Pexegueiro (árbore)
Pexegueiro | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||
Prunus persica (L.) Batsch |
O pexegueiro (Prunus persica), é unha árbore decidua nativa da China, onde se cultivou por vez primeira. O seu froito é comestíbel e suculento: o pexego. O nome da especie, 'persica' refírese a que foi amplamente cultivado en Persia, de onde foi introducido en Europa. Pertence ao xénero Prunus que inclúea cerdeira, ou a ameixeira, da familia das rosáceas. O pexegueiro clasifícase xunto á amendoeira no subxénero Amygdalus, que se distingue dos outros por ter a carabuña (onde fica nas sementes) brugosa.
Pexegos e nectarinas están estreitamente relacionados, malia que comercialmente se vendan coma froitos diferentes. As nectarinas son de feito a mesma especie cós pexegos, mais estes teñen a tona aveludada. Estudos xenéticos demostran que as nectarinas prodúcense por un alelo recesivo, mentres que os pexegos prodúcense polo alelo dominante que dá a tona aveludada.[1]
China é o maior produtor mundial de pexegos e nectarinas [Cómpre referencia]. En Galicia véñense cultivando dende antigo como amosa a toponimia: Pexegueiro, aínda que pode que en menor medida ca outras froiteiras como maceiras ou cerdeiras. Pexegueiro é tamén un apelido galego.
Descrición
editarPrunus persica alcanza de 4 a 10 m de alto. As follas son lanceoladas, de 7 a 16 cm de longo e 2 a 3 cm de largo, pinnadas e con veas. As flores agroman a comezos da primavera, solitarias ou en parellas, rosas, con cinco pétalos. O froito ten a carne branca ou amarela, un delicado aroma e a tona aveludada nos pexegos ou lisa e sen pelo nas nectarinas e dependendo do cultivar. A polpa é moi delicada e pode esmagarse con facilidade, mais é bastante firme nalgunhas variedades comerciais, especialmente cando están verdes. A semente é única, grande, pardo avermellada, de forma oval duns 1,3 a 2 cm de longo e arrodeada por unha casca amadeirada. Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques son froitas drupas.
Etimoloxía
editarO nome científico persica, ao igual que o nome galego pexego (pêssego en portugués) e os seus cognatos en moitas linguas europeas (pêche en francés, peach en inglés, préssec en catalán, pesca en italiano), deriva da antiga crenza europea de que o pexego viña de Persia. Os antigos romanos chamábalenlle malum persicum, "mazá persa".[2]
Os pexegueiros cultivados divídense dependendo se a carabuña pode ou non desprenderse da polpa con facilidade. Os pexegos de carne branca acostuman ser moi doces e lixeiramente acedos, mentres que os de carne amarela, adoitan combinar o sabor acedo coa dozura, malia que isto pode variar enormemente. A polpa de ambas cores acostuma ter tamén certas partes encarnadas. Os pexegos de carne branca pouco acedos son os máis populares na China, no Xapón e demais países asiáticos, mentres que europeos e norteamericanos prefiren, historicamente, os amarelos algo acedos [Cómpre referencia].
Historia
editarAínda que o nome botánico Prunus persica se refire a Persia (actual Irán) de onde viría a Europa, estudos xenéticos suxestionan que procede da China,[3] onde foi cultivada dende a antigüidade, arredo rdo 2000 AC.[4][5] Os pexegueiros foron citados en escritos chineses xa no século X antes de Cristo, considerándose un dos froitos preferidos de reis e emperadores. Nos últimos tempos, a historia do cultivo do pexego foi revisada polo miúdo citando numerosos manuscritos orixinais que se remontan ao 1100 antes de Cristo.[6]
O pexego chegou á India e ao oeste asiático xa na antigüidade.[7] O cultivo do pexego tamén pasou da China a Persia e chegou a Grecia arredor do 300 antes de Cristo.[5] Alexandre o Grande introduciu o froito en Europa despois da conquista dos persas.[7] Os pexegos xa eran ben coñecidos polos romanos no primeiro século despois de Cristo,[5] de feito era moi cultivado na Emilia Romaña. Os pexegueiros aparecen en frescos das domus das vilas destruídas pola erupción do Vesuvio no ano 79 da nosa era, xunto coas máis vellas representacións atopadas polo de agora en dous fragmentos de frescos que se remontan ao primeiro século, en Herculaneum, agora preservados no Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles.[8] Roma levou o pexego a Iberia e de aí foi introducido na Gallaecia xa na antigüidade, aínda que non fose o clima máis axeitado para o cultivo deste Prunus en todo o país.
