Peto negro

especie de ave

O Peto negro (Dryocopus martius) é un peto da subfamilia dos petos auténticos (Picinae). É o peto de tamaño meirande do continente europeo, se exceptuamos as especies probablemente extintas (Campephilus imperialis) e (Campephilus principalis), o segundo peto do mundo en tamaño, despois da especie asiática (Mulleripicus pulverulentus). As dúas subespecies de peto negro están repartidas por nunha grande área do Paleártico setentrional e central.

Peto negro

Macho adulto coas crías
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Piciformes
Familia: Picidae
Xénero: Dryocopus
Especie: D. martius
Nome binomial
'Dryocopus martius'
(Linnaeus, 1758)
Distribución do peto negro
Distribución do peto negro

Distribución do peto negro

Descrición

editar

O talle e o deseño da plumaxe dos petos negros fan que sexa difícil de confundir con outras aves. Os exemplares da subespecie nominativa, D. m. martius, acadan os 48 cm. de lonxitude, cunha envergadura de ás duns 70 cm. A subespecie D. m. khamensis é de talle semellante pero de ás algo máis longas. O peso varía, dependendo das dispoñibilidade de alimentos, entre os 260 e os 340 gramos. Como regra, os individuos setentrionais son algo meirandes e máis pesados.[2] A súa plumaxe é completamente negra, agás na parte superior da cabeza. Coa luz axeitada esta cor negra amosa pequenas diferenzas de matiz. A parte superior do corpo ten tons máis escuros e brillantes e as plumas poden ter reflexos azulados. A inferior é máis mate con lixeiros tons agrisados ou acastañados. As rémixes primarias son a miúdo algo máis claras e cun matiz máis castaño có resto das plumas das ás. Cando están pousados a cola, longa e gallada, é ben visible. O bico, de base ancha, mide uns 5 ou 6 cm. e é de cor branca agrisada coa punta gris escura. O iris dos ollos dos adultos, que de lonxe semella branco, é de cor crema. Os dedos son grises claros, coas unllas algo máis escuras.

As femias son, de media, algo máis pequenas e lixeiras cós machos, aínda que este dato é pouco significativo para identificalas en condicións de liberdade.[3] O signo distintivo entre os sexos máis evidente é a área de coloración vermella da cabeza, que nos machos abrangue dende a base do bico ata case a caluga e nas femias vai da parte posterior da cabeza ata ó comezo da caluga. As plumas das femias son algo máis mates cás dos machos.

 
Macho novo de peto negro

Os exemplares novos son máis claros: en especial as plumas rectrices son máis axiña grises acastañadas cá negras. O bico dos xoves é da cor do marfil e o iris ocular negro. A área vermella da cabeza cobre aproximadamente a mesma área cá dos adultos, pero ten unha cor máis mate. Os petos negros novos cambian á plumaxe adulta á fin do seu primeiro ano de vida.

Voz e sons

editar

Os petos negros son aves ruidosas, aínda que as diferenzas de actividade sonora entre os diferentes exemplares son significativas. Os dous sons vocais máis habituais son un berro que emiten cando voan e unha especie de queixume que usan habitualmente para marca-lo territorio ou indicar a súa presenza. Ámbolos dous berros poden escoitarse durante todo o ano coa excepción da época final da incubación e durante a cría dos polos e óense ata case un quilómetro de distancia, ou máis se as condicións climáticas son boas. O berro territorial utilízano tamén cando se senten molestados, e, cando están moi excitados, repíteno en intervalos de poucos segundos. Variacións do mesmo son emitidas en situacións de conflito e unha estrofa especial, alta e de son metálico, que serve para a atracción sexual e a marca territorial déixase oír só na época reprodutora. Ademais destes sons, ámbolos dous sexos dispoñen dunha serie de berros baixos, algúns deles guturais, que emiten en momentos de gran excitación sexual. O ruído que producen cando petan co bico na madeira serve tamén para as funcións de marcaxe do territorio e de establecer e reafirmar as relacións. O batido ten unha frecuencia aproximada de 17 golpes por segundo en series de ata 60 golpes. Estes sons son producidos polos dous sexos, por ben que as femias os producen máis ó raro e en series máis curtas e lentas. Exemplo de sons producidos polo peto negro.

