Tailandia

país de Asia

Tailandia (en tailandés: ประเทศไทย, Prathet Thai) oficialmente Reino de Tailandia (en tailandés: ราชอาณาจักรไทย, Ratcha Anachak Thai; Th-pratheidthai raachaanaajakthai.ogg [râːt.tɕʰā ʔāːnāːtɕàk tʰāj] ), antigamente coñecido como Siam (en tailandés: สยาม, Sayam), é un país situado no centro da península Indochina no Sueste asiático. Comparte fronteiras ao norte con Myanmar e Laos, ao leste con Laos e Camboxa, ao sur co Golfo de Tailandia e Malaisia, e ao oeste co Mar de Andaman e o extremo meridional birmano. As súas fronteiras marítimas inclúen Vietnam no Golfo de Tailandia ao sueste, e Indonesia e a India no Mar de Andaman ao suroeste.

Modelo:Xeografía políticaTailandia
ประเทศไทย (th) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
(2015)

HimnoPhleng Chat Editar o valor en Wikidata

Símbolo oficialElefante asiático (animais)
Sala (en) Traducir (edificio)
Cassia fistula (flor) Editar o valor en Wikidata
AlcumeLand of Smiles Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 14°N 101°L / 14, 101
CapitalBangkok Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación66.188.503 (2017) Editar o valor en Wikidata (128,99 hab./km²)
Lingua oficiallingua tailandesa Editar o valor en Wikidata
Relixiónbudismo, Islam e cristianismo Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie513.119,5 km² Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoDoi Inthanon (pt) Traducir (2.565 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoGolfo de Tailandia (0 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Sião (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
1238Reino de Sukhothai (pt) Traducir
28 de decembro de 1768Reino de Thonburi (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía constitucional Editar o valor en Wikidata
• Rei Editar o valor en WikidataMaha Vajiralongkorn (pt) Traducir (2016–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGovernment of Thailand (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeira ministra Editar o valor en WikidataPaetongtarn Shinawatra (2024–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoNational Legislative Assembly of Thailand (2014) (en) Traducir , (Escano: 250) Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal505.568.057.004 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
MoedaBaht Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.th Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+66 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia191 (pt) Traducir, 199 (pt) Traducir e 1669 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Código de paísTH Editar o valor en Wikidata

Sitio webthaigov.go.th Editar o valor en Wikidata
Instagram: amazingthailandjp BNE: XX450836 Editar o valor en Wikidata

O país réxese por unha monarquía constitucional encabezada polo rei Rama X, décimo soberano da Casa de Chakri, quen goberna dende o ano 2016. O rei de Tailandia posúe os cargos de xefe de Estado, xefe das Forzas Armadas, seguidor do budismo e defensor das relixións.[1]

Cunha superficie de aproximadamente 513.120 km², Tailandia é o 51º Estado máis grande do mundo en canto á súa área total e 20º máis poboado con ao redor de 64 millóns de habitantes. A capital e cidade máis grande é Bangkok, centro cultural, político, comercial e industrial do país. Ao redor do 75% da poboación é etnicamente tai, o 14% de orixe chinesa e o 3% malaia;[2] o resto pertence a outros grupos minoritarios como por exemplo os mons, os khmer ou as tribos do outeiro. A lingua oficial do país é a tailandesa e a principal relixión o budismo, practicado polo 95% dos seus habitantes. O calendario oficial de Tailandia baséase na versión budista, que está 543 anos por diante do calendario gregoriano.

Tailandia experimentou un rápido crecemento económico entre 1985 e 1996, sendo un país recentemente industrializado e un importante exportador. O turismo tamén contribúe de modo significativo á economía tailandesa. Hai aproximadamente 2,2 millóns de inmigrantes legais e ilegais no país, atraendo tamén certa cantidade de expatriados de países desenvolvidos.

Etimoloxía

editar

Até o 23 de xuño de 1939 o nome oficial do país era Siam (en tailandés: สยาม, Sayam; [sàjǎːm]),[3] sendo entón cambiado ao actual nome de Tailandia. Entre 1945 e o 11 de maio de 1949 volveu adoptar o antigo nome Siam. Escrito ás veces tamén Siem, Syâm ou Syâma, a palabra é ás veces sido asociada ao sánscrito Śyâma (श्याम, é dicir "escuro" ou "marrón"), ao igual que os termos Shan e A-hom, mais é bastante probable que esta non sexa a orixe real do termo, senón unha deformación artificial.[4]

A orixe do termo Thai (ไทย) non está clara. Para algúns deriva da palabra Tai (ไท), cuxo significado na lingua tailandesa é "independencia", mais é tamén o nome dun grupo étnico das chairas centrais. Un famoso erudito tailandés argumentou que Tai (ไท) simplemente significa "xente" ou "ser humano", xa que na súa investigación atopou que nalgunhas áreas rurais a palabra "Tai" era utilizada en lugar da palabra tailandesa habitual para xente, "kon" (คน).[5]

Os tailandeses utilizan a expresión "terra da xente ceibe" para expresar o seu orgullo polo feito de que Tailandia é o único país do Sueste Asiático que non foi colonizado nunca por unha potencia europea. Mentres que a maioría dos tailandeses refírense formalmente ao seu país como Prathet Thai (ประเทศไทย), a forma máis común é o termo coloquial Mueang Thai (เมืองไทย) ou simplemente Thai (ไทย); a palabra mueang (เมือง) significa nación, pero é comunmente utilizada para referirse a unha cidade ou vila. Ratcha Anachak Thai (ราชอาณาจักรไทย) significa "Reino de Tailandia" ou "Reino dos Tai".

Etimoloxicamente os seus compoñentes son: -Ratcha- (do sánscrito raja, que significa "rei, real, reino"); -ana- (do pāli āṇā, "autoridade, mando, poder", igualmente do sánscrito ājñā, co mesmo significado) -chak (do sánscrito cakra ou cakraṃ co significado de "roda", un símbolo de poder e goberno). O Hinmno nacional Teilandés (เพลงชาติ), composto e escrito por Peter Feit durante os extremadamente patrióticos anos 1930,refírese á nación Tai como: prathet-thai (ประเทศไทย). O primeiro verso do himno é: prathet thai ruam lueat nuea chat chuea thai (ประเทศไทยรวมเลือดเนื้อชาติเชื้อไทย), traducido en 1939 por Luang Saranuprabhandi como: "Tailandia é a unidade do corpo e do sangue Tai".

Historia

editar

Historia antiga

editar
 
Búfalo acuático de barro de Lopburi. Ano 2300 a.C.

Antes da migración ao sur do pobo Tai dende Yunnan (actual China) no século X, a península Indochina era o fogar de diferentes comunidades indíxenas animistas xa facía máis 500.000 anos. O descubrimento de fósiles de Homo erectus, como o home Lampang, confirman esta teoría. Estes restos do plistoceno, descubertos por medio de escavacións na provincia de Lampang, foron datados de hai uns 1.000-500.000 anos.

O sitio arqueolóxico máis grande atopado en Tailandia é Ban Chiang. Aínda que a datación dos restos arqueolóxicos deste sitio non é sinxelo, probas de termoluminiscencia dan que sería dun período comprendido entre o 4420 e o 3400 a.C. Outros xacementos neolíticos importantes son o de Wang Bhodi e o da Cova do Espírito. Hai que afirma que a Idade de Bronce, período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da aliaxe de cobre e estaño, apareceu de forma temperá en Tailandia, ao redor do 5000 a.C. No xacemento de Ban Chiang, os artefactos de bronce descubertos datan do 2100 a.C. A primeira tumba atopada data aproximadamente da mesma data. Co desenvolvemento das ferramentas de bronce e o cultivo do arroz húmido, impulsouse á creación de organizacións sociais e políticas.

