Sociedade do Verbo Divino

A Sociedade do Verbo Divino (en latín: Societas Verbi Divini) é unha congregación relixiosa católica. Fundada en 1875 en Styl (Países Baixos) polo sacerdote alemán Arnold Janssen (1837-1909), os seus membros son coñecidos como verbitas ou misioneiros do Verbo Divino e engaden as siglas SVD ao seu nome.

Sociedade do Verbo Divino
Societas Verbi Divini
Historia
Fundación1875
FundadorSan Arnold Janssen
Goberno e estrutura
SuperiorPaulus Budi Kleden
Membrosmais de 6000
Outros datos
SiglasS.V.D.

Traxectoria

editar

En 1875, Arnold Janssen exiliado nos Países Baixos como outros sacerdotes e bispos católicos alemáns que fuxían das limitacións das políticas da Kulturkampf de Otto von Bismarck, pensou na posibilidade de que estes relixiosos emprenderan actividades misioneiras para difundir o catolicismo noutras partes do mundo. Deste xeito estableceu unha casa misional en Steyl que foi o berce da Sociedade do Verbo Divino.[1] A congregación mandou a primeira misión a China, á provincia de Shandong, na que participou Xosé Freinademetz, canonizado por Xoán Paulo II en 2003. A segunda misión foi a de Togo, enviada en 1892, e, a terceira, en Papúa Nova Guinea, en 1896.[2]

A Sociedade tamén se instalou a finais do século XIX en América do Sur onde se encargaron da tarefa pastoral para os inmigrantes alemáns. Así na Arxentina chegaron en 1889, ao Brasil en 1895 e a Chile en 1900.[3][4][5] Nestes países tamén fundaron colexios e seminarios, sendo algúns deles de grande prestixio nas súas sociedades, como é o caso do Colexio do Verbo Divino de Santiago de Chile.[6]

Instalouse en España en 1945 con membros procedentes da Arxentina. Abriron un seminario en Lizarra (Navarra), en Coreses (Zamora) no ano 1949,[7] e, en 1961, un noviciado en Dueñas (Palencia).[8] Posteriormente pecharon estes centros educativos e centráronse en tarefas parroquiais en Navarra, Castela e León, Comunidade de Madrid e Andalucía. Ademais, en 1955 fundaron a Editorial Verbo Divino, especializada en publicacións relixiosas.[9]

A Sociedade do Verbo Divino protagonizou un importante crecemento nos seus membros a finais do século XX e principios do XXI. Deste xeito, pasou dos 4 152 verbitas de 1950 aos 6 016 en 2020.[10] Datos que contrastan co declinar que experimentaron a maior parte de ordes relixiosas logo do Concilio Vaticano II. A maior parte das vocacións que recibe a orde no século XXI proceden de Asia, especialmente da India, Indonesia e Filipinas.[11]

  1. "Arnoldo Janssen (1837-1909), biografía". www.vatican.va. Consultado o 2021-12-17. 
  2. "CATHOLIC ENCYCLOPEDIA: Society of the Divine Word". www.newadvent.org. Consultado o 2021-12-17. 
  3. "Historia de la SVD". SVD Argentina (en castelán). 2011-02-09. Consultado o 2021-12-17. 
  4. "No mundo, no Brasil". www.verbodivino.org.br. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2021. Consultado o 2021-12-17. 
  5. "Quiénes Somos". Verbo Divino (en castelán). 2020-01-02. Consultado o 2021-12-17. 
  6. "Verbo Divino: los secretos y el poder del colegio favorito de la élite". CIPER Chile (en castelán). 2010-11-11. Consultado o 2021-12-17. 
  7. G, D. (2009-06-08). "Se fueron de un colegio, vuelven a un hotel". La Opinión de Zamora (en castelán). Consultado o 2021-12-17. 
  8. "Congregacion Misoneros del Verbo Divino" (en castelán). Consultado o 2021-12-17. 
  9. "SPAIN PROVINCE" (PDF). svdcuria. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de decembro de 2021. Consultado o 17 de decembro de 2021. 
  10. "Society of the Divine Word (Institute of Consecrated Life - Men) [Catholic-Hierarchy]". www.catholic-hierarchy.org. Consultado o 2021-12-17. 
  11. Fides, Agenzia. "ASIA - Jornada de las Vocaciones: el fulcro de las vocaciones de los Misioneros Verbitas en Asia - Agenzia Fides". www.fides.org. Consultado o 2021-12-17. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
dada 1
dada 1
Done 2