Robert Adam
Robert Adam, nado en Kirkcaldy (Fifeshire) o 3 de xullo de 1728 e finado en Londres o 3 de marzo de 1792, foi un arquitecto e deseñador neoclásico escocés.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Traxectoria
editarFoi o segundo fillo de catro (todos arquitectos) de William Adam, canteiro e arquitecto, estudou na Universidade de Edimburgo, aínda que non se graduou. En 1746 xunto co seu irmán máis vello, John Adam, entrou como axudante do seu pai. Cando este último morreu (1748), os dous irmáns convértense en socios do negocio familiar (Adam Brothers). O seu primeiro gran traballo foi a decoración do primeiro andar da Hopetoun House, preto de Edimburgo. En 1754 realiza unha viaxe por Francia e Italia, que aproveita para estudar a arquitectura clásica. Puxo especial atención no estudo das ruínas do pazo de Diocleciano en Spalato (Dalmacia), que actualmente se nomea Split (Croacia), e admira os gravados de Giovanni Battista Piranesi. En 1764 publica The ruins of the Palace of Diocletian ou As ruínas do Pazo de Diocleciano.
En 1758 regresa a Gran Bretaña e abre estudo en Londres cos seus irmáns James e William, coa incorporación de deseños clásicos romanos, influenciado con elementos gregos, bizantinos e barrocos dá lugar a un novo estilo decorativo. Realizou sobre todo mansións campestres nas que empregaba eses motivos clásicos con liberdade e diversidade cunha linguaxe de gran transparencia espacial. Deste xeito, mantivo unha dilatada actividade, tanto para clientes privados como para o servizo do Rei (foi arquitecto real dende 1761 a 1768).
Posicionamento
editarRobert Adam destacou pola súa convicción de que os interiores dun edificio e a súa decoración son o auténtico obxectivo da arquitectura. En consecuencia, deseñou mobles, telas e metalistería para os seus edificios. As súas publicacións As ruínas do Pazo de Diocleciano (1764) e Obras arquitectónicas de Robert e James Adam (1773-1779) fixaron o estilo Adam (unha versión do neoclasicismo máis sinxela, precisa e delicada, que a do rico estilo palladiano, anteriormente de moda). O estilo Adam é de debuxo e proporcións harmoniosas, e procura unha sensación de luminosidade e espaciosidade. Utiliza motivos clásicos, como festóns, grilandas e urnas. O mobiliario Adam ten características moi similares.
Obras
editar- 1761-1780. Remodelacións de Osterley Park.
- 1762-1769. Casa Syon, dúas grandes casas próximas a Londres.
- 1765-1770. Proxecto para o Kedleston Hall en Debyshire.
- 1768-1772. O proxecto Adelphi (un grupo de vivendas urbanas no barrio de Londres de igual nome, demolido en 1936), foi o máis ambicioso que realizou, á beira do Támese. Proxectada como unidade arquitectónica, incluía peiraos, almacéns baixo os arcos que sostiñan un paseo e rúas de vivendas cunha decoración de estilo pompeiano.
Galería de imaxes
editar-
Casa Syon (1761).
-
Ruínas do Pazo de Diocleciano debuxadas por Rbert Adam.
-
Bosquexo de Robert Adam dunha proposta para a adición ao Castelo de Ardincaple en 1774. As figuras á dereita son tamaños de fiestras.
-
Decoración do mobiliario de Robert Adam.