Castela levou o pexego ás Américas no século XVI, e eventualmente ingleses e franceses no século XVII, cando era considerado un luxo prezado. O horticultor George Minifie levou supostamente os primeiros pexegueiros de Inglaterra ás colonias americanas a comezos do século XVII, plantándoos no estado de Virxinia.[9] Aínda que Thomas Jefferson tiña pexegueiros en Monticello, os agricultores estadounidenses non comezaron a comercialización até o século XIX principalmente en Maryland, Delaware, Xeorxia e finalmente en Virxinia
En 2010, un grupo de investigadores da Universidade de Clemson, en Carolina do Sur, anunciaron que decodificaran a secuencia do xenoma do pexegueiro (haploide duplo Lovell).[10][11]
Cultivo
editarOs pexegos medran ben nun rango bastante limitado de lugares, xa que teñen uns requirimentos de frío que non todas as zonas do planeta poden dar. Así, en climas tropicais e ecuatoriais como no Ecuador, Colombia, Etiopía, India ou Nepal, medran en zonas altas para ter esas horas de frío.[12][13] Os pexegueiros resisten temperaturas de -26 a -30 °C, malia que ás veces a esas temperaturas poden matar os gomos florais se perduran até a primavera, perdendo toda a produción do ano. A morte dos gomos comeza a partir dos 15º baixo cero dependendo do cultivar (algúns toleran mellor o frío) e do período de xeadas.[14]
Os típicos cultivares de pexegueiro comezan a dar froito a partir do terceiro ano, dando froita de calidade durante 12 anos aproximadamente. Moitos cultivares requiren entre 600 e 1000 horas de frío, cultivares con requirimentos de frío de 250 horas (10 días) ou menos foron desenvolvidas para permitir o cultivo do pexego en zonas máis cálidas. Durante os períodos fríos ocorren na planta reaccións químicas básicas antes de que o vexetal torne a regromar. Cando remata o período de frío, a planta entra no chamado período de quiescencia, o segundo tipo de dormencia. Durante a quiescencia, os rebentos comezan a se abrir e agoman cando teñen calor de abondo. A quiescencia é a fase de dormencia entre a satisfacción de frío e o comezo do crecemento.[15]
Certos cultivares son máis febles, e outros, porén, aturan mellor o frío. Ademais de todo isto, para a maduración do pexego cómpre ter unha intensa calor no verán, entre 20 e 30 graos mínimas no mes de máis calor. Outro problema é que moitos pexegos medran en lugares con xeadas primaverais. O pexegueiero tende a florecer cedo, polo que as floriñas poden danarse ou incluso morrer por mor das xeadas serodias; especialmente cando as temperaturas baixan dos 4 graos baixo cero a maior parte da flores han morrer. Porén se as flores non abriron completamente poden aturar aínda un par de graos menos.
Cultivares
editarHai centos de cultivares de pexegueiro e nectarina. Clasifícanse segundo a facilidade que ten a carne de se separar da carabuña. Por exemplo nas pavía, froito da pavieira (Prunus persiva var. vulgaris[16]), a polpa está moi pegada á carabuña (o que en inglés se coñece coma clingstones). Os que se separan facilmente da carabuña se denominan freestones
O cultivo do pexego favoreceu algúns cultivares con máis firmeza, unha cor máis avermellada, e veludo máis curto; características importantes comercialmente. Pola contra estas características non implican que o froito teña máis sabor. Ademais cómpre salientar que o pexego non é un froito que teña unha longa vida post colleita, polo que forn seleccionados cultivares para poder exportar garantindo a firmeza.[17] Os diferentes países teñen cultivares diferentes.
Plantación
editarA meirande parte dos pexegueiros de alcouve que venden os viveiros son cultivares enxertados nun porta-enxerto seleccionado, o que fai que mellore a calidade da froita considerabelmente.
Os pexegueiros necesitan localizacións asolladas con correntes de ar para garantir unha temperatura axeitada. Plántanse a comezos do inverno. Durante a etapa de crecemento necesitan regas regulares, con maiores frecuencias antes da colleita.[18]
Os pexegueiros necesitan unha fertilización con maiores unidades de azote ca outras froiteiras. Sen unha fertilización regular, as follas comezan a se tornar amarelas ou diminúe o crecemento. O nitrato amónico de calcio e a axuda de aminoácidos dan bos resultados.
