Thema de Anatolia

O Thema Anatólico (en grego Άνατολικόν [θέμα] Anatolikón [théma]), tamén coñecido como Thema dos Anatólicos (θέμα Άνατολικῶν; thema Anatolikōn), foi un thema (provincia militar-civil) do Imperio Bizantino, na rexión central da Asia Menor (actual Turquía). Abrigou o exército bizantino do Oriente que quedaba tras os reveses provocados pola expansión islámica, vindo a tornarse, a partir da separación do thema Opsiciano c. 750, no máis importante thema imperial. Foi sede de importantes xenerais como o futuro emperador León III, o Isauro (r. 717–741) e Bardanes, o Turco, así como serviu de abrigo para Constantino V Coprónimo (r. 741–775). Existiu até o século XI, cando é conquistado polos invasores turcos selxúcidas.

Themata da Península de Anatolia.

Historia

editar

A data exacta da creación do thema é descoñecida. Xuntamente con outros themas máis antigos, foi creado nalgún momento tras a década de 640 como unha área de campamento militar para o que restaba do exército bizantino, decimado polas conquistas árabes. O Thema Anatólico recibiu o seu nome do exército da Diocese do Oriente (en grego Άνατολῆ Anatolē) [1][2] debido á súa localización ao leste. A mención máis antiga do thema é de 669, mais o nome de Exército Oriental (Exercitus Orientalis) só xorde nas fontes históricas en 687.[3][4]

Directamente dirixido cara ás forzas do Califato durante o primeiro século da súa existencia, e beneficiando do seu apoio aos emperadores isauros, o Thema Anatólico era o máis poderoso e máis prestixioso dos themas (ver abaixo). O seu poder era enorme, porén tamén significaba que era unha eventual ameaza para o emperador: a primeira revolta rexístrase en 681 e en 714 o seu comandante, León, o Isauro, conseguiu establecerse como emperador (León III). Outro estratego, Bardanes, o Turco, rebelouse en 803. Por outro lado, en 742, o emperador Constantino V Coprónimo (r. 741–775) encontrou refuxio e apoio no Thema Anatólico contra o usurpador Artabasdo (r. 741–742). A última aparición do Thema Anatólico nas fontes históricas é en 1077, cando o estratego Nicéforo Botaniates se proclamou emperador (como Nicéforo III)[5]. Pronto despois, a rexión foi invadida polos turcos selxúcidas.

Xeografía e administración

editar
 
Os themas bizantinos da Asia Menor cerca de 842, mostrando a fragmentación dos grandes themas en circunscricións menores

Na súa extensión "clásica", durante os séculos VIII e IX, o thema abranguía as antigas rexións da Licaonia, Pisidia, Isauria, así como a maior parte de Frixia e partes da Galacia Salutar[6][7]. Inicialmente, o thema Anatólico estendíase até aos límites oeste e sur da Asia Menor, pero aproximadamente en 720 foi dividido para formar os themas Tracesiano e Cibirreota[8]. Segundo o emperador Teófilo (r. 829–842), as partes leste e sueste, fronte á zona de fronteira árabe e incluíndo as fortalezas que gardaban a entrada norte das chamadas Portas Cilicias, foron retirados ao thema para formar dous novos distritos fronteirizos (clisura): o de Capadocia (orixinalmente unha turma dos Anatólicos) e o de Seleucia[9]. O emperador León VI, o Sabio (r. 886–912) entregou a rexión oeste do lago Tuz (os bandos de Eudocia, Santo Agapeto e Afrazeia) á Capadocia.

A capital do thema foi Amorio, na Frixia, polo menos até ser saqueada polos árabes en 838[5][10]. Despois diso, probabelmente a capital foi trasladada para a fortaleza veciña de Políboto, na actual provincia turca de Afyonkarahisar. As estruturas urbanas da Antigüidade tardía sufriron considerabelmente cos ataques árabes e co declive da urbanización, mais moitas das cidades do interior do thema, na Frixia e na Pisidia, sobreviviron nunha forma reducida. As cidades orientais da rexión da Capadocia (antiga provincia da Capadocia Secunda), que facían fronteira co califato, foron practicamente destruídas, acontecendo o mesmo con Antioquía de Pisidia

Segundo os xeógrafos árabes Qudama ibn Ja'far e Ibn al-Faqīh, o Thema Anatólico, "a maior das provincias dos romanos", tiña 15000 soldados e 34 fortalezas no século IX. O thema e o seu gobernador e estratego, mencionados por primeira vez en 690, ocupaban o lugar máis alto da xerarquía entre os themas e os seus gobernadores. O estratego dos Anatólicos era un dos poucos cargos que estaban especialmente prohibidos aos eunucos da corte imperial. Os detentores do cargo recibían un salario anual de 40 libras de ouro e eran detentores dos títulos de antípato e protoespatario, os máis elevados entre os patricios. Alén diso, foron os únicos que foron nomeados monoestratego (literalmente: "único xeneral"), ou sexa, comandante supremo de todos os themas asiáticos[11][12].

  1. Haldon 1999, p. 73.
  2. Treadgold 1995, p. 23.
  3. Pertusi 1952, p. 114.
  4. Kazhdan 1991, p. 89.
  5. 5,0 5,1 Kazhdan 1991, p. 90.
  6. Haldon 1997, p. 157.
  7. Pertusi 1952, p. 114–115.
  8. Nesbitt 1996, p. 144.
  9. Haldon 1999, p. 114.
  10. Pertusi 1952, p. 115.
  11. Kazhdan 1991, p. 89–90.
  12. Bury 1911, p. 39–41.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  NODES
admin 3
todo 2