Ao redor do século I a.C., segundo a epigrafía Funan e rexistros de historiadores chineses, parece ser que certos asentamentos comerciais do sur organizáronse en estados malaios, algúns dos cales se cre que son Langkasuka e Tambralinga. Atopáronse tamén probas de que algúns destes asentamentos comerciais comerciaban cos romanos, como por exemplo a moeda de ouro do emperador Antonino Pío (161 d.C.) atopada no sur de Tailandia.

Posteriormente as civilizacións Malaia, Mon e Khmer floreceron na zona anterior á dominación dos Tai, especialmente o reino de Srivijaya no sur, o reino Dvaravati no central e o imperio Khmer fundado en Angkor. As migracións da China meridional cara ao Sueste Asiático tiveron lugar maioritariamente durante o primeiro milenio, probablemente a través do norte de Laos. Por iso, até o século XIII sábese pouco acerca de Tailandia. Debido a estas migracións, a cultura tailandesa estivo tradicionalmente influída polas culturas da China e da India, aínda que se xeraron diferentes culturas autóctonas.

Idade Media

editar
Véxase tamén: Sukhothai e Ayutthaya.
 
Ruínas de Wat Chaiwatthanaram en Ayutthaya.

Durante o século XIII os tai fundaron diversas cidades-estado e principados. O reino budista de Sukhothai é considerado convencionalmente como o primeiro estado Thai na rexión. Fundado en 1238, a súa xerminación coincide no tempo coa etapa final do Imperio khemer, entre os séculos XIII e XV. Un século máis tarde, a mediados do XIV, o reino de Ayutthaya substitúe a Sukhothai como potencia dominante en Siam. Tralo saqueo de Angkor por Ayutthaya en 1431, gran parte da corte khemer é obrigada a exiliarse en Ayutthaya, levando consigo os seus rituais e costumes de inspiración hindú, moitos dos cales son asimilados posteriormente pola cultura Ayutthaya.

As potencias europeas comezan a estabelecer contactos con Tailandia a partir do século XVI. En 1609 os neerlandeses iniciaron relacións co Reino de Ayutthaya, e pouco despois os británicos non tardaron en seguir os seus pasos. O rei Narai (1657-1688) cedeu o poder de tomar as decisións comerciais ao aventureiro grego Constantinos Phaulkon, quen decidiu conceder o mercado das especias aos franceses. Ambas nacións forxaron boas relacións, chegando mesmo a un acordo para que o Reino de Ayutthaya enviase embaixadores a París. Porén, cando as tropas francesas desembarcaron en Bangkok, unha rebelión popular impediu o acordo comercial. Foran os propios neerlandeses os que fomentaran a rebelión, xa que se opuñan ao monopolio das especias por parte dos galos. Pouco tempo despois os franceses tentaron converter ao rei Narai ao cristianismo, mais ao morrer este en 1688, foron expulsados e Phaulkon executado.

Despois de máis de 400 anos de dominio, en 1767 o reino de Ayutthaya caeu ante a invasión do exército birmano. A súa capital foi incendiada e o territorio foi dividido. O xeneral Taksin logrou reunir o reino tailandés dende a súa nova capital, Thonburi, e declarouse rei en 1769. Porén, Taksin supostamente toleou e foi deposto, feito prisioneiro e executado en 1782. O xeneral Chakri sucedeuno en 1782 co nome de Rama I, o primeiro rei da casa Chakri.

O Reino Ratthanakosin

editar
 
Rama I.

Rama I estabelece a capital de Siam en Bangkok, á beira do río Chao Phraya na marxe oposta de Thonburi, e funda o actual Reino Rattanakosin, tradicional cuarto reino histórico de Tailandia. Birmania foi finalmente derrotada en 1790 e obrigada a retirarse de Siam. Unha vez estabelecido o reino, a principal preocupación dos herdeiros de Rama I foi a ameaza do colonialismo europeo despois das vitorias británicas en territorio birmano en 1826. Con todo, pesar da presión europea, Tailandia conseguiu ser o único país do sueste asiático que nunca foi colonizado por unha potencia europea, sendo a explicación principal deste feito que, durante todo o século XIX, Tailandia contou cunha recua de hábiles gobernantes, demostrando unha enorme capacidade para utilizar a rivalidade franco-británica na rexión sen queimarse. Como resultado, o país adquiriu o status de estado tampón entre os países baixo dominio francés (Indochina) e baixo dominio británico (Birmania e a India).

O primeiro recoñecemento dunha potencia occidental na rexión foi o Tratado de Amizade e Comercio co Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda en 1826. En 1833 os Estados Unidos iniciaron contactos diplomáticos con Siam. Porén foi durante reinados posteriores, os de Mongkut (Rama IV, 1851-1868) e o seu fillo Chulalongkorn (Rama V, 1868-1910), cando estabeleceu un verdadeiro achegamento coas potencias occidentais. A pesar da súa independencia, a influencia occidental provocou durante este período que se producisen algúns cambios. O tratado anglo-siamés de 1909 estabeleceu a fronteira moderna entre Siam e a Malaisia británica e unha serie de tratados con Francia fixaron as fronteiras orientais con Laos e Camboxa, territorios anteriormente controlados e reclamados por Siam.

A fin da monarquía absoluta

editar
Véxase tamén: Guerra Franco-Tailandesa.
 
Ananda Mahidol (Rama VIII).

En 1932, unha revolución esparexemento de sangue resultou no establecemento dunha monarquía constitucional. O Rei Prajadhipok (Rama VII) aceptou inicialmente o cambio, mais logo abdicou en favor do seu sobriño de dez anos Ananda Mahidol (Rama VIII). Ao abdicar, Prajadhipok dixo que a obrigación dun gobernante era reinar para o ben de toda a xente e non dunha selecta minoría. O 8 de decembro de 1941, poucas horas despois do ataque a Pearl Harbor, o Xapón esixiu o dereito de trasladar tropas a través de Tailandia á fronteira malaia. Os xaponeses desembarcaron en Bangkok e outros lugares ao longo da costa leste, onde se enfrontaron co exército tailandés entre seis e oito horas antes de renderse. Tras varias negociacións, Tailandia concédelle ao Xapón o dereito de libre tránsito polas súas froiteiras, para días despois, o 21 de decembro, asinar unha alianza cun protocolo secreto. Este protocolo estabelecía que Toquio acordaba axudar a Tailandia a recuperar territorios perdidos ante as potencias coloniais, mentres que pola súa banda Tailandia daría asistencia ao Xapón na súa guerra contra os aliados.

Despois da derrota do Xapón en 1945, Tailandia foi tratada como un país derrotado polos británicos e franceses, aínda que coa axuda dun grupo de tailandeses coñecido como Seri Thai e o apoio dos Estados Unidos mitigáronse as consecuencias. Tailandia non sería ocupada por estes, mais debería devolver o territorio obtido dos británicos e os franceses. No período da posguerra, Tailandia gozou de boas relacións cos estadounidenses, aos que viu como un protector ante as revolucións comunistas sucedidas nos países veciños.

