Notorictemorfos
Notoryctemorphia
Toupas marsupiais

Rango fósil: mioceno - actualidae

Debuxo da especie Notoryctes typhlops
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Marsupialia
Magnorde: Australidelphia
Superorde: Eometatheria
Orde: Notoryctemorphia
Kirsch, in Hunsaker, 1977
Familia: Notoryctidae
Ogilby, 1892
Xénero: Notoryctes
Stirling, 1891
Especies

A dos notorictemorfos (Notoryctemorphia) é unha pequena orde de mamíferos marsupiais australidelfos coñecidos vulgarmente na bibliografía como toupas marsupiais debido a que presentan un asombroso parecido tanto morfolóxico como etolóxico coas chamadas toupas douradas, placentarios pertencentes á familia dos crisoclóridos (Chrysochloridae), aínda que se trate de especies moi afastadas filoxeneticamente.

De feito, estes estraños e antigos mamíferos comezaron a súa evolución independentemente de calquera outro marsupial hai máis de 50 millóns de anos.

A orde comprende unha soa familia actual, a dos notoríctidos (Notoryctidae),[1] que inclúe un só xénero, Notoryctes, con tan só dúas especies.[1][2] que viven no deserto australiano e pasan a maior parte do tempo baixo terra e raramente soben á superficie.

Taxonomía

editar

A orde foi creada en 1977 polo biólogo estadounidense John A. W. Kirsch, como se recolle no traballo publicado polo seu colega Don Hunsaker II.[1][3]

A orde comprende unha soa famlia, monotípica,[4] e o único xénero conta con dúas especies:[2][5][6]

 
Áreas de dispersión das dúas especies:
laranxa: N. caurinus; azul: N. typhlops.

Orde Notoryctemorphia

Sinónimos

editar

A orde tamén se coñece co sinónimo Syndactyliformes.[1]

Xénero

editar

E o xénero, polos sinónimos:[7]

  • Neoryctes Stirling, 1891
  • Psammoryctes Stirling, 1889

Características

editar
Morfometría Masa

(g)

Lonxitude (cm)
Cabeza e tronco Cola
Notoryctes typhlops 40 - 70 9 - 18 2 - 3

O corpo é do tamaño dunha toupa placentaria, aplanado e cun aparello locomotor moi desenvolvido. Está cuberto de abundante pelo sedoso que cor que varía de branca a dourada. Ás veces, se o terreo en que habitan é rico en ferro, o pelo pode tornarse ferruxento debido a este metal.

É unha característica propia destes animais teren fusionadas as cinco últimas vértebras cervicais, o que lle confire rixidez ao corpo de tal modo que poida desenvolver máis potencia empuxando coa cabeza a area durante a escavación.

A cabeza é grande e robusta. O fociño está cuberto por unha protuberancia córnea espida. Os ollos están cubertos pola pel, miden menos de 1 mm de diámetro e o seu desenvolvemento é escaso, de tal xeito que son escasamente funcionais. A cada lado da cabeza ábrese un burato como único resto das orellas.

Os dentes están dexenerados e a fórmula dentaria varía duns exemplares a outros. Unha fórmula media estaría composta segundo se indica na táboa aquí debaixo.

Fórmula dentaria
incisivos 3-4 caninos 1 premolares 2 molares 4
3 1 3 4

Os molares superiores son zalambdodontes, e os inferiores perderon a conca do talónido. Non pode considerarse que sexan propiamente diprotodontes nin poliprotodontes.

As extremidades son poderosas, especialmente as anteriores, cuxo terceiro e cuarto dedos están dotados de poderosísimas uñas de sección triangular. A diferenza doutros marsupiais australianos, non se presentan fenómenos de sindactilia (dedos fusionados) e cada extremidade presenta cinco dedos.

A cola é curta, cilíndrica, e está sucada por aneis. Está cuberta por unha grosa pel parecida ao coiro. Pode medir até 2,5 cm e parece estar dotada de gran sensibilidade táctil.

Distribución

editar

As dúas especies actuais habitan en desertos areosos da metade occidental de Australia. (Ver mapa máis arriba).

Bioloxía

editar

Nutrición

editar

Estas especies aliméntase de todo tipo de invertebrados terrestres, que capturan tanto na superficie como baixo terra, nun incesante ir e vir.

Reprodución

editar

A fisioloxía reprodutiva destes animais non é moi coñecida. Non se describiron os períodos de xestación, lactación, nin da esperanza de vida das especies.

Os machos non presentan escroto, os testículos áchanse entre a pel e a cavidade abdominal.

As femias posúen un marsupio pequeno pero ben desenvolvido, aberto cara a atrás para manter a hixiene durante a escavación. No seu interior, dúas mamilaa serven para amamentar as crías, que nacen cerca do mes de novembro en número de 1 a 2 por camada.

Comportamento

editar

Estas especies desprázanse baixo a area do deserto como se estivesen mergullándose, empuxando coa cabeza e apartando a area coas mans. Os traxectos en que permanecen baixo a area non son excesivamente longos, desprazándose pola superficie coa axuda das extremidades posteriores, deixando unha característica pegada formada por tres puntos que se corresponden con ambas as extremidades posteriores e o rabo.

Estado de conservación

editar

As dúas únicas especies vivas de toupas marsupiais están catalogadas pola UICN como DD (datos deficientes).[8][9]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Notoryctemorphia en MSW.
  2. 2,0 2,1 Notoryctidae en MSW.
  3. Hunsaker, ed. (1977).
  4. O adxectivo 'monotípico, -a refírese a un taxon que só ten un taxon inmediatamente subordinado.
  5. Notoryctes no SIIT.
  6. Notoryctes na ADW.
  7. Notoryctes en MSW.
  8. Notoryctes caurinus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
  9. Notoryctes typhlops na Lista vermella de epecies ameazadas da UICN.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Benshemesh, J. (2004): "Recovery Plan for Marsupial Moles (N.caurinus and N.typhlops) 2005-2010". Northern Territory Department of Infrastructure, Planning and Environment, Alice Springs. Documento on-line.
  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • Hunsaker, ed. (1977): The Biology of Marsupials Nova York: Academic Press, Inc. ISBN 0-12-362250-6.
  • Langford, D. & Pavey, C. (2002): Southern Marsupial Mole (Notoryctes typhlops). Threatened Species of the Northern Territory. Parks and Wildlife Commission Northern Territory.
  • McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, D.C.: Smithsonian Institution Press.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder D. M. (editores) (2005): Dasyuromorphia en Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 2 vol. 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar

Familia

editar

Xénero

editar

Especies

editar
  NODES
todo 4