Normalmente se nunha mesma póla hai un gran número de pexegos a madurar, estes ficarán máis miúdos e menos saborosos, polo que os agricultores acotuman tirar flores na primavera para que esta dilución non ocorra.
Os pexegos frescos machúcanse facilmente se non se almacenan de xeito correcto. Son máis saborosos cando se apañan directamente maduros da árbore e se consomen no mesmo día.[18]
Doenzas
editarO pexegueiro tende a ter a doenza fúnxica coa que as follas se tornan engurradas (folla engurrada), que non afecta directamente ao froito, mais reduce a colleita por mor da defoliación. O froito é moi susceptíbel a algúns fungos, coma a podremia parda Monilinia fructicola ou ás manchas avermelladas escuras.
Almacenamento
editarPexegos e nectarinas deben almacenarse a 0 °C e alta humidade.[19] Son altamente perecedoiros, e normalmente son consumidos ou enlatadas nunha ou dúas semanas após a colleita. Os pexegos son froitos climatéricos[20][21][22] e continúan a madurar despois de seren collidos da árbore.[23]
Nectarinas
editarA variedade P. persica var. nucipersica (ou var. nectarina), comunmente chamada nectarina, ten unha pela lisa sen o veludo do pexego, polo que ás veces tense chamado pexego careca, peladillo etc. Como nectarinas e pexegos vense comercialmente coma froitos diferentes, moitas veces tense crido que a nectarina é froito do cruzamento entre pexegos e ameixas, mais son en realidade a mesma especie. Moitos estudos xenéticos conclúen que as nectarinas se producen por mor dun alelo recesivo, mentres que o veludo do pexego correspondería a un alelo dominante.[1]
O mesmo cós pexegos, as nectarinas poden ser brancas ou amarelas, coa carabuña pegada ou solta da polpa. Normalmente a nectarina é un chisco máis miúda e un pouco máis doce ca o pexego.[1] A falla de veludo fai que as nectarinas semellen máis encarnadas cós pexegos, pero á vez, por este motivo machúcanse máis facilmente.
A historia da nectarina é incerta, a primeira mención dáse en Inglaterra en 1616[24] porén de seguro foran cultivadas moito antes na zona nativa de centro e leste de Asia. Unha edición da "New York Gazette" do 28 de marzo de 1768 por exemplo, menciona unha granxa en Long Island (Nova York), onde se cultivan nectarinas.
Paraguaios e platerinas
editarOs paraguaios [25] Prunus persica var. platycarpa e as platerinas son variedades achatadas. Os paraguaios posúen a pela aveludada, mentres que as platerinas non posúen pelo. As platerinas, desenvolvidas por Viveros Provedo,[26] entraron no mercado en 2007.[27]
Produción
editarOs dez maiores produtores de pexegos e nectarinas 2010 (millóns de toneladas métricas) | ||
---|---|---|
Estado | Produción (Millóns Tm) |
Rendemento (Tm/hectárea) |
China | 10.83 | 14.8 |
Italia | 1.59 | 17.6 |
Estados Unidos | 1.26 | 21.1 |
España | 1.13 | 15.5 |
Grecia | 0.64 | 17.3 |
Turquía | 0.53 | 18.6 |
Irán | 0.5 | 11.1 |
Chile | 0.36 | 18.5 |
Francia | 0.33 | 23.6 |
Arxentina | 0.32 | 12 |
Total Mundial | 20.53 | 13.3 |
Fonte: FAO (Food & Agriculture Organization)[12] |
Produtores de pexego historicamente importantes son a China, Irán, Francia e os países do Mediterráneo, coma Italia, España e Grecia. En España son Cataluña, Aragón e Murcia as rexións de produción máis importantes, ocupando un lugar destacábel Estremadura e Andalucía.[28] Recentemente os Estados Unidos (California, Carolina do Sur[29] e Xeorxia[30]), Xeorxia é tamén coñecida como o "Peach State" (estado do pexego), pola súa abondosa produción deste froito.[31] O Canadá (British Columbia), e Australia (Riverland) tamén son hoxe importantes.[32] As zonas de clima oceánico, como o oeste de Europa, non son xeralmente satisfactorias para o cultivo do pexego por mor da falla de calor no verán, polo que ás veces cultívanse á beira dun muro, coma no caso dos cítricos, para apañar a calor acumulada na parede. Deste xeito, e sempre cunha orientación ao sur, as árbores poden florecer e ter unha boa produción. Isto ocorre en zonas coma o sur de Inglaterra ou Galicia, que non son zonas produtoras, xa que, por mor destas condicións, a comercialización non é rendíbel.
