República Popular de Hungría (1918-1919)

A República Popular de Hungría (húngaro: Magyar Népköztársaság) foi o nome da breve república creada logo da disolución do Imperio Austrohúngaro o 16 de novembro de 1918 e a proclamación da independencia de Hungría do Imperio.

Modelo:Xeografía políticaRepública Popular de Hungría
Magyar Népköztársaság (hu) Editar o valor en Wikidata

HimnoHimnusz Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 47°29′N 19°02′L / 47.48, 19.03
CapitalBudapest Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua húngara Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación16 de novembro de 1918 Editar o valor en Wikidata
Disolución21 de marzo de 1919 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porRepública de Hungría e República Soviética Húngara Editar o valor en Wikidata
Evento clave
31 de outubro de 1918Revolución dos Crisantemos Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernorepública Editar o valor en Wikidata
MoedaCoroa húngara Editar o valor en Wikidata

Nada a partir do comité nacional controlado pola coalición dos partidos socialdemócrata, radical e de Mihály Károlyi, tentou reformar o Estado, manter as súas fronteiras austrohúngaras e negociar a paz coa Tripla Entente. Ante a imposibilidade de conservar a integridade territorial, cedeu o poder a unha coalición de comunistas e socialistas que proclamou a República Soviética Húngara en marzo de 1919. Rexurdiu por un breve período logo da derrota desta a mans dos exércitos dos estados veciños en agosto de 1919, sendo substituída aos poucos días polo reino restaurado.

Antecedentes

editar
Artigo principal: Revolución dos Crisantemos.

O 31 de outubro de 1918, creouse un Goberno de coalición que controlaría a política da república mediante un pacto entre o Partido Socialdemócrata, o Partido Radical e o partido de Mihály Károlyi.[1][2] Este último, dirixente á esquerda dos Independentes, presidiu o novo gabinete.[1][2] Estes partidos defendían entón a adopción dun sistema político democrático  baseado na xustiza social e a equidade de trato das minorías.[1][2]

Paralizadas as forzas do antigo réxime pola derrota na guerra, a revolución triunfou case incruentamente.[3] O representante paradigmático daquelas, o conde Esteban Tisza, foi unha das poucas vítimas, asasinado durante o período do alzamento.[3] Tanto a opinión pública, como a capital, mostraron enorme apoio ao novo Goberno de Károlyi.[3] No campo, as revoltas facilitaron o traspaso do poder aos consellos revolucionarios.[3] A dereita encontrábase ademais dividida entre os partidarios dunha restauración íntegra da vella orde e aqueles pertencentes á dereita radical que defendían a necesidade dalgunhas reformas.[3] Debilitados, estes grupos trataron inicialmente de contemporizar co novo réxime.[4]

Goberno de Károlyi (1918-1919)

editar

Proclamación da república

editar
 
Mihály Károlyi dirixíndose á multitude dende a escalinata do Parlamento logo da proclamación da república, o 16 de novembro de 1918 .

Dende o comezo, a xunta nacional exixiu a proclamación da república e a abolición da dinastía.[2] O representante do emperador do Imperio Austrohúngaro Carlos I e rei de Hungría en Budapest, o arquiduque Xosé Augusto de Habsburgo-Lorena, convencido da imposibilidade de conservar o sistema monárquico, mantivo conversas co monarca e logrou que o 1 de novembro este liberara a Károlyi e os seus ministros do seu xuramento de lealdade. Así mesmo, resolveu que a partir do 13 de novembro renunciaría a participar nos asuntos políticos húngaros e aceptaría de antemán a forma de Estado que a poboación decidira adoptar.[5] Tres días máis tarde, o 16 de novembro de 1918 proclamouse a república popular.[5] Nomeouse a Károlyi presidente provisional, cargo que se converteu en permanente o 11 de xaneiro de 1919.[5]

