Sherlock Holmes é un personaxe ficticio creado en 1887 por Sir Arthur Conan Doyle. É un "detective asesor", prototipo do investigador lóxico e sagaz, famoso por utilizar a lóxica e a astucia para resolver os casos máis complicados, empregando o razoamento dedutivo e a inferencia.

Sherlock Holmes

Retrato de Sherlock Holmes por Sidney Paget.
Primeira aparición Un estudo en escarlata(1887)
Última aparición O arquivo de Sherlock Holmes
Creador(es) Arthur Conan Doyle
Información
Sexo Masculino
Estatura 6 pés (1,83 m.)
Nacemento 6 de xaneiro de 1854[1]
Especialidade Razoamento dedutivo
Ocupación Detective asesor
Aliados Doutor Watson
Inimigos Profesor Moriarty
Familia Mycroft Holmes (irmán)
Residencia 221B Baker Street, Londres
Nacionalidade Británico
Perfil en IMDb

Holmes é o protagonista dunha serie de catro novelas e cincuenta e seis relatos de ficción, reunidos no que se chama Canon of Sherlock Holmes, publicados na súa maioría en The Strand Magazine, sendo a súa primeira aparición na novela Un estudo en escarlata. Os cincuenta e seis relatos dos cales foi protagonista son narrados polo seu alter ego, o Doutor John H. Watson, coa excepción de dous relatos narrados polo propio Holmes ("O ritual Musgrave" e "A aventura do Gloria Scott") e outros dous en terceira persoa.

As súas aventuras ambientadas a finais do século XIX e comezos do XX, influíron de xeito moi grande na ficción detectivesca que seguiu á súa aparición. Aínda que podemos considerar a Auguste Dupin, creado por Edgar Allan Poe, como o seu predecesor, a xenialidade excéntrica deste non acadou a enorme popularidade que Holmes e o seu autor acadaron en vida deste (The Strand Magazine publicaba as aventuras de Holmes a prezos moi populares, e moitos "lectores comunais" de diversas industrias lían as obras de Doyle en voz alta como unha sorte de "radio" Vitoriana, práctica xa habitual coa obra de Charles Dickens).

O propio autor, Conan Doyle, dixo que o personaxe de Holmes fora inspirado polo Dr. Joseph Bell,[2] para o cal Doyle traballara como empregado no Royal Infirmary de Edimburgo, e que, ao igual que Holmes, posuía unha gran capacidade para tirar conclusións dende a máis pequena observación.

Traxectoria

editar

Xuventude

editar

Os poucos detalles explícitos que se coñecen sobre os primeiros anos da vida de Sherlock Holmes,[1] recompilados ao longo dos relatos do Doutor Watson, son distantes entre si, co que é difícil construír unha imaxe biográfica do detective nesta época da súa vida. Primeiramente, en base aos datos, estímase a idade de Holmes na historia "O seu último adeus", que sitúa o seu ano de nacemento ao redor de 1854, sendo a data comunmente citada o 6 de xaneiro.

Con respecto aos seus comezos, o propio Holmes conta que desenvolveu por vez primeira os seus métodos de dedución cando aínda non rematara os seus estudos universitarios. A autora Dorothy L. Sayers suxire que, tendo en conta algúns dos detalles en dúas das aventuras, Holmes debeu ser un estudante na vila de Cambridge, no canto de en Oxford e que "de tódalas universidades de Cambridge, a Sidney Sussex ofrece quizais o maior número de vantaxes a un home da posición de Holmes e, a falta dunha información máis exacta, podemos situalo alí".[3] Así pois os seus primeiros casos, nos que exerceu coma afeccionado, proviñan dos seus compañeiros de estudos.[4] Segundo Holmes, foi o encontro co pai dun dos seus compañeiros de clase o que o levou a asumir a observación e dedución coma unha profesión[5] pasando os seis anos seguintes á universidade a traballar como detective consultor, aínda que pasando grandes dificultades financeiras, o que o levou a buscar un compañeiro de piso, que finalmente sería o Doutor Watson, punto no que comeza a narración das historias.

Así pois, dende 1881, Holmes trasládase a vivir preto do Museo Británico para poder estudar as ciencias necesarias para o desenvolvemento das súas habilidades, concretamente nun apartamento situado no 221B Baker Street, en Londres, dende onde dirixe a súa axencia de detectives privados. Até a chegada de Watson, Holmes traballa só, empregando ás veces axentes das clases baixas da cidade, incluíndo unha serie de informantes e un grupo de cativos da rúa que el chama The Baker Street Irregulars (os irregulares de Baker Street), os cales aparecen en tres historias: O signo dos catro, Un estudo en escarlata e "A aventura do home corcovado".

