Parathormona

hormona segregada pola glándula paratiroide que actúa incrementando a concentración de calcio no sangue

A parathormona (PTH) ou hormona paratiroide é unha hormona peptídica de 84 aminoácidos segregada polas células principais da glándula paratiroide, que actúa incrementando a concentración de calcio (Ca2+) no sangue (efecto oposto ao da hormona calcitonina da tiroide, que fai decrecer a concentración de calcio). A PTH incrementa a concentración de calcio sanguínea actuando sobre o receptor da hormona paratiroide 1 (abundante no óso e riles) e sobre o receptor da hormona paratiroide 2 (abundante no sistema nervioso central, páncreas, testículos, e placenta). A vida media da PTH no organismo é de aproximadamente 4 minutos.[1] Ten unha masa molecular de 9,4 kDa.[2]

Parathormona.

Estrutura

editar

O fragmento 1-34 N-terminal da PTH humana (hPTH-(1-34)) foi cristalizado e a estrutura foi definida cunha resolución de 0,9 Å. A hPTH-(1-34) cristaliza como un dímero helicoidal longo, lixeiramente dobrado. As análises revelan que a conformación en hélice alfa estendida da hPTH-(1-34) é probablemente a conformación bioactiva.[3]

 
Estrutura do dímero helicoidal da hPTH-(1-34)[4]

Funcións

editar

Regulación do calcio sérico

editar

A hormona paratiroide regula o calcio sérico por medio dos seus efectos sobre os seguintes tecidos:[5]

Rexión Efecto
óso Aumenta a liberación de calcio do gran deposito contido nos ósos.[6] Durante a remodelación normal dos ósos prodúcese a reabsorción ósea, que é a destrución de parte do tecido óseo polos osteoclastos, a cal está indirectamente estimulada pola PTH. A estimulación é indirecta, xa que os osteoclastos non teñen receptores para a PTH; o que ocorre realmente é que a PTH se une aos osteoblastos, as células responsables de crear tecido óseo. A PTH estimula aos osteoblastos a incrementar a súa expresión do RANKL (ligando do receptor-activador do factor nuclear kappa-B) e inhibir a súa expresión de osteoprotexerina (OPG). A osteoprotexerina úneso ao RANKL e bloquea a súa interacción co RANK, que é o receptor do RANKL. A unión do RANKL ao RANK (facilitada pola diminución de osteoprotexerina) estimula aos precursores dos osteoclastos a formar novos osteoclastos, o cal finalmente fai aumentar a reabsorción ósea.
riles Aumenta a reabsorción activa de calcio e magnesio nos túbulos distais dos riles e na rama ascendente delgada da asa de Henle. A medida que o óso e degrada, libérase calcio e fosfato. Tamén decrece a reabsorción de fosfato, cunha perda neta na concentración plasmática de fosfato. Cando a relación calcio:fosfato se incrementa, hai máis calcio libre en circulación.[7]
intestino vía riles Aumenta a absorción de calcio no intestino ao incrementar a produción de vitamina D activada. A activación da vitamina D ocorre nos riles. A PTH fai aumentar a actividade da 25-hidroxivitamina D3 1-alfa-hidroxilase, o encima responsable da hidroxilación 1-alfa da 25-hidroxivitamina D, convertendo a vitamin D na súa forma activa (1,25-dihidroxi vitamina D). Esta forma activada da vitamina D incrementa a absorción de ións calcio (Ca2+) no intestino por medio da calbindina.
 
Regulación do calcio no corpo humano.[8] O papel da hormona paratiroide móstrase en azul.

A PTH foi unha das primeiras hormonas que se viu que utilizaban o sistema de segundo mensaxeiro da proteína G e adenilato ciclase.

O nivel normal no plasma de calcio está entre 8,5 e 10,2 mg/dL (2,12 mmol/L a 2,55 mmol/L).[9]

Regulación do fosfato sérico

editar

A PTH reduce a reabsorción de fosfato nos túbulos proximais dos riles,[7] o cal significa que se excreta máis fosfato nos ouriños.

