Solita Solano
Sarah Wilkinson, nada en Troy (Nova York) en 1888 e finada en Orgeval (Yvelines) o 22 de novembro de 1975, foi unha escritora, poeta e xornalista estadounidense, coñecida como Solita Solano.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1888 Troy, Estados Unidos de América |
Morte | 22 de novembro de 1975 (86/87 anos) Orgeval, Francia |
Educación | Emma Willard School (en) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Boston |
Ocupación | poetisa, novelista, xornalista, escritora |
Empregador | Boston Herald (pt) New York Herald Tribune (pt) |
Obra | |
Arquivos en | |
Familia | |
Parella | Janet Flanner |
Traxectoria
editarProviña dunha familia de clase media. Educouse na Emma Willard School de Troy. Tras a morte do seu pai casou co seu noivo da infancia, Oliver Filley. Pasou os seguintes catro anos en Filipinas, a China e o Xapón, onde o seu marido traballou como enxeñeiro. Volveron a Nova York en 1908.
Comezou a traballar como crítica teatral en New York Tribune e publicaba como freelance en National Geographic. Por esa época comezou a utilizar o pseudónimo de Solita Solano.
En 1919 Solano coñeceu a xornalista Janet Flanner en Greenwich Village, coa que comezou unha relación sentimental. En 1921 viaxaron a Grecia e Istambul, cidade da que Janet Flanner realizaba unha reportaxe para o National Geographic. Para entón Solano publicara tres libros, cuxo pouco éxito a fixo volver ao xornalismo. Ao ano seguinte foron a Francia, onde Janet Flanners foi correspondente de The New Yorker. Alí uníronse ao círculo intelectual-lésbico de Gertrude Stein, Alice B. Toklas, Natalie Clifford Barney, Romaine Brooks e Djuna Barnes. En 1929 Solano tivo un affair con Margaret Anderson, fundadora de The Little Review, que chegara a París coa súa amante, a cantante francesa Georgette Leblanc. Esa relación perdurou durante varios anos, aínda que Anderson continuou vivindo con Leblanc.[1]
Por esa época, Janet Flanner comezou a publicar co pseudónimo Genêt a súa serie Letter from Paris para The New Yorker Ao comezo da segunda guerra mundial (1939) Solano e Flanner volveron a Nova York.
Aos poucos anos Solano abandonou a Flanner, despois que esta comezase unha relación sentimental con Natalia Danesi Murray. Á súa vez Solano comezou outra con Elizabeth Jenks Clark. Solano presentou a Clark á súa anterior parella, Margaret Anderson, cando esta volveu aos Estados Unidos. O trío chegou a ser un grupo íntimo de amigas, o que non impediu que Anderson comezase unha relación con Dorothy Caruso, viúva do cantante Enrico Caruso.
Ao terminar a segunda guerra mundial Solano volveu a Francia, onde residiu até a súa morte.
Durante as décadas de 1930 e 1940 Solano estudou co místico George Gurdjieff, e durante un tempo actuou como a súa secretaria. Pertencía a un grupo gurdiefiano coñecido como The Rope (con Jane Heap, Margaret Anderson, Kathryn Hulme e Dorothy Caruso). Tras a morte de Gurdjieff (1949), Solano converteuse en líder do grupo, posición que ocupou até a súa propia morte. As súas notas das intervencións de Gurdjieff ante o grupo son o rexistro máis importante da súa personalidade e método.[2]
Notas
editar- ↑ "Elizabeth Jenks Clark Collection of Margaret Anderson". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2012. Consultado o 21 de maio de 2021.
- ↑ Baker, Rob. "No Harem. Gurdjieff and the Women of The Rope." Gurdjieff International Review (http://www.gurdjieff.org/rope.htm)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Abbott, Berenice (1981): Portrait of Solita Solano, Parasol Press, Ltd.
- Griffin, Gabriele (2002): Who's Who in Lesbian and Gai and Writing, Routledge, Londres.
- Patterson, William Patrick (1998): Ladies of the Rope: Gurdjieff's Special Left Bank Women's Group, Arete Pubns
- Weiss, Andrea (1998): Paris war eine Frau, Rowohlt