En 1946 falece o rei Mahidol en circunstancias algo misteriosas. A explicación oficial foi que se disparou accidentalmente mentres limpaba a súa arma, aínda que hai quen cre que se suicidou ao non poder soportar a derrota do Xapón na guerra. O seu sucesor sería o seu irmán Bhumibol Adulyadej (Rama IX), quen foi o xefe de Estado até 2016. En 1947 o novo rei asina e promulga unha nova constitución polo que se crea un novo parlamento de dúas cámaras: o Senado e a Casa de Representantes. Dende entón, Tailandia estivo dominada por militares, experimentando máis de vinte golpes de estado e contragolpes, con intervalos breves de democracia. Despois de que en 1962 a revolución comunista triunfase no norte do país, Estados Unidos colaborou co goberno de Bangkok contribuíndo a reforzar o exército e a policía e establecendo bases militares, as cales non foron evacuadas até 1976. Por mor disto Tailandia sufriu numerosas confrontacións con Camboxa e viuse comprometida no conflito vietnamita.

A Revolución de 1973

editar
 
Monumento á Democracia en Bangkok, construído en 1940, que conmemora a fin da monarquía absoluta en 1932. Foi escena de manifestacións masivas en 1973, 1976, 1992 e 2010.

En outubro de 1973 producíronse manifestacións masivas en Bangkok esixindo o fin do réxime militar. O xeneral Thanom Kittikachorn respondeu con forza e até setenta manifestantes foron asasinados nas rúas, algo nunca visto en Tailandia. Esta intervención violenta do réxime militar incitou ao Rei Rama IX a facer a súa primeira intervención na política tailandesa retirando o seu apoio ao réxime militar. O 14 de outubro de 1973, o xeneral Thanom Kittikachorn dimitiu e abandonou o país. Estes acontecementos reveláronse como unha revolución dentro da política tai. Por primeira vez, a burguesía urbana, dirixida polos estudantes, derrotara ás forzas combinadas da vella clase reinante e do exército, á vez que gañaran a bendición aparente do Rei para realizar unha transición cara a plena democracia, simbolizada por unha nova Constitución que prevía unha lexislatura totalmente democrática elixida.

Con todo, Tailandia non producira aínda unha clase política suficiente como para facer funcionar esta nova democracia. As eleccións de xaneiro de 1975 non produciron unha maioría estable e unha nova elección en abril de 1976 tivo os mesmos resultados. O veterano político Seni Pramoj e o seu irmán Kukrit Pramoj alternáronse no poder, mais non foron capaces de crear unha reforma coherente do sistema político. A forte subida dos prezos do petróleo en 1974 levou a unha recesión e á inflación, debilitando a posición do goberno. O xesto político máis popular realizado na democracia foi o de fixar a retirada das forzas americanas de Tailandia. Isto coincidiu coa abolición da monarquía de 600 anos en Laos e a vitoria comunista en Vietnam. Con todo, os conservadores obtiveron mellores resultados nas eleccións de 1976 que os que tiveran nas de 1975. A esquerda do movemento estudantil non aceptou esta vitoria e continuaron manifestándose a favor de cambios radicais.

No final de 1976, a opinión da burguesía moderada volveu as costas aos ideais dos estudantes da Universidade Thammasat. O exército e os partidos de dereitas loitaron contra os estudantes con grupos paramilitares tales como os "Exploradores de Pobos" ou o "Red Gauss". En outubro, cando o ditador Kittikachorn volve a Tailandia para entrar nun mosteiro, as manifestacións de estudantes chocaron contra os contramanifestantes e axentes dos servizos de intelixencia resultando en violencia. O 6 de outubro, o exército enviou os paramilitares contra os manifestantes e utilizou isto, na cal centenares de estudantes foron torturados e asasinados, para suspender a Constitución e retomar o poder.

Historia recente

editar
 
Thaksin Shinawatra.

Os anos posteriores a 1973 estiveron marcados polas loitas para definir as políticas do Estado. Durante a maior parte da década de 1980, Tailandia foi gobernada por Prem Tinsulanonda, un home de forte inclinación democrática que restaurou a política parlamentaria. En 1992 o último gobernante militar, Suchinda Kraprayoon, renunciou ao poder en resposta a grandes protestas populares apoiadas polo rei. Dende entón, Tailandia é unha democracia participativa moderna. En 1997, a crise financeira asiática castigou con dureza a Tailandia. O valor do baht tailandés caeu en picado, de 25 bahts por dólar pasou a 56. Mais superou a crise e o crecemento do seu PIB no 2003 foi do 7%.

En 2001, Thaksin Shinawatra, do partido Thai Rak Thai (พรรคไทยรักไทย, lit. Os tailandeses aman aos tailandeses; TRT) convértese en primeiro ministro tras gañar as eleccións celebradas ese mesmo ano e en 2005 renova o seu mandato por outros catro anos. Shinawatra era moi popular entre as clases máis pobres tanto urbanas como rurais por mor dos seus programas populistas. O seu goberno foi atacado polas elites que vían perigo na súa ditadura parlamentaria. Con todo, durante este período aumentan as acusacións de, entre outras cousas, coacción da liberdade de prensa, compra de votos, utilización do poder para favorecer as súas empresas, abusos policiais na guerra contra o narcotráfico e incapacidade de frear a insurxencia islamita do sur do país. A mediados de 2005, Sondhi Limthongkul, un coñecido magnate dos medios de comunicación, converteuse no crítico máis importante de Thaksin. Finalmente Sondhi e os seus aliados crearon un movemento de protesta masiva máis tarde unificado baixo o nome de Alianza Popular pola Democracia (PAD).

En abril de 2006 vólvense celebrar eleccións e Thaksin revalida de novo o cargo. Porén, tralo boicot da oposición ao novo goberno, a Corte Suprema sentencia a anulación dos resultados electorais e a convocatoria dunha nova cita electoral. O 19 de setembro de 2006, despois da disolución do Parlamento e estando Thaksin en Nova York, os militares do autodenominado "Consello para a Reforma Democrática" (คณะปฏิรูปการปกครองในระบอบประชาธิปไตย อันมีพระมหากษัตริย์ทรงเป็นประมุข, Khana Patirup Kan Pok Khrong Nai Rabop Prachathipatai An Mi Phra Maha Kasat Song Pen Pramuk), baixo o mando de Sondhi Boonyaratglin, toman o poder cun golpe de estado. Unhas eleccións xerais o 23 de decembro de 2007 restauraron o goberno, liderado por Samak Sundaravej do Partido do Poder do Pobo (พรรคพลังประชาชน, Phak Palang Prachachon).

A mediados de 2008, a Alianza Popular para a Democracia (PAD) liderou as grandes protestas contra o goberno do primeiro ministro Sundaravej, a quen criticou polos seus vínculos co ex primeiro ministro Shinawatra. O 26 de agosto de 2008, os manifestantes ocuparon ilegalmente varios ministerios para obrigar ao goberno a ceder ás demandas. A partir do 29 de agosto os manifestantes comezaron a interromper infraestruturas ferroviarias e aéreas, incluíndo o aeroporto de Suvarnabhumi. Os manifestantes non foron nunca perseguidos. O caos terminou en decembro, cando foron disoltos tres dos partidos que formaban o goberno polo Tribunal Constitucional debido a unha fraude electoral. Despois desta sentenza, moitos dos socios da anterior coalición desertaron e sumáronse ao principal partido da oposición, o Partido Demócrata. O 3 de xullo de 2011, o partido da oposición Pheu Thai gañou as eleccións xerais, converténdose en primeira ministra de Tailandia Yingluck Shinawatra, irmá do derrocado Thaksin Shinawatra.

