Rock alternativo
O rock alternativo (tamén chamado música alternativa ou sinxelamente alternativo) é un xénero do rock que apareceu nos anos 80 e fíxose moi popular na década dos 90.
Rock alternativo | |
---|---|
Orixe musical | punk rock, post-punk, new wave, hardcore punk. |
Orixe cultural | Reino Unido e Estados Unidos a principios dos 80. |
Instrumentos típicos | Guitarra, baixo e batería. |
Derivados | indie rock, grunge. |
Subxéneros | |
britpop - college rock - dream pop - rock gótico - grunge - indie pop - indie rock - noise pop - Paisley Underground - post-rock - shoegazing - twee pop | |
Xéneros de fusión | |
metal alternativo, rock industrial | |
O nome "alternativo" foi usado nos 80 para describir a bandas de punk rock de selos discográficos independentes que non encaixaban dentro dos xéneros do mainstream da época.
Como un xénero específico de música, o rock alternativo está formado por varios subxéneros que emerxeron dende a escena musical indie dende os anos 80, así como grunge, indie rock, britpop, rock gótico e indie pop tamén son considerados rock alternativo.
A pesar de que o xénero é considerado de rock, algúns dos seus subxéneros están influenciados pola música folk, o reggae, a música electrónica ou o jazz á parte doutros xéneros. Ás veces o termo rock alternativo foi usado como unha etiqueta para designar ao rock de todos os artistas underground dos anos 80, a todos os descendentes do punk rock (incluíndo ao punk mesmo, ao New Wave e ao post-punk), e, ironicamente, a toda a música rock en xeral dos anos 90 e 2000.
Mentres que un feixe de artistas coma R.E.M. e The Cure acadaron o éxito comercial, a meirande parte dos artistas de rock alternativo dos 80 foron obxecto de culto, eran bandas que gravaban con selos independentes e eran coñecidos só a través dos programas das college radios ou polo "boca a boca". Coa irrupción de Nirvana e coa popularidade dos movementos grunge e britpop a principios dos 90, o rock alternativo entrou no mainstream, e moitas bandas alternativas conseguirían acadar un certo éxito comercial.
O termo "rock alternativo"
editarA música agora coñecida como rock alternativo tivo varias denominacións antes de que o termo "alternativo" se convertese no seu nome máis común. "College rock" foi usado nos Estados Unidos para describir a música durante os anos 80 debido á súa relación co circuíto de radios universitarias e ao gusto dos estudantes. No Reino Unido preferíase o termo "indie"; ao redor de 1985 o termo "indie" viña a significar un xénero particular, ou un grupo de subxéneros. "Indie rock" foi tamén sinónimo nos Estados Unidos ata a ruptura comercial do xénero a principios dos 90, debido a que a maioría das bandas pertencían a selos independentes.
Nos 90 esta música foi nomeada "rock alternativo". O termo "alternativo" orixinouse nalgún momento a mediados dos 80; foi unha extensión de "new music" e "post modern", tanto pola frescura da música como pola súa tendencia a recontextualizar os sons do pasado.
Características
editarO nome "rock alterativo" esencialmente serve de paraugas para a música underground aparecida á estela do punk rock dende mediados dos anos 80. Na meirande parte da súa historia foi principalmente definido polo seu rexeitamento ao mercantilismo da cultura establecida, aínda que esta definición comezou a ser contestada cando algúns dos grandes artistas do xénero acadaron o éxito entre o gran público e asinaron con grandes discográficas na década dos 90 (e sobre todo a partir do novo milenio).
As bandas alternativas durante os anos 80 normalmente tocaban en pequenos clubs, gravaban para selos independentes, e estendían a súa popularidade a través do boca a boca.[1] Polo tanto, non hai un estilo musical para o rock alternativo como conxunto, aínda que The New York Times en 1989 afirmou que o xénero centrábase na música de guitarras tocando power chords, riffs repicantes, distorsión fuzz e berros con feedback. Os seus sons van dende os sombríos paisaxes sonoros do rock gótico ata as guitarras tintineantes do indie pop, pasando polas guitarras sucias do grunge ou o revivalismo da música dos 60 e 70 do britpop.
