Os osteodermos ou osteodermas son depósitos óseos que forman escamas, placas ou outras estruturas no derma da pel dalgúns animais. Os osteodermos encóntranse en moitos grupos de réptiles e anfibios existentes ou extintos, como os lagartos, crocodilianos, ras, temnospóndilos (anfibios primitivos extintos), varios grupos de dinosauros (singularmente os anquilosauros e estegosaurios), fitosauros, aetosauros, placodontos e hupehsuquios (réptiles mariños con posibles afinidades cos ictiosauros).

Primeiro plano da pel dun monstro do Xila, mostrando os seus osteodermos
Osteodermo do cocodriliano extinto Deinosuchus

Os osteodermos son pouco comúns en mamíferos, pero aparecen tamén en moitos xenartros (armadillos e nos extintos gliptodontos e preguiceiros terrestres). Os osteodermos evolucionaron de forma claramente independente en moitas liñaxes distintas, e estas variadas estruturas deben considerarse análogos anatómicos e non homólogos, e non necesariamente indican monofilia. En moitos casos, os osteoermos poden funcionar como armaduras defensivas. Os osteodermos están compostos de tecido óseo, e derivan dunha poboación de células da crista neural de tipo escleroblasto durante o desenvolvemento embrionario do organismo. A poboación de células da crista neural escleroblásticas ten algunhas características homólogas asociadas co derma.[1]

Os osteodermos dos modernos crocodilianos están moi vascularizadas e poden funcionar como armadura ou como intercambiadores de calor, permitindo que estes grandes réptiles aumenten ou baixen rapidamente a súa temperatura. Outra función é neutralizar a acidose causada por estar mergullados durante longos períodos de tempo, o que produce unha acumulación de dióxido de carbono no sangue. O calcio e o magnesio no óso dérmico liberan ións alcalinos á corrente sanguínea, actuando como un tampón químico contra a acidificación dos fluídos corporais.[2]

  1. Vickaryous, Matthew K.; Sire, Jean-Yves (2009-04-01). "The integumentary skeleton of tetrapods: origin, evolution, and development". Journal of Anatomy (en inglés) 214 (4): 441–464. ISSN 1469-7580. PMC 2736118. PMID 19422424. doi:10.1111/j.1469-7580.2008.01043.x. 
  2. "Antacid armour key to tetrapod survival". ABC Science. Consultado o 6 March 2017. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Carroll, R. L. 1988. Vertebrate Paleontology and Evolution. W. H. Freeman and Company.

 
 Este artigo sobre zooloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.

  NODES
todo 2