Situación política

editar

Derrotada e desacreditada temporalmente a dereita política, as rendas do goberno quedaron firmemente en mans da esquerda democrática.[6] Durante varios meses, a recuperación do poder polos conservadores parecía quimérica.[6] Ao contrario que os numerosos refuxiados, a poboación en xeral opúxose á continuación da guerra, a resistir coas armas a partición do país e deu prioridade ás reformas sociais e económicas, pendentes dende ía moito tempo.[6] O cambio no poder, con todo, non foi total; aínda que os postos chave do Exército e a administración pasaron a mans dos seguidores do Goberno, ambos contaban con numerosos partidarios do antigo réxime, que se opuxeron ás reformas.[7]

Durante o primeiro mes de Goberno, Kaŕolyi, visto como aquel que había de aplicar as reformas políticas e económicas dos distintos grupos sociais, recibiu o apoio maioritario destes.[4] Os obreiros das cidades esperaban unha transformación socialista; os campesiños, unha profunda reforma agraria; e os intelectuais, a democratización da sociedade.[4] Víase a Károlyi ademais como o único político capaz de pactar cos vencedores e evitar unha partición total de Hungría.[8] A Entente, con todo, non recoñeceu o Goberno de Károlyi nin satisfixo as esperanzas da poboación de evitar contarse entre os vencidos e ser ocupados.[8]

As esperanzas de cambio que sustentaban o gabinete de Károlyi víronse menoscabadas polo caos posbélico.[4] En setembro, arredor de catrocentos mil soldados desertaran e o mes seguinte este número aumentou.[4] Aos desertores uníronse os 725 000 prisioneiros de guerra liberados polos soviéticos durante o outono —cerca de medio[9] millón deles proviñan do territorio do antigo reino—.[4] A finais de novembro, setecentos mil soldados regresaron da fronte e en decembro desmobilizáranse máis dun millón douscentos mil soldados.[4] O caos causado por estes, xunto coas revoltas campesiñas, forzaron o Goberno a concentrarse no mantemento da orde e a protección da propiedade e a aprazar as reformas, o que reduciu os seus apoios e favoreceu á dereita.[4] O Goberno consideraba fundamental o mantemento da orde como símbolo do control do poder ante os Aliados e para evitar as acusacións de bolxevismo dos países veciños.[4]

Debilidades do Goberno

editar

A debilidade do Goberno fíxose patente axiña: a falta dunha organización de masas que o respaldara, un control imperfecto das institucións, a falta dunha forza armada e unha policía leais e o seu fracaso en política exterior eran os seus principais puntos fracos.[7] Károlyi non puido contar tampouco cunha administración competente e leal, enchéndose esta de aventureiros, oportunistas e opositores ao novo réxime.[10] As unidades militares que o levaran ao poder tampouco se unificaron nunca para crear un Exército revolucionario fiel, seguiron sendo autónomas e frecuentemente fomentaron o caos.[10] As unidades verdadeiramente leais ao Goberno eran extremadamente escasas.[10] Os intentos de recrutamento fracasaron ante a dureza da vida militar, o cansazo bélico e as alternativas dispoñibles aos posibles voluntarios.[11] Catro ministros de Defensa sucedéronse nos meses da república popular e nin sequera o último, o socialista Vilmos Böhm, logrou crear un exército proletario segundo o modelo austríaco ante a falta de voluntarios.[9]

Cada vez quedou máis claro que o Goberno tiña que optar entre apoiarse nos antigos oficiais do Exército imperial ou nas unidades leais aos socialistas, os únicos capaces de formar unidades que acabaran co caos da posguerra.[11] Károlyi optou polos últimos, mais non logrou o seu obxectivo de controlar a alianza.[11]

Intentos de acordo coas minorías

editar

A pesar da derrota na Primeira guerra mundial, a mentalidade de moitos políticos maxiares non cambiara no concernente á conveniencia da hexemonía maxiar en Hungría.[12] No outono de 1918, con todo, a intelectualidade achábase dividida entre os seguidores do sistema anterior, de control político total maxiar, e un crecente número de partidarios das reformas.[1]

 
O directorio transilvano, formado por representantes romaneses da rexión, pasou a controlala. Iuliu Maniu —no centro, sentado—, principal representante romanés, negouse a aceptar as propostas de Jászi e esixiu a secesión e a unión con Romanía.