Distribución

editar
 
Distribución xeográfica do peto negro

Viven en case todo o norte e centro do Paleártico, faltando en Islandia e as illas Británicas. A súa área de cría comeza no suroeste de Europa, en illas de poboación nas zonas montañosas do norte de España, continúa por boa parte de Francia, e o centro e leste do continente, seguindo pola taiga boreal ata Kamchatka, e as illas de Sakhalín, Hokkaido e o norte da de Honshu. No norte de Europa aparecen en Dinamarca, boa parte de Noruega, Suecia, Finlandia e nas Repúblicas Bálticas. En Escandinavia as súas poboacións chegan ó Círculo Polar Ártico. No sur e Sueste de Europa aparecen nos Balcáns, na fronteira norte de Italia e nunha pequena área illada no suroeste deste estado. Non cría actualmente en ningunha illa mediterránea coa excepción da de Cefalonia, e en Asia Menor crían só na montañas Pónticas. Son máis comúns no Cáucaso, Transcaucasia e nas costas iranianos do mar Caspio. No leste de Asia crían ata á provincia setentrional chinesa de Shanxi, e acadan polo leste o norte de Corea do Sur. Poboacións illadas da variedade D. m. khamensis crían no oeste da cordilleira de Kunlun, no nordeste do Tíbet e no noroeste do Sichuan.

Escollen para criar tanto bosque alpinos coma bosques de zona baixas. En Centroeuropa, por exemplo, localizáronse niños de peto negro a máis de 2200 metros de altura sobre o nivel do mar no cantón suízo de Graubünden [4], aves da subespecie nominativa crían nos montes Altai por riba dos 3500 m. e as da variedade D. m. khamensis foron observadas por riba dos 4000.[5].

Desprazamentos

editar

Os petos negros adultos son moi fieis o seu territorio e mesmo os que viven máis ó norte tentan resistir nel durante os invernos máis duros. Só en casos de moita falta de alimentos se deciden a facer viaxes de pouca distancia. Non está claro se estes movementos son regulares nas zonas máis setentrionais da súa distribución. Mesmo as aves novas que deixan a familia non adoitan desprazarse a máis de 50 km do seu lugar de nacemento, aínda que, se non se dan as condicións axeitadas para crear o propio territorio, poden facer viaxes de case 500 ou, ocasionalmente, 1.000 km [6].

Hábitat

editar

Son aves moi adaptables, o que lles permite criar con éxito en hábitats moi variados. Se cadra o lugar ideal para a especie son os bosques submontanos centroeuropeos. de faias con algúns abetos espallados. Nestes e nos bosques mixtos de piñeiro e carballo danse as concentracións meirandes de exemplares.[7] Densidades menores atópense en case calquera tipo de bosque, sempre que haxa unha certa cantidade de coníferas, e de árbores altas, illadas e de casca lisa, que lles faciliten a perforación de niños e refuxios, así como unha cantidade suficiente de alimentos. O biótopo axeitado debe ofrecer tamén árbores mortas ou caídas, pero adáptanse tamén a vivir en plantacións de árbores. A miúdo crían en áreas de pouco tamaño e moi fragmentadas, pero gústanlles tamén os bosques grandes. Se son tolerados poden vivir preto de zonas habitadas, ocasionalmente mesmo en parques. A estrutura exacta e a idade dos bosques non parecen ter unha importancia decisiva á hora de escoller un territorio: en Noruega na zona da taiga prefiren os bosques de píceas e álamos, a miúdo nas beiras de ríos ou de claros. No Báltico son habitantes de piñeirais mestos e en Hungría, España e Francia viven en bosque mixtos de faias nos que haxa algunhas coníferas.[8] En Francia aparecen mesmo en bosques caducifolios puros. As densidades de poboación son moi variables. En condicións óptimas os territorios poden ter menos de 100 hectáreas. Así, nos bosques caducifolios case naturais de Spreewald, no Land alemán de Brandeburgo, contáronse 1,3 territorios por cada 100 Ha.[9] En xeral, porén, os territorios son moito máis grandes, dunhas 400 Ha. de media na Europa central e de ata máis de 1000 en áreas menos xeitosas.

