Rudistas
Rudistas Rango fósil: Xurásico Superior - Cretáceo Superior | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Rudistas do Cretáceo das montañas Omani, Emiratos Árabes. Escala: 10 mm. | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Familias | |||||||||||
Os rudistas (Hipuritoida) son unha orde extinta de moluscos bivalvos heterodontes. Tiñan dúas válvulas asimétricas e normalmente unha delas estaba unida ao substrato (organismos sésiles ). Aparecen no rexistro fósil do Xurásico Tardío, a súa maior diversificación prodúcese durante o Cretáceo e extínguense no evento de extinción masiva do límite Cretáceo-Paleóxeno (límite K-Pg). Durante o Cretáceo foron os principais responsables da formación de arrecifes no mar Tetis. Os arrecifes de rudistas teñen un importante interese económico como posibles trampas de petróleo, debido á alta porosidade das súas facies.
Descrición
editarPresentaban cunchas grosas con dúas capas: unha externa calcítica e outra aragonítica interna. As formas xurásicas eran alongadas, con dúas válvulas semellantes, a miúdo de forma tubular. As dicerátidas tiñan dúas válvulas grosas enroladas en espiral (di-ceras, dous cornos), mentres que nos requiénidos só se enrola a válvula fixa, coa outra, libre, de morfoloxía opercular. Algunhas especies non coloniais, como Requienia ou Toucasia, tiñan cunchas grandes e macizas, con estruturas de pregamentos e cristas na válvula inferior, que lles proporcionaban unha forte fixación ao substrato.
Os rudistas, hipúrítidos e radiolítidos, que construían arrecifes do Cretáceo, eran moi robustos, con cunchas moi grosas e as dúas válvulas moi diferentes. Tiñan unha válvula cónica ou cilindrocónica que estaba ancorada verticalmente no substrato, coa outra moi diferente e reducida que actuaba como opérculo (como tapa libre). O tamaño destas formas cónicas é moi variable, desde uns poucos centímetros ata case dous metros de altura.
Suponse que os rudistas eran filtradores, como a maioría dos bivalvos actuais, e que tamén eran capaces de manter algún tipo de relación simbionte coas zooxantelas (algas dinoflaxeladas), como algúns bivalvos e corais.
Biocronoloxía e evolución
editarOs fósiles máis antigos atribuídos a Hippuritoida corresponden ao Oxfordiano (Xurásico Tardío) e a desaparición do grupo coincide coa extinción masiva a finais do Maastrichtiano (Cretáceo Tardío) (Steuber et al., 2002).
A orixe do grupo atópase nos dicerátidos, a finais do Xurásico Tardío.
Os Requiénidas tiveron o seu apoxeo no medio do Cretáceo Inferior.
Os caprínidos e os ictiosarcolitidos extinguíronse no Cenomaniano, e foron substituídos polos hipúrítidos, dominantes durante o Cretáceo tardío.
Os radiolítidos desenvolvéronse a partir do Aptiano (Cretáceo Inferior), presentando a maior diversidade do grupo.
Paleoecoloxía
editarOs rudistas foron os principais construtores de arrecifes nos mares tropicais durante o Cretáceo. Asentáronse en ambientes pouco profundos, agrupando numerosos individuos, o que permitiu o atrapamento de sedimentos, que consolidaron e reforzaron as colonias. Algunhas especies aumentaron a cohesión entre os individuos producindo cementacións entre as cunchas. Consérvanse numerosos fósiles en posición de vida, polo que se puido observar como se apoiaban e suxeitaban entre si.
Suponse que habitaban en augas pouco profundas, xa que a súa asociación con algas dasicladaceas parece indicar que os rudistas necesitaban auga turbia e ben osixenada e que a profundidade non superaría os 5 m. Tamén estarían expostos a condicións subaéreas (estarían "no aire") durante as mareas de primavera.
Suponse que o éxito dos rudistas, desprazando os corais, debeuse, en parte, á maior temperatura e salinidade dos mares durante o Cretáceo.
Paleobioxeografía
editarOs rudistas habitaban todos os mares tropicais e subtropicais da súa época, principalmente o mar Tetis, na Europa actual, Asia, norte de África, América do Norte e as Antillas. Pola extensa distribución xeográfica deste grupo suponse que os estadios larvarios eran planctónicos.
Os antilocrapínidos estaban restrinxidos ao Caribe actual e os dictyoptychids só se coñecen do norte de África e da Península Arábiga.
Sistemática
editarOs rudistas colócanse na orde Hippuritoida (ás veces Rudista, Rudistes ou Pachydontos, termos agora en desuso).
Historia
editarOs fósiles rudistas foron descritos por primeira vez por Philippe-Isidore Picot de Lapeyrouse en 1781[1] en Rennes-les-Bains (rexión de Corbières, Francia) nun lugar coñecido como "Montaña de Cornos".[2]
Notas
editar- ↑ Picot de Lapeyrouse, Ph. I. (1781). Déscription de plusieurs nouvelles espèces d'orthocératites et d'ostracites. Erlang: W. Walther.
- ↑ Bilotte, Michel (2009). "La Montagne des Cornes" (PDF). Un passé historique, un présent alarmant, un futur hypothétique (en francés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de agosto de 2023. Consultado o 7 de enero de 2011.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rudistas |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Rudistas |
Outros artigos
editar- Bioconstrución
- Paleoarte
- Paleobioloxía
- Paleobioxeoloxía
- Extinción dos dinosauros
- Extinción do Triásico-Xurásico
Bibliografía
editar- Checa, A. y Domènech, R. (2009). "Clase Bivalvia". En Martínez Chacón, M.L. y Rivas, P. Paleontología de invertebrados. Sociedad Española de Paleontología, Instituto Geológico y Minero de España, Universidade de Oviedo, Universidade de Granada. pp. 235–271. ISBN 978-84-613-4625-7.
- Domènech, R. y Martinell, J. (1996). Introducción a los fósiles. Masson. p. 288. ISBN 84-458-0404-9.
- Johnson, C. (2002). "The rise and fall of Rudist reefs" (en inglés) 90: 148.
- Meléndez, Bermudo (1977). Paleontología. Tomo 1. Parte general e invertebrados (2ª ed.). Editorial Paraninfo. p. 715. ISBN 84-283-0005-4.
- Paleos.com. "The Aptian Age" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2010. Consultado o 1 de xaneiro de 2011.
- Robles, F. (1986). "Moluscos (I): Generalidades. Escafópodos y Bivalvos". En López Martínez. N. Guía de campo de los fósiles de España. Pirámide. pp. 127–179. ISBN 84-368-0326-4.
- Steuber, T. "An Introduction to the Paleontology of Rudist Bivalves" (en inglés). Consultado o 1 de xaneiro de 2011.
- Steuber, T.; Mitchell, S. F.; Buhl, D.; Gunter, G. y Kasper, H. U. (2002). "Catastrophic extinction of Caribbean rudist bivalves at the Cretaceous-Tertiary boundary" (en inglés) 30 (11): 999–1002. doi:10.1130/0091-7613(2002)030<0999:CEOCRB>2.0.CO;2.
Ligazóns externas
editar- "Rudist Reefs Article". Ocean Portal (en inglés). Smithsonian Institution. Consultado o 1 de xaneiro de 2011.
- Museum of Paleontology. "The Rudist" (en inglés). University of California. Consultado o 1 de xaneiro de 2011.
- Oviedo García, Angélica (2005) Rudistas del Cretácico Superior del centro al suroeste de México (Recuento sistemático de rudistas americanos). Tese de doutoramento. Universidade Autónoma de Barcelona. 123 páxs.