A notocorda (do latín científico notochorda, e este do grego antigo νῶτος nōtos "costas", "lombo", e χορδή chordé "corda"), notocordio ou corda dorsal, é un corpo flexíbel con forma de vara que se encontra en todos os embrións de todos os cordados, proporcionándolles soporte [1] e moita máis flexibilidade que a que tiñan os animais provistos de exoesqueleto, predominantes até que apareceron os cordados.[2]

Diseccción dun Protopterus dolloi (dipnoo africano) amosando a notocorda.

Componse de células derivadas do mesoderma, que definen o eixe primitivo do embrión.

Nos cordados inferiores persiste durante toda a vida como o principal soporte axial do corpo, mentres que nos vertebrados (cordados superiores) é substituída pola columna vertebral.

No desenvolvemento embrionario humano o notocordio induce a formación dun suco no ectoderma (suco neural), que se prega cara a dentro e despois pecha para converterse no tubo neural, o precursor do cerebro e da medula espiñal.

A notocorda é unha evaxinación sacciforme da rexión bucal. É unha estrutura de soporte en forma de delgada vara situada dorsalmente, por riba do tubo dixestivo nos primeiros estadios do desenvolvemento de todos os cordados.

Desenvolvemento

editar

A notocorda nace das células epiblásticas da parte medial do nódulo primitivo ou de Hensen, e pasa por varios estadios:[3]

  • Proceso notocordal, onde se distinguen tres partes, a rostral, a media e a caudal. Esta última é a rexión onde o solo do canal notocordal rompe e se abre cara ao saco vitelino secundario. Este suco e o nódulo primitivo denomínanse conduto neuroentérico.
  • A lámina notocordal forma o teito do saco vitelino secundario e do intestino primario. Sepárase do tubo dixestivo por un proceso semellante ao do tubo neural. A transformación de lámina notocordal en notocorda ocorre en sentido caudal-cranial, con dirección lonxitudinal.

Unha vez formada a notocorda, esta está en contacto co tubo neural no seu extremo distal, e co epitelio dixestivo na súa porción ventral.

A notocorda nos diferentes grupos de cordados

editar
 
Sección da cabeza dun embrión humano, duns doce días de idade, na rexión do cerebro posterior.
  • Clase urocordados: a notocorda deriva de 40 células e non presenta cuberta conxuntiva nin segmentación. Os xenes Brachyuruy e Not controlan a súa diferenciación. Neste grupo, a notocorda só está presente na cola do individuo durante o seu estadio larvario; posteriormente os animais fíxanse ao substrato e perden a cola.
  • Clase cefalocordaos: a notocorda está formada por uns discos dispostos en segmentos (20-40 discos por segmento). A súa formación está determinada polo xene Hox Sonic hedgehog. A musculatura asociada á notocorda emite prolongacións que van cara ao sistema nervioso; se se produce a contracción da musculatura por estimulación eléctrica, esta provoca cambios de rixidez na notocorda.
  • Clase vertebrados: a notocroda tende a desaparecer, aínda que nalgúns grupos (coma as lampreas) aínda está presente e é funcional. Nestes grupos adoita encontrarse moi reducida, e obsérvase unha predominancia de líquido por riba das células, feito que lle dá máis elasticidade á notocorda.

Funcións

editar

A corda dorsal, entre outras funcións, induce a formación do tubo neural por medio duns xenes, pax3 e openbrain, e colabora, nos vertebrados, na formación da columna. Unha vez que o organismo é adulto, o único que queda dela é o núcleo pulposo dos discos vertebrais, que se encontran entre vértebra e vértebra da columna, amortecendo e dotando de máis mobilidade ás articulacións intervertebrais. Cando o anel de cartilaxe fibroso (situado ao redor do núcleo pulposo) rompe, o núcleo pulposo derrámase, producíndose unha hernia discal.

  1. Shu, D. G.; Morris, S. C.; Han, J.; Zhang, Z. F.; Yasui, K.; Janvier, P.; Chen, L.; Zhang, X. L. et al. (2003): "Head and backbone of the Early Cambrian vertebrate Haikouichthys", Nature 421 (6922): 526–529.
  2. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de marzo de 2012. Consultado o 28 de agosto de 2012. 
  3. Kardong, Kenneth V. (1995): Vertebrates: comparative anatomy, function, evolution. McGraw-Hill. pp. 55,57. ISBN 0-697-21991-7.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 4