As plantas acuáticas son plantas axeitadas a medrar en ambientes acuáticos (auga salgada ou doce). Tamén reciben os nomes de hidrófitas ou macrófitas acuáticas. Estas plantas cómpren de adaptacións especiais para vivir mergulladas na auga, ou na tona da mesma- a adaptación máis común é a dos tecidos tipo aerénquima (con grandes espazos intercelulares cheos de ar), porén as follas boiantes e as follas desecadas son adaptacións tamén moi comúns.[1][2][3] As plantas acuáticas só poden medrar na auga ou en solos que estean permanentemente saturados de auga. Son, polo tanto, especies comúns dos lameiros, brañas e zonas húmidas en xeral.[4] O principal factor que controla a distribución das plantas acuáticas é a fondura e mais a duración do asolagamento ou enchente. Mais existen outros factores que tamén pode controlar a distribución e a abundancia, coma por exemplo a cantidade de nutrientes, a perturbación das ondas, a pacedura ou a salinidade.[4] As plantas vasculares acuáticas téñense clasificado en diversas familias;[1][5] poden ser fentos ou anxiospermas (incluíndo tanto monocotiledóneas coma dicotiledóneas). O argazo non está formado por plantas vasculares; senón por oucas mariñas multicelulares, e polo tanto non se adoitan considerar coma plantas acuáticas. Unhas poucas plantas acuáticas poden sobrevivir en augas salgadas e salinas.[1] Examplos destas plantas encóntranse nos xéneros Thalassia e mais Zostera. Aínda que a maioría das plantas acuáticas se reproducen con floración e sementes, moitas outras teñen reprodución asexual por medio de rizomas, turións e cachos en xeral.[6]

A flor de Nymphaea alba, unha especie de tapadeira

Unha das plantas acuáticas máis grandes do mundo é a Vitoria rexia do Amazonas (Victoria amazonica); unha das máis miúdas é a lentella de auga. Moitos animaliños acuáticos usan as plantas acuáticas como a lentella de auga como acubillo ou abeiro dos depredadores. Porén as áreas máis vizosas e con máis vexetación adoitan ter máis depredadores. Outros exemplos de plantas acuáticas serían as do xénero ‘’Nymphoides’’, a familia Nymphaeaceae (as tapadeiras ou ninfeas), a familia Nelumbonaceae (onde atopamos o loto (Nelumbo nucifera), e as plantas do xénero Eichhornia (os xacintos de auga). Algunhas plantas acuáticas son comestíbeis. Exemplos disto son o arroz salvaxe (xénero Zizania), a castaña de auga (Trapa natans), a castaña chinesa de auga (Eleocharis dulcis), o loto sagrado (Nelumbo nucifera), Ipomoea aquatica ou o agrón (Rorippa nasturtium-aquaticum).

Clasificación morfolóxica

editar

Hai unha morea de posíbeis clasificacións das plantas acuáticas baseadas na morfoloxía.[1] Un dos exemplos ten os seis grupos a seguir:[7]

  • Amphiphytes (anfifitas): plantas que están adaptadas a vivir tanto mergulladas coma no chan.
  • Elodeid (elodeidas): plantas de talo que medran mergulladas durante todo o ciclo, só floreando por riba da tona da auga.
  • Isoetid (isoétidas): plantas en roseta que completan o seu ciclo mergulladas.
  • Helophyte (helófitas): plantas coas raíces mergulladas, mais coas follas por riba da tona da auga.
  • Nymphaea (ninfeas ou nenúfares): plantas coas raíces mergulladas, mais coas follas a flotar na tona da auga.
  • Pleuston: plantas vasculares que flotan libres na auga.
 
Ninfeas, coas follas a flotar na tona da auga

Galiza

editar

En Galiza atopamos unha gran selección de plantas acuáticas pola gran cantidade de precipitacións do país. Principalmente asociadas aos bosques de ribeira, nas marxes, as que viven flotando na corrente e aquelas que aparecen nas augas asolagadas ou flotando pero arraigadas no leito; nas lagoas, pantanos, brañas, lameiros e lamazais.

Flotando sobre as augas aparecen as lentellas de auga ou as tapadeiras, sen que as raíces penetren no solo. Arraigadas no leito totalmente mergulladas na auga están especies como as algas do xénero Chara: coma Chara fragilis e os brións do xénero Fontinalis, coma Fontinalis antipyretica.

Arraigadas no leito pero coas partes verdes sobre a topa aparecen as espigas de auga, as herbas de prata e as cercodianas, todas con follas alongadas que se moven a favor da corrente. Tamén os pés de boi teñen unha fase somerxida con follas alongadas durante o inverno. Nas ribeiras son común especies de ciperáceas e gramíneas asociadas a solos lamacentos, típicas herbas moi difíciles de distinguir se non están en flor. Tamén as xuncáceas (os xuncos) e os buños (Schoenoplectus lacustris) son abundantes, nas zonas máis enchoupadas.

Os fentos e briófitos son habituais, pois son plantas que sobreviven con escasa luz e grande humidade. No entanto, o fento máis característico de todas as ribeiras é o dentabrún ou fento real (Osmunda regalis L.) Outras plantas vasculares frecuentes son os pés de boi, espadanas, lirios ou espadanas amarelas, salgueiriños, as mentas ou os amarelles[8]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Sculthorpe, C. D. 1967. The Biology of Aquatic Vascular Plants. Reprinted 1985 Edward Arnold, by London.
  2. Hutchinson, G. E. 1975. A Treatise on Limnology, Vol. 3, Limnological Botany. New York: John Wiley.
  3. Cook, C.D.K. (ed). 1974. Water Plants of the World. Dr W Junk Publishers, The Hague. ISBN 90-6193-024-3.
  4. 4,0 4,1 Keddy, P.A. 2010. Wetland Ecology: Principles and Conservation (2nd edition). Cambridge University Press, Cambridge, UK. 497 p.
  5. Tomlinson, P. B. 1986. The Botany of Mangroves. Cambridge, UK: Cambridge University Press.
  6. Hutchinson, G. E. (1975). A Treatise on Limnology, Vol. 3, Limnological Botany. New York: John Wiley.
  7. Westlake, D.F., Kvĕt, J. and Szczepański, A. 1998. The Production Ecology of Wetlands. Cambridge University Press, Cambridge. 568 p.
  8. http://www.vexetaciondegalicia.es/plantas.php

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 2