Porén, a PTH aumenta a liberación ao sangue de fosfato do intestino e ósos. No óso, libérase un pouco máis de calcio ca de fosfato como resultado da destrución do tecido óseo. Nos intestinos, a absorción de calcio e fosfato está mediada por un incremento de vitamina D activada. A absorción de fosfato non é dependente da vitamina D como si o é a de calcio. O resultado final da liberación de PTH é unha pequena caída neta na concentración sérica de fosfato.

Síntese de vitamina D

editar

A PTH aumenta a actividade do encima 1-α-hidroxilase, o cal converte o 25-hidroxicolecalciferol en 1,25-dihidroxicolecalciferol, a forma activa da vitamina D.

Regulación da secreción de PTH

editar

A secreción da hormona paratiroide está controlada principalmente pola concentración de calcio ([Ca2+]) no plasma sanguíneo por medio dunha retroalimentación negativa. As moléculas do receptor sensible ao calcio localizadas nas células da paratiroide detectan as concentracións de Ca2+. A proteína G asociada aos receptores de calcio detecta o calcio extracelular e pode encontrarse na superficie dunha ampla variedade de células distribuídas polo cerebro, corazón, pel, estómago, células C, e outros tecidos. Na glándula paratiroide, cando hai moito calcio extracelular non se produce hormona; así, a detección de altas concentracións de calcio extracelular causan a activación da cascada da proteína G asociada Gq a través da acción da fosfolipase C [10]. Esta hidroliza o fosfatidilinositol 4,5-bisfosfato (PIP2) e libéranse mensaxeiros intracelulares IP3 e diacilglicerol. Finalmente, estes dous mensaxeiros orixinan unha liberación de calcio dos seus depósitos intracelulares e un fluxo de calcio extracelular no espazo citoplasmático. O efecto desta sinalización por niveis elevados de calcio extracelular orixina unha concentración de calcio intracelular, que inhibe a secreción da PTH preformada almacenada en gránulos nas células da glándula paratiroide. A diferenza do mecanismo que utilizan a maioría das células secretoras, o calcio inhibe a fusión das vesículas e a liberación da PTH. Nas paratiroides, é o magnesio o que cumpre este papel de combinar estímulo e secreción. A hipomagnesia pode causar unha paralización da secreción de PTH e orixinar unha forma de hipoparatiroidismo que é reversible [11].

Estimuladores

editar
  • Diminución da concentración de Ca2+ sérica.
  • Diminución suave da concentración sérica de Mg2+.
  • Aumento do fosfato sérico (o incremento do fosfato fai que este forme complexos co calcio sérico, formando fosfato cálcico, o cal reduce a estimulación dos receptores sensibles ao Ca, xa que non captan o fosfato cálcico, o que produce un incremento da PTH).

Inhibidores

editar
  • Aumento da concentración sérica de Ca2+.
  • Diminución forte da concentración sérica de Mg2+, que tamén produce síntomas de hipoparatiroidismo (como a hipocalcemia).[12]

Importancia clínica

editar
  • O nivel sanguíneo alto de PTH denomínase hiperparatiroidismo.
    • Se a causa está na glándula paratiroide denomínase hiperparatiroidismo primario. As causas son adenoma de paratiroide, hiperplasia de paratiroide e cáncer de paratiroide.
    • Se a causa está fóra da glándula, denomínase hiperparatiroidismo secundario. Pode darse na insuficiencia renal crónica. No hiperparatiroidismo secundario, os niveis de calcio séricos decrecen, o cal causa a hipersecreción de PTH por parte das glándulas paratiroides. A PTH actúa sobre os túbulos proximais dos riles facendo decrecer a reabsorción de fosfato (incrementando a súa excreción nos ouriños, e diminuíndo a súa concentración no soro sanguíneo), pero aumenta a reabsorción activa de calcio e magnesio nos túbuos distais e a rama ascendente delgada da asa de Henle. NOTA: na insuficiencia renal crónica, os riles non poden excretar fosfato nos ouriños. Neste caso de hiperparatiroidismo secundario, o calcio sérico decrece, pero o fosfato sérico increméntase.
  • O nivel baixo de PTH no sangue denomínase hipoparatiroidismo. As causas inclúen erros cirúrxicos (por exemplo, a extirpación por erro da paratiroide durante a cirurxía de tiroide), trastornos autoinmunes, e fallos metabólicos conxénitos.

