Patum de Berga
A Festa da Patum de Berga é unha celebración tradicional que se realiza durante as festas do Corpus Christi na localidade barcelonesa de Berga. Foi declarada pola Unesco Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade o día 25 de novembro do ano 2005 e inscrita en 2008 na súa lista representativa[1] e por iso elixida automaticamente como Tesouro do Patrimonio Cultural Inmaterial de España xunto ao Misterio de Elx. Anteriormente, no ano 1983 foi declarada pola Generalitat de Cataluña festa tradicional de Interese Nacional. A Patum foi fundada a finais do século XIV como unha festa de carácter esencialmente popular e atópase documentada desde o ano 1525.
A celebración consiste en diversas representacións de figuras místicas e simbólicas, que bailan ao ritmo da música e os tambores. Os bailes caracterízanse pola súa solemnidade, así como pola utilización de lume e artefactos pirotécnicos.
O mércores anterior ao xoves de Corpus, o tabal (pregoeiro da festa) e os xigantes percorren a cidade anunciando o comezo das festas. Máis tarde comeza o drama mímico, dividido en varios actos, que representan as intensas loitas dos cristiáns contra os mouros; ao arcanxo San Miguel que, axudado por anxos, loita contra Lucifer e os seus diaños; ou as burlas contra o caudillo árabe Abul-Afer ou Bullafer, conquistador da zona. En cambio, o acto da aguia expresa a satisfacción de Berga por acabar co dominio feudal e pasar a depender directa e exclusivamente do rei.
As festas teñen lugar desde o mércores de Corpus ata o seguinte domingo. Ao día seguinte do propio Corpus realízase unha Patum infantil, nunha versión adaptada para nenos.
Notas
editar- ↑ "La Patum de Berga". UNESCO Culture Sector. Consultado o 20-08-2010.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Patum de Berga |