Xeografía

editar

Cun total de 513.120 km² (198.120 millas cadradas), Tailandia é o 51º Estado maior do mundo en relación á superficie total. Situada no centro do sueste asiático, a posición de Tailandia como eixo da zona influenciou moitos aspectos da súa sociedade e da súa cultura, xa que controla o único paso terrestre dende Asia até Malaisia e Singapur.

Relevo

editar
 
Pagodes preto do cumio do Doi Inthanon.

Tailandia alberga varias rexións xeográficas únicas, as cales se corresponden aproximadamente ás divisións provinciais. O norte do país é a montañosa zona das Terras Altas tailandesas, sendo punto máis alto o Doi Inthanon na cordilleira Thanon Thong Chai con 2.565 metros sobre o nivel do mar (8.415 pés). O nordés, Isan, consta da Meseta de Khorat e limita ao leste co río Mekong. O centro do país está dominado polo val do río Chao Phraya, o cal desemboca no Golfo de Tailandia.

O sur de Tailandia consiste no estreito istmo de Kra, o cal se ensancha na península Malaia. Politicamente, hai seis rexións xeográficas que se diferencian das outras na poboación, os recursos básicos, características naturais e o nivel de desenvolvemento social e económico.

Unha serie de cordilleiras percorren o país de norte a sur, ocupando toda a parte setentrional e occidental. As maiores elevacións danse nos sistemas montañosos que se prolongan cara ao oeste ao longo da fronteira birmana, chegando a súa altitude até os 2.595 m do Doi Inthanon, punto máis alto da Tailandia. A zona da península Malaia está rodeada por estreitas mesetas costeiras e chegan á súa cota máis elevada en Jao Luang (1.790 m). No centro da Tailandia aparece outro sistema montañoso que discorre en dirección norte-sur, aínda que o seu extremo meridional torce cara ao oeste. Doi Pia Fai (1.270 m) é o punto máis elevado deste sistema. No leste do territorio continental atópase a meseta de Khorat, unha zona estéril con escasos cumios e que ocupa aproximadamente un terzo da superficie do país, ficando limitada esta área polo val do río Mekong.[6]

Hidrografía

editar
 
O Chao Phraya atravesando Bangkok.
 
O Golfo de Tailandia.

Os ríos Chao Phraya e Mekong son o principal recurso das zonas rurais de Tailandia, xa que a produción dos cultivos céntrase nas marxes destes dous ríos e os seus afluentes. O Golfo de Tailandia, que abarca 320.000 km² (124.000 millas cadradas) é alimentado polos ríos Chao Phraya, Mae Klong, Chupar Pakong e Tapi. Esta zona contribúe de xeito importante tamén co sector turístico, debido ás súas augas pouco profundas ao longo das costas da Rexión Sur e o Istmo de Kra. O Golfo de Tailandia é tamén un dos centros industriais do país, destacando o porto de Sattahip, o principal do reino, e a entrada do porto de Bangkok.

O mar de Andaman está considerado o recurso natural máis prezado de Tailandia, xa que alberga os resorts máis populares e luxosos de Asia. Phuket, Krabi, Ranong, Phang Nga e Trang, xunto coas súas exuberantes illas, esténdense ao longo das costas deste mar, patio de recreo dos ricos e a elite asiática e mundial, a pesar do tsunami de 2004.

Alén diso hai plans para a creación dunha conexión loxística entre o mar de Andaman e o Golfo de Tailandia. Este proxecto coñécese, de forma análoga ás canles de Suez e a de Panamá, co nome de Canle de Tailandia. Esta idea é recibida positivamente pola clase política tailandesa, xa que reduciría as taxas cobradas polos portos de Singapur, melloraría as relacións coa China e a India, os tempos de envío serían máis baixos, aumentaría a seguridade dos buques debido aos temidos piratas do estreito Malaio e apoiaría a política do Goberno de Tailandia de ser o centro loxístico do sueste asiático. A canle sería un gran proxecto de enxeñaría cuns custos estimados de entre 20 e 30 mil millóns de dólares.

Tailandia ten un clima tropical no que se dá o monzón. As temperaturas normalmente varían dende unha máxima anual media de 38 °C a unha mínima de 19 °C. Os monzóns do suroeste danse entre maio e xullo (excepto no sur) e sinalan a chegada da época das choivas (ridu fon), acompañadas con elevadas temperaturas, que duran até outubro. Novembro e decembro son o comezo da estación seca. As temperaturas comezan a subir en xaneiro.

A estación seca é máis curta no sur debido á proximidade do mar en tódalas zonas da península Malaia. Con poucas excepcións, tódalas áreas do país reciben choiva en abundancia, aínda que a duración da estación das choivas e a cantidade de choiva varían moi substancialmente segundo a rexión e a altitude. O nordés ten unha estación seca longa e a súa terra porosa retén pouca auga, polo que o seu potencial agrícola vese limitado.

Biodiversidade

editar

As xunglas e zonas pantanosas esténdense por todas as áreas costeiras con enormes zonas de árbores tropicais, entre as que se encontran mangleiros, xuncos de Indias, ébano e distintas especies de madeiras de gran resistencia, como o mesquite ou o pau de rosa. As zonas das terras altas e das mesetas albergan tamén zonas con bastantes especies de árbores, destacando a teca, o agalloch e o carballo. Tamén hai unha gran variedade de plantas e árbores froiteiras tropicais como orquídeas, gardenias, hibiscos, bananeiras, mangueiras e cocos. Entre as especies animais encóntrase o elefante, que se utiliza como animal de carga, ademais de cuadrúpedes como rinocerontes, tigres, leopardos, bois salvaxes, xibóns e búfalos. O gato siamés é, como o seu nome indica, orixinario desta terra. No país hai máis de cincuenta clases de serpes, sendo moitas delas velenosas.[7]

Política e goberno

editar

Durante a vixencia da Constitución de 1997 o sistema político estaba baseado nunha monarquía constitucional, cos poderes do Estado separados ao modo occidental, no que a figura do Monarca, como Xefe de Estado, tiña unha función representativa aínda que era, ao mesmo tempo, o defensor do budismo tai. O poder lexislativo residía na Asemblea Nacional de Tailandia, un sistema bicameral composto polo Sapha Phuthaen Ratsadon (Cámara Baixa), que consistía nunha Cámara de Representantes con 500 escanos, e no Wuthisapha (Senado) con 200 escanos. Os membros de ambas as cámaras eran elixidos por sufraxio universal. O máis alto nivel xudicial ocupábao o Tribunal Supremo ou Sandika, cuxos xuíces eran designados polo monarca. O poder executivo formábao un Primeiro Ministro e un goberno de 26 membros que respondía ante a Asemblea Nacional.

 
Bhumibol Adulyadej.