Medidas

editar

Os niveis de PTH poden medirse no sangue de diversas formas: como PTH intacta; PTH N-terminal; parte media da PTH, ou como PTH C-terminal, e cada unha destas probas é útil en diferentes situacións clínicas.

O nivel medio de PTH en sangue é de 10-60 pg/mL.

  1. Bieglmayer C, Prager G, Niederle B (2002). "Kinetic analyses of parathyroid hormone clearance as measured by three rapid immunoassays during parathyroidectomy". Clin. Chem. 48 (10): 1731–8. PMID 12324490. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2011. Consultado o 21 de xaneiro de 2012. 
  2. Prahalad AK, Hickey RJ, Huang J; et al. (2006). "Serum proteome profiles identifies parathyroid hormone physiologic response". Proteomics 6 (12): 3482–93. PMID 16705755. doi:10.1002/pmic.200500929. 
  3. Jin L, Briggs SL, Chandrasekhar S, Chirgadze NY, Clawson DK, Schevitz RW, Smiley DL, Tashjian AH, Zhang F (2000). "Crystal structure of human parathyroid hormone 1-34 at 0.9-A resolution". J. Biol. Chem. 275 (35): 27238–44. PMID 10837469. doi:10.1074/jbc.M001134200. 
  4. Savvides SN, Boone T, Andrew Karplus P (2000). "Flt3 ligand structure and unexpected commonalities of helical bundles and cystine knots". Nat Struct Biol. 7 (6): 486–491. PMID 10881197. doi:10.1038/75896. ; rendered via PyMOL.
  5. Coetzee M, Kruger MC (2004). "Osteoprotegerin-receptor activator of nuclear factor-kappaB ligand ratio: a new approach to osteoporosis treatment?". South. Med. J. 97 (5): 506–11. PMID 15180028. doi:10.1097/00007611-200405000-00018. 
  6. Poole K, Reeve J (2005). "Parathyroid hormone - a bone anabolic and catabolic agent". Curr Opin Pharmacol 5 (6): 612–7. PMID 16181808. doi:10.1016/j.coph.2005.07.004. 
  7. 7,0 7,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2007. Consultado o 21 de xaneiro de 2012. 
  8. Page 1094 (The Parathyroid Glands and Vitamin D) in: Walter F., PhD. Boron (2003). Elsevier/Saunders, ed. Medical Physiology: A Cellular And Molecular Approaoch. p. 1300. ISBN 1-4160-2328-3. 
  9. Zieve, MD, MHA, David. "MedlinePlus Medical Encyclopedia: Serum calcium". National Library of Medicine, National Institutes of Health. Consultado o 2009-02-01. 
  10. Randolph A. Chen and William G. Goodman. Role of the calcium-sensing receptor in parathyroid gland physiology. American Journal of Physiology. (review) [1] Arquivado 09 de abril de 2013 en Wayback Machine.
  11. Kensuke Takatsuki, David A. Hanley and Louis M. Sherwood. Effects of magnesium ion on parathyroid hormone secretion in vitro. Calcified Tissue international. Volume 32, Number 1, 201-206, DOI: 10.1007/BF02408542 . [2] Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  12. Linda S. Costanzo (2007). Lippincott, Williams, & Wilkins, ed. BRS Physiology. p. 260. ISBN 978-0781773119. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  • PubMed results 1 PTH [3]
  • PubMed results 2 PTH [4]
  NODES
INTERN 1
todo 1