Téñense tamén desenvolvido variedade ananas que non pasan dos 2 ou 3 metros de altura. O tamaño da froita, porén, non se ve afectado.
Significado cultural
editar.
Os pexegos non son só unha froita popular, senón que constitúen un símbolo en moitas culturas tradicionais exaltados artisticamente en pinturas e relatos populares. Na China apréciase moito os pexegueiros en flor. Os antigos chineses crían que o pexegueiro tiña unha grande vitalidade, xa que florece antes de que saian as follas. A lenda di que Momotaro, un dos nobres e heroes máis notábeis do Xapón, naceu dun enorme pexego que frotaba nun regueiro. Momotaro ou o "Rapaz Pexego" viviu grandes aventuras, incluso loitou contra o demooni do folclore nipón. Na Corea, os pexegos téñense cultivado durante séculos. Segundo Samguk Sagi, os pexegueiros foron plantados no período dos tres reinos de Corea Sallim gyeongje tamén escribiu sobre o seu cultivo. O pexego vese coma un froito de ledicia, riqueza, honra e lonxevidade. É un dos dez froitos da inmortalidade, polo que aparecen e moitas pinturas tradicionais (minhwa). Ademais os pexegueiros teñen a fama de espantar os espíritos.[33][34]
No Vietnam tamén é unha árbore venerada. En Europa moitos artistas sonados pintaron naturezas mortas con pexegos. Caravaggio, Vicenzo Campi, Pierre Auguste Renoir, Claude Monet, Edouard Manet, Henri Jean Fantin-Latour, George Forster, James Peale, Severin Roesen, Peter Paul Rubens, Van Gogh están entre estes artistas que pintaron pexegos e pexegueiros.[35][36][37] Na Renacenza, usouse o pexego de xeito simbólico para representar o corazón, e a folla que o acompaña coma a lingua, o que simbolizaba dicir a verdade de corazón
Nutrición
editarValor nutricional do pexego (parte comestíbel) | ||
---|---|---|
Parámetro | Cantidade | |
KJ | 165 | |
Proteínas | 0,9 g | |
Graxas | 0,3 g | |
Carbohidratos | 9,5 g | |
Fibras | 1,5 g | |
Azucres | 8,4 g | |
Vitamina C | 6,6 mg | |
Vitamina A | 16 ug | |
Potasio | 190 mg | |
Ferro | 0,25 mg | |
Folatos | 4 ug |
Un pexego medio pesa 75 g e normalmente contén 30 Cal. 7 g de carbohidratos (6 g de azucres e 1 g de fibra), 1 g de proteínas, 140 mg de potasio e o 8% do valor diario recomendado de vitamina C.[38] As nectarinas fornecen o dobre de vitamina A e algo máis de vitamina C, sendo tamén unha maior fonte de potasio cós pexegos.[19]
Coma outros membros da familia das rosáceas, as carabuñas dos pexegos conteñen glicósidos cianoxénicos, incluíndo amigdalina. Estas substancias son capaces de descomporse nunha molécula de azucre e en gas cianuro de hidróxeno. Malia non ser as carabuñas de pexego as máis tóxicas entre as rosáceas, posto que leva a améndoa acre, grandes doses destes químicos poden ser perigosas para o ser humano.
A alerxia ou intolerancia ao pexego é común, por mor da hipersensibilidade ás proteínas que conteñen os pexegos e froitas afíns como as améndoas.[39] Normalmente a froita enlatada e pelada tolérase ben.
Galería de imaxes
editar-
Pexegueiro a florecer.
-
Froita en desenvolvemento
-
Flores de pexegueiro
-
Primeiro plano da flor
-
Pexegos
-
Pexego(cultivar 'Berry')acuarela de 1895
-
Pexego branco e sección
-
Pexego en xarope melba
-
Pexegos brancos Xeorxia.
-
Interior da carabuña do pexego.
-
Pierre Auguste Renoir, Natureza Morta con Pexegos
-
Claude Monet, Un Tarro de Pexegos
-
Van Gogh, Pexegueiro en Flor (1888)
-
Neno cun Cesto de Froita de Caravaggio (1592).
