Rábano Mauro
Rábano Mauro Magnencio, tamén chamado Hrábanus Maurus, Rhabanus ou Reabanus, nado en Mainz, c. 780 / 784 e finado en Winkel im Rheingau o 4 de febreiro de 856, foi un teólogo e erudito alemán, un dos promotores do renacemento carolinxio dos séculos VIII e IX. Foi abade de Fulda e arcebispo de Maguncia, e é venerado como beato pola Igrexa Católica.
Traxectoria
editarRábano Mauro naceu en Mainz (de aí o alcume de Maguntius ou Magnentius), entre 780 e 784. Era fillo de Waluran e Waltrat, membros da aristocracia franca. Aínda mozo, en torno a 790 - 791, ingresou como oblato na abadía beneditina de Fulda, onde estudou e en 801 foi ordenado diácono. Completou os seus estudos na escola de Tours, un dos centros do Renacemento carolinxio, tendo como mestre a Alcuíno de York. Chamouno Maurus, en homenaxe ao discípulo predilecto de Bieito de Nursia, Mauro Abade[1]. Dous anos despois volveu a Fulda e dirixiu a escola monástica. O 814 foi ordenado sacerdote.
Fixo unha peregrinación a Xerusalén e en 817 regresou a Fulda, en 822 foi nomeado abade. Durante o seu mandato, escribiu a maior parte das súas obras, seguiu coa reconstrución dos edificios monásticos que o seu predecesor comezara e fixo que o scriptorium e a biblioteca da abadía se contasen entre os máis importantes e ricos de Europa. En 842 deixou o cargo de abade e retirouse a Petersberg, preto de Fulda, onde continuou escribindo.
-
Alcuíno (no medio) con Rábano Mauro presentan unha obra ao bispo Otgar de Mainz; miniatura do manuscrito Fuldense (ca. 836) (Österreichische Nationalbibliothek Wien).
-
Manuscrito con De laude crucis, ca. 840 (Viena, Österreichische Nationalbibliothek).
-
Cómputo dixital, en De numeris de Rábano Mauro, s. XIII (Lisboa, Instituto Nacional da Biblioteca e o libro).
En 847 foi elixido bispo de Maguncia, cargo que mantivo ata a súa morte en 856. Intentou resolver os problemas da diocese, especialmente durante a gran carestía de 850. Nas controversias teolóxicas e eclesiásticas que tivo que resolver, adoptou posturas bastante ríxidas. No outono de 848 presidiu o sínodo de Maguncia, onde se discutiron as teses do monxe Godescalco sobre a predestinación divina; o sínodo rematou coa condena de Godescalco, que foi fustrigado e condenado a reclusión perpetua.
En política, Rábano apoiou a Lois I do Sacro Imperio Romano na polémica que tivo cos seus fillos arredor da sucesión ao imperio. Despois, apoiou a Lotario I, fillo máis vello e sucesor de Lois I, e contra Carlos o Calvo e Lois o Xermánico. Con este acabou reconciliándose e el mesmo, en 847, cando xa era rei de Alemaña, aceptou o seu nomeamento como bispo de Maguncia.
Morreu o 4 de febreiro de 856 en Winkel e foi enterrado na abadía de Sankt Alban en Maguncia.
Pensamento e obras
editarA reputación de Rábano Mauro está ligada á súa gran produción literaria: teólogo, exexeta, poeta e erudito enciclopedista. As súas obras, en xeral, son recompilacións do coñecemento conservado na época, como era costume daquela[2], baseadas na literatura patrística, de Agostiño de Hipona a Beda o Venerábel ou Isidoro de Sevilla, e en autores clásicos.
Entre as súas principais obras están:
- Commentaria in libros veteris et novi testamenti.
- Liber de laudibus Sanctae Crucis, unha das máis copiadas durante a Idade Media.
- De institutione clericorum.
- De computo.
- De oblatione puerorum.
- De praescientia et praedestinatione, de gratia et libero arbitrio.
- De disciplina ecclesiastica.
- Paenitentialia.
- De universo (ou De rerum naturis).
- Liber de originibus rerum) libri XXII.
- Martyrologium.
- De anima.