Máis a miúdo que noutros estilos dende a populariación da música rock durante os 70, as letras do rock alternativo tenden a tratar temas de interese social, como o uso de drogas, a depresión, o suicidio, ou o medio ambiente.[1] Esta aproximación ás letras desenvolveuse como un reflexo das tensións sociais e económicas nos Estados Unidos e no Reino Unido nos anos 80 e comezos dos 90.[2]
Historia
editarAnos 80
editarCara 1984 a meirande parte dos grupos con contratos en selos independentes tiñan unha variedade de infuencias, sobre todo do rock dos anos 60. Isto significaba unha brusca ruptura cos futuristas e hiper-racionais anos do post-punk.[3]
Ao longo dos 80 o rock alternativo foi principalmente un fenómeno underground. Aínda que en ocasións unha canción se convertía nun éxito comercial, ou algúns álbums recibían eloxios da crítica en publicacións destinadas ao gran público, o rock alternativo desta década quedou relegado aos selos independentes, as fanzines e ás emisoras de radio universitarias.
As bandas alternativas construíron os seus grupos de seareiros xirando constantemente e editando regularmente álbums de baixo presuposto. No caso dos Estados Unidos, formábanse banda na estela de grupos anteriores, que creaban un extenso circuíto underground no país, cheo de diferentes escenas en varias partes do seu territorio. Aínda que os artistas alternativos estadounidenses dos 80 nunca xeraron unhas vendas de discos espectaculares, exerceron unha considerable influencia a músicos posteriores e sentaron as bases para o seu éxito.[4] Cara 1989 o xénero fixérase o suficientemente popular como para que New Order, Public Image Limited e The Sugarcubes decidisen realizar unha xira conxunta polos Estados Unidos.
A diferenza dos Estados Unidos, os grupos de rock alternativo do Reino Unido distinguíanse por un enfoque máis orientado ao pop e unha énfase nas letras sobre temas especificamente británico. Como resultado, poucas bandas deste país chegaron a ter éxito comercial nos Estados Unidos. Dende a década dos 80 o rock alternativo foi pinchado extensamente na radio británica, particularmente por presentadores como John Peel (que defendeu a música alternativa na BBC Radio 1), Richard Skinner e Annie Nightingale. Os artistas que tiñan un status de culto nos Estados Unidos apareceron acotío na radio nacional británica e na prensa musical semanal, e moitas bandas alternativas tiveron éxito nas listas do país.[5]
Underground estadounidense nos 80
editarAs primeiras bandas alternativas estadounidenses como R.E.M., The Feelies e Violent Femmes combinaban influencias punk con música folk e influencias da música máis comercial. R.E.M. foi a que tivo un éxito máis inmediato; o seu álbum de estrea, Murmur (1983), entrou no top 40 e creou un bo número de seareiros do jangle pop. Unha das moitas escenas de jangle pop de principios dos 80, o Paisley Underground dos Ánxeles reviviu os sons dos 60, incorporando psicodelia, ricas harmonías vocais e a interacción da guitarra do folk rock, ademais de infuencias punk e underground como The Velvet Underground.