-
Ribeira dos Pexegos Florecidos por Shitao, 1642-1707, Metropolitan Museum of Art.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Oregon State University: peaches and nectarines
- ↑ [Lyle Campbell, Historical Linguistics: An Introduction, 2nd ed. (Cambridge, Mass: MIT Press, 2004): 274.]
- ↑ [Thacker, Christopher (1985). The history of gardens. Berkeley: University of California Press. p. 57. ISBN 978-0-520-05629-9.]
- ↑ Singh, Akath; Patel, R.K.; Babu, K.D.; De, L.C. (2007). "Low chiling peaches". Underutilized and underexploited horticultural crops. New Delhi: New India Publishing. p. 90. ISBN 978-81-89422-69-1.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Geissler, John (2009). The New Oxford Book of Food Plants. Oxford: Oxford University Press. p. 82. ISBN 978-0-19-160949-7.
- ↑ Layne, Desmond R.; Bassi, Daniele (2008). The Peach: Botany, Production and Uses. CAB International. ISBN 978-1-84593-386-9.
- ↑ 7,0 7,1 Ensminger, Audrey H. (1994). Foods & nutrition encyclopedia. CRC Press. ISBN 0-8493-8980-1.
- ↑ Laura Sadori; et al. (2009). "The introduction and diffusion of peach in ancient Italy" (PDF). Edipuglia. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ "George Minifie". Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ Peach genome completed United Press International, April 2, 2010, Retrieved August 30, 2010
- ↑ Sosinski, Byron et al (2010) Peach Genome Genome Database for Rosacea, Retrieved August 30, 2010
- ↑ 12,0 12,1 "Major Food And Agricultural Commodities And Producers - Countries By Commodity". Fao.org. 2011. Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2012. Consultado o 2012-08-18.
- ↑ Deciduous Fruit Production - India (see Peach section), FAO United Nations
- ↑ Szalay, L., Papp, J., and Szaóbo, Z. (2000). Evaluation of frost tolerance of peach varieties in artificial freezing tests. In: Geibel, M., Fischer, M., and Fischer, C. (eds.). Eucarpia symposium on Fruit Breeding and Genetics. Acta Horticulturae 538. Abstract.
- ↑ "Peach tree physiology" (PDF). University of Georgia. 2007. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de xuño de 2010. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ Os cultivos agrícolas en Vocabulario do medio agrícola, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009. Vocabulario ortográfico da lingua galega. A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
- ↑ W.R. Okie (2005). "Varieties - Peaches" (PDF). United States Department of Agriculture. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ 18,0 18,1 McCraw, Dean ((unknown date)). "Planting and Early Care of the Peach Orchard" (PDF). Oklahoma Cooperative Extension Service. Consultado o February 13, 2012.
- ↑ 19,0 19,1 "Peach and Nectarine Culture". University of Rhode Island. 2000. Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ http://jxb.oxfordjournals.org/content/58/12/3299
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2021. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2012. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ Oxford English Dictionary
- ↑ VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 183. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
- ↑ Platerina ® 110 Arquivado 20 de novembro de 2012 en Wayback Machine. (Viveros Provedo)
- ↑ Ni paraguaya ni nectarina... platerina (EL PAÍS, 29 de agosto de 2010)
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2011. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ Fort Valley State University College of Agriculture: Peaches
- ↑ Georgia Peach: Georgia Peach Study
- ↑ http://www.webmd.com/food-recipes/features/peach-10-healthy-facts
- ↑ "Growers left in lurch as CanGro plant closures go ahead". Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2012. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ "한국에서의 복숭아 재배" [Peach cultivation in Korea] (en Korean). Nate / Britannica. Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2012. Consultado o 2010-01-12.
- ↑ "복숭아" [Peach] (en Korean). Nate / Encyclopedia of Korean Culture. Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2012. Consultado o 2010-01-12.
- ↑ Janet M. Torpy (2010). "Still Life With Peaches". JAMA 303 (3): 203–203.
- ↑ "Caravaggio’s Fruit: A Mirror on Baroque Horticulture - Jules Janick" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ Aaron H. de Groftyear=2006. "Caravaggio - Still Life with Fruit on a Stone Ledge (Book: Papers of the Muscarelle Museum of Art, Volume 1)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 03 de setembro de 2012.
- ↑ USDA Handbook No. 8
- ↑ Article on Peach allergy, M. Besler et al.
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Pexegueiro |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Pexegueiro (árbore) |
Bibliografía
editar- Huxley, A., ed. (1992). New RHS Dictionary of Gardening. Macmillan ISBN 0-333-47494-5.