Sistemática

editar
 
Dryocopus pileatus , parente próximo do peto negro da zona neártica

O xénero Dryocopus engloba segundo as clasificacións actuais [10] sete especies de petos de tamaño grande ou moi grande, de plumaxe negra ou branca e negra. Máis destas especies teñen tamén as plumas da parte superior da cabeza vermellas. Tres delas viven principalmente na rexión neotrópica, dúas na paleotrópica , unha na neártica e outra, o peto negro, na paleártica .

A forma nominativa do peto negro Dryocopus martius martius, aparece en case toda a área de distribución da especie, a outra subespecie, D. m. khamensis, pouco diferenciada, vive illada na rexión do leste de Kunlun Shan e nas zonas exteriores do leste do Tíbet.

Cítase ocasionalmente unha terceira subespecie, D. m. pinetorum, distribuída principalmente por Europa, pero non universalmente recoñecida.

Alimentación

editar

A base da alimentación dos petos negros son os insectos, principalmente as formigas. O volume de alimento vexetal na súa dieta, principalmente froitas, bagas e sementes de coníferas, é pouco significativa. As presas máis habituais dos petos negros son os insectos de tamaño meirande coma imagos, larvas e pupas de formigas dos xéneros Camponotus , Formica , Lasius e Myrmica. A presenza de formigas na súa dieta pode chegar, con variacións anuais, ata máis do 90% do total. As formigas, singularmente as do xénero Camponotus, son tamén a base da alimentación dos polos.[11] Diversos tipos de escaravellos forman tamén unha parte significativa da súa alimentación. E outras especies de insectos coma a avéspora Urocerus gigas poden ser presas habituais cando abundan moito. Raras veces se atopan restos de dípteros, bolboretas, arañas ou pequenos caracois nos exames alimenticios feitas a exemplares da especie. Excepcionalmente capturan vertebrados, coma tritóns, polo se ovos doutras aves.

Obtención da comida

editar
 
Pegadas do traballo dun peto negro

Capturan as formigas que viven nas árbores abrindo os seus niños e camiños de paso con fortes golpes do bico na madeira. O resultado desta actividade cazadora adoitan ser sucos alongados, a miúdo en ángulo recto, que poden ser moi fondos. Levantan tamén anacos grandes de casca para extrae-los insectos que viven debaixo. A finais do outono e no inverno atacan sobre todo os niños de formigas do xénero Formica, nos que se poden concentrar ás veces diversos exemplares de peto negro, e, ocasionalmente, mesmo exemplares de peto verde ou peto cincento. Para chegar ós niños poden atravesar grosos de neve de ata preto dun metro.[12].

Conduta

editar

Actividade, descanso e desprazamentos

editar

Coma tódolos petos son aves diúrnas. As súas horas activas coinciden en xeral coas horas de sol. As femias adoitan comezar a xornada activa algo máis tarde cós machos. As horas de máis actividades concéntranse nas primeiras horas da mañá e últimas de tarde. Entre estes momentos fan, fora da época reprodutora, unha pausa longa para descansar. Aproveitan tamén as primeiras horas da maña tamén para as actividades de cortexo e sexuais e para as fases máis intensas de construción ou adaptación dos furados para face-lo niño. Os petos negros dormen nos mesmos ocos que utilizan para poñe-los ovos na época de cría, buratos que utilizan mesmo polo día se o clima é desfavorable. Malia o aspecto aparentemente pesado do seu voo, son voadores hábiles, rápidos e resistentes, que ousan sobrevoar extensións amplas de auga, como proba a súa presenza en moitas illas do Báltico. O voo é máis axiña recto, describindo un arco só cando se achegan no punto de destino. O ruído das ás pode escoitarse, sobre todo cando fan xiros, ata a 30 metros de distancia[13] O seu tamaño non lles quita de ser hábiles dabondo como para fuxir facendo cambios bruscos de dirección de inimigos que os ataquen no aire.[14]

Agatuñan polos troncos coas patas separadas, ascendendo en liña recta. Nas polas, camiñan pola parte superior. As raras veces que camiñan polo chan fano de xeito algo torpe, choutando coas dúas patas se atopan pequenos obstáculos, e voando para evitar os meirandes.

