Si vis pacem, para bellum
Si vis pacem, para bellum é unha locución latina que significa literalmente "Se queres a paz, prepara a guerra". Se queres evitar que te ataquen, o mellor é que te poñas en garda. Erroneamente atribuída a Xulio César, seguramente pola súa fama de gran estratego; con todo, a máxima procede do tratado Sobre as institucións militares de Flavio Vexecio, aínda que a idea que transmite tamén está presente en traballos anteriores, como na obra de Platón As Leis (en grego Νόμοι).
Orixe
editarVexecio é un autor tardío, do século IV. Deriva da súa frase «Igitur qui desiderat pacem, praeparet bellum». O dito é un dos moitos baseados no prefacio do libro III da súa obra Epitoma rei militaris, posiblemente escrita ao redor do ano 390[1]. Hai unha sutil diferenza na gramática das dúas secuencias. A coñecida máxima é enfática, viva. Trátase dunha oración subordinada condicional seguida da oración principal co verbo en imperativo: se realmente desexas a paz, prepárate para a guerra. A frase orixinal de Vexecio é unha hipótese. É unha construción condicional menos vívida, construída como suposto, cunha oración subordinada adxectiva e con ambos verbos en subxuntivo: quen desexase a paz, (polo tanto,) deberíase preparar para a guerra. Converteuse nunha locución moi usada en ambientes militares e frase favorita de grandes xenerais, Napoleón entre outros, e tamén en divisa de calquera política militar preventiva, orixe, entre outras cousas, de períodos tan funestos para occidente como a chamada guerra fría.
A segunda parte da locución transformouse nunha soa palabra, Parabellum, que designa o tipo de munición de gran calibre 9 x 19 mm Parabellum empregada polas tropas alemás durante a primeira guerra mundial. Este calibre tivo tanto éxito que chegou a ser un dos cartuchos de pistola máis comúns do mundo, converténdose nun estándar que aínda se mantén.[2]
Esta palabra dá nome tamén á pistola Parabellum, rexistrada con ese nome pola fábrica de armas Deutsche Waffen und Munitionsfabriken (DWM) en 1898[3]
Si vis pacem para bellum na cultura popular
editarCine
editar- The Punisher (2004). Frank Castle lembra esta frase como a que todos os días repetía no seu adestramento.
- Layer-Cake (Crime organizado) 2004. Dirixida por Matthew Vaughn. Menciona este aforismo para xustificar a toma de certas precaucións no seu negocio (o tráfico ilegal de drogas).
- Claymore (manga). Claymore (クレイモア Kureimoa?) é un manga de fantasía escura escrito e ilustrado dende o ano 2001 por Norihiro Yagi[4] orixinalmente para a hoxe desaparecida Gekkan Shonen Jump, e que hoxe segue publicándose cada mes en Jump Square. Un dos personaxes chamado Teresa usa esta oración no seu emblema identificador.
- Astérix & Obélix: Mission Cléopâtre (2002). Dirixida por Alain Chabat. O propio Alain Chabat, no seu papel de Xulio César, menciona estas mesmas palabras cando o seu xeneral en xefe, Cayus Ceplus, lle informa de que Numerobis, o arquitecto do palacio que mandou construír para el, conta coa axuda dos galos Astérix, Obélix e Panorámix.
Televisión
editar- Na serie The Simpsons, Se queres paz, prepárate para a guerra é citada por un personaxe no capítulo da primeira tempada Bart the Genius.
Música
editar- O grupo vasco Hertzainak ten unha canción titulada Si vis pacem, para bellum referíndose ás cargas policiais desproporcionadas da Ertzaintza contra manifestantes.
- Children of Bodom é un grupo de death metal melódico finlandés. No seu álbum Are You Dead Yet? aparece esta frase dando nome a unha das súas cancións: If you want peace, Prepare for war.
- Metallica, na súa canción Don't Tread On Me do seu álbum Metallica, durante o retrouso di To secure peace is, to prepare for war (para asegurar a paz, hai que prepararse para a guerra).
- O grupo Oi! Oi! se arma ten un disco titulado Si vis pacem para bellum.
- O grupo arxentino Patricio Rey y sus Redonditos de Ricota no seu disco ¡Bang! ¡Bang!... Estás liquidado posúe un tema chamado La Parabellum del Buen Psicópata.
- Keyo, cantante de Hip Hop de Málaga, España, titula un dos seus discos con esta frase.
Notas
editar- ↑ Flavio Vegecio Renato (2006). Editorial Cátedra, Madrid, ed. Compendio de técnica militar (en castelán). ISBN 978-84-376-2313-9.
- ↑ World Guns Website. "Luger Parabellum" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2012. Consultado o 20 de setembro de 2012.
- ↑ Tavella Madariaga, Santiago (1969). Armas y Tiro Nº 33, ed. "La pistola Parabellum" (en castelán).
- ↑ Yagi, Norihiro. AnyManga.com, ed. "Claymore". Claymore (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2013.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Recompilación de usos na prensa escritaArquivado 15 de marzo de 2016 en Wayback Machine.