Ao respecto da súa familia pouco se di. Os seus pais son mencionados nalgunhas historias, aínda que nelas só se afirma que os seus devanceiros eran "escudeiros". En "O intérprete grego", afirma Holmes que o seu tío-avó foi Horace Vernet, o famoso artista francés. O que si se sabe é que ten un irmán máis vello, Mycroft, un funcionario do goberno cunha posición única da administración pública, xa que é unha especie de "base de datos andante" para tódolos aspectos da política gobernamental. Mycroft é descrito como aínda máis dotado que Sherlock en materia de observación e dedución, mais en troques carece da tenacidade e da enerxía do seu irmán, preferindo pasar o seu tempo a gusto no "Diogenes Club", "un club para os máis insociables de Londres".

Non está claro se Holmes teña outros irmáns. En "A aventura da quinta de Copper Beeches" di Holmes:

"Confeso que non me gustaría que unha irmá miña aceptase ese emprego"

O cal leva a algúns a supor a existencia da mesma. Mais isto só é mencionado para advertir a unha muller sobre un caso, polo que esta referencia a unha irmá pode ser unha simple figura retórica.

A vida co Doutor Watson

editar
 
Sherlock Holmes e o Dr. J. H. Watson

Holmes comparte boa parte da súa vida profesional co seu bo amigo e cronista Watson, co cal vive por algún tempo antes do matrimonio do médico en 1887, e de novo logo da morte da súa esposa, sempre xunto coa súa patroa, a señora Hudson.

Watson ten dúas funcións na vida de Holmes. En primeiro lugar, é o asistente do seu amigo na resolución dos casos, sendo o home de confianza do detective, xa sexa como vixilante, reclamo, cómplice ou mensaxeiro e, en segundo lugar, é o seu cronista. Así pois a maioría das historias son narracións escritas dende o punto de vista de Watson, sendo unha especie de resumos dos casos máis interesantes que lles sucederon ao longo de tódolos seus anos xuntos. Segundo se pode ler nas propias historias, Holmes adoita criticar os escritos de Watson, dicindo que é moi populista, xa que non relata as historias de forma precisa e obxectiva senón que as adorna con detalles ás veces innecesarios.

Porén, a amizade de Holmes con Watson é, sen dúbida, a súa relación máis importante. Nalgunhas historias, o aprecio de Holmes por Watson, a miúdo oculto baixo o seu frío carácter, ponse de manifesto, por exemplo en "A aventura dos tres Garridebs", Watson é ferido nun enfrontamento cun vilán, e cóntanos:

Descubrir todo o leito de amor e lealdade que se escondían detrás da fría máscara de Holmes, ben valía unha ferida; ben valía moitas feridas. Aqueles ollos claros e duros nubráronse desocate, e os seus firmes beizos puxéronse a tremer. Por unha soa vez tiven eu a rápida visión dun corazón grande, e tamén dun gran cerebro. Todos os meus anos de servizos humildes sen reciprocidade culminaron naquel instante revelador.

En total, a carreira profesional de Holmes abrangue vinte e tres anos, dos cales Watson documentou dezasete.[6]

Retiro

editar

Holmes retírase definitivamente a unha granxa nas terras do Sussex entre os anos 1903 e 1904, onde se dedica a unhas das súas grandes afeccións, a apicultura, mesmo escribindo co tempo un manual co título Manual de apicultura, con algunhas observacións sobre a separación da Raíña.[7] Porén aínda volve a investigar un caso como afeccionado estando xa xubilado.[8]

Descrición

editar
 
Estatua de Sherlock Holmes en Meiringen, Suíza

Sherlock Holmes, que nun principio Doyle tiña previsto chamar Sherrinford,[9] é un detective privado alto (mide 6 pés, ao redor de 1,83 metros), delgado, frío, irónico, enxeñoso e intelectualmente inquieto. Watson descríbelle fisicamente do seguinte modo ao pouco de coñecerse:

A súa estatura excedía os seis pés, e era tan extraordinariamente enxoito, que producía a impresión de ser aínda máis alto. Tiña a mirada aguda e penetrante, [...] e o seu nariz, fino e ganchudo, daba ao conxunto das súas faccións un aire de viveza e de resolución.[10]

En ocasións resulta un tanto brusco, pero é cortés coas mulleres a pesar de que desconfía delas. O seu compañeiro, amigo e cronista Watson resalta nun dos seus casos a presenza dunha bela dama chamada Irene Adler, que chantaxea ao príncipe de Bohemia (nas obras de Sherlock Holmes vese unha xeopolítica paralela, noméanse reis, como o de Escandinavia ou outros...), a cal é considerada sempre por Sherlock como "A muller". Aos seus ollos, ela rivaliza con el mesmo en intelixencia, como demostra nunha das súas aventuras.