Oszkár Jászi, eminente sociólogo e dirixente dos Radicais, foi nomeado ministro de Nacionalidades.[1] Partidario do federalismo,[13] tratou de chegar a un acordo coas minorías que evitara o desmembramento do territorio.[1] O Goberno trataba de conxugar, a través de Jászi, o respecto ao dereito de autodeterminación co seu desexo de manter a integridade territorial da nova Hungría independente,[14] a pesar das súas escasas ilusións de logralo.[11] Un obstáculo para chegar a un acordo era o convencemento, mesmo dos políticos máis reformistas, da supremacía maxiar sobre as minorías.[15] A pesar do intento sincero de Károlyi e Jászi de converter a opresión anterior nunha protección das nacionalidades minoritarias, o seu proxecto non deixaba de amosar un certo paternalismo cara a estas.[15] Na súa meta de tratar de conservar a unidade territorial, Károlyi confiaba ademais no mantemento dos postulados do presidente estadounidense Woodrow Wilson, que evitarían as excesivas esixencias territoriais dos países veciños.[11] Convencido de que as queixas das minorías non se debían á opresión maxiar, senón á aplicación dun sistema social e político anticuado por parte da nobleza que sometera por igual a maxiares e minorías, consideraba que as reformas políticas, sociais e culturais acabarían con elas.[8]

Jászi, que planeaba reformar o Estado de acordo ao modelo suízo,[8] trasladouse axiña a Arad para comezar as conversas cos dirixentes nacionalistas romaneses de Transilvania, que se iniciaron o 12 de novembro.[16] Dous días máis tarde, o principal dirixente transilvano romanés, Iuliu Maniu, presentouse para participar nas conversas e defendeu a postura de que a autodeterminación significaba a consecución da soberanía nacional, mais referíndose unicamente á poboación de cultura romanesa.[17] Ao resto das comunidades unicamente se lles prometía unha ampla autonomía cultural.[17] Maniu contaba ademais coa vantaxe de que coñecía o tratado segredo de alianza entre Romanía e a Entente que prometía a aquela a anexión de Transilvania, o que fixo imposible o acordo coa delegación maxiar.[17]

O fracaso das negociacións en Arad desilusionou á opinión pública maxiar, indignándoa.[18] Toda a prensa, incluída a socialista, clamou en defensa da integridade territorial de Hungría segundo as fronteiras austrohúngaras.[18]

O Goberno de Praga interferiu as posteriores negociacións de Jászi co político eslovaco Milan Hodža; aquel non recoñeceu a Hodža como representante lexítimo dos eslovacos.[19] Mentres, as tropas checas avanzaron por territorio eslovaco, segundo o primeiro ministro checoslovaco, Karel Kramář, a invitación dos eslovacos e para evitar a anarquía ante a retirada da administración húngara.[19] As negociacións de Jászi non tiñan posibilidades de frutificar ante o recoñecemento pola Entente da nova república checoslovaca, xa antes do inicio da Conferencia de Paz de París.[20]

Crises fronteirizas

editar
 
Territorio baixo control da nova república ao final da súa existencia, na primavera de 1919.

O Goberno de Károlyi conseguiu asinar o 9 de novembro de 1918 un armisticio coa Entente en Belgrado.[1] Neste delimitáronse unhas fronteiras provisionais que debían separar ás tropas húngaras das checoslovacas, romanesas e serbias (pronto iugoslavas).[15] Estas cruzaron moi pronto as liñas de demarcación, co visto e prace do alto mando da Entente.[15] O Goberno non podía contar cun Exército capaz: en parte polo cansazo bélico logo da guerra mundial, en parte pola desorganización interna e tamén polo pacifismo do propio Goberno, non existían unhas forzas armadas nas que Károlyi puidera apoiarse para contrarrestar as agresións dos Estados veciños.[15]

 
O primeiro ministro e posterior presidente da república, Mihály Károlyi, tratou de reformar profundamente o novo país e establecer un goberno democrático, ao mesmo tempo que tentou sen éxito manter a integridade territorial segundo as antigas fronteiras, derrotado polo forte nacionalismo e a hostilidade da Entente.

