Sutra
Nas tradicións literarias da India, un sutra (sánscrito: sūtra सूत्र; lit. "fío, corda")[1] é un aforismo ou colección de aforismos empregados como manuais. Os sutras son un xénero da India antiga e medieval propios de tradicións como o hinduísmo, o budismo ou o xainismo.[1][2]
No hinduísmo, os sutras son un tipo específico de escolmas de aforismos enunciativos curtos.[2] Cada sutra é unha regra breve, como un teorema resumido en poucas palabras ou sílabas, que explican as ensinanzas do ritual, a filosofía, a gramática ou calquera outro eido do saber.[1][2] Os sutras máis antigos do hinduísmo atópanse nas seccións do Brahmana e do Aranyaka dos Vedas.[3][4] Cada unha das escolas da filosofía hindú e cada campo das artes, do dereito e da ética social desenvolveu os seus propios sutras, como medio para o ensino e a transmisión de ideas dunha xeración á seguinte.[5][6]
No budismo, os sutras (en pali: sutta) son as escrituras canónicas, moitas das cales rexistran as ensinanzas orais de Gautama Buddha. A diferenza do hinduísmo, non son aforismos, senón textos máis detallados, que poden incluír repeticións. Este cambio no estilo reflicte unha derivación do sánscrito védico sūkta ("ben falado"), no canto de sūtra ("fío").[7]
No xainismo, os sutras (en ardhamagadhi: suya) son os sermóns canónicos de Mahavira rexistrados nos agamas, aínda que tamén poden ser textos normativos posteriores.[8][9]
Etimoloxía
editarA palabra sánscrita sūtra significa "fío" ou "corda".[1][2] A raíz da palabra é siv ou "aquilo que cose e sostén as cousas xuntas".[1][10] Está relacionada con sūci, que significa "agulla", e sūnā ou "tecido".[1]
Nun contexto literario, sūtra refírese a unha escolma de sílabas e palabras, calquera tipo de manual, aforismo, regra ou dirección unidos coma os fíos cos que as ensinanzas do ritual, a filosofía, a gramática ou calquera outra disciplina poden ser tecidas.[1][2]
Un sūtra é, xa que logo, unha regra breve que condensa información nunhas poucas palabras.[2] Unha colección de sūtras convértese nun texto, chamado tamén sūtra.[1][2] Neste sentido, diferénciase doutros elementos constituíntes da literatura da India, como os shlokas, os anuvyakhayas ou os vyakhyas.[11] Un sūtra é unha regra que expresa unha mensaxe de maneira sucinta,[12] namentres un shloka é un verso que transmite unha mensaxe completa e estruturada segundo os patróns do metro musical,[13][14] un anuvyakhaya é unha explicación dun texto existente, e un vyakhya é un comentario.[11]
Historia
editarVeda | Sutras |
Rigveda | Asvalayana sūtra (§), Sankhayana sūtra (§), Saunaka sūtra (¶) |
Samaveda | Latyayana sūtra (§), Drahyayana sūtra (§), Nidana sūtra (§), Pushpa sūtra (§), Anustotra sūtra (§)[16] |
Yajurveda | Manava sūtra (§), Bharadvaja sūtra (¶), Vadhuna sūtra (¶), Vikhanasa sūtra (¶), Laugakshi sūtra (¶), Maitra sūtra (¶), Katha sūtra (¶), Varaha sūtra (¶), Apastamba sūtra (§), Baudhayana sūtra (§) |
Atharvaveda | Kusika sūtra (§) |
¶: só quedan citas; §: existen versións do texto |
Os primeiros sutras aparecen nas seccións do Brahmana e do Aranyaka dos Vedas.[3] Despois, aumentaron en número cos Vedangas, como o Shrauta sūtra e mais o Kalpa sūtra.[1] Están deseñados para para ser facilmente comunicados por un mestre a un discípulo, que debe memorizalos para a súa posterior discusión ou como referencia.[2]
Os sutras teñen unha estrutura sintética e resumida, polo que é difícil descifrar ou entender as súas partes sen un bhashya ou comentario que desenvolva e explique os seus contidos.[17][18]
Os manuscritos máis antigos conservados que conteñen sutras forman parte dos Vedas, e están datados entre finais do segundo milenio e mediados do primeiro milenio a.C.[19] Un exemplo é o Aitareya aranyaka, unha importante colección de sutras.[4] O seu uso e orixes son mencionados en textos doutros xéneros non védicos da literatura hindú, como as gatha (cancións), as narashansi (lendas), as itihasa (épicas) e mais as akhyana (historias).[20]