E así foi como se evitou un grande escándalo que puido afectar ao reino de Bohemia, e como os plans máis perfectos de Sherlock Holmes víronse derrotados polo enxeño dunha muller. El adoitaba facer bromas acerca da intelixencia das mulleres, pero ultimamente non lle ouvín facelo. E cando fala de Irene Adler ou menciona a súa fotografía, é sempre co honroso título de a muller.[11]

Non é moi ordenado na rutina cotiá, é moi habilidoso disfrazándose, fuma en pipa, gústanlle as galletas, toca o violín (un Stradivarius, e a miúdo a horas pouco adecuadas) con mestría, é un experto apicultor, excelente boxeador, ten un gran coñecemento científico, en especial en química, e, cando se aburre por falta dos retos intelectuais que supoñen os seus casos, consome cocaína nunha solución ao 7% (isto só se menciona no libro O signo dos catro, publicada en 1890), a cal deixa grazas á insistencia de Watson.

Hábitos e personalidade

editar
 
Retrato de Sherlock Holmes por Sidney Paget (1981)

Holmes descríbese a si mesmo como "bohemio" nos hábitos e estilo de vida. Segundo Watson, Holmes é un excéntrico, sen ter en conta as normas contemporáneas da pulcritude e a orde pública. Nunha historia temperá, Watson describe a Holmes como:

O meu amigo Sherlock Holmes [...] era, en cambio, un dos homes máis desordenados que xamais levaron á desesperación a un compañeiro de pensión [...] cando encontro a un home que garda os seus cigarros no cubo para o carbón, o seu tabaco na punta dunha zapatilla persa e a súa correspondencia sen contestar atravesada por unha navalla de peto no centro da repisa de madeira da súa cheminea [...] Causáballe horror destruír documentos [...] mes tras mes acumulábanse os seus papeis, até que en todos os recunchos da habitación amontoábanse feixes de textos manuscritos que por nada do mundo habían de queimarse e que non podían ser cambiados de lugar por ninguén que non fose o seu propietario.[4]

Porén, o que semella a outros un caos para Holmes é unha riqueza de información útil. Ao longo das historias, Holmes mergullábase na súa aparente desorde dos documentos e artefactos ao azar, só para recuperar precisamente o documento específico ou elemento que estaba a procurar.

En materia de hixiene persoal, pola contra, Holmes é descrito en O can dos Baskerville como un home cun amor case felino pola hixiene persoal, o cal non lle resulta incompatible de ningún xeito na práctica da súa profesión, aínda que na primeira historia de Holmes, Un estudo en escarlata, ten as mans descoloradas con manchas de ácido, mentres que máis tarde utiliza pingas do seu propio sangue para levar a cabo químicos experimentos.

 
Monumento a Sherlock Holmes en Londres

Watson fai, con frecuencia nota dos hábitos irregulares de Holmes para comer. O detective é a miúdo descrito como un "morto de fame" en momentos de intensa actividade intelectual, como en "A aventura do construtor Norwood", onde, segundo Watson:

O meu amigo non almorzara, porque unha das súas teimas era a de non tomar alimento algún nos momentos de máis tensión, e algunha vez vino confiar na súa resistencia de ferro até caer desmaiado por pura inanición.[12]

O cronista non ten en conta o uso habitual de Holmes dunha pipa, ou o seu uso menos frecuente de cigarros, coma un vicio. Nin tampouco condena a vontade de Holmes de trocar ás veces a verdade ou violar unha lei en nome dun cliente (por exemplo, mentir á policía, ocultar probas ou romper nunha casa), xa que o sente moralmente xustificable.[13]

Holmes é ás veces presentado tamén coma un patriota, actuando en nome do goberno en materia de seguridade nacional nunha serie de historias.[14] Tamén leva a cabo labores de contra-intelixencia en "O seu último adeus", a comezos da primeira guerra mundial. Ademais como práctica de tiro, o detective adornou abalazos a parede da súa vivenda de Baker Street coas letras "VR" (Vitoria Regina).[4]

Holmes ten un ego que ás veces chega á arrogancia, aínda que con xustificación, obtendo moitas veces pracer desconcertando aos inspectores de policía coas súas deducións superiores. Porén nunca busca fama, e xeralmente permite que a policía leve todo o crédito público do seu traballo. Normalmente, só cando Watson publica os seus relatos, o papel de Holmes no caso é posto de manifesto.[15]

O comportamento de Holmes preséntase en forma desapaixonada e fría. Con todo, no medio dunha aventura, pódese notar ao detective posuído por unha gran paixón. Ten ademais talento para o espectáculo e prepara elaboradas trampas para capturar aos culpables a miúdo só para impresionar ao seu amigo Watson ou a algún dos inspectores de Scotland Yard.[16]

Uso de drogas

editar

Holmes, de cando en cando, utiliza drogas adictivas, sobre todo cando carece de casos estimulantes. É un usuario habitual de cocaína, que se inxecta nunha solución ao 7%, cunha xeringa especial que garda nun estoxo de coiro. Holmes tamén é un usuario ocasional da morfina, porén ten expresado a súa enérxica desaprobación de visitar un fumadoiro de opio. Estas tres drogas eran legais en Inglaterra a finais do século XIX.