Os selos independentes estadounidenses SST Records, Twin/Tone Records, Touch and Go Records e Dischord Records presidiron o cambio dende o hardcore punk, que entón dominaba a escena underground do país, cara estilos máis diversos do rock alternativo que estaba aparecendo.[6] As bandas de Minneapolis Hüsker Dü e The Replacements foron indicativos deste cambio. Ámbalas dúas iniciáronse como bandas de punk rock, pero ao pouco tempo diversificaron os seus sons e fixéronse máis melódicas. Michael Azerrad afirmou que Hüsker Dü foi o vínculo clave entre o hardcore punk e o máis melódico e diverso college rock que estaba aparecendo. Azerrad escribiu, "Hüsker Dü xogou un importante papel convencendo ao underground de que a melodía e o punk rock no eran antitéticos".[7] A banda tamén deu exemplo ao ser o primeiro grupo da escena indie estadounidense en asinar cun gran selo, o que axudou a establecer o college rock como "unha empresa viable comercialmente".[8] Ao centrarse nunhas composicións máis sentidas e en xogos de palabras en vez de en temas políticos, The Replacements déronlle a volta a un bo número de convencións da escena underground; Azerrad destacou que "xunto con R.E.M. [The Replacements] foi unha das poucas bandas underground que lle gustaba ao gran público".[9]
Cara finais dos 80 a escena alternativa estadounidense estaba dominada por estilos que ían dende o pop aternativo extravagante (They Might Be Giants e Camper Van Beethoven), ata o noise rock (Sonic Youth, Big Black, The Jesus Lizard[10]) e o rock industrial (Ministry, Nine Inch Nails). Eses sons foron á súa vez seguidos pola chegada dos Pixies dende Boston e de Jane's Addiction dende Os Ánxeles. Polo mesmo tempo, o subxénero grunge apareceu en Seattle, Washington. O grunge estaba baseado nun son de guitarra lento e turbio que sintetizaba o heavy metal e o punk rock.[11] Baseado en gran parte ao redor do selo independente de Seattle Sub Pop, as bandas de grunge destacaron pola súa "moda de tendas de segunda man", que popularizaron as camisas de flanela e as botas militares usadas para adaptarse á meteoroloxía local.[12] Os primeiros grupos de grunge Soundgarden e Mudhoney foron aclamados pola crítica dos Estados Unidos e do Reino Unido, respectivamente.
Cara finais da década, un bo número de bandas alternativas comezaron a asinar con grandes discográficas. Mentres que os primeiros contratos de Hüsker Dü e The Replacements tiveron pouco éxito, artistas que asinaron á súa estela, como R.E.M. e Jane's Addiction, conseguiron discos de ouro e platino, preparando á escena para o seu posterior estoupido.[13][14] Algúns grupos como Pixies tiveron un grande éxito no estranxeiro mentres que foron ignorados no seu país.
Na metade da década o álbum de Husker Du Zen Arcade influenciou a outros artistas de hardcore ao abordar temas persoais. Da escena hardcore de Washington, D.C. emerxeu o que foi chamado "emocore" ou "emo", e que destacou poas súas letras que afondaban dun xeito emocional temas moi persoais. Rites of Spring foi descrita como a primeira banda "emo". Ian MacKaye, o antigo cantante de Minor Threat, fundou Dischord Records, que se converteu no centro da escena emo da cidade.[15]
Xéneros e tendencias británicas dos 80
editarO rock gótico desenvolveuse a partir do post-punk británico de finais dos 70. Cunha reputación como "a forma máis escura e triste do rock underground", o rock gótico utiliza un son baseado en sintetizadores e guitarras debuxado dende o post-punk para construír "tristes e a miudo épicas paisaxes sonoras", cunhas letras que adoitan falar de romanticismo literario, morbosidade, simbolismo relixioso, e misticismo sobrenatural.[16] As bandas deste xénero inspiráronse nos artistas británicos de post-punk de finais dos 70 Joy Division e Siouxsie and the Banshees.[17] O sinxelo de estrea de Bauhaus, "Bela Lugosi's Dead", publicado en 1979, é considerado o inicio mesmo do xénero do rock gótico.[18] Os "opresivamente desanimados" álbums de The Cure Seventeen Seconds (1980), Faith (1981), Pornography (1982) e Disintegration (1989) cementaron o estilo do grupo e as bases sobre as que se asentaría o xénero.[19]