O 19 de setembro de 2006, as forzas do Real Exército Tailandés tomaron Bangkok nun golpe de estado que derrocou ao Primeiro Ministro Thaksin Shinawatra. A Xunta Militar que formaron os golpistas estivo presidida polo xeneral Sonthi Boonyaratglin que aboliu a Constitución, disolveu os poderes executivo, xudicial e lexislativo, impuxo a lei marcial e prohibiu as actividades políticas, estabelecendo ademais a censura de prensa e o control das comunicacións. Os argumentos que presentaron os golpistas foi a grave crise do sistema político como consecuencia de presuntas irregularidades financeiras do Primeiro Ministro deposto. Tras un breve período, o Consello para a Reforma Democrática (nome co que se autodenominou a Xunta Militar), obtivo o beneplácito do Rei Bhumibol Adulyadej e nomeou un novo poder executivo, así como ditou unha Constitución provisional. O novo Primeiro Ministro dende o 1 de outubro foi o xeneral Surayud Chulanont. O mesmo día entrou en vigor un texto constitucional provisional que mantiña a monarquía, aínda que reservando para a Xunta Militar, denominada Consello de Seguridade Nacional, a facultade de modificar o goberno e de elixir a Asemblea Constituínte, a cal tiña que redactar no prazo dun ano un novo texto constitucional.

 
Yingluck Shinawatra.

Despois de aprobarse a Constitución definitiva en 2007 celebráronse unhas eleccións xerais, as cales deron a vitoria ao Partido do Poder do Pobo liderado por Samak Sundaravej, home vinculado a Thaksin Shinawatra. Unha vez formado o novo Goberno, desatouse unha grave crise política nos poucos meses liderada pola Alianza do Pobo para a Democracia, que obrigou á dimisión de varios ministros antes do verán de 2008. Altercados en Bangkok, obrigaron a declarar o estado de emerxencia e, finalmente, á dimisión do primeiro ministro Sundaravej por mor dunha sentenza que lle condenaba por presentar un programa gastronómico en televisión, considerado polo tribunal como unha actividade privada ilícita para un membro do goberno.

O 17 de setembro, a Asemblea Nacional elixiu como novo primeiro ministro a Somchai Wongsawat, cuñado de Thaksin Shinawatra e tamén membro do Partido do Poder do Pobo. Con todo, o país viviu un longo período de crise até 2010. Ese ano as Camisas Amarelas, integradas na Alianza Popular para a Democracia, conseguiron derrubar o goberno de Somchai Wongsawat e a Asemblea Nacional elixiu como novo primeiro ministro ao líder do Partido Demócrata, Abhisit Vejjajiva. O goberno de Abhisit non estivo exento de enfrontamentos civís, nesta ocasión cos Camisas Vermellas, integrados na Fronte Unida Nacional pola Democracia contra a Ditadura, que ocuparon Bangkok na primavera de 2010. O desaloxo dos Camisas Vermellas polo exército deixou decenas de mortos. En 2011 celebráronse novas eleccións xerais, dando a vitoria por maioría absoluta a Yingluck Shinawatra, irmá máis nova do ex Primeiro Ministro Thaksin.[8]

Conflito de Pattani

editar
 
Bandeira de Pattani.

Tailandia controlou a comezos do século XV a península Malaia até Malaca, manténdose en gran parte da península, incluíndo Temasek (Singapur), algunhas illas de Andaman e unha colonia en Xava. Porén, os británicos utilizaron a forza para recuperar as terras e garantir a súa suzeranía sobre o sultanato malaio. Moitos dos estados do norte do sultanato ofrecían agasallos anuais ao rei tailandés, normalmente en forma de flor dourada, un xesto de homenaxe e recoñecemento de vasalaxe. Co tratado anglo-siameses, Tailandia renunciou á soberanía sobre as agora son as provincias setentrionais malaias, Kedah, Perlis, Kelantan e Terengganu en favor dos británicos, mentres que estes cederon a Tailandia as provincias de Satun e de Pattani.

 
As provincias meridionais de Tailandia, amosando as áreas de maioría malaia.

Esta situación está a producir un conflito étnico na rexión de Pattani, de maioría malaia, que inclúe as tres provincias máis meridionais de Tailandia: Pattani, Yala, Narathiwat e partes de Songkhla. Porén, a violencia estase a estender tamén noutras provincias. O Partido Comunista de Malaia decidiu negociar a paz cos gobernos de Malaisia e Tailandia despois de que perdese os seus apoios de Vietnam e da China por mor da Revolución Cultural. Porén, o conflito separatista, en marcha dende a segunda guerra mundial, intensificouse no ano 2004.

Antes, entre febreiro e agosto de 2003, o estado tailandés realizara unha campaña militar contra as organizacións de narcotraficantes, no que unhas 51.000 persoas foron arrestadas e 2.000 mortas. Xa en xullo de 2005 o ex-Primeiro Ministro de Tailandia, Thaksin Shinawatra, asumiu poderes de emerxencia para facer fronte á insurxencia, mentres que en setembro de 2006 sería o Comandante Sonthi Boonyaratkalin que recibiría un aumento extraordinario de poderes executivos para combater os disturbios. Pouco despois, a pesar das tentativas de reconciliación, a insurxencia continuou e intensificouse, aumentando ano a ano os mortos no conflito, que acadan no final de 2010 os 4.100. En marzo de 2011, o goberno recoñece que a violencia vai en aumento e que non é un conflito que se podería resolver en poucos meses.

Divisións administrativas

editar

Tailandia divídese en 76 provincias (en tailandés: จังหวัด, changwat) reunidas en cinco grupos, nalgúns casos as provincias do leste e do oeste agrupándose. O nome de cada provincia é o da súa cidade capital (เมือง, mueang), utilizando ás veces ese prefixo (Mueang ou Muang) para evitar confusión coa provincia. Coa excepción da provincia de Songkhla, a capital é a cidade máis grande da provincia. Por exemplo, a capital da Provincia de Chiang Mai (Changwat Chiang Mai) é Ching Mai ou Mueang Chiang Mai. Hai ademais dous distritos especiais: a capital Bangkok (Krung Thep Maha Nakhon) e Pattaya, aínda que o de Bangkok posúe o mesmo rango que unha provincia, e polo tanto é habitualmente considerado unha.

A zona máis poboada e a de maior densidade de poboación é a capital, Bangkok. A provincia de maior superficie é Nakhon Ratchasima e a máis pequena Samut Songkhram. En canto aos mínimos, a provincia con menor densidade de poboación é Mae Hong Son e menor poboada a de Ranong. A última provincia en nacer foi Bueng Kan no ano 2011.

Cada provincia está administrada por un gobernador nomeado polo Ministro do Interior, sendo a única excepción é a cidade de Bangkok, onde se elixe o gobernador por votación. As provincias están divididas á súa vez en 877 distritos (อำเภอ, amphoe). Os cincuenta distritos de Bangkok son chamados khet (เขต), mais son habitualmente chamados amphoe, incluso nalgúns documentos oficiais. Algunhas partes das provincias circundantes á capital, son ás veces coñecidas como Gran Bangkok (ปริมณฑล, pari monthon). Os distritos divídense á súa vez en tambon (ตำบล, comunas ou sub-distritos) e muban (หมู่บ้าน, poboados).

Rexións

editar
Seis rexións
Catro rexións
Rexións meteorolóxicas

Tailandia é ás veces dividida en diferentes grupos de rexións, sendo a máis coñecida a división en seis rexións utilizada nos estudos xeográficos e a división en catro agrupacións coherente co sistema de agrupación administrativa Monthon utilizado no pasado polo Ministerio de Interior. Estas rexións supoñen a subdivisión máis grande do país, con todo, a diferenza das provincias, non teñen ningún tipo de carácter administrativo, senón que se utilizan con obxectivos estatísticos, xeográficos ou xeolóxicos.

