Perséfone

Raíña do inframundo na mitoloxía grega

Na mitoloxía grega, Perséfone (do grego Περσεφόνη), tamén chamada Kore; "a doncela"), é a filla de Zeus e a deusa Deméter, e raíña do inframundo. Homero descríbea como a formidable e maxestosa raíña do inframundo, que fai efectivas as maldicións dos homes nas almas dos mortos. Perséfone foi secuestrada por Hades, o deus do inframundo.[1] O mito do seu secuestro amosa a súa función como personificación da vexetación que aparece na primavera e desaparece despois da colleita; polo tanto, tamén se asocia coa primavera e a fertilidade da terra. Existen mitos semellantes no Oriente, nos cultos de deuses como Atis, Adonis e Osiris,[2] e na Creta minoica.

Perséfone abrindo unha cista que contén a Adonis de neno.

Perséfone, como deusa da vexetación, e a súa nai Deméter eran as figuras centrais dos misterios eleusinos que precederon ós deuses olímpicos, e que prometían ós iniciados unha perspectiva máis alentadora despois da morte. Segundo a tradición órfica, Perséfone é a nai de Dioniso, Iaco ou Zagreo. A orixe da súa adoración é incerta, pero está baseada en cultos moi antigos de comunidades agrarias.

Na mitoloxía romana, é chamada Proserpina, e a súa nai Ceres.

  1. Martin Nilsson (1967). Die Geschichte der Griechische Religion Vol I pp 462–463, 479–480
  2. Fraser. The golden bough. Adonis, Attis and Osiris. Martin Nilsson (1967). Vol I, pp. 215
  NODES
Done 1
orte 1