O Dr. Watson reflicte a ortodoxia médica vitoriana por non poñer obxección médica ningunha polo uso de drogas de Holmes. Porén, moralmente non aproba o hábito do seu amigo, describíndoo como o seu "único vicio", e expresando preocupación polos seus posibles efectos sobre a saúde mental de Holmes e o seu intelecto superior.[17][18] Máis tarde Watson afirma nos seus relatos que apartou a Holmes das drogas, aínda así, segundo o seu amigo médico, Holmes segue a ser un adicto cuxo hábito "non está morto, senón que simplemente está a durmir."[19]

Asuntos financeiros

editar
 
Museo de Sherlock Holmes en Londres

A pesar de que inicialmente Holmes necesitaba Watson para compartir o alugueiro da súa confortable residencia de Baker Street, o doutor revela en "O detective agonizante", mentres Holmes vivía so, "non me cabe dúbida de que podería comprar a casa polo prezo que Holmes pagou polas súas habitacións nos anos que estiven con el", suxerindo que desenvolvera unha boa renda da súa práctica, aínda que nunca se revelase exactamente a cantidade que cobra polos seus servizos. O propio Holmes di, en "O problema da ponte de Thor", que "Os meus honorarios seguen unha escala fixa. Non os varío, salvo cando os perdoo por completo".

Isto é nun contexto no que un cliente está a ofrecerlle o dobre dos seus honorarios, con todo, é probable que os clientes ricos proporcionasen unha remuneración moi por encima da taxa estándar de Holmes, por exemplo en "O problema final", Holmes afirma que os seus servizos ao goberno de Francia e á casa real de Escandinavia deixáronlle suficiente diñeiro para xubilarse comodamente, mentres que en "A aventura de Peter o Negro", sinala Watson que Holmes négase a axudar aos ricos e poderosos, se o seu caso non lle interesaba, mentres que podería dedicar semanas aos casos dos clientes máis humildes.

Holmes tamén lle conta a Watson, en "Un caso de identidade", que recibiu unha caixa de tabaco de ouro de parte do rei de Bohemia (despois de "Escándalo en Bohemia") e dun fabuloso anel da familia real neerlandesa. En "Os planos de Bruce-Partington" tamén conta que recibiu un alfinete de gravata esmeralda da Raíña Vitoria. Outros recordos dos casos de Holmes son un soberano de ouro de Irene Adler (en "Escándalo en Bohemia") e unha carta autógrafa de agradecemento do Presidente de Francia, ademais da "Légion d'honneur", pola localización dun asasino chamado Huret (en "As lentes de ouro"). En "A aventura da escola Priory", Holmes "fregase as mans con alegría" cando o duque de Holdernesse toma nota da suma pola resolución do caso, cousa que sorprende a Watson, mesmo chegando logo a acariñar o cheque dicindo "son un home pobre", aínda que esta situación é só unha mostra do humor irónico do detective. Certamente, ao longo da súa carreira, Holmes traballa tanto para os monarcas máis poderosos e os gobernos de Europa (incluído o seu propio) e varias familias aristócratas adiñeiradas como cos máis humildes e empobrecidos da sociedade.

Tamén é sabido que Holmes cobra os gastos derivados das súas investigacións aos seus clientes, e reclama calquera recompensa que poida ser ofrecida pola resolución solución. Por exemplo Holmes dille en "A banda pencada" á señorita Stoner que ten que pagar tódolos gastos que xurdan, e pide que o banco, en "A Liga dos Cabezas Rubias", lle remunere polos cartos que gastou en resolver o caso.

Relación coas mulleres

editar

A única muller que chega a impresionar a Holmes foi Irene Adler, a cal sempre foi mencionada polo detective como "A muller", porén Holmes nunca usa directamente este termo. Ademais Adler é unha das poucas mulleres que se mencionan en varias das historias, aínda que en realidade só aparece en persoa nunha, "Escándalo en Bohemia".

Así pois aínda demostra un claro interese en varias das súas clientas máis encantadoras (en particular Violet Hunter, en "A aventura da quinta de Copper Beeches"), di "que non manifesta ningún tipo de interese no cliente unha vez que deixa de ser o centro dun dos seus casos". Mesmo o seu amigo Watson afirma que Holmes non ten unha "aversión ás mulleres" senón "unha forma peculiar congraciarse con elas", ao respecto o propio detective di: "non son un admirador en alma enteira do sexo feminino". Con todo se é preciso Holmes pode chegar a comprometerse para casar cunha muller se o propio caso o require, como en "O caso de Charles Augustus Milverton".

