Ruth Bader Ginsburg
Ruth Joan Bader Ginsburg, nada en Brooklyn (Nova York) o 15 de marzo de 1933 e finada en Washington, D.C. o 18 de setembro de 2020, foi unha xuíza e xurista estadounidense que destacou especialmente polo seu traballo na loita pola igualdade legal entre homes e mulleres. Dende o 10 de agosto de 1993 e ata o seu pasamento foi xuíza da Corte Suprema dos Estados Unidos, nomeada polo presidente Bill Clinton. En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís.
Ginsburg mantivo unha alta popularidade nos Estados Unidos. Icona da cultura pop, recibiu o alcume de "Notorious R.B.G." e estaba considerada como un símbolo da resistencia pública e da xustiza.[1]
Traxectoria
editarNaceu en Brooklyn no seo dunha modesta familia xudía. A súa nai, Celia, que a impulsou aos libros e ao estudo, morreu o día en que Ruth tiña que graduarse no instituto. Estudou cunha bolsa na Universidade de Cornell na década de 1950. Coñeceu entón ao que foi o seu marido, e foron xuntos a estudar a dereito á Universidade Harvard.[2]
En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís dende onde iniciou a batalla legal pola igualdade entre homes e mulleres. Liderou seis dos principais casos ante a Corte Suprema dos Estados Unidos, dos que gañou cinco. En 1971 o tribunal ditaminou por primeira vez que tratar unha muller de xeito diferente a un home violaba a Constitución e era ilegal. Foi coñecido como o caso Reed v. Reed.[2]
Comezou a súa carreira xudicial en 1980 cando o presidente Jimmy Carter a nomeou xuíza do Tribunal de Apelacións do Distrito de Columbia, onde pasou trece anos. En 1993, o presidente Bill Clinton nomeouna xuíza do Tribunal Supremo tralo retiro do xuíz asociado Byron White. O Senado confirmou o seu nomeamento cunha votación de 96-3. Converteuse entón na segunda muller na historia (tras Sandra Day O'Connor) en servir neste alto órgano xudicial.
Ginsburg foi unha das principais voces da á liberal do Tribunal Supremo. Durante os seus anos no Tribunal, Ginsburg votou a favor do dereito ao aborto e da citación de dereito internacional nas opinións da Corte. Ademais, votou en contra da pena de morte e a favor dos dereitos dos homosexuais.[3]
En novembro de 2018, aos 85 foi hospitalizada despois dunha caída. A súa dimisión do supremo por razóns de saúde abriría a porta a que o presidente Donald Trump nomease un xuíz ultraconservador, escorando a Corte Suprema durante décadas.[2] Ginsburg faleceu por complicacións dun cancro de páncreas o 18 de setembro de 2020.[4][5] Consciente da súa morte inminente e das eleccións presidenciais que terían lugar en menos de dous meses, ditou unha nota á súa neta: "O meu máis fervente desexo é non ser substituída ata que haxa un novo presidente".[6][7]
Na cultura popular
editarGinsburg foi cualificada como "icona da cultura pop".[8][9][10] O perfil de Ginsburg comezou a crecer tralo retiro de O'Connor en 2006, que a deixou como a única muller no tribunal.