A banda clave do rock alternativo británico aparecido nos 80 foi The Smiths, dende Manchester. O xornalista musical Simon Reynolds destacou a The Smiths e aos seus contemporáneos estadounidenses R.E.M. como "as dúas bandas de rock alternativo máis importantes do momento", comentando que elas "eran bandas dos 80 só no sentido de ir en contra dos 80". Reynolds sinalou que a postura de The Smiths "baseábase na súa audiencia británica pertencente a unha xeración perdida, exiliada na súa propia terra".[20] A adopción da guitarra por arte da banda nunha época dominada pola música dos sintetizadores é vista como un sinal do fin da era do new wave e a chegada do rock alternativo ao Reino Unido. A pesar do éxito limitado de The Smiths nas listas e da súa curta carreira, o grupo exerceu unha grande influencia sobre a escena indie británica durante o final da década. O casete C86, un regalo de 1986 da revista NME onde aparecían Primal Scream, The Wedding Present e outros, tivo unha grande influencia no desenvolvemento do indie pop e en toda a escena independente británica.[21][22]
Durante os 80 desenvolvéronse outras formas de rock alternativo no Reino Unido. O son de The Jesus and Mary Chain conbinaba o "ruído melancólico" de The Velvet Underground coas melodías pop de The Beach Boys e a produción "Wall of Sound" de Phil Spector, mentres que New Order xurdiu da desaparición da banda de post-punk Joy Division e experimantou co techno e a música house. The Jesus and Mary Chain, xunto con Dinosaur Jr., C86 e o dream pop de Cocteau Twins, foron as influencias formativas para o movemento shoegazing de finais dos 80. Chamado así pola tendencia dos membros da banda de mirar cara aos seus pés onde estaban os pedais de efectos das guitarras (shoegaze podería traducirse como mirada aos pés),[23], grupos do xénero como My Bloody Valentine e Slowdive crearon "lavado de son" abrumadoramente alto que ocultaba as voces e as melodías con riffs longos e monótonos, distorsión e retroalimentación.[24] As bandas de shoegazing dominaron a prensa musical británica ao final da década xunto coa escena Madchester. Baseada ao redor de The Haçienda, un club nocturno de Manchester pertencente a New Order e Factory Records, as bandas de Madchester como Happy Mondays e The Stone Roses mesturaan ritmos de acid house con guitarras pop melódicas.[25]
Popularización nos 90
editarA comezos dos anos 90 a industria musical foi atraída polas posibilidades comerciais do rock alternativo e os principais selos cortexaron a bandas como Jane's Addiction, Dinosaur Jr., Firehose e Nirvana.[13] En particular, o éxito de R.E.M. convertérase nun modelo a seguir para moitos grupos alternativos de finais dos 80 e comezos dos 90; a banda sobrevivira a moitos dos seus contemporáneos e cara aos 90 era unha das máis populares do mundo.
A chegada ao éxito de Nirvana permitiu a popularización xeneralizada do rock alternativo nos anos 90. A edición do seu sinxelo "Smells Like Teen Spirit", do seu álbum Nevermind (1991), "marcou a instigación do fenómeno da música grunge". Debido á constante emisión do vídeo musical da canción na MTV, Nevermind vendeu 400.000 copias nunha semana no Nadal de 1991.[26] O éxito de Nevermind sorprendeu á industria musical. O álbum non só popularizou o grunge, senón que tamén estableceu "a viabilidade ultural e comercial do rock alternativo en xeral".[27] Michael Azerrad afirmou que Nevermind simbolizou "un cambio radical na música rock" que estaba nese momento dominada polo hair metal e que caeu en desgraza en favor dunha música auténtica e culturalmente relevante.[28]
O repentino éxito de Nirvana con Nevermind anunciou unha "nova apertura ao rock alternativo" entre as emisoras de radio comerciais, abríndolle portas particularmente a bandas alternativas máis pesadas. Na estela do Nevermind, o rock alternativo atopouse a si mesmo dirixíndose cara ao mainstream e as compañías discográficas, confusas polo éxito do xénero pero con gañas de sacar proveito, apresuraronse a asinar contratos con bandas.[29] The New York Times declarou en 1993 que "o rock alternativo xa non parece tan alternativo. Cada gran selo ten un feixe de bandas de guitarras con camisetas e vaqueiros desgastados, bandas con mala postura e bos riffs que cultivan o oblicuo e o evasivo, que ocultan melodías pegadizas con ruído e agochan artesanía tras a indiferenza".[30] Porén, moitos artistas do xénero rexeitaron o éxito, polo seu conflito coa rebeldía, porque o xénero abrazara a súa ética D.I.Y. antes de chegar ao gran público e polas súas ideas de autenticidade artística.
O estoupido do grunge
editar- Artigo principal: grunge.