En termos xerais pódese concluír que o comportamento de Holmes parece ser como o dunha máquina, chegando a dicir que o único gozo que deriva da compañía das mulleres para el son problemas que lle levan para resolver. En O signo dos catro, mesmo Watson define ao seu amigo como "un autómata, unha máquina de calcular", dicindo Holmes:

É de primordial importancia non deixar que o noso razoamento resulte influído polas calidades persoais. Para min o cliente é unha simple unidade, un factor do problema. Os factores persoais son antagónicos do razoar sereno. Asegúrolle que a muller máis encantadora que eu coñecín foi aforcada por haber envelenado a tres nenos pequenos para cobrar o diñeiro do seguro...

Isto fai referencia á falta de Holmes de interese nas relacións coas mulleres en xeral, e das clientas en particular, como di Watson "hai algo positivamente inhumano en ti ás veces". Outra anotación interesante que fai o detective ao final de "O pé do diaño" é:

Nunca amei, Watson, pero supoño que se o fixera e o obxecto do meu amor tivese un final como este, actuaría igual que o noso ilegal cazador de leóns.

Na historia á que se refire, o explorador Leon Sterndale mata ao home que asasinou á súa amada, Brenda Tregennis, unha vinganza que a lei non lle podía proporcionar. De novo en O signo dos catro, atópase outro bo exemplo do pensamento de Holmes sobre as mulleres: "Eu non lles contaría demasiadas cousas. Nunca se debe un confiar por completo ás mulleres..., nin sequera á mellor delas". Porén Watson sinala que, aínda que non lle gusten e desconfíe, é todo un cabaleiro con elas.

Métodos de detección

editar

Dedución Holmesiana

editar

O método de detección principal de Sherlock Holmes é o razoamento dedutivo da solución do crime. Como escribe o detective: "Quen se guiase pola lóxica podería inferir dunha pinga de auga a posibilidade da existencia dun Océano Atlántico ou dun Niágara sen necesidade de habelos visto ou oído falar deles".[20] Normalmente as historias de Holmes a miúdo comezan cunha brillante exhibición do seu talento para a "dedución". A dedución Holmesiana consiste principalmente en conclusións baseadas en principios prácticos ben sinxelos, que son o resultado dun coidadoso estudo indutivo, tales como o estudo de diferentes tipos de cinzas de cigarro ou inferencia á mellor explicación.

Os sinxelos principios sinxelos Holmes práctica son xeralmente da forma, "Se 'p', logo 'q', onde 'p' é a observación da evidencia a e 'q' o que a evidencia indica. Mais hai tamén, como pode observarse no seguinte exemplo, principios intermedios. En "Escándalo en Bohemia" Holmes deduce que Watson sufrira fai pouco unha molladura e que ten "unha serventa do máis torpe e descoidado." Cando Watson, asombrado, pregúntalle a Holmes como o sabe, responde a Holmes:

É o máis sinxelo do mundo. Os meus ollos dinme que na parte interior do seu zapato esquerdo, onde dá a luz da cheminea, a sola está raiada con seis marcas case paralelas. Evidentemente, produciunas alguén que raspou sen ningún coidado os bordos da sola para desprender o barro adherido. Así que xa ve: de aí a miña dobre dedución de que saíu vostede con mal tempo e de que posúe un exemplar particularmente maligno e rompebotas de fregona londiniense.

Neste caso, Holmes emprega varios principios relacionados:

  • Se a pel no lado dun zapato está marcada por varios cortes paralelos, foi causado por alguén que raspa ao redor dos bordos da sola para eliminar costras de lodo.
  • Se se raspan os zapatos dun médico de Londres para eliminar costras de barro, a persoa que os raspou é a criada do doutor.
  • Se alguén raía un zapato mentres que o raspa para quitar o barro incrustado, esa persoa é torpe e descoidada.
  • Se nos zapatos de alguén había lodo incrustado neles, esa persoa mollouse bastante ultimamente e no exterior, debido ao tempo.

Mediante a aplicación destes principios dunha forma evidente (mediante repetidas aplicacións de Modus ponens), Holmes é capaz de inferir que:

"A parte interior dos zapatos de Watson está marcada por varias marcas paralelos" á de a "criada de Watson é torpe e neglixente" e por fin "Watson sufriu unha gran molladura ultimamente debido ao tempo".

