Tomistoma schlegelii
Tomistoma schlegelii, xeralmente coñecido internacionalmente como gavial malaio ou falso gavial, é unha especie de crocodiliano de auga doce nativa da Península de Malaca, Borneo, Sumatra e Xava. Está incluída como especie vulnerable na lista vermella da IUCN, xa que a súa poboación global se estima en só 2 500 individuos maduros.[1]
Tomistoma schlegelii Rango fósil: Oligoceno-Cuaternario | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Tomistoma schlegelii | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Tomistoma schlegelii (Müller, 1838) | |||||||||||||||||||
Área de distribución de Tomistoma schlegelii
|
O nome específico schlegelii déuselle en honor ao herpetólogo alemán Hermann Schlegel.[3][4]
Taxonomía
editarA diferenza do gavial indio (ou simplemente gavial, por antonomasia), o morro do gavial malaio ou falso gavial faise considerablemente máis ancho na súa base, polo que é moito máis similar ao dos verdadeiros crocodilos que ao do gavial indio, cuxa osteoloxía indica unha liñaxe diferente á dos outros crocodilianos vivos.[5] Porén, as secuenciacións xenéticas nucleares preliminares parecen indicar que o gavial indio e o malaio compartiron un antepasado nalgún punto da prehistoria.[6] Outros estudos moleculares indican igualmente que é o parente máis próximo (un taxon irmán) do gavial.[2] Xunto con parentes próximos fósiles, como o Maroccosuchus, cada vez é máis frecuente que se clasifique na familia Gavialidae.[7]
Características
editarA especie ten unha cor marrón avermellada escura polo dorso con manchas marróns ou negras e bandas transversais no dorso e cola. A parte ventral e branca agrisada, con algunhas pintas escuras laterais. Os individos novos teñen manchas negras nas partes laterais das mandíbulas, corpo e cola. O morro liso e sen ornamentos é extremadaemnte longo e delgado, de lados paralelos, cunha lonxitude de 3,0 a 3,5 veces a anchura na base. Todos os dentes son longos e con forma de agulla, enganchados nas partes internas das mandíbulas, e inseridos individualmente en alvéolos. As escamas dorsais son amplas na parte media do corpo e esténdense polos lados do corpo. Os dedos teñen membranas interdixitais na base. Hai órganos sensoriais tegumentarios nas escamas de cabeza e corpo. As escamas de detrás da cabeza son frecuentemente só un par e algo agrandadas. Algúns individuos levan certa cantidade de escamas carenadas pequenas adxacentes. O conxunto de escamas do corpo está dividido medialmente por pel granular branda. Hai tres ringleiras transversas cada unha de dúas escamas nucais agrandadas que teñen continuidade coas escamas dorsais, que constan de 22 ringleiras transversas de seis a oito escamas, son anchas na parte media do corpo e esténdese polos laterais do corpo. Hai 22 ou 23 ringleiras nucais e dorsais. Ten 18 escamas caudais de dobre crista e outras 17 de crista simple. Os flancos teñen unha ou dúas ringleiras lonxitudinais de seis a oito escamas moi agrandadas a cada lado.[8]
O animal ten un dos morros máis delgados entre os crocodilos vivos, quizais comparable co dos crocodilos Mecistops cataphractus e Crocodylus johnsoni, e só superado polo gavial indio.[5] O gavial malaio é un crocodiliano grande, só un pouco menor que o gavial indio. Tres machos maduros mantidos en catividade mediron de 3,6 a 3,9 m e pesaron de 190 a 210 kg, mentres que unha femia mediu 3,27 m e pesou 93 kg.[9] Hai algúns informes de medidas aínda maiores, así das femias informáronse lonxitudes de ata 4 m e dos machos foron confirmadas lonxitudes de ata 5 m.[10][11] O gavial malaio aparentemente ten o cranio máis longo de todos os crocodilos existentes, obviamente grazas ao seu longo morro. Dos oito cranios máis longos de crocodilianos que se conservan en museos, seis deles pertencen a gaviais malaios, o máis grande dos cales medía 84 cm, cunha lonxitude mandibular de 104 cm, polo que se estima que a lonxitude corporal total dese exemplar debeu de ser de 5,5 a 6,1 m.[12]
Distribución e hábitat
editarA especie é nativa da Malaisia peninsular, Sarawak e Indonesia (Sumatra e Borneo, pero non está claro se continúa habendo poboacións en Xava), pero foron erradicados de Tailandia. Ademais dos ríos, habitan en pantanos e lagos.[1] Hoxe encóntranse case exclusivamente en pantanos turbosos e bosques pantanosos de teras baixas.[13]