Outras bandas de grunge xurdiron posteriormente para intentar igualar o éxito de Nirvana. Pearl Jam publicou o seu álbum de estrea, Ten, un mes antes do Nevermind, en agosto de 1991, pero as súas vendas só melloraron un ano despois.[31] Cara a segunda metade de 1992 Ten converteríase nun éxito, sendo certificado ouro e acadando o número 2 da Billboard 200. O álbum de Soundgarden Badmotorfinger e o de Alice in Chains Dirt, xunto coa colaboración resultante no álbum Temple of the Dog onde aparecían membro de Pearl Jam e Soundgarden, estiveron tamén entre os 100 discos máis vendidos dese ano.[32] O popular éxito deses grupos fixo que a Rolling Stone alcumase a Seattle "o novo Liverpool".[12] Os grandes selos discográficos asinaron coas bandas grunge máis destacadas de Seattle, mentres que unha segunda corrente de grupos trasladouse á cidade na busca do éxito.[33]
Ao mesmo tempo os críticos afirmaban que a publicidade estaba collendo elementos do grunge e converténdoo nunha moda. Entertainment Weekly comentou nun artigo de 1993, "Non houbera este tipo de explotación dunha subcultura dende que os medios descubriron aos hippies nos 60".[34] The New York Times comparou o "grunging de América" á comercialización masiva do punk rock, a música disco e o hip hop en anos anteriores. Como resultado da popularidade do xénero, desenvolveuse en Seattle unha reacción en contra do grunge.[12] O seguinte álbum de Nirvana, In Utero (1993), foi un disco intencionalmente abrasivo que o baixista da banda Krist Novoselic describiu como un "son salvaxemente agresivo, un verdadeiro disco alternativo".[35] Porén, tras o seu lanzamento en setembro de 1993 In Utero alcanzou a cima das listas da Billboard.[36] Pearl Jam tamén continuou comportandose ben comercialmente co seu segundo traballo, Vs. (1993), que acadou o número 1 das listas da Billboard vendendo 950.378 copias na súa primeira semana.[37]
Britpop
editar- Artigo principal: britpop.
Co declive da escena Madchester e o pouco glamuroso do shoegazing, a corrente do grunge estadounidense dominou a escena alternativa británica e a prensa musical a comezos dos 90. Como reaccion, unha serie de bandas británicas apareceron desexando "desfacerse do grunge" e "declarandolle a guerra aos Estados Unidos", tomando ao asalto ao público e prensa musical nativos.[38] Bautizado "Britpop" polos medios, este movemento representado por Pulp, Oasis, Suede e Blur, foi o equivalente británico ao estoupido grunge, no que os artistas impulsaron ao rock alternativo cara aos primeiros postos das listas do seu país. As bandas de britpop estaban influenciadas e amosaban respecto pola música de guitarra británica do pasado, particularmente de movementos e xéneros como a British Invasion, o glam rock e o punk rock.[39] En 1995 o fenómeno britpop culminou nunha rivalidade entre os seus dous principais grupos, Oasis e Blur, simbolizada coa edición de sinxelos competidores o mesmo día. Blur gañou "a batalla do britpop", pero Oasis pronto eclipsou á outra banda en popularidade co seu segundo álbum, (What's the Story) Morning Glory? (1995),[40] que se convertería no terceiros álbum máis vendido da historia do Reino Unido.[41]
Outras tendencias
editarTras ser sinónimo do rock alternativo durante moito tempo, o indie rock transformouse nun estilo distino despois do éxito de Nirvana. O indie rock formoulouse como un rexeitamento tanto da absorción do rock alternativo dentro do mainstream por parte de artistas que non podían ou negábanse a cruzar esa liña, como por desconfianza á súa ética . Mentres que os artistas de indie rock compartían a desconfianza cara a música comercial do punk rock, o xénero non se definía totalmente en contra da mesma, xa que "a suposición xeral era que semellaba virtualmente imposible que varios enfoques do indie rock fosen compatibles cos gustos do gran público".[42]