O sistema de subdivisión de seis rexións é o máis habitual actividades científicas ou xeográficas. Este sistema, que data de 1935, formalizouse en 1977 polo Comité Xeográfico Nacional nomeado polo Consello Superior de Investigacións Científicas. As seis rexións son as seguintes:

O sistema de catro rexións é utilizado normalmente para algúns fins administrativos e estatísticos, e incluso como agrupamento cultural. Inclúe ás rexións occidental e oriental dentro da rexión central, mentres que as provincias de Sukhothai, Phitsanulok, Phichit, Kamphaeng Phet, Phetchabun, Nakhon Sawan e Uthai Thani forman parte da rexión setentrional. As catro rexións son:

O Departamento Meteorolóxico de Tailandia divide o país en seis rexións para fins meteorolóxicos. Diferénciase do sistema de catro rexións en que a Oriental considérase unha rexión separada, a Meridional divídese entre as costas leste e oeste e en que as provincias de Nakhon Sawan e Uthai Thani forman parte da Central.

Provincias

editar
Mapa interactivo das Provincias de Tailandia. Prema na provincia desexada para visualizar o seu artigo correspondente.
 Provincia de Chiang RaiProvincia de Chiang MaiProvincia de Mae Hong SonProvincia de PhayaoProvincia de LampangProvincia de PhraeProvincia de LamphunProvincia de NanProvincia de UttaraditProvincia de Bueng KanProvincia de Nong KhaiProvincia de Udon ThaniProvincia de Nakhon PhanomProvincia de Sakon NakhonProvincia de KalasinProvincia de MukdahanProvincia de LoeiProvincia de Khon KaenProvincia de Nong Bua LamphuProvincia de TakProvincia de SukhothaiProvincia de PhitsanulokProvincia de PhichitProvincia de Uthai ThaniProvincia de Kamphaeng PhetProvincia de Nakhon SawanProvincia de PhetchabunProvincia de ChaiyaphumProvincia de Maha SarakhamProvincia de Roi EtProvincia de YasothonProvincia de Amnat CharoenProvincia de Ubon RatchathaniProvincia de SisaketProvincia de SurinProvincia de BuriramProvincia de Nakhon RatchasimaProvincia de LopburiProvincia de ChainatProvincia de SingburiProvincia de KanchanaburiProvincia de SuphanaburiProvincia de Ang ThongProvincia de SaraburiProvincia de AyutthayaProvincia de Nakhon NayokProvincia de Prachin BuriProvincia de Pathum ThaniProvincia de Nakhon PathomProvincia de RatchaburiProvincia de Sa KaewProvincia de ChachoengsaoProvincia de ChonburiProvincia de RayongProvincia de ChanthaburiProvincia de TratProvincia de PhetchaburiProvincia de Prachuap Khiri KhanProvincia de ChumphonProvincia de RanongProvincia de Surat ThaniProvincia de Phang NgaProvincia de PhuketProvincia de KrabiProvincia de Nakhon Si ThammaratProvincia de TrangProvincia de PhatthalungProvincia de SatunProvincia de SongkhlaProvincia de PattaniProvincia de YalaProvincia de NarathiwatProvincia de Samut PrakanBangkokProvincia de NonthaburiProvincia de Samut SakhonProvincia de Samut Songkhram
Mapa interactivo das Provincias de Tailandia.


Economía

editar
Artigo principal: Economía de Tailandia.

Agricultura

editar
 
Campos de cultivo de Tailandia vistos dende o aire.

A participación da agricultura no PIB de Tailandia está a diminuír considerablemente nos últimos decenios, supoñendo actualmente tan só o 12% do mesmo. Con todo, a agricultura aínda representa máis do 25% do total dos ingresos de exportación. Debido á que a produtividade da man de obra é relativamente baixa, o sector contribúe co 46% do emprego total. Os produtos agropecuarios constitúen o 15% das exportacións (incluídas as invisibles), mais porcentaxe que lles corresponde nas importacións é bastante máis reducido (menos do 5%), debido sobre todo ás abundantes subministracións de alimentos de produción local. Nestas circunstancias, cabe esperar que un sistema de comercio mundial sen distorsións e compatible cos principios do mercado dispense grandes beneficios a Tailandia.[9]

O cultivo, procesado e exportado dos produtos agrícolas, en especial do arroz, foron tradicionalmente o principal sustento da economía tailandesa. A pesar de que o país foi un dos máis prósperos de Asia, a súa dependencia do monocultivo de arroz volveuno moi vulnerable á flutuación dos prezos no mercado e a variación de colleitas. O goberno levou a cabo campañas para reducir na medida do posible esta vulnerabilidade, instituíndo programas de desenvolvemento orientados á diversificación da economía e á promoción de métodos de cultivo científicos, en particular naqueles que consisten na rega mediante o anegamento dos campos de arroz, que permiten que as colleitas sexan máis ou menos estables mesmo durante anos de seca.[10]

Gandaría e pesca

editar

En Tailandia está prohibido a exportación de cans para sacrificio e consumo.[11] Con todo, non deixa de ser un dos maiores exportadores de alimentos en Asia, sendo os principais produtos gandeiros os procedentes do parrulo, o porco, o boi e a vaca.

En canto á pesca, os lugares máis importantes no país, son o Mar de Andaman, o Golfo de Tailandia, e os ríos Río Mekong e Chiang Mai. A pesca está organizada para evitar conflitos entre a pesca industrial e a pesca de escala. As grandes especies de pesca de auga doce son: a perca xigante, a carpa siamesa, o peixe gato e o cabeza de cobra xigante. En canto ás especies de mar, as máis importantes son: o atractosteus, o barbo de Xava, o barbo de Hampala, o tucunaré, litiánidos e o tambaqui.

Turismo

editar
 
O Wat Phra Kaew de Bangkok, capital de Tailandia, un dos monumentos máis visitados.

Turismo contribúe á economía de Tailandia máis que a calquera outro país asiático, considérase que a achega do turismo supón o 6% do PIB. Un dos principais motivos polos que os turistas viaxan son as praias e relax. A pesar dos problemas cos insurxentes no sur, o turismo en Bangkok está a aumentar considerablemente nos últimos anos. Ademais, o forte aumento no turismo procedente doutros países asiáticos contribúe en gran medida á economía do país, incluso cando o baht está a gañar forza en comparación coa maioría doutras moedas nos últimos anos. En 2007, uns 14 millóns de turistas visitaron Tailandia. Dentro da industria do turismo tailandesa é coñecido o turismo sexual, aínda que a prostitución é ilegal en Tailandia.

A flexibilización da crise monetaria, o vigoroso crecemento da economía chinesa, a situación política interna relativamente estable despois da crise política tailandesa de 2008, e o pouco impacto da pandemia de gripe de 2009, cambiaron o panorama turístico para o ano 2010. Tailandia experimentou un descenso de visitantes internacionais dun 16% nos primeiros seis meses de 2009, pero os últimos catro meses de 2009 viron o retorno de turistas estranxeiros a Tailandia, cun marcado aumento nos meses de novembro e decembro.