- Carmina e Epistulae.
Atribúeselle o himno Veni creator spiritus, pero probabelmente reelaborouno a partir dun himno precedente.
No 855, por orde de Lotario II, reelaborou a polémica Coena Cypriani, converténdoa nun compendio didáctico que se empregaba para memorizar as principais figuras da Biblia.
Máis que un autor orixinal, organizou, sistematizou e difundiu a cultura anterior. Posibelmente por iso tivo unha grande influencia nos séculos centrais da Idade Media: os manuscritos con copias das súas obras abundan en toda Europa occidental e central. Entre os seus discípulos directos había figuras importantes da cultura carolinxia como Lupus Servatus, Walafrid Estrabón, Otfrid de Weissenburg, Godescalco,... A súa actividade educativa valeulle o título de Praeceptor Germaniae (Mestre de Alemaña ).
Veneración
editarFoi sepultado na abadía de Sankt Alban de Maguncia e pronto comezou a ser venerado como un santo. Cando a abadía foi destruída, a mediados do século XVI, os restos foron trasladados a Aschaffenburg, pero hoxe non se coñece o sitio da súa tumba. Está representado como un abade beneditino ou como un bispo erudito que levaba un códice coa inscrición "Veni creator spiritus". A súa festa celébrase o 4 de febreiro.
Notas
editar- ↑ Consciente, porén, que en fráncico o nome propio quedaba convertido nun nome parlante: Corvo Negro, que, na súa profunda simboloxía medieval podemos interpretar como equivalente de mestre de beneditinos. Da mesma maneira que o corvo non alimenta as súas crías ata que non lles saen as plumas negras e pode así recoñecer que son fillos seus, así o verdadeiro Mestre tampouco non explica ás súas crías -os estudantes- os misterios da Sagrada Escritura ata que non recoñece que realmente están preparados interiormente para recibilos. Mauro/môr "negro"; fai referencia aquí á cor negra do hábito dos beneditinos.
- ↑ Ernst Robert Curtius definiu ao autor como "monótono compilador".
Véxase tamén
editarBibliografía
editarEdicións de obras modernas de Rábano Mauro:
- "B. Rabani Mauri Fuldensis abbatis et Moguntini archiepiscopi opera omnia", en: Jacques Paul Migne. Patrologiae cursus completus... Series latina, vol. 107-112, Paris : Migne, 1852-1864.
- "Epistolae", en: Monumenta Germaniae Historica, Epistolae (in Quart), vol. V, Epistolae Karolini aevi (III), 2 vol., Berlin : Weidmann, 1898-1899.
- Martyrologium. Liber de computo, ed. J. McCulloh, W. Stevens, Turnhout : Brepols, 1979.
- De institutione clericorum libri tres. Studien und Edition von Detlev Zimpel, Bern et al. : Peter Lang, 1996.
- In honorem sanctae crucis, ed. M. Perrin, Turnhout : Brepols, 1997.
- Hrabanus Maurus, De rerum naturis. Il codice 132 dell'Archivio di Montecassino. Reprodución en CD-ROM. Cassino: Università degli Studi di Cassino, 1997.
- Expositio in Matthaeum. Pars I, I-IV, Pars II, V-VIII, ed. B. Löfstedt, 2 vol., Turnhout: Brepols, 2000.
Obras sobre o autor:
- Rabanus Maurus in seiner Zeit: 780-1980, catálogo da exposición de Maguncia, 1980. Mainz: von Zabern, 1980.
- María Angeles Navarro Girón, La carne de Cristo: el misterio eucarístico a la luz de la controversia entre Pascasio Radberto, Ratramno, Rabano Mauro y Godescalco, Madrid : Universidad Pontificia Comillas, 1989.
- Raffaele Savigni, Tradizione patristica e cultura carolingia in alcune opere esegetiche di Alcuino e Rabano Mauro, Bologna : Lo scarabeo, 1991.
- Mayke de Jong, The empire as ecclesia: Hrabanus Maurus and biblical historia for rulers, in The Uses of the Past in the Early Middle Ages a cura di Y. Hen e M. Innes, Cambridge : Cambridge UP, 2000.
Ligazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rábano Mauro |