Este método permite a Holmes obter impresionantes conclusión que poden revelan a ocupación dun estraño, como un sarxento retirado da Infantaría de Mariña en Un estudo en escarlata, un carpinteiro dun barco antigo convertido a prestamista en "A Liga dos Cabezas Rubias" ou un marcador de billar e un suboficial de artillaría retirado en "O intérprete grego". Do mesmo xeito, mediante o estudo dos obxectos inanimados, Holmes é capaz de facer deducións asombrosamente detalladas sobre os seus propietarios, incluíndo o reloxo de peto de Watson en O signo dos catro, un chapeu,[21] dunha pipa,[22] ou dun bastón [23].

Finalmente, unha vez que acumulou unha gran cantidade de probas e de deducir unha serie de posibles explicacións, Holmes procede a atopar unha explicación que se axuste a tódolos feitos do caso para producir unha solución. Como explica Holmes a Watson: "Cando eliminaches o imposible, o que queda, por improbable que pareza, debe ser a verdade".

Disfrace

editar

Holmes mostra unha grande aptitude para a actuación e o disfrace. En varias historias, adopta diferentes disfraces para reunir probas, dun xeito tal que nin o propio Watson chega a penetrar neles, como por exemplo en "O caso de Charles Augustus Milverton", "O home do labio torto" ou "Escándalo en Bohemia". Noutras aventuras, Holmes finxe estar ferido ou enfermo para darlle un golpe de efecto ao seu caso, ou mesmo para incriminar aos implicados, como en "O detective agonizante".

Armas e artes marciais

editar
 
Holmes brandindo unha arma.
Pistola

Holmes e Watson adoitan levar pistolas con eles, no caso de Watson normalmente o seu antigo revolver do exército. Con todo, Watson conta que estas armas só foron utilizadas en sete ocasións.[24]

Bastón

Holmes, como cabaleiro, leva a miúdo un pau ou bastón. Ademais é descrito por Watson como un experto en Singlestick, unha arte marcial que consiste na utilización dun bastón como arma. Usa esta habilidade en dúas ocasións.[25]

Espada

En Un estudo en escarlata Watson describe a Holmes coma un experto coa espada, aínda que non a chega a utilizar en ningunha das historias.[26] Menciónase en "A aventura do Gloria Scott" que Holmes practica esgrima.

Fusta

En varias historias, Holmes aparece equipado cunha fusta. En "A banda pencada" utilízaa para arremeter contra unha serpe velenosa e en "Un caso de identidade" dálle unha malleira a un estafador con ela. Tamén en "A Liga dos Cabezas Rubias" utilízaa para desarmar a John Clay, que portaba unha pistola na man.

Fist-fighting

Holmes é descrito coma un formidable loitador sen luvas. En O signo dos catro, preséntase a si mesmo como un boxeador profesional do seguinte xeito:

Non lembra ao afeccionado con que pelexou tres asaltos en Allison s a noite da súa homenaxe hai catro anos?. Ao que McMurdo respondeu: Dígolle a vostede que desperdiciou as súas calidades! Chegaría alto se lle dese por aí.

Ademais Holmes involúcrase en varios combates man a man durante algunhas historias, das que sempre sae vitorioso.[27]. En "A aventura do Gloria Scott" dise ademais que Holmes foi adestrado como boxeador.

Artes marciais

En "A aventura da casa baleira", Holmes cóntalle a Watson como utilizou as artes marciais para superar ao Profesor Moriarty e arrebolar ao seu adversario á súa morte nas cascadas de Reichenbach, en Suíza. O propio detective afirma que "Porén, eu posúo certos coñecementos de baritsu, o sistema xaponés de loita, que máis dunha vez resultáronme moi útiles". O nome de "baritsu" parece ser unha referencia para a arte marcial real "bartitsu".

Coñecementos e habilidades

editar

Na primeira historia, Un estudo en escarlata, coñecemos algunhas cousas sobre a vida de Holmes, presentándose ao personaxe coma un estudante independente de química, cunha variedade de intereses secundarios moi curioso, case tódolos cales resultan estar relacionados coa resolución de crimes. Nunha das primeiras historias, "A aventura do Gloria Scott", fálase do que influíu a Holmes para converterse nun detective: o adiñeirado pai dun amigo da universidade felicitouno polas súas habilidades dedutivas. O detective mantén o cumprimento estrito dos métodos científicos, centrándose na lóxica e nos poderes de observación e dedución.