Selos como Matador Records, Merge Records e Dischord Records, e bandas como Pavement, Superchunk, Fugazi e Sleater-Kinney dominaron a escena indie estadounidense de da meirande parte dos 90.[43] Un dos movementos principais do indie nesta década foi o lo-fi. Este estilo, que se centraba na gravación e distribución da música en cintas de casete de baixa calidade, apareceu inicialmente nos anos 80. Cara 1992 Pavement, Guided by Voices e Sebadoh fixéronse populares na escena lo-fi dos Estados Unidos mentres que artistas posteriores como Beck e Liz Phair dirixíronse cara a un público maioritario.[44] Neste período tamén apareceron cantautoras confesionais alternativas. Ademais da xa mencionada Liz Phair, PJ Harvey e a exitosa Alanis Morissette encaixan neste subgrupo.[45][46]
En 1993 o álbum de The Smashing Pumpkins Siamese Dream foi un grande éxito comercial. A forte influencia do heavy metal e o rock progresivo no disco axudou a lexitimizar o rock alternativo entre os programadores das emisoras destinadas ao gran público, e a pechar o oco entre o rock alternativo e o tipo de rock pinchado nas radios Album Oriented Rock estadounidenses dos 70.[47]
Durante a segunda metade dos 90 o grunge foi suplantado polo post-grunge. Bandas deste xénero como Candlebox, Foo Fighters e Bush apareceron pouco despois do éxito do grunge. Estes artistas carecían das raíces underground do grunge e estaban fortemente influenciados polo que este se tiña convertido, é dicir, "unha forma moi popular de hard rock serio e introspectivo". O post-grunge foi un xénero máis viable comercialmente que temperou as guitarras distorsonadas do grunge cunha puída produción lista para a radio.[48]
O post-rock establecérono os álbums Laughing Stock de Talk Talk e Spiderland de Slint, ámbolos dous publicados en 1991. O post-rock está influenciado por un feixe de xéneros, como o Krautrock, o rock progresivo e o jazz. O estilo subverte ou rexeita as convencións do rock, e adoita a incorporar música electrónica. Aínda que o nome do xénero foi cuñado polo xornalista musical Simon Reynolds en 1994, o seu son solidificouse coa edición de Millions Now Living Will Never Die (1996) do grupo de Chicago Tortoise. O post-rock converteuse na forma dominante do rock experimental nos anos 90, e as bandas do xénero concentráronse nos selos Thrill Jockey, Kranky, Drag City e Too Pure.[49] Un xénero relacionado, o math rock, acadou o seu máximo esplendor a mediados dos 90. En comparación co post-rock, o math rock é máis "roqueiro" e baséase en tempos complexos e frases entrelazadas.[50] Aínda que cara ao final da década xurdira unha reacción en contra do post-rock debido á súa "intelectualidade sen paixón" e á súa crecente previsibilidade, unha nova fornada de bandas do xénero como Godspeed You! Black Emperor e Sigur Rós apareceron expandindo o estilo.[49]
Despois de case unha década no underground, o ska punk, unha mestura do primeiro ska británico e punk rock, fíxose popular nos Estados Unidos. Rancid foi o primeiro dos artitas do "Third Wave Ska Revival" en saltar á fama. En 1996 bandas como Mighty Mighty Bosstones, No Doubt, Sublime, Goldfinger, Reel Big Fish, Less Than Jake e Save Ferris uniríanse entrando nas listas e aparecendo nas radios do país.[51][52]
Declive na popularidade
editarCara ao final da década a prominencia do rock alternativo no mainstream decaiu debido a un feixe de eventos, principalmente a morte de kurt Cobain en 1994 e a demanda de Pearl Jam contra a promotora de concertos Ticketmaster, que en efecto impediu á banda tocar en moitos grandes locais dos Estados Unidos. Ademais do declive dos grupos de grunge, o britpop comezou a esvaecerse cando o terceiro álbum de Oasis, Be Here Now (1997), recibiu críticas pouco entusiastas e Blur comezou a incorporar influencias do rock alternativo estadounidense.[53] Un feito moi significante deste declive foi o hiato do festival Lollapalooza despois dun intento pouco exitoso de atopar un cabeza de cartel en 1998. Á luz dos problemas do festival ese ano Spin dixo, "Lollapalooza está tan comatoso como o rock alterativo neste momento".