A nivel de turismo cultural, o país caracterízase polas súas ruínas e templos, destacando moito a súa cultura milenaria. As organizacións turísticas promoven as coñecidas "Sete Marabillas de Tailandia", sete motivos cos que invitan a visitar o país:[12] o "Thainess" (a forma de vivir tailandesa), "Terra dos tesouros e a historia", as "Praias (diversión, sol, surf e serenidade)", a "natureza", o "País do sorriso saudable (relax e spa)", as "Novas tendencias" e os "Festivais internacionais".

Artigo principal: Baht.

Durante a dinastía que inaugurou Rama I introduciuse un novo tipo de moeda chamada Bala. Nun principio estas pezas consistían en anacos de prata que levaban unha contramarca real, ás veces acompañada por unha marca chamada chakra ou ollo da deusa Vishnu. Do símbolo real existen varios punzóns que permiten coñecer baixo que monarca se realizou cada contramarca. Existen moedas que están contramarcadas só cun destes símbolos, pero outras presentan dous ou tres símbolos á vez. Estas curiosas contramarcas estampábanse para facilitar a circulación das moedas estranxeiras dentro do país e aumentar o seu valor.

A moeda de Tailandia é actualmente o baht (en tailandés: บาท, símbolo: ฿, código ISO 4217: THB). Divídese en 100 satang (สตางค์). A emisión de moedas e billetes é responsabilidade do Banco de Tailandia. A súa equivalencia en euros a mediados de 2013 era 0,024 € por baht,[13] e en dólares americanos de $ 0,032. Porén, o valor do baht varía constantemente no mercado de divisas, sendo ademais a única divisa aceptada dentro do país.

Demografía

editar
Artigo principal: Demografía de Tailandia.

Educación

editar
 
A Universidade de Chulalongkorn.

O Ministerio de Educación administra e regula o ensino no país. No ano 2005, o goberno asignou 262.938 millóns de baht, preto do 22% do orzamento nacional, á educación. Con datos dese mesmo ano, Tailandia ten un dos niveis máis altos de alfabetización na rexión asiática co 92,6%.

A Constitución garante doce anos de educación básica de balde. A educación formal divídese en catro etapas: o primeiro nivel (Prathom 1-3) abarca os tres anos da escola elemental; o segundo nivel (Prathom 4-6) do cuarto ao sexto grao; o terceiro nivel (Matthayom 1-3) inclúe os primeiros tres anos da educación secundaria; e o cuarto e último nivel (Matthayom 4-6) comprende os últimos tres anos correspondentes ao bacharelato. Os tailandeses están obrigados a asistir seis anos á escola elemental e polo menos os primeiros tres anos da escola secundaria, así como a facer o NET (Exame de Educación Nacional) despois de cada nivel. Ao graduarse da secundaria, é necesario realizar outros dous exames para continuar co ensino superior: o O-NET (Exame Ordinario de Educación Nacional) e o A-NET (Exame Avanzado de Educación Nacional).

As carreiras máis solicitados no ensino universitario público e privado de Tailandia son Medicina, Tecnoloxías da información, Humanidades e Artes. Porén, está a gañar popularidade nos últimos anos a opción de estudar Dereito ou Empresariais no estranxeiro. Tódolos estudantes que aspiran a ingresar na universidade teñen que obter o CUAS (Sistema Central de Admisión Universitaria), que consiste nun 50% nos resultados do O-NET e o A-NET e noutro 50% a media de notas obtidos dende o cuarto nivel. Máis da metade das provincias en Tailandia teñen a chamada Universidade Rajabhat, unha institución educativa para profesores formalmente coñecida como o Instituto Rajabhat. O máis antigo centro universitario do país é a Universidade de Chulalongkorn, fundado o 26 de marzo de 1917.

Relixión

editar

Preto do 95% dos tailandeses son budistas da tradición theravada. Os musulmáns son o segundo grupo relixioso máis grande de Tailandia co 4,6% da poboación. Nas provincias meridionais de Tailandia, Pattani, Yala, Narathiwat e parte de Songkhla e Chumphon domina a poboación musulmá, formada por tailandeses e malaios étnicos. Moi a miúdo os musulmáns viven en comunidades separadas dos non musulmáns. O extremo sur de Tailandia é na súa maioría etnicamente malaio, sendo a maioría deles sunnitas. Os cristiáns representan o 0,5% da poboación. Unha comunidade pequena pero influente de sikhs e algúns hindús viven tamén nalgunhas cidades do país, fortemente involucrados no comercio menor. Hai tamén unha pequena comunidade xudía, con presenza desde o século XVII. Desde 2001, os activistas musulmáns manifestáronse contra o goberno central debido á suposta corrupción e os prexuízos étnicos por parte dos funcionarios.

Cultura

editar
 
O budismo theravada é moi respectado en Tailandia.

As tradicións tailandesas están influenciadas polas culturas da India, a China, Camboxa, Laos, Myanmar e o resto do sueste asiático. A relixión nacional é o budismo theravada, o cal evolucionou co tempo para incluír moitas das crenzas rexionais procedentes do hinduísmo, o animismo, así como o culto aos antepasados. O calendario oficial en Tailandia baséase na versión oriental da era budista, é dicir, 543 anos antes do calendario gregoriano. Por exemplo, o ano 2024 é o 2567 en Tailandia.

Diversos grupos étnicos poboan Tailandia, algúns dos cales son marxinados, ás veces solapándose cos países veciños, Myanmar, Laos, Camboxa e Malaisia, mediando o cambio entre a súa cultura local tradicional, a tailandesa nacional e as influencias culturais globais. A diáspora chinesa forma tamén parte importante da sociedade tailandesa, sobre todo nos arredores de Bangkok. A súa exitosa integración permitiu a este grupo ocupar cargos de poder económico e político. Empresas chino-tailandesas prosperan como parte dunha rede máis grande de empresas chinesas que operan nos mercados do sueste asiático.

Un aspecto da cultura tailandesa moi coñecido é o seu saúdos tradicional, o wai (ไหว้, AFI: [wâːj]). Nunha xuntanza entre dúas persoas, normalmente o primeiro en saúdas é o máis novo dos dous, o cal xunta ás súas mans, cos dedos apuntando cara a arriba, e inclina a cabeza até tocar as mans coas cara, polo xeral acompañando coas seguintes palabras "Sawasdee khrap", para os falantes masculinos, ou "Sawasdee ka" para as mulleres. O máis maior é, entón, quen responde do mesmo xeito.

 
O wai dunha parella tailandesa.

A parte da idade, o status social e a posición, como no caso de xente pertencente ao goberno, teñen tamén influencia en quen realiza o primeiro wai. Por exemplo, aínda que un pode ser considerablemente máis maior que un Gobernador provincial, polo xeral é o visitante quen realiza o primeiro saúdo. Cando os nenos marchan para a escola, adoitan realizar o wai a seus pais para amosar o seu respecto por eles. O wai é un sinal de respecto e reverencia polo outro, semellante ao saúdo "namaste" da India e o Nepal.

Do mesmo xeito que na maioría das culturas asiáticas, o respecto aos antepasados é unha parte esencial da práctica espiritual tailandesa. Os tailandeses teñen un forte sentido da hospitalidade e a xenerosidade, mais tamén un forte sentido de xerarquía social. A antigüidade é un concepto importante na cultura tailandesa. Os anciáns tradicionalmente rexen as decisións familiares ou cerimonias, e os irmáns máis vellos teñen obrigacións con respecto dos máis novos. Os tabús en Tailandia inclúen tocar a cabeza de alguén ou apuntar cos pés, xa que a testa está considerada a parte máis sacra e os pés a parte máis sucia.