Na historia da literatura da India, o período entre o ano 600 a.C. e o 200 a.C. (posterior a Buda e Mahavira) é coñecido como a época dos sutras, debido á cantidade de escolmas de sutras conservados, pertencentes a moi diversos ámbitos do saber.[20] Esta era segue ás máis antigas dos chhandas, os mantra e os brahmana.[21]
Os antigos pupilos da India aprenderon estes sutras sobre gramática, filosofía ou teoloxía usando o mesmo método mecánico co que, na era moderna, fixamos na mente o alfabeto ou as táboas de multiplicar.Max Müller (1860), A History of Ancient Sanskrit Literature[22]
No hinduísmo
editarAlgúns dos primeiros exemplos de sutras do hinduísmo son o Anupada sūtra e o Nidana sūtra.[23] O primeiro deles recolle o debate epistemolóxico sobre cal é a fonte máis fiable do coñecemento,[24] mentres que o segundo expresa as regras do metro musical para os cantos e cancións do Samaveda.[25]
A meirande colección de sutras antigos pertence aos seis Vedangas, ou seis membros dos Vedas.[3] Trátase de seis temas considerados esenciais para dominar por completo os Vedas, cada un dos cales posúe o seu sutra correspondente. Son os seguintes: pronuncia (shiksha), metro (chandas), gramática (vyakarana), explicación das palabras (nirukta), rexistro do tempo a través da astronomía (jyotisha) e cerimonias rituais (kalpa).[3] Os dous primeiros son necesarios para a correcta lectura dos Vedas, o terceiro e o cuarto para comprendelos, e os dous últimos para poñer en práctica o coñecemento védico.[3]
O derradeiro grupo de textos dos Vedas, as Upanishads, de carácter filosófico e especulativo, conteñen tamén sutras, como os da Taittiriya upanishad.[26]
No budismo
editarNo budismo, un sutra ou sutta é un segmento da literatura canónica. A diferenza dos textos do hinduísmo, os primeiros sutras budistas non son aforísticos; ben ao contrario, adoitan ser longos. O termo budista sutta ou sutra deriva do sánscrito sūkta ("ben falado"), o que reflicte a crenza de que "todo o dito polo Buda foi ben dito".[7]
No budismo theravada, estas ensinanzas están organizadas no Tripitaka, especificamente na súa sección denominada Sutta Pitaka ("Cesto dos sutta"). Porén, o budismo mahayana acepta tamén moitos outros textos, como o Tanjing (chinés tradicional: 壇經; en galego: "Sutra da plataforma") e o Saddharma Puṇḍarīka Sūtra ("Sutra do loto branco do auténtico dharma"), que reciben o apelativo de sutras malia ser obra de autores posteriores.
En chinés, os sutras reciben o nome de jing 經 (pinyin: jīng), un termo reservado para os textos clásicos.[27]
No xainismo
editarNa tradición dos xainas, os sutras son un xénero de "texto fixado" que adoitaba memorizarse.[28] Por exemplo, o Kalpa sūtra é un texto que recolle unha serie de regras para a vida monástica,[29] así como biografías de varios tirthankara.[30] Moitos dos seus sutras debaten sobre aspectos da vida ascética e laica. Neste sentido, algúns sutras de comezos do primeiro milenio recomendan o bhakti ou devoción, que consideran unha práctica esencial do xainismo.[8]
Outros textos pertencentes a esta tradición, como os agamas, existen en formato de sutra.[9] Por exemplo, o Tattvartha sūtra é considerado un dos textos basilares do xainismo, xa que recolle e resume os aspectos principais da súa filosofía.[31][32]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Williams 1872, p. 1241.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Winternitz 2018, p. 249.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Müller 1860, p. 108-113.
- ↑ 4,0 4,1 Winternitz 2018, p. 251-253.