Conduta territorial

editar

Como no caso doutros petos, os límites dos territorios dos petos negros non están ben definidos, e os territorios de caza veciños poden solaparse de xeito amplo sen que xurdan problemas entre os propietarios. Machos e femias ocupan territorios distintos fora da época de cría. Os encontros ocasionais non provocan agresións e os recursos alimenticios abundantes poden ser compartidos. Durante á época de cortexo e cría, a área inmediata ó niño, as zonas de máis dispoñibilidade de alimentos e as árbores usadas para facer sinais acústicos batendo co peteiro, son defendidos fronte a outros conxéneres e mesmo ás veces fronte a outras especies de petos. Nestas áreas os petos negros invasores son recibidos cun repertorio amplo de xestos, berros e demostracións ameazantes, que son máis intensos cando unha femia localiza un intruso tamén feminino, ou un macho un do seu mesmo sexo. As loitas entre rivais seguen un ritual estrito, e o seu elemento principal son subidas espirais polos trocos acompañadas de ataques finxidos e xestos coa cabeza, amosando sempre a marca vermella cara ó rival. En casos extremos pódese chegar ó enfrontamento físico.

Malia o seu talle grande, os petos negros non son moi agresivos á hora de defende-los seus furados de cría e se son molestados continuamente poden cede-los mesmo a aves menos grandes e fortes. Algunhas aves coma o moucho de Tengmalm aproveitan frecuentemente os furados dos petos negros para pór os seus ovos. Só durante a posta, a incubación e a cría os ocos son defendidos con máis intensidade e éxito.

Para fuxiren de inimigos voadores coma o azor adoitan ficar quietos e moi pegados ás polas. Os individuos adultos que están fóra do seu tobo foxen de carnívoros coma a marta voando.

Reprodución

editar

Cortexo e formación das parellas

editar

Os petos negros maduran sexualmente ó ano de idade. Forman parellas estacionais, malia que a repetición das parellas doa no anterior é frecuente, polo que se cadra se mantén algún tipo de vencello entre algunhas parellas fora da estación de cría..[15] Os territorios de cría son marcados con berros e batendo co bico principalmente no outono serodio, malia que as cerimonias nupciais non comezan polo menos ata finais de xaneiro, facéndoo en xeral en marzo. A construción conxunta do furado do niño constitúe o elemento de unión máis importante. As cópulas que teñen lugar mentes preparan o niño son o elemento que marca a definitiva formación das parellas.

O niño

editar
 
Macho de peto negro na entrada do niño

Os petos negros escollen para face-lo niño, polo menos en Centroeuropa, lugares situados de xeito que lles fagan posible ter unha voa vista dos arredores e un punto de engalaxe xeitoso. Ademais de nas faias, que son preferidas sempre que as poden atopar, fan os niños en moitas especies de árbores incluíndo abetos, piñeiros, carballos, álamos, freixos e ameneiros. Os furados dos niños están situados habitualmente entre 10 e 20 m de altura, moi poucas veces por debaixo dos cinco metros. Para escoller a árbore axeitada teñen importancia a idade desta e o groso do tronco á altura do niño, que non adoita ser menor de 40 cm. Os máis dos buratos son preparado sen marzo e abril. En xeral perfora nun niño novo cada ano, pero ás veces poden aproveitar furados xa existentes. Os furados son máis altos que anchos coa parte inferior inclinada para permitir a saída da auga da choiva. Aproveitan a miúdo puntos febles das árbores para face-la construción. A boca do niño mide uns 12,8×8,6 cm cun fondo de entre 30 e case 60 cm. A amplitude media interior é duns 25 cm. Os furados máis axeitados son usados moitos anos, sendo en xeral cada vez máis fondos.[16] Os dous sexos colaboran na construción do burato, pero os machos parecen se-los principais encargados de prepara-la parte interior. A perforación completa leva unhas catro semanas, pero a miúdo comezan o traballo e fan unha parada ata que a madeira podreceu dabondo como para facilita-lo traballo. Se por algunha causa perden un furado poden preparar un de substitución en menos de 10 días.[17]

