Sirikit
Sirikit (tailandés: สิริกิติ์), nada Sirikit Kitiyakara en Bangkok o 12 de agosto de 1932, é a raíña nai de Tailandia. Foi raíña consorte de Bhumibol Adulyadej entre 1950 e 2016, e actuou como rexente do 22 de outubro ao 5 de novembro de 1956 e é a nai do rei Vajiralongkorn.
Traxectoria
editarNaceu co título de Mom Rajawongse, que indica parentesco coa familia real. Seu pai era Mom Chao Nakkhatra Mangala, fillo do príncipe Kitiyakara Voralaksana e súa nai Mom Luang Bua Kitiyakara. Pasou os seus primeiros meses de vida cos seus avós maternos. Seu pai estaba destinado como secretario na embaixada de Siam nos Estados Unidos e súa nai foi co seu marido tres meses despois de ter a Sirikit. Seus pais volveron ao país cando ela tiña dous anos e medio e a familia estableceuse no palacio Deves e alí viviu cos seus irmáns Kalyanakit (1929-1987), Adulakit (1930-2004) e Busba (1934- ). Comezou a estudar na na escola feminina Rajini, frecuentada por membros da familia real e da nobreza, pero tras o inicio da segunda guerra mundial e os bombardeos sobre Bangkok, a familia decidiu cambiala ao colexio do convento de San Francisco Xavier, próximo ao palacio.
En 1946 seu pai converteuse no embaixador no Reino Unido e a familia trasladouse a Londres e nos anos seguintes foi embaixador en Dinamarca e Francia. Nesa época ela estaba a adquirir os coñecementos para se converter en concertista de piano e seu primo, o rei Bhumibol Adulyadej estaba a estudar en Suíza e facía frecuentes visitas a París e nunha desas visitas coñecéronse, ela tiña entón 15 anos. A mediados de 1948 Sirikit marchou a Londres ao volver seu pai a exercer as súas funcións diplomáticas na capital británica mais o 4 de outubro de 1948 o rei sufriu un accidente de tránsito en Suíza e ela voou a Lausana para visitalo no hospital e logo de sucesivos encontros a relación fortaleceuse[1]. A parella prometeuse o 19 de xullo de 1949 e a voda celebrouse o 28 de abril de 1950, unha semana antes da coroación do rei, no palacio Sa Pathum presidida pola raíña Savang Vadhana. Sirikit recibiu a Orde da Real Casa de Chakri e converteuse en raíña e logo da coroación que se celebrou o 5 de maio de 1950 a parella volveu a Suíza para continuar cos seus estudos para regresar en 1952 a Bangkok xa coa primoxénita, Ubol Ratana que nacera o ano anterior en Lausana. O herdeiro naceu xa en Tailandia en xullo de 1952 e a princesa Sirindhorn en 1955.
Cando en 1956 o rei entrou como monxe nun mosteiro budista[2], seguindo a tradición en Tailandia que indica que os homes han seguir a vida monástica durante algún período das súas vidas, a raíña xurou como rexente o 22 de outubro e exerceu como tal ata o 5 de novembro dese ano. Foi a segunda raíña en servir oficialmente como rexente, a primeira fora a raíña Saovabha Phongsri en 1897. En 1957 naceu o seu último fillo, a princesa Chulabhorn. Entre 1959 e 1967 realizou múlitples viaxes internacionais, co seu esposo, para promocionar o seu país que recibiron ampla cobertura da prensa que a considerou unha das mulleres máis belas e elegantes do planeta[3].
Non realiza comparencencias públicas dende 2012 cando lle diagnosticaron cardiopatía isquémica pola que permaneceu hospitalizada ata 2016[4]. Ao longo do seu reinado ocupouse de numerosas funcións caritativas, como a presidencia da Cruz Vermella tailandesa dende 1956, e conta con diversas condecoracións nacionais e internacionais. A súa data de nacemento, o 12 de agosto, celébrase como festa nacional en Tailandia e tamén se converteu no Día da Nai[5].
Notas
editar- ↑ Handley, Paul M. (2006). The King Never Smiles: A Biography of Thailand's Bhumibol Adulyadej. Yale University Press. p. 104.
- ↑ Guida M. Jackson (1999). Women Rulers Throughout the Ages: An Illustrated Guide. ABC CLIO. p. 364.
- ↑ "La fascinante historia de Sirikit, madre del polémico rey de Tailandia: La reina más bella delmundo que vestía de Alta Costura". Vanity Fair. 14 de abril de 2020.
- ↑ "La reina Sirikit de Tailandia, hospitalizada por una gripe". ABC. 21 de agosto de 2018.
- ↑ Gerald W. Fry, Gayla S. Nieminen, Harold E. Smith (2013). Historial Dictionary of Thailand. Scarecrow Press. p. 327.