Para cando o ministro de Nacionalidades comezou as súas negociacións cos romaneses en Arad a mediados de novembro, a administración e o Exército maxiares desapareceran da rexión e as tropas romanesas xa cruzaran a fronteira dos Cárpatos.[16] Estábanse creando milicias romanesas, e comités nacionais romaneses controlaban xa numerosas localidades.[16] O 1 de decembro de 1918 , a asemblea nacional dos romaneses transilvanos proclamou a unión con Romanía.[20] A continuación as tropas romanesas cruzaron o río Mureş (en húngaro Maros) e ocuparon o territorio que se lles prometera no acordo segredo de 1916.[20] O Goberno de Budapest, descoñecedor do mesmo, protestou.[20] O 23 de decembro, o coronel Vix —representante da Entente en Budapest— informou o gabinete de Károlyi da intención desta de permitir a ocupación romanesa dos territorios en disputa.[20] En xaneiro freouse o avance romanés.[21]

Ao mesmo tempo, o Goberno protestou polo avance das tropas iugoslavas máis aló das liñas trazadas en Belgrado en novembro.[20]

Nas tres fronteiras, tanto a administración militar como a civil (isto último a pesar do estipulado no armisticio) pasaron a mans das potencias ocupantes.[20] O 25 de xaneiro de 1919, engadiuse un anexo ao armisticio que reiteraba o carácter militar e non político das fronteiras provisionais, mais foi en van.[20]

O 25 de decembro de 1918, proclamouse a autonomía de Rutenia, sinal da súa debilidade política, que lle impedía optar pola independencia como as demais nacionalidades máis poderosas.[20]

A Entente, baseándose no recoñecemento de Checoslovaquia, esixiu a evacuación dos territorios eslovacos, ao que o Goberno húngaro protestou referíndose ao armisticio de Belgrado.[20] A Entente respondeu o 10 de xaneiro de 1919 alegando que só se podía aplicar ás frontes oriental e meridional e que a fronteira norte quedaba excluída do mesmo.[20] A mediados de xaneiro de 1919, completárase a toma dos territorios eslovacos por parte das tropas checas.[21]

Abatemento do Goberno e caída

editar
Artigo principal: Nota Vyx.

Xa no discurso de Aninovo de Károlyi manifestouse a crecente desilusión do Goberno ante a dura realidade política,[21] que impuña o nacionalismo como solución e deixaba a Hungría claramente no bando perdedor da guerra.

A mediados de xaneiro, as proclamas do gabinete amosaban o seu derrotismo[21] e pasaron axiña a defender a celebración de plebiscitos como método de dirimir as diferenzas territoriais cos países veciños.[21] Estes rexeitaron a proposta.[21] Polas mesmas datas, a dereita radical acrecentou os seus ataques aos moderados, o que levou ao Goberno a prohibir aos radicais de esquerda e de dereita: en febreiro arrestou aos dirixentes comunistas e prohibiu o seu partido e unha asociación de ultradereita.[22] A pesar das súas conxuras, incapaz de organizarse e de presentar un programa atractivo para a maioría da poboación, a dereita radical non puido aproveitar a crecente debilidade do Goberno, ao contrario que os comunistas, moito menores en número, pero mellor organizados e cuns obxectivos con maior apoio.[22]