Incubación e cría

editar
 
Dryocopus martius pinetorum

Fan unha posta ó ano. En Centroeuropa o momento máis intenso da cría é a mediados de abril, pero as molestias causadas mentres están no niño fan que se poidan atrasa-la posta que se poidan atopar niños con ovos a primeiros de xuño. A perda de ovos ou niños pode dar lugar a unha posta de substitución, en xeral máis pequena, polo que mesmo en agosto poden verse en ocasións adultos embicadando ós fillos.[18]

Poñen entre 2 e 6 ovos de aspecto de porcelana e cor branca, que miden de media 35 × 26 mm. e pesa nuns 13 gramos. Os ovos son sorprendentemente pequenos sen relación ó tamaño da ave.Entre a posta de cada un dos ovos pasa un día, dous como moito es ó comeza na chocar cando aposta está completa. Os polos rompe na casca con bastante separación (dun a tres días) uns dos outros, o que provoca diferenzas de desenvolvemento evidentes. A incubación dura uns 13 días, roldándose os dous sexos, aínda que os machos adoitan ocuparse das horas nocturnas. Durante os primeiros oito días de vida os pitiños son alimentados constantemente a intervalos curtos, principalmente con formigas e larvas de formiga. A partir dos 17 días de vida os polos saen á boca do niño para recibi-la comida. O tempo de estanza no niño é variable e vai dos 25 ós 31 días.[19] Cando comezan a voar os polos a familia divídese habitualmente en dous grupos, cada un ó cargo dun adulto. Os petos negros novos pasan aínda un período de, en xeral, catro ou cinco semanas cos adultos..Sábese pouco das relacións entre as dúas partes da familia nesa época. Os petos negros teñen taxas altas de éxito reprodutor, con perdas que se sitúan segundo varios estudos por debaixo do 15%.[18] A separación das familias non causa habitualmente grandes desprazamentos, pero en ocasións algúns petos xoves fan viaxes de máis de 100 km.

Idade e causas da morte

editar

Non se coñece a idade media que poden alcanzar os petos negros na natureza, Unha femia anelada no seu primeiro ano de vida foi recuperada 12 anos máis tarde e tíñase reproducido na derradeira estación de cría.[20] As mortes prematuras e as perdas de niños ou niñadas son causadas en xeral por depredadores como o azor, os falcóns peregrinos e os bufos.[21] Moitos petos novos morren por accidentes diversos ou de fame durante o seu primeiro inverno de vida. Os invernos de moita neve, que impide ós petos negros o acceso fácil ó alimento son críticos para a especie. Non é raro que morran por causas derivadas da conxelación en invernos moi fríos.[22]

Usuarios dos furados do peto negro

editar
 
Furado de entrada dun niño recentemente construído

En Europa contáronse ata 50 especies animais que utilizan os niños abandonados de peto negro ou expulsan os petos para aproveitalos. Entre elas hai morcegos, estorniños, pombas, varias especies de aves de rapina nocturnas, algunhas anseriformes, esquíos e martas. Os buratos son usados como refuxio ou para criar. Abellas, avésporas e abellóns son tamén habitantes ocasionais dos ocos dos petos. Algúns córvidos, as martas e as avelaionas poden botar fora os petos para ocupa-los seus niños. A importancia dos petos negros para outras especies púxose de manifesto nun estudo levado acabo na illa báltica de Bornholms. En 1966 reproduciuse nela a primeira parella de petos. Contra mediados dos anos 1980 contábanse 36 parellas e algunhas aves non reprodutoras. Neses 20 anos construíronse case 2000 furados, aumentaron significativamente as poboacións de gralla pequena (Corvus monedula) , e instaláronse na illas as pombas das fragas (Columba oenas), e os mouchos de Tengmalm.[23]