A sociedade tailandesa está a ser influenciada nos últimos anos grazas á ampla dispoñibilidade prensa e os medios de comunicación plurilingües. Hai en circulación algúns xornais ingleses e moitos tailandeses e chineses, mesmo as revistas tailandeses máis populares utilizan titulares en inglés como factor glamour. Moitas das grandes empresas en Bangkok operan en inglés e outros idiomas. Tailandia é o maior mercado da prensa no sueste asiático, cunha circulación estimada de máis de 13 millóns de exemplares diarios en 2003. Incluso no interior do país, fóra de Bangkok, florecen os medios. Segundo o directorio do Departamento de Relacións Públicas de Prensa de Tailandia 2003-2004, nas dezanove provincias de Isan, a rexión nordés, hai 116 xornais en circulación xunto coa radio, a televisión e o cable.

Linguas

editar
Artigo principal: Lingua tailandesa.
 
Nome completo de Bangkok escrito co alfabeto tailandés.

O idioma oficial de Tailandia é o tailandés (ภาษาไทย, phasa thai; AFI: [pʰaːsaːtʰaj]), tamén coñecido como siamés ou "tai". É o idioma nacional e oficial de Tailandia, lingua nai da etnia tailandesa. O tailandés é unha lingua tai pertencente á familia de linguas tai-kadai. Crese que as linguas tai-kadai teñen a súa orixe no que é actualmente o sur da China, mentres algúns lingüistas propuxeron que están relacionadas coas familias austroasiática, austronesia ou sino-tibetana. É unha lingua tonal e analítica, o que combinado cunha ortografía complexa e unha fonoloxía distintiva, dificulta o estudo do idioma aos que non coñezan previamente unha lingua relacionada.

O tailandés conta con alfabeto propio (อักขระเขมร), derivado do alfabeto camboxano, inspirado na letra brahmi das linguas indoarias. Do mesmo xeito que os birmanos adoptaron o alfabeto Mon, que tamén ten orixes índicas, os tailandeses adoptaron unha forma modificada de alfabeto camboxano para crear o seu propio sistema de escritura. Mentres que a máis antiga inscrición coñecida en camboxano data do ano 611 d.C., as inscricións en alfabeto tailandés comezaron a aparecer ao redor de 1292. As súas características máis notables inclúen:

  • É alfasilbario, é dicir, consiste en signos que representan sílabas dotadas dunha vogal por defecto. No tailandés a vogal implícita é unha /a/ curta para as consoantes que se presentan soas e unha /o/ curta se a consoante inicial ou o grupo vai seguido doutra consoante.
  • Os marcadores de ton colócanse na parte superior da consoante inicial dunha sílaba ou na última consoante dun grupo consoante inicial.
  • As vogais asociadas con consoantes non son secuenciais: pódense colocar antes, despois, arriba ou abaixo, ou nunha combinación destas posicións, da súa consoante asociada.

Agás o tailandés, ningún outro idioma do territorio do estado ten status oficial. Outros idiomas falados en Tailandia son o isaan e o phu thai no Isan, o yawi nas zonas fronteirizas con Malaisia e o thai yuan ou thai setentrional, coñecido tamén cos nomes de lanna e de kam mueang. Tamén hai que mencionar o khmer, que se fala entre as minorías camboxanas do sur do Iaan, sobre todo na zona de Surin e de Sisaket. O inglés é a principal lingua estranxeira estudada nas escolas.

Gastronomía

editar
 
Prato de Pad Thai.

A gastronomía de Tailandia caracterízase pola súa mestura equilibrada de sabores ácidos, salgados, doces e picantes. O ingrediente principal na cociña tailandesa é o arroz, que pode ser ingrediente en sopas, estar fritidos ou simplemente cocido. Outros ingredientes que se usan comunmente son os pementos picantes, os allos, os fideos e o leite de coco. En carnes emprégase sobre todo o polo e o porco. Entre os condimentos máis comúns atópanse o curry verde ou vermello, sementes de coandro, salsa de soia e salsa de peixe.

O almorzo tailandés consiste en xeral de arroz con polo, porco, allo e gambas. Isto é acompañado por ovo fritido e cogombro en vinagre. Con todo, a comida máis importante é a cea. Nesta pódense apreciar os mellores pratos. Atópanse presentes a sopa, o arroz ou polo e o peixe preparados de diversas maneiras. Un dos principais pratos é a carne estilo árabe, unha mestura de carne de cordeiro e tenreira condimentada con comiños, cravo e outras especias.

Algúns dos pratos máis famosos son o Pad Thai, fideos de arroz con salsa de tamarindo; o Nam Prik Pao, Salsa de chile tostado con chalotas, allo e esquías; o Khao Mangal, polo con arroz fervido en caldo de galiña e leite de coco; o Ped Dang, asado de polo ao xenxibre; o Sukijakithai, carne e peixe rebozados en ovo con verduras; o Nevayum, carne tallada con ensalada; o Tom Kha Gai, sopa de raíz de galanga; o Kaeng Kari Kai, polo ao curry suave; ou o Tom Yum, sopa picante e ácida.

  1. The Secretariate of the House of Representatives (2007). The Secretariate of the House of Representatives, ed. "Constitution of the Kingdom of Thailand B.E 2550" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de agosto de 2012. Consultado o 17 de xuño de 2013. 
  2. Thailand Arquivado 29 de decembro de 2010 en Wayback Machine., CIA World Factbook.
  3. Thailand (Siam) History Arquivado 24 de abril de 2015 en Wayback Machine., CSMngt-Thai.
  4. Eliot, Charles (1921). Routledge & Kegan Paul Ltd., ed. The Project Gutenberg EBook of Hinduism and Buddhism, An Historical Sketch, Vol. 3 (of 3) (en inglés). Londres. 
  5. Phumisak, Jid (1976). Coming Into Existence for the Siamese Words for Thai, Laotian and Khmer and Societal Characteristics for Nation-names)
  6. Buchot, Emmanuel. Carnet Photographique, ed. "Relevo de Tailandia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2011. Consultado o 23 de setembro de 2011. 
  7. Buchot, Emmanuel. Carnet Photographique, ed. "Flora y fauna de Tailandia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011. Consultado o 23 de setembro de 2011. 
  8. Reinoso, José. El País, ed. "El 'clon' de Thaksin Shinawatra" (en castelán). Consultado o 19 de xuño de 2013. 
  9. Poapongsakorn, Nipon. FAO, ed. "Capítulo 14: Tailandia (FAO)" (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2013. 
  10. Buchot, Emmanuel. Carnet Photographique, ed. "Economía de Tailandia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2013. Consultado o 19 de xuño de 2013. 
  11. Caules, Francisco. La Vanguardia, ed. "Tailandia prohíbe la exportación de perros para su sacrificio y consumo" (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2013. 
  12. Turismo de Tailandia. Thailand Tourism Authority, ed. "Thailand. Amazing Value" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de agosto de 2011. Consultado o 19 de xuño de 2013. 
  13. "Baht Thailandés". The Money Converter (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2013. Consultado o 16 de xuño de 2013. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
camera 1
chat 3
HOME 4
Idea 2
idea 2
Intern 4
iOS 28
mac 5
multimedia 1
OOP 1
os 571
text 2
todo 16
visual 1
web 3