Unha peculiaridade de Holmes é que cre que a mente ten unha capacidade limitada para almacenar información, así pois tenta non aprender cousas que lle sexan inútiles para resolver os casos. Por exemplo en Un estudo en escarlata, o detective afirma que non sabe que a Terra vira ao redor do sol, xa que esa información é irrelevante para o seu traballo, asegurando que tentará esquecer a explicación de Watson ao respecto. Posteriormente, o Watson avalía as habilidades de Holmes, así:

  1. Literatura.— Cero
  2. Filosofía.— Cero.
  3. Astronomía.— Cero.
  4. Política.— Lixeiros.
  5. Botánica.— Desiguais. Ao corrente sobre a belladona, opio e velenos en xeral (pode distinguir o lugar de cultivo da planta, día e tempo de consumo estudando unha cabicha de cigarro). Ignora todo o referente aos cultivos prácticos e xardinaría.
  6. Xeoloxía.— Coñecementos prácticos, mais limitados. Distingue dun golpe de vista as clases de terras. Despois dos seus paseos por Londres pode, debido á cor e consistencia, definir de que parte de toda a cidade é cada unha das manchas de barro do seu pantalón.
  7. Química.— Coñecementos profundos.
  8. Anatomía.— Exactos, mais non sistemáticos.
  9. Literatura sensacionalista.— Inmensos. Parece coñecer con todo detalle tódolos crimes perpetrados no século XIX.
  10. Música.— Toca o violín.
  11. Combate.— Experto boxeador e esgrimista de pau e espada.
  12. Leis.— Ten coñecementos prácticos das leis británicas.[10]

Con todo, ao final do propio Un estudo en escarlata, demóstrase que Holmes sabe latín, aínda que o coñecemento da lingua sería de dubidosa utilidade directa para o seu traballo de detective. Máis tarde, nalgunhas historias vólvese a contradicir a listaxe, por exemplo a pesar da suposta ignorancia de Holmes da política, en "Escándalo en Bohemia", Holems recoñece inmediatamente a verdadeira identidade do suposto "Conde von Kramm". En canto á literatura distinta de sensacional, o seu discurso está repleto de referencias á Biblia, Shakespeare ou Goethe.

Por outra banda, en "Os planos de Bruce-Partington", o propio Watson conta que "lembro que durante todo aquel día memorable enfrascouse nunha monografía que tiña empezada sobre Os motetes polifónicos, de Lassus", un tema moito máis exotérico cunha enorme cantidade de información que non tiña absolutamente nada que ver coa loita contra o crime. Finalmente nas últimas historias Watson abandona a idea de que o detective non quere saber nada a menos que tivese unha importancia inmediata para a súa profesión, no segundo capítulo de O val do terror, Holmes declara que "todo o coñecemento é de utilidade para un detective", e preto do final de "A cabeleira do león", descríbese a si mesmo como "un lector omnívoro, cunha memoria retentiva para as menudencias estraña".

Holmes é tamén un criptoanalista competente. En palabras do detective a Watson: "Estou bastante familiarizado con todas as formas de escritura secreta, eu mesmo son o autor dunha monografía sobre o tema sen importancia, na que analizo cento sesenta códigos". Un dos casos mesmo resólvese mediante a análise de frecuencias en "O misterio dos bailaríns".

Ademais a análise de Holmes da evidencia física é á vez científica e precisa. Os seus métodos inclúen o uso de pegadas latentes, pisadas, pegadas de animais ou marcas de bicicleta para identificar as accións na escena do crime (Un estudo en escarlata, "Penca de Prata", "A aventura da escola Priory", O can dos Baskerville, "O misterio do Val de Boscombe"), o uso de cinzas de tabaco e cabichas de cigarros para identificar aos delincuentes ("A aventura do doente internado", O can dos Baskerville), a comparación de cartas escritas á máquina para denunciar unha fraude ("Un caso de identidade"), os residuos de pólvora ("O enigma de Reigate"), a comparación da bala de dúas escenas do crime ("A aventura da casa baleira") e mesmo un uso primitivo das impresións dixitais (" A aventura do construtor Norwood"). Holmes tamén demostra coñecementos de psicoloxía en "Escándalo en Bohemia", levando a Irene Adler a revelar onde escondera unha fotografía baseada na premisa de que "cando unha muller cre que se incendia a súa casa, o seu instinto faille correr inmediatamente cara ao que ten en máis estima. Unha nai corre en busca do seu bebé, unha muller solteira bota man ao seu xoieiro". Na primeira historia de Un estudo en escarlata, Holmes afirma inventar un proceso químico para detectar o tempo que leva nun sitio unha mancha de sangue, aínda que diferentes os tipos de sangue non foron identificados até anos máis tarde.

A pesar da emoción da súa vida (ou talvez tratando de deixala atrás) Holmes retirouse ás terras do condado de Sussex para ser apicultor ("A segunda mancha"), escribindo un libro sobre o tema, titulado Manual de apicultura, con algunhas observacións sobre a separación da Raíña. Ademais posúe un grande amor pola música, sendo un gran mestre na interpretación do violín e mesmo ás veces tomándose un descanso en medio dun caso para escoitar algún concerto.

Libros

editar

As historias orixinais de Sherlock Holmes escritas por Conan Doyle están recollidas en catro novelas e cincuenta e seis relatos curtos agrupados en cinco coleccións.