En marzo o Goberno de Károlyi e os seus aliados da revolución de outubro perderan completamente as súas ilusións e xa o 2 de marzo o propio presidente Károlyi —nomeado para o cargo o 10 de xaneiro de 1919 — expuxo a posibilidade de tratar de liberar o país pola forza, ante o fracaso das sucesivas negociacións.[23] A falta dunhas forzas armadas e a desorde interna facían que esta proposta fora inviable.[23] A intelectualidade e o proletariado radicalizados polas penurias da posguerra e a lentitude das reformas respaldaban cada vez con menos entusiasmo ao Goberno.[7] O campesiñado, privado da súa ansiada reforma agraria e reprimido con dureza en ocasións, tamén perdeu a súa ilusión en Kaárolyi.[7] A situación radicalizouse; creceu a forza da extrema esquerda e da extrema dereita, e o Goberno quedou debilitado polos seus fracasos en política exterior e a falta de reformas internas.[24]

O 20 de marzo, o coronel Vyx presentou unha nova esixencia en forma de ultimato: as tropas maxiares debían retirarse a unha nova liña de separación coas romanesas que resultaba favorable a estas.[23] Ambos exércitos quedarían separados por unha zona neutral que comprendía rexións claramente húngaras, como as cidades de Debrecen e Szeged.[23] Incapaz de aceptar unha nova cesión territorial, o Goberno traspasou o poder a unha coalición de comunistas e socialistas, que proclamou a República Soviética Húngara o día seguinte.[23]

Gobernos provisionais (1919-1920)

editar

Logo da derrota da República Soviética Húngara, o 1 de agosto de 1919, o goberno pasou a mans dos socialdemócratas sindicais, que formaron un gabinete con Gyula Peidl á fronte.[25] Peidl aspiraba a restaurar a democracia en Hungría, anulando os decretos revolucionarios.[26] A súa situación era delicada: as potencias Aliadas non o recoñeceron, a poboación recibiuno con hostilidade e as unidades romanesas encontrábanse ás portas da capital.[25] Poucos días despois, o 6 de agosto e xa coa metade da capital en mans do Exército romanés —ocupada a pesar dos desexos dos Aliados—,[27] un grupo de contrarrevolucionarios derrocou o Goberno de Peidl.[25] Os seus intentos de contentar aos Aliados coa inclusión de elementos burgueses non chegaron frutificar.[28]

István Friedrich, que participara no Goberno da república durante o período de Károlyi, ocupou a presidencia do novo Consello de Ministros, mentres que o arquiduque Xosé Augusto de Austria, primo distante do último emperador, ocupou en funcións a xefatura do Estado.[25]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Vermes 1973, p. 492.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Szilassy 1971, p. 23.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Mocsy 1983, p. 83.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Mocsy 1983, p. 84.
  5. 5,0 5,1 5,2 Szilassy 1971, p. 24.
  6. 6,0 6,1 6,2 Mocsy 1983, p. 3.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Mocsy 1983, p. 85.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Mocsy 1983, p. 88.
  9. 9,0 9,1 Zsuppán 1965, p. 315.
  10. 10,0 10,1 10,2 Mocsy 1983, p. 86.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Mocsy 1983, p. 87.
  12. Vermes 1973, p. 487.
  13. Szilassy 1971, p. 27.
  14. Vermes 1973, p. 493.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 Vermes 1973, p. 494.
  16. 16,0 16,1 16,2 Vermes 1973, p. 495.
  17. 17,0 17,1 17,2 Vermes 1973, p. 496.
  18. 18,0 18,1 Vermes 1973, p. 497.
  19. 19,0 19,1 Vermes 1973, p. 498.
  20. 20,00 20,01 20,02 20,03 20,04 20,05 20,06 20,07 20,08 20,09 20,10 Vermes 1973, p. 499.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 Vermes 1973, p. 500.
  22. 22,0 22,1 Mocsy 1983, p. 95.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 Vermes 1973, p. 501.
  24. Mocsy 1983, p. 89.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Balogh 1975, p. 297.
  26. Ministerio de Educación e Ciencia (2007), p. 172
  27. Balogh 1975, p. 300.
  28. Balogh 1975, p. 299.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar
  NODES
Done 1
orte 2