A pesar de que o rock alternativo perdeu popularidade, algúns artistas mantiveron a súa relevancia entre o gran público. O post-grunge seguiu sendo viable comercialmente a comezos do século XXI, cando bandas como Creed e Matchbox Twenty estiveron entre os grupos de rock máis populares dos Estados Unidos. Ao mesmo tempo que o britpop comezou a decaer, Radiohead acadou a aclamación da crítica co seu terceiro álbum OK Computer (1997), e os seus continuadores Kid A (2000) e Amnesiac (2001), que contrastaban co tradicionalismo do britpop. Radiohead, xunto con grupos de post-britpop como Travis e Coldplay, lideraron o rock británico nos seguintes anos.[54]
Fugazi converteuse no primeiro artista emo en atraer a atención de parte dos medios de comunicación do mundo do rock alternativo. A mediados dos 90 Sunny Day Real Estate definiu o xénero "emo" para moitos. O Pinkerton de Weezer tamén foi influente. Cara ao ano 2000 e na nova década emo foi un dos xéneros de rock máis populares. Destacaron traballos como o Bleed American (2001) de Jimmy Eat World e The Places You Have Come to Fear the Most (2003) de Dashboard Confessional. O novo emo tiña un son moito máis mainstream que o dos 90 e máis atractivo para os adolescentes que as súas primeiras encarnacións. Ao mesmo tempo, o uso do termo "emo" espandíuse máis alá do xénero musical, asociándose á moda, a un peiteado e a calquera música que expresase emoción. O termo "emo" foi aplicado polos críticos e xornalistas a gran variedade de artistas, como Fall Out Boy e My Chemical Romance e a bandas tan dispares como Paramore e Panic! at the Disco, incluso cando rexeitaban a etiqueta.
Século XXI e rexurdimento
editarDurante o final dos anos 90 e o principio dos 2000, xurdiron varias bandas de rock alternativo, como The Strokes, Franz Ferdinand, Interpol, The Rapture e Arctic Monkeys, inspirados principalmente no post-punk e o new wave e establecendo o movemento do post-punk revival.[55] Precedida polo éxito de grupos como The Strokes e The White Stripes a principios da década, unha afluencia de bandas do novo rock aternativo, entre elas varias de post-punk revival e outras como Modest Mouse, The Killers ou Yeah Yeah Yeahs conseguiron o éxito comercial a mediados dos 2000. Debido ao éxito destes artistas, Entertainment Weekly declarou en 2004, "Tras case unha década de dominación de bandas de rap rock e nu metal, o rock alternativo mainstream finalmente é bo outra vez".[56] Xiras mundiais de grupos de rock alternativo foron sacrificadas pola de artistas máis establecidos como U2, Foo Fighters, Coldplay e Muse, acadando esta última un notable aumento de popularidade a finais da década.
Cara ao ano 2010 nos Estados Unidos o termo rock alternativo comezou a perder o seu uso. A meirande parte das referencias á música rock da actualidade son para o indie rock, un termo que anteriormente tiña un uso limitado en canles e medios de rock alternatvo. Aínda que houbo opinións enfrontadas sobre a relevancia do rock alternativo nos públicos do mainstream máis alá do ano 2010,[57][58] Dave Grohl comentou a un artigo do The New York Daily News que dicía que o rock estaba morto, "... falade por vós mesmos... a min o rock paréceme moi vivo".
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Rock Music". Microsoft Encarta 2006 [CD]. Redmond, Washington: Microsoft Corporation. 2005.
- ↑ Charlton, Katherine (2003). Rock Music Styles: A History. McGraw Hill. pp. 346-347. ISBN 0-07-249555-3.
- ↑ Reynolds, p. 392–93.
- ↑ Azerrad (2001), p. 3-5.
- ↑ Charlton, p. 349.
- ↑ Reynolds, p. 390.
- ↑ The Sydney Morning Herald (ed.). "Indie music pioneer returns with a little help from his admirers". Consultado o 19 de maio de 2014.
