Portal:Feminismo/Biografía destacada/1

Andrea Dworkin, nada en Camden, Nova Jersey, o 26 de setembro de 1946 e finada en Washington, D.C. o 9 de abril de 2005, foi unha ensaísta estadounidense, teórica do feminismo radical. Foi coñecida sobre todo pola súa crítica da pornografía, que comparou coa violación e outras formas de violencia contra as mulleres.

Militante antibelicista e achegada ao anarquismo de fins dos anos 1960, Dworkin escribiu máis dunha decena de libros sobre a teoría e a práctica do feminismo radical. A finais dos anos 1970 e 1980, gañou sona nacional como portavoz do movemento feminista antipornografía e polos seus escritos sobre pornografía e sexualidade, particularmente polos libros Pornography: Men Possessing Women (1979) e Intercourse (1987), as súas dúas obras máis coñecidas.

A súa personalidade e as súas posicións categóricas sobre a sexualidade e a pornografía foron admiradas e aplaudidas por numerosas feministas, así como tamén foron o punto de mira de críticas, sobre todo por parte de feministas liberais.

  NODES
todo 3