Situación da especie

editar

A substitución en moitas partes de Europa a finais do século 19 de zonas de bosque baixo por bosque máis alto, singularmente plantacións de coníferas, provocou a expansión da zona de cría da especie por unha ampla área do continente, incluíndo zonas de terras baixas. Contra 1920 os petos negros colonizaran boa parte do norte de Alemaña, Bélxica, os Países Baixos, e o leste de Austria. Nos anos 1960 ocupaban boa parte de Francia onde a expansión continúa. Están a establecerse en Dinamarca e nas chaira húngara.. Desde 1980 aumentou tamén a súa área de distribución en Suíza.[24] En Suecia é a única especie de peto que non se viu afectada pola transformación dos bosques en explotacións forestais.[25]

A situación actual en Europa é de estabilidade ou de lixeiro aumento.[26] Calcúlase que no continente hai entre 740.000 e 1,4 millóns de parellas reprodutoras.[27]

Referencias culturais

editar

Como indica o seu nome específico martius, o peto negro estaba asociado con Marte, o deus romano da guerra. Un peto, se cadra o peto negro, está presente na lenda da fundación de Roma, colaborando coa loba capitolina na alimentación de Rómulo e Remo. Na antiga Grecia os seus berros e voos servían de oráculo. Probablemente atribuíanselle tamén nalgunhas ocasións características de ave de mal agoiro., como amosa un texto de Horacio: "eque nec laevus vetat ire picus” ( que ningún peto á túa esquerda che dificulte a viaxe).[28] Nalgunhas tribos xermánicas era a ave asociada a Thor, o deus do trono. Entre algúns pobos de Siberia considérase curativo o seu sangue e os ainus de Hokkaido venerábano coma á un deus. O nome científico do xénero, Dryocopus, procede do xenitivo do substantivo grego δρνς (faia) e do verbo κόπος (bater, petar), e podería traducirse por: "o que peta nas faias".[29]

  1. BirdLife International (2012). "Dryocopus martius". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2012.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 16 July 2012. 
  2. HBV (1994) Bd. 9. S. 966
  3. Blume (1996) S. 20
  4. HBV (1994) Bd. 9. S. 972
  5. Günther (2002) S. 5
  6. Gorman (2004) p. 94 Mitteleuropäische Spechte dismigrieren vor allem in westliche oder südöstliche Richtungen
  7. HBV (1994) Bd. 9. S. 975
  8. Gorman (2004) p. 84f
  9. Thomas Noah: Siedlungsdichte, Habitat und Bestandsentwicklung der Spechte im NSG "Innerer Unterspreewald". Otis 8, 2000: S. 75-98
  10. Winkler (1995)
  11. Gorman (2004) p. 86
  12. Gorman (2004) p.87
  13. HBV (1994) S. 980
  14. HBV (1994) Bd. 9. 980
  15. HBV (1994) Bd. 9 S. 976
  16. HBV (1994) Bd. 9. S. 978
  17. Blume (1996) S. 41
  18. 18,0 18,1 Hölzinger (2001) Bd. 2.3 S. 422
  19. Hölzinger (2001) Bd. 2.3 S. 421
  20. Günther (2002) S. 11
  21. Blume (1996) S. 50
  22. HBV (1994) Bd. 9. S. 980
  23. Günther (2002) S. 27
  24. Bauer (1996) S. 287
  25. Gorman (2004) p. 84
  26. HBW (2002) Bd. 7
  27. Factsheet birdlife europe
  28. Blume S. 100
  29. Wember (2005) S. 113

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Chat 1
Done 1
eth 1
orte 17