Antes da década de 1950, Tomistoma aparecía en ecosistemas de auga de todo o leste de Sumatra nas Montañas Barisan. A distribución actual no leste de Sumatra reduciuse nun 30 a 40% debido á caza, cortas de bosques, incendios e agricultura.[14]
Ecoloxía e comportamento
editarDieta
editarAta recentemente, sabíase pouco sobre a dieta e o comportamento do gavial malaio na natureza, e vanse pouco a pouco revelando datos. No pasado, pensábase que tiña unha dieta exclusivamente piscívora e de vertebrados moi pequenos. Pero as probas e observacións máis recentes inidican que ten unha dieta xeralista malia o seu estreito morro. Ademais de peixes e pequenos animais acuáticos, os adultos maduros depredan grandes vertebrados, incluíndo monos Nasalis larvatus, macacos Macaca fascicularis, cervos, aves acuáticas e réptiles.[15] Unha testemuña visual relatou o ataque dun gavial malaio a unha vaca en Kalimantán.[13]
A especie pode considerarse un equivalente ecolóxico dos crocodilos do Neotrópico como o Crocodylus intermedius e o Crocodylus acutus, que tamén teñen fociños delgados e unha dieta diversa.[5]
Reprodución
editarConstrúen niños con forma de morea. As femias fan postas pequenas de 13 a 35 ovos por niño, e probalemente os seus ovos son os máis grandes dos crocodilos existentes. A madurez sexual nas femias adoita alcanzarse cando medran ata os 2,5 a 3 m, que é un tamaño grande comparado co doutros crocodilianos cando chegan á madurez.[14]
Non se sabe cando se reproducen na natureza nin cando é a estación reprodutora. Unha vez que rematan a construción do niño e poñen os ovos, a femia abandona o niño. As crías eclosionan pasados 90 días e teñen que valerse por si soas. A diferenza doutros crocodilianos, as crías non reciben coidados parentais e están en risco de ser comidos por predadores, como mangostas, tigres, leopardos, civetas e cans salvaxes.
Ataques
editarEn 2008, unha femia de 4 m de gavial malaio atacou e comeu un pescador no centro de Kalimantán; os seus restos foron atopados despois dentro do estómago do gavial. Este foi o primeiro ataque mortal verificado a un humano por esta especie.[15] Porén, en 2012, verificáronse dous ataques mortais a humanos por este animal, o que indica quizais que hai un maior conflito entre este gavial e os humanos relacionado co declive da extensión e calidade do seu hábitat, e a cantidade de presas naturais.[16]
Ameazas
editarA especie está ameazada de extinción na maioría da súa área debido á drenaxe das chairas pantanosas de auga doce e a destrución das zonas boscosas que as rodean. A especie é tamén cazada frecuentemente pola súa pel e carne, e os ovos son moitas veces recollidos para o consumo humano.[15]
Conservación
editarO gavial malaio está listado no Apéndice I do CITES.[1] Os exames da poboación actual indican que non se extinguiu na maior parte das áreas onde adoitaba vivir, pero a distribución dos individuos é en zonas máis illadas entre si do que era previamente, o que pon os animais en risco de illamento xenético.[17] En grandes partes, o seu illamento débese a unha destrución de hábitats moi grande e ás alteracións na súa área de distribución, probablemente poucas áreas fóra das zonas protexidas legalmente son axeitadas para manter poboacións reprodutoras viables.[18]
Os gobernos malaio e indonesio tomaron medidas para impedir a súa extinción na natureza. Hai informes de que algunhas das poboacións están aumentando lixeiramente en Indonesia, principalmente debido aos medos irracionais a ataques das poboacións humanas locais.[15] Yayasan Ulin (The Ironwood Foundation) está intentando actualmente xestionar unha zona húmida en Kalimantán leste, onde viven estes animais.[19]
Rexistro fósil
editarAínda que Tomistoma schlegelii é a única especie existente do xénero Tomistoma, atopáronse fósiles de especies extintas parecidas en depósitos do Paleoxeno, Neoxeno e Cuaternario en Taiwán, Uganda, Italia, Portugal, Exipto e a India, pero case todos eles se considera que probablemente son doutros xéneros.[20]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Tomistoma schlegelii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2016.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2014.
- ↑ 2,0 2,1 Willis, R. E.; McAliley, L. R.; Neeley, E. D.; Densmore Ld, L. D. (June 2007). "Evidence for placing the false gharial (Tomistoma schlegelii) into the family Gavialidae: Inferences from nuclear gene sequences". Molecular Phylogenetics and Evolution 43 (3): 787–794. PMID 17433721. doi:10.1016/j.ympev.2007.02.005.
