Sínodo de Whitby
O sínodo de Whitby foi unha importante reunión de monxes cristiáns irlandeses e romanos, xunto a autoridades políticas que se celebrou na cidade de Whitby, por entón capital do reino de Northumbria, na actual Inglaterra, o ano 664. Nel definiuse a dirección relixiosa a tomar no conflito exposto entre o cristianismo dos monxes irlandeses e o dos romanos[1]. En realidade, o que se enfontaban eran dous modelos de organización eclesiática: a irlandesa, baseada na dirección espiritual dos abades dos mosteiros[2], fronte a aquela de obediencia romana baseada na dirección dos bispos, máis centralizada e xerarquizada.
Antecedentes
editarDurante a segunda metade do século VI, monxes irlandeses chegaran a Inglaterra, fundando unha serie de mosteiros, entre eles o de Iona. Paralelamente, a Igrexa de Roma enviara a varios monxes, entre eles Agostiño de Canterbury, con idéntica misión de evanxelización. As dúas empresas misioneiras terminaron chocando, debido ás fortes discrepancias de ritual, estilo e organización que existían entre ámbalas dúas igrexas. Logo de moitos anos en que Northumbria oscilaba alternativamente entre darlle o favor aos monxes irlandeses ou aos romanos, o rei Oswiu de Northumbria decidiuse a resolver a cuestión.
A historia da reunión é referida por Beda o Venerable na súa Historia eclesiástica dos ingleses. Os bandos estaban representados por Colman de York (polos monxes irlandeses) e Agilberto, un franco bispo de Wessex (polo bando dos romanos). Dado que este último non dominaba a lingua saxoa, pediu o apoio de Wilfrid para defender a súa causa[3].
Segundo Beda (partidario de Roma), Oswiu preguntaría aos monxes romanos -do anglosaxón Wilfrid, monxe de Ripon, que chegaría a ser bispo de York[4]- que títulos alegaban para afirmar a súa superioridade xerárquica sobre os monxes irlandeses, ante o cal eles citarían o texto bíblico de Mateu 16:18-19 ["... Ti es Pedro, e sobre esta pedra edificarei a miña igrexa ... Eu dareiche as chaves do reino dos ceos: todo o que ates na terra será atado no ceo, e o que desates na terra será desatado nos ceos."] engadindo que Pedro chegara logo a ser Bispo de Roma, e que máis tarde tamén nomeara aos futuros bispos desa cidade como os seus sucesores e únicos herdeiros, e finalmente, que o bispo de Roma enviáraos a eles. Tamén argumentaron que contaban co apoio de Roma, de Italia, Galia, Hispania e África[2][5], mentres que os da igrexa céltica só tiñan o apoio das dúas illas e nin sequera na súa totalidade.
Fronte a estas argumentacións, Oswiu preguntaría aos monxes irlandeses, encabezados por Colmán de Lindisfarne, se eles podían reclamar tamén para si mesmos semellantes poderes, ao que eles, por suposto, replicaron negativamente. Daquela, o rei reflexionou no sentido en que cómpríalle máis axeonllarse fronte a poderosa Igrexa de Roma que fronte aos humildes mosteiros irlandeses, porque de facer o contrario, ao morrer e chegar ao ceo podería atopar as portas pechadas por quen tiña as chaves do mesmo.
Consecuencias
editarO sínodo de Whitby marcou a derrota do modelo de organización eclesiástico dos irlandeses, baseado nunha rede de mosteiros sen superior xerárquico visible, e a afirmación do modelo eclesiástico romano baseado non en mosteiros senón en bispados territorialmente organizados e cunha ríxida xerarquía. Con todo, a actividade misioneira irlandesa continuou polos séculos seguintes, e o vigor cultural mostrado polos mesmos desembocaría directamente no Renacemento carolinxio. E non foi até o século XII en que o papa Alexandre III, conseguiu que a igrexa anglosaxoa quedase como unha igrexa territorial unida a Roma[6].
Notas
editar- ↑ López Amat, Alfredo (1987). El seguimiento radical de Cristo: esbozo histórico de la vida consagrada. vol. I. Ediciones Encuentro S. A. p. 343. ISBN 978-84-7490-172-6.
- ↑ 2,0 2,1 Schatz, Klaus (1996). El primado del papa: su historia desde los orígenes hasta nuestros días. Santander: Sal Terrae. pp. 100–101. ISBN 84-293-1202-1.
- ↑ Leonardi, Claudio; Riccardi, Andrea; Zarri, Gabriella (2000). Diccionario de los santos. Vol. II (J-Z). Madrid: San Pablo. p. 2221. ISBN 84-285-2259-6.
- ↑ López Amat, Alfredo; op. cit., páxina 113.
- ↑ Baring-Gould, Sabine (1914). The Lives of the Saints. With introduction and additional Lives of English martyrs, Cornish, Scottish, and Welsh saints, and a full index to the entire work. Edimburgh: Grant. p. 70.
- ↑ López Amat, Alfredo; op. cit., páxina 112.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Baring-Gould, Sabine (1914). The Lives of the Saints. With introduction and additional Lives of English martyrs, Cornish, Scottish, and Welsh saints, and a full index to the entire work. Edinburgh: Grant.