Novelas

editar
  • Un estudo en escarlata (A Study in Scarlet, 1887).
  • O signo dos catro (The Sign of the Four, 1890).
  • O can dos Baskerville (The Hound of the Baskerville, publicada como serie no xornal The Strand entre 1901 e 1902).
  • O val do terror (The Valley of Fear, publicada como serie no xornal The Strand entre 1914 e 1915).

Relatos curtos

editar
  • As aventuras de Sherlock Holmes (The Adverntures of Sherlock Holmes, colección de relatos publicados por entregas no xornal The Strand entre 1891 e 1892).
  • As memorias de Sherlock Holmes (The Memoirs of Sherlock Holmes, colección de relatos publicados por entregas no xornal The Strand entre 1892 e 1892).
  • O regreso de Sherlock Holmes (The Return of Sherlock Holmes, colección de relatos publicados por entregas no xornal The Strand entre 1903 e 1904).
  • O último adeus (His Last Bow, colección de relatos publicados por entregas no xornal The Strand entre 1908 e 1913).
  • O arquivo de Sherlock Holmes (The Case-Book of Sherlock Holmes, colección de relatos publicados por entregas no xornal The Strand entre 1921 e 1927).
  1. 1,0 1,1 Klinger, Leslie (2005). The New Annotated Sherlock Holmes. New York: W.W. Norton. p. xlii. ISBN 0-393-05916-2.
  2. Lycett, Andrew (2007). The Man Who Created Sherlock Holmes: The Life and Times of Sir Arthur Conan Doyle. Free Press. pp. 53–54, 190. ISBN 978-0-7432-7523-1.
  3. Dorothy L. Sayers, "Holmes’ College Career," for the Baker Street Studies, edited by H.W. Bell, 1934.
  4. 4,0 4,1 4,2 Véxase o relato "O ritual Musgrave"
  5. Véxase o relato "A aventura do Gloria Scott"
  6. Véxase o relato "A inquilina do veo"
  7. Véxase o relato "O seu último adeus
  8. Véxase o relato"A cabeleira do león"
  9. Nun principio, Doyle considerou chamar Sherrinford Holmes ao seu detective, pero William S. Baring-Gould, eminente biógrafo do personaxe, tentaría facer crer máis tarde que tal era o nome do irmán primoxénito de Sherlock. En realidade foi algo que se inventou para evitar que nin Mycroft nin Sherlock tivesen que herdar o coidado da facenda do seu pai.
  10. 10,0 10,1 Véxase a novela Un estudo en escarlata
  11. Véxase o relato "Escándalo en Bohemia"
  12. Véxase o relato "A aventura do construtor de Norwood"
  13. Véxanse os relatos "O caso de Charles Augustus Milverton" e "O cliente ilustre"
  14. Véxanse os relatos "Os planos de Bruce-Partington" e "The Adventure of the Naval Treaty"
  15. En "A aventura do tratado naval", Holmes remarca que, dos seus últimos cincuenta e tres casos a policía levou os méritos en corenta e nove.
  16. Véxase, por exemplo, ao Inspector Lestrade ao final do relato "A aventura do construtor de Norwood".
  17. Dalby, J.T. (1991). "Sherlock Holmes's Cocaine Habit". Irish Journal of Psychological Medicine 8: 73–74. http://bakerstreetdozen.com/coca.html.
  18. Véxase a novela 'O signo dos catro
  19. Véxase o relato "Os tres estudantes"
  20. Véxase a novela "Un estudo en escarlata"
  21. Véxase o relato "A aventura do carbúnculo azul"
  22. Véxase o relato "A face amarela"
  23. Véxase a novela "O can dos Baskerville"
  24. En O signo dos catro ambos disparan ao nativo das illas Andaman. En The Hound of the Baskervilles, tanto Holmes como Watson disparan. En A aventura da quinta de Copper Beeches, Watson dispara e mata ao mastín. En A aventura da casa baleira Watson golpea coa pistola ao coronel Sebastian Moran. En A aventura dos tres Garridebs", Holmes golpea coa pistola a Killer Evans despois de que este disparase a Watson. En O ritual Musgrave, revélase que Holmes decora a parede da súa casa a balazos cun patriótico VR feitos coas marcas de bala. En O problema da ponte de Thor, Holmes utiliza o revólver de Watson para reconstrución dun crime.
  25. Véxanse os relatos "A Liga dos Cabezas Rubias" e "O cliente ilustre "
  26. Con todo, na versión de Granada TV de "A aventura do tratado naval" Holmes utiliza unha espada de cana para forzar a Joseph Harrison a abandonar devolver o tratado roubado.
  27. Entre outras en "A ciclista solitaria" ou "A aventura do tratado naval"

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  NODES
admin 1
Idea 1
idea 1
INTERN 1
todo 25