Sistema nervioso periférico

O sistema nervioso periférico (SNP) é a parte do sistema nervioso que está formada por ganglios e nervios que saen do sistema nervioso central (SNC), é dicir, do encéfalo e da medula espiñal. A principal función do sistema nervioso periférico é conectar o sistema nervioso central cos diversos órganos e membros do corpo. A diferenza do central, o periférico non está protexido por ósos (como o cranio e columna vertebral), nin pola barreira hematoencefálica, polo que está máis exposto ás toxinas e lesións mecánicas. Os nervios están protexidos por vaíñas de mielina e células accesorias.

Sistema nervioso periférico en azul. A partir da L2 a medula espiñal faise moi delgada, formando o filamento terminal.
Ilustración de Vesalio do sistema nervioso na que se ven os nervios do sistema nervioso periférico.

O sistema nervioso periférico divídese en sistema nervioso somático e sistema nervioso autónomo ou vexetativo, que pode ser simpático ou parasimpático.[1]

Sistema nervioso somático

editar
Artigo principal: Sistema nervioso somático.

Formado por nervios que recollen información sensorial e envían ordes motoras. Recibe as fibras sensoriais da pel, dos músculos e articulacións e reagrupa as fibras motrices primarias dos músculos. Permite interaccionar co mundo exterior participando no equiibrio e a motricidade, e controla o ton e contracción dos músculos esqueléticos.

Sistema nervioso autónomo ou vexetativo

editar
Artigo principal: Sistema nervioso autónomo.

Dirixe de forma automática e inconsciente as funcións dos órganos internos, como a nutrición e a homeostase.

Innerva esencialmente os órganos internos : as neuronas sensoriais deste sistema transportan as informacións das funcións viscerais ao sistema nervioso central e as motoneuronas innervan os músculos lisos das vísceras e vasos, e o músculo estriado cardiaco.

Comprende dous subsistemas coas súas neuronas pre e posganglionares e ganglios; estes dous subsistemas son:

Nervios craniais

editar
Artigo principal: Nervio cranial.

Dos doce pares de nervios craniais, dous orixínanse na base do cerebro e os dez restantes no tronco do encéfalo. Os nervios óptico e olfactorio son os únicos que practicamente non saen do cranio, polo que se pode considerar que non son nervios periféricos [2][3]. Os nervios craniais controlan as funcións das estruturas anatómicas da cabeza con algunhas excepcións. Os pares X e XI actúan tamén fóra da cabeza, concretamente o X recibe información sensorial visceral do tórax e abdome, e o XI innerva o músculo esternocleidomastoideo e trapecio.

Nervios espiñais ou raquídeos

editar
Artigo principal: Nervio espiñal.

Os nervios espiñais ou raquídeos orixínanse na medula espiñal. Controlan as funcións do resto do corpo. Nos humanos, hai 31 pares de nervios espiñais: 8 cervicais, 12 torácicos, 5 lumbares, 5 sacros e 1 coccíxeo. Na rexión cervical, as raíces dos nervios espiñais saen por encima da vértebra correspondente (é dicir, entre o cranio e a 1ª vértebra cervical sae o nervio espiñal C1, e entre e 1ª vértebra e a 2ª sae o C2 etc.) Desde a rexión torácica á coccíxea, as raíces dos nervios espiñais saen por debaixo da vértebra correspondente. Isto crea un problema ao nomear o nervio entre C7 e T1, polo que este se chama C8. Na rexión lumbar e sacra, as raíces dos nervios espiñais cursan por dentro do saco da duramáter e por debaixo do nivel da L2 formando a cola de cabalo (cauda equina).

Todos os nervios espiñais que conectan coa medula espiñal forman dúas ramas, unha dorsal ou posterior (cun ganglio raquídeo) e outra anterior ou ventral [4]. A rama anterior divídese en colaterais, que se agrupan en plexos dos que parten os nervios.

Plexo cervical (C1–C4)

editar
Artigo principal: Plexo cervical.

Os primeiros 4 nervios cervicais, de C1 a C4, divídense e recombínanse para formar varios nervios que innervan o pescozo, as costas e a cabeza.

O nervio C1 denomínase suboccipital, e proporciona innervación motora aos músculos da base do cranio. C2 e C3 forman moitos dos nervios do pescozo, proporcionando control sensorial e motor. Entre eles están o nervio occipital maior, que proporciona sensación á parte occipital da cabeza, o nervio occipital menor, que proporciona sensación á área de detrás das orellas, o nervio auricular maior e o nervio auricular menor. O nervio frénico orixínase nas raíces C3, C4 e C5. Innerva o músculo diafragma, permitindo a respiración. Se a medula espiñal se secciona por encima de C3, a respiración espontánea non é posible.

Plexo braquial (C5–T1)

editar
Artigo principal: Plexo braquial.

Os catro últimos nervios espiñais cervicais, entre C5 e a C8, e o 1º nervio espiñal torácico, T1, combínanse para formar o plexo braquial, un enguedellado conxunto de nervios, que se separan e combinan e recombinan, para formaren os nervios que van aos brazos e parte superior das costas. Aínda que este plexo poida parecer moi enguedellado, está moi organizado e é predicible, con poucas variacións entre as persoas.

Plexo lumbosacro (L1–S4)

editar
Artigo principal: Plexo lumbosacro.

As divisións anteriores dos nervios lumbares, sacros e coccíxeos forman o plexo lumbosacro. O primeiro nervio lumbar está frecuentemente unido a unha rama do 12º nervio torácico. Con propósitos descritivos este plexo pode dividirse en tres partes: plexo lumbar, plexo sacral e plexo pudendo. Os nervios que van ás pernas saen de aquí.

Ganglios

editar
Artigo principal: Ganglio.

Ademais dos nervios o sistema nervioso periférico ten ganglios nerviosos. Un ganglio nervioso é unha masa de tecido nervioso que contén os somas de moitas neuronas e as súas dendritas. Hai ganglios nas raíces dorsais dos nervios espiñais e outros ganglios máis afastados da medula espiñal que pertencen ao sistema nervioso autónomo simpático ou parasimpático.

Neurotransmisores

editar
Artigo principal: Neurotransmisor.

Os principais neurotransmisores do sistema nervioso periférico son a acetilcolina e a noradrenalina. Pero hai tamén outros, que se denominan non noradrenérxicos non colinérxicos (NANC). Ditos neurotransmisores poden ser péptidos ou non. Exemplos dos que non son péptidos son: ATP, GABA, dopamina, óxido nítrico (NO). Exemplos de péptidos son: neuropéptido Y, VIP, GnRH, substancia P e CGRP.[5]

  1. Maton, Anthea; Jean Hopkins, Charles William McLaughlin, Susan Johnson, Maryanna Quon Warner, David LaHart, Jill D. Wright (1993). Human Biology and Health. Englewood Cliffs, New Jersey, USA: Prentice Hall. pp. 132–144. ISBN 0-13-981176-1. 
  2. Board Review Series – Neuroanatomy, Fourth Edition, Lippincott Williams & Wilkins, Maryland 2008, p. 177. ISBN 978-0-7817-7245-7.
  3. James S. White (21 de marzo de 2008). Neuroscience. McGraw-Hill Professional. pp. 1–. ISBN 978-0-07-149623-0. Consultado o 9 agosto 2012. 
  4. Manipulaciones de los nervios periféricos. Barral, J.-P.,Croibier, A. páxina 4 Google books
  5. Pharmacology, (Rang, Dale, Ritter & Moore, ISBN 0-443-07145-4, 5:th ed., Churchill Livingstone 2003). Page 132.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
INTERN 2
todo 2