- ↑ Flood 1996, p. 54-55.
- ↑ White 2014, p. 194-195.
- ↑ 7,0 7,1 Norman 1997, p. 104.
- ↑ 8,0 8,1 Kelting 2001, p. 111-112.
- ↑ 9,0 9,1 Jaini 1991, p. 32.
- ↑ MacGregor 1989.
- ↑ 11,0 11,1 Müller 1860, p. 110-111.
- ↑ Finkel 2007, p. 203.
- ↑ Pramod 1974, p. 8.
- ↑ Rowell 2015, p. 135.
- ↑ Müller 1860, p. 199.
- ↑ Müller 1860, p. 210.
- ↑ Deussen 1912, p. 26.
- ↑ Boose & Tubb 2007.
- ↑ Müller 1860, p. 314-319.
- ↑ 20,0 20,1 Müller 1860, p. 40-45, 71-77.
- ↑ Müller 1860, p. 70.
- ↑ Müller 1860, p. 74.
- ↑ Müller 1860, p. 108.
- ↑ Müller 1860, p. 101-108.
- ↑ Müller 1860, p. 147.
- ↑ Müller 1860, p. 113.115.
- ↑ Maspero 2000.
- ↑ Kelting 2001, p. 84-85.
- ↑ Cort 2010, p. 138-139.
- ↑ Hermann 1884.
- ↑ Mardia 1990, p. 103.
- ↑ Jaini 1998, p. 82.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Boose, Emery Robert; Tubb, Gary Alan (2007). Scholastic Sanskrit: A Handbook for Students (en inglés). American Institute of Buddhist Studies.
- Cort, John (2010). Framing the Jina: Narratives of Icons and Idols in Jain History (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-973957-8.
- Deussen, Paul (1912). The System of the Vedanta (en inglés). Open Court Publishing Company. ISBN 9780524022023.
- Finkel, Irving L. (2007). Ancient Board Games in Perspective (en inglés). British Museum Press. ISBN 9780714111537.
- Flood, Gavin (1996). An Introduction to Hinduism (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9780521438780.
- Hermann, Jacobi (1884). Jain Sutras (en inglés). Motilal Babarsidass.
- Jaini, Padmanabh S. (1991). Gender and Salvation: Jaina Debates on the Spiritual Liberation of Women (en inglés). University of California Press. ISBN 9788121505536.
- Jaini, Padmanabh S. (1998). The Jaina Path of Purification (en inglés). Motilal Banarsidass. ISBN 81-208-1578-5.
- Kelting, M. Whitney (2001). Singing to the Jinas: Jain Laywomen, Mandal Singing, and the Negotiations of Jain Devotion (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-803211-3.
- MacGregor, Geddes (1989). Dictionary of Religion and Philosophy (en inglés). Paragon House. ISBN 1-55778-019-6.
- Mardia, K. V. (1990). The Scientific Foundations of Jainism (en inglés). Motilal Banarsidass. ISBN 978-81-208-0658-0.
- Maspero, Henri (2000). El taoísmo y las religiones chinas (en castelán). Trotta. ISBN 9788481643084.
- Müller, Friedrich Max (1860). A History of Ancient Sanskrit Literature So Far as it Illustrates the Primitive Religion of the Brahmans (en inglés). Oxford University Press. ISBN 9781981766918.
- Norman, K. R. (1997). A Philological Approach to Buddhism: The Bukkyo Dendo Kyokai Lectures 1994 (en inglés). School of Oriental and African Studies.
- Pramod, Kale (1974). The Theatric Universe: A Study of the Natyasastra (en inglés). Popular Prakashan. ISBN 9788171541188.
- Rowell, Lewis (2015). Music and Musical Thought in Early India (en inglés). University of Chicago Press. ISBN 9780226730349.
- White, David Gordon (2014). The Yoga Sutra of Patanjali: A Biography (en inglés). Princeton University Press. ISBN 9781400850051.
- Williams, Monier (1872). Sanskrit English Dictionary (en inglés). Oxford University Press.
- Winternitz, Moriz (2018). A History of Indian Literature, vol. 1 (en inglés). Motilal Banarsidass. ISBN 9788120802643.