 2006 que Frank Gehry deseñaría unha expansión ao museo. A galería de 80.000 pés cadrados será construída enteiramente baixo o chan, por baixo dos "Rocky Steps" e non alterará nada da actual fachada de reviviscencias gregas. Aínda que non se anunciou a data en que se iniciará a construción, crese que tardará unha década e custará 500 millóns de dólares. Incrementará o espazo de exposición do museo nun 60% e albergará maiormente escultura contemporánea, arte asiática e exposicións especiais[5].
-
San Francisco recibe os estigmas, h. 1428-1429, Jan van Eyck
-
Piedade, O Greco
-
Prometeo, Peter Paul Rubens
-
O incendio das Casas dos Lores e dos Comúns, J. M. W. Turner
-
Saída do vapor de Folkestone, Édouard Manet
-
Doce xirasoles, Van Gogh
-
Thomas Eakins
Notas
editar- ↑ Top 100 Art Museum Attendance, The Art Newspaper, 2014. Consultado o 8 de xullo de 2014.
- ↑ [1] Páxina web principal, Museo de Arte de Filadelfia", acc. 26 de abril, 2007
- ↑ [2] Páxina web "Coleccions do museo", na páxina web do Museo de Arte de Filadelfia, acc. 26 de abril, 2007
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2007. Consultado o 11 de agosto de 2007.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2008. Consultado o 11 de agosto de 2007.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo de Arte de Filadelfia |
Ligazóns externas
editar- Philadelphia Museum of Art - Sitio oficial (en inglés).