- ↑ Azerrad (2001), p. 159.
- ↑ Azerrad (2001), p. 196.
- ↑ Allmusic (ed.). "Bografía de The Jesus Lizard". Consultado o 19 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "Grunge". Consultado o 19 de maio de 2014.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Marin, Rick (15 de novembro de 1992). "Grunge: A Success Story". The New York Times.
- ↑ 13,0 13,1 Azerrad (1994), p. 160.
- ↑ Azerrad (1994), p. 4.
- ↑ Almmusic (ed.). "Emo". Consultado o 19 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "Rock gótico". Consultado o 20 de maio de 2014.
- ↑ Reynolds, p. 352.
- ↑ Reynolds, p. 359.
- ↑ Reynolds, p. 357–58.
- ↑ Reynolds, p. 392.
- ↑ The Guardian (ed.). "Fey city rollers". Consultado o 24 de maio de 2014.
- ↑ The Independent (ed.). "How an NME cassette launched indie music". Consultado o 24 de maio de 2014.
- ↑ The Guardian (ed.). "Diamond gazers". Consultado o 24 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "Shoegaze". Consultado o 24 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "Madchester". Consultado o 24 de maio de 2014.
- ↑ Lyons, p. 120.
- ↑ Today Music (ed.). "10 years later, Cobain lives on in his music". Consultado o 25 de maio de 2014.
- ↑ Azerrad (1994), p. 229–30.
- ↑ Entertainment Weekly (ed.). "The New Rock". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2007. Consultado o 26 de maio de 2014.
- ↑ The New York Times (ed.). "Great Riffs. Big Bucks. New Hopes?". Consultado o 26 de maio de 2014.
- ↑ Soundcheck (ed.). "Smackdown: Pearl Jam vs. Nirvana". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2014. Consultado o 26 de maio de 2014.
- ↑ Lyons, p. 136.
- ↑ Azerrad (2001), p. 452–53.
- ↑ Entertainment Weekly (ed.). "Smells Like Big Bucks". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2007. Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ DeRogatis, Jim (2003). Milk It!: Collected Musings on the Alternative Music Explosion of the 90s. Cambridge: Da Capo. pp. 18.
- ↑ "In Numero Uno". Entertainment Weekly. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2007. Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ "Pearl's Jam". Entertainment Weekly. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2011. Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ BBC News (ed.). "Looking back at the birth of Britpop". Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ Harris, p. 202.
- ↑ Harris, p. xvii.
- ↑ BBC News (ed.). "Queen head all-time sales chart". Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "Indie rock". Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ Azerrad (2001), pp. 495–97.
- ↑ Allmusic (ed.). "Lo-fi". Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ "Biografía de Alanis Morissette". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2013. Consultado o 28 de maio de 2014.
- ↑ "Biografía de PJ Harvey". Billboard. Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2013. Consultado o 28 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "The Smashing Pumpkins". Consultado o 28 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "Post-grunge". Consultado o 28 de maio de 2014.
- ↑ 49,0 49,1 Allmusic (ed.). "Post-rock". Consultado o 28 de maio de 2014.
- ↑ Allmusic (ed.). "Math rock". Consultado o 28 de maio de 2014.
- ↑ Thompson, Dave (2000). Alternative Rock : Third Ear - The Essential Listening Companion. Backbeat Books. pp. 112. ISBN 978-0879306076.
- ↑ Allmusic (ed.). "Third Wave Ska Revival". Consultado o 28 de maio de 2014.
- ↑ Harris, p. xix.
- ↑ Harris, p. 369–70.
- ↑ Allmusic (ed.). "New Wave/post-punk revival". Consultado o 3 de xuño de 2014.
- ↑ Entertantment Weekly (ed.). "The Return Of (Good) Alt-Rock". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2007. Consultado o 3 de xuño de 2014.
- ↑ Forbes (ed.). "Don't Believe The Billboard Charts -- Rock Isn't Dead". Consultado o 3 de xuño de 2014.
- ↑ Slate (ed.). "We Won’t Rock You". Consultado o 3 de xuño de 2014.