As súas alegacións cada vez máis apaixonadas, particularmente en Shelby County v. Holder levaron á creación de Notorious R.B.G. Tumblr e de memes comparándoa co rapeiro The Notorious B.I.G.[11] A creadora de Notorious R.B.G. Tumblr, a estón estudante de dereito Shana Knizhnik, uniuse á reporteira de MSNBC Irin Carmon para converter o blog nun libro titulado Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg.[12] Editado en outubro de 2015, converteuse nun bestseller de The New York Times.[13] Ademais, Ginsburg inspirou arte das uñas, disfraces de Halloween, unha boneca, tatuaxes, camisetas, cuncas de café e libros de colorear para nenos, entre outros obxectos.[12][14][15][16] O músico Jonathan Mann fixo unha canción empregando parte da súa disertación en Burwell v. Hobby Lobby Stores, Inc..[17] Ginsburg admitiu que ten unha "gran cantidade" de camisetas de Notorious R.B.G., que distribúe como regalos.[18]
Dende 2015, Ginsburg foi interpretada por Kate McKinnon en Saturday Night Live.[19] Os cineastas Betsy West e Julie Cohen realizaron un documental sobre Ginsburg, titulado RBG, para CNN Films, que foi estrado no festival de Sundance de 2018 e recibiu dúas candidaturas aos Oscar.[20] No filme Deadpool 2 (2018), móstrase unha fotografía dela cando Deadpool a ten en conta para a súa X-Force, equipo de superheroes.[21] Outro filme, Unha cuestión de xénero, que se centra na carreira de Ginsburg loitando pola igualdade de dereitos, foi estreado a finais de 2018. O guión estivo na lista negra dos mellores guións sen producir en 2014.[22] A actriz Felicity Jones interpreta a Ginsburg e Armie Hammer ao seu marido Marty.[23] A propia Ginsburg ten unha aparición no filme.[24] A sétima temporada da sitcom New Girl inclúe unha personaxe chamada Ruth Bader Schmidt por Ginsburg.[25] Unha figura de Lego de Ginsburg aparece en The Lego Movie 2. Ginsburg deu a súa autorización para o cameo e para a produción da figura como parte dos conxuntos de xoguetes de Lego trala estrea en febreiro de 2019.[26]
Notas
editar- ↑ "'RBG': How Ruth Bader Ginsburg became a legit pop-culture icon".
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Ruth Bader Ginsburg, la juez que encandila a los ‘millennials’".
- ↑ El Espectador. "La octogenaria jueza que se convirtió en icono pop".
- ↑ Liptak, Adam (September 18, 2020). "Justice Ruth Bader Ginsburg Dies at 87". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2020. Consultado o September 19, 2020.
- ↑ Sherman, Mark (September 18, 2020). "Supreme Court Justice Ruth Bader Ginsburg dies of metastatic pancreatic cancer". The Boston Globe (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ Orixinal en inglés: "My most fervent wish is that I will not be replaced until a new president is installed".
- ↑ Totenberg, Nina (September 18, 2020). "Justice Ruth Bader Ginsburg, Champion Of Gender Equality, Dies At 87". National Public Radio. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ Waldman, Paul (28 de novembro de 2014). "Why the Supreme Court should be the biggest issue of the 2016 campaign". The Washington Post. Consultado o 18 de febreiro de 2016.
- ↑ Alman, Ashley (16 de xaneiro de 2015). "This Badass Tattoo Takes Ruth Bader Ginsburg Fandom To New Levels". The Huffington Post. Consultado o 18 de febreiro de 2016.
- ↑ Ryan, Patrick (9 de novembro de 2018). "'RBG': How Ruth Bader Ginsburg became a legit pop-culture icon". USA TODAY (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2018.
- ↑ Lithwick, Dahlia (16 de marzo de 2015). "Justice LOLZ Grumpycat Notorious R.B.G.". Slate. Consultado o 18 de febreiro de 2016.
- ↑ 12,0 12,1 Bazelon, Emily (4 de decembro de 2015). "Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg'". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 22 de decembro de 2016.
- ↑ Carmon, Irin; Knizhnik, Shana (27 de outubro de 2015). Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg. Dey Street Books. ISBN 978-0062415837.
- ↑ Reynolds, Eileen (30 de xullo de 2014). "How An 81-Year-Old Supreme Court Justice Became An Unlikely Pop Culture Icon". Business Insider. Consultado o 22 de decembro de 2016.
- ↑ O'Leary, Tom F. (16 de febreiro de 2016). The Ruth Bader Ginsburg Coloring Book: A Tribute to the Always Colorful and Often Inspiring Life of the Supreme Court Justice Known as RBG (en inglés). S.l.: Gumdrop Press. ISBN 978-0692644782.
- ↑ "How Ruth Bader Ginsburg became a meme – and why that's so surprising". Press Herald (en inglés). 3 de xuño de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2018.
- ↑ Abby Ohlheiser (30 de xuño de 2014). "Read Justice Ginsburg's Passionate 35-Page Dissent of Hobby Lobby Decision". The Atlantic. Consultado o 26 de decembro de 2018.
- ↑ Miller, Zeke J. (19 de outubro de 2014). "Ruth Bader Ginsburg Says She Has Quite a Large Supply of Notorious RBG Shirts". TIME.com. Consultado o 22 de decembro de 2016.
- ↑ Lavender, Paige (4 de maio de 2015). "'Ruth Bader Ginsburg' Brings The Sass On SNL". The Huffington Post. Consultado o 4 de novembro de 2015.
- ↑ Sperling, Nicole (21 de xaneiro de 2018). "Ruth Bader Ginsburg Wows Celebrity-Packed Crowd at Sundance Film Festival". HWD (en inglés). Consultado o 22 de xaneiro de 2018.
- ↑ "Ninja Supreme Court Justice: Ruth Bader Ginsburg Has Fun With Fame". The New York Times. 9 de maio de 2018.
- ↑ Bloom, David; Yamato, Jen (15 de decembro de 2014). "Blacklist 2014: Full List – Update". Deadline. Consultado o 9 de decembro de 2016.
- ↑ McNary, Dave (18 de xullo de 2017). "Felicity Jones to Star as Ruth Bader Ginsburg in Biopic 'On the Basis of Sex'". Variety (en inglés). Consultado o 17 de setembro de 2017.
- ↑ "Ruth Bader Ginsburg Films Cameo in Biopic 'Notorious'". Hollywood Reporter. 17 de abril de 2018. Consultado o 26 de decembro de 2018.
- ↑ Maas, Jennifer (10 de abril de 2018). "'New Girl': Here's Why Schmidt and Cece's Daughter Is Named Ruth Bader". TheWrap. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ Alexander, Bryan (19 de xaneiro de 2019). "Supreme reveal: Ruth Bader Ginsburg makes star appearance in 'Lego Movie 2'". USA Today. Consultado o 19 de xaneiro de 2019.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bayer, Linda N. Ruth Bader Ginsburg. Philadelphia: Chelsea House Publishers, 2000. ISBN 978-0791052877 OCLC 42771306
- Campbell, Amy Leigh, and Ruth Bader Ginsburg. Raising the Bar: Ruth Bader Ginsburg and the ACLU Women's Rights Project. Princeton, NJ: Xlibris Corporation, 2003. ISBN 978-1413427417 OCLC 56980906
- Carmon, Irin, and Shana Knizhnik. Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg. Nova York, Dey Street, William Morrow Publishers, 2015. ISBN 978-0062415837 OCLC 913957624
- Clinton, Bill. My Life. Nova York: Vintage Books, 2005. pp. 524–25, 941. ISBN 978-1400043934 OCLC 233703142
- de Hart, Jane Sherron. Ruth Bader Ginsburg: A Life. Nova York: Knopf, 2018. ISBN 978-1400040483
- Dodson, Scott. The Legacy of Ruth Bader Ginsburg. Cambridge: Cambridge University Press, 2015. ISBN 978-1107062467 OCLC 897881843
- Garner, Bryan A. Garner on Language and Writing. Chicago: American Bar Association, 2009. Forward by Ruth Bader Ginsburg. ISBN 978-1590315880 OCLC 310224965
- Ginsburg, Ruth Bader, et al. Essays in Honor of Justice Ruth Bader Ginsburg. Cambridge, MA: Harvard Law School, 2013. OCLC 839314921
- Hirshman, Linda R. Sisters in Law: How Sandra Day O'Connor and Ruth Bader Ginsburg Went to the Supreme Court and Changed the World. Nova York: HarperCollins, 2015. ISBN 978-0062238481 OCLC 907678612
- Moritz College of Law. 2009. "The Jurisprudence of Justice Ruth Bader Ginsburg: A Discussion of Fifteen Years on the U.S. Supreme Court: Symposium". Ohio State Law Journal. 70, no. 4: 797–1126. ISSN 0048-1572 OCLC 676694369