- ↑ Müller, S. (1838). "Waarnemingen over de Indische Krokodillen en Beschrijving van eene nieuwe Soort". Tijdschrift voor Natuurlijke Geschiedenis en Physiologie (en Dutch) 5: 61–87.
- ↑ Beolens, B.; Watkins, M.; Grayson, M. (2011). The Eponym Dictionary of Reptiles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. xiii + 296 pp. ISBN 978-1-4214-0135-5. (Tomistoma schlegelii, p. 235).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Piras, P., Colangelo, P., Adams, D. C., Buscalioni, A., Cubo, J., Kotsakis, T., & Raia, P. (2010). The Gavialis–Tomistoma debate: the contribution of skull ontogenetic allometry and growth trajectories to the study of crocodylian relationships. Evolution & development, 12(6), 568-579.
- ↑ Willis, R. E., McAliley, L. R., Neeley, E. D., & Densmore, L. D. (2007). Evidence for placing the false gharial (Tomistoma schlegelii) into the family Gavialidae: inferences from nuclear gene sequences. Molecular phylogenetics and evolution, 43(3), 787-794.
- ↑ "Molecular Systematics of the Order Crocodilia". Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2009. Consultado o 22 de xullo de 2017.
- ↑ Brazaitis, P. (2001) A Guide to the Identification of the Living Species of Crocodilians. Science Resource Center, Wildlife Conservation Society
- ↑ Mathew, A., Ganesan, M., Majid, R. A., & Beastall, C. (2011). Breeding of false gharial, Tomistoma schlegelii, at Zoo Negara, Malaysia. Zoo Negara. Accesoː 25 de setembro de 2012. [1] Arquivado 27 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ Milàn, J., & Hedegaard, R. (2010). Interspecific variation in tracks and trackways from extant crocodylians. New Mexico Museum of Natural History and Science Bulletin, 51, 15-29.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2017. Consultado o 22 de xullo de 2017.
- ↑ Whitaker, R., & Whitaker, N. (2008). "Who’s got the biggest?" Crocodile Specialist Group Newsletter 27 (4): 26-30.
- ↑ 13,0 13,1 Bezuijen, M. R., Shwedick, B. M., Sommerlad, R., Stevenson, C., & Stuebing, R. B. (2010). Tomistoma Tomistoma schlegelii. Crocodile: Status Survey and Conservation Action Plan. Darwin: Crocodile Specialist Group, 133-138.
- ↑ 14,0 14,1 Bezuijen, M.R., Webb, G.J.W., Hartoyo, P., Samedi, Ramono, W.S., Manolis, S.C. (1998) The False Gharial (Tomistoma schlegelii) in Sumatra. In: Crocodiles. Proceedings of the 14th Working Meeting of the Crocodile Specialist Group, IUCN. The World Conservation Union, Gland, Switzerland and Cambridge, UK. Pp. 10–31.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 Rachmawan, D., Brend, S. (2009). Human-Tomistoma interactions in central Kalimantan, Indonesian Borneo. Crocodile Specialist Group Newsletter 28 (1): 9–11.
- ↑ Sideleau, B., Britton, A. R. C. (2012). A preliminary analysis of worldwide crocodilian attacks. In Crocodiles Proceedings of the 21st Working Meeting of the IUCN-SSC Crocodile Specialist Group. Gland, Switzerland: IUCN. Pp. 111–114.
- ↑ Stuebing, R. B., Bezuijen, M. R., Auliya, M., & Voris, H. K. (2006). The current and historic distribution of Tomistoma schlegelii (the False Gharial)(Müller 1838)(Crocodylia, Reptilia). The Raffles Bulletin of Zoology, 54(1), 181-197.
- ↑ Rödder, D., Engler, J. O., Bonke, R., Weinsheimer, F., & Pertel, W. (2010). Fading of the last giants: an assessment of habitat availability of the Sunda gharial Tomistoma schlegelii and coverage with protected areas. Aquatic Conservation: Marine and Freshwater Ecosystems, 20(6), 678-684.
- ↑ http://www.speciesconservation.org/projects/Siamese-Crocodile/309
- ↑ "Paleobiology Database". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2020. Consultado o 22 de xullo de 2017.
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Tomistoma schlegelii |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: False gharial |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Crocodile Specialist Group: "Tomistoma schlegelii" (PDF). (132 KB)
- Tomistoma Task Force Arquivado 30 de xuño de 2017 en Wayback Machine.
- Saint Louis Zoo: False gharial Arquivado 14 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine.
- ARKive Imaxes
- BBC News: 'Match-making' for rare male croc
- O centro de investigación da Fundación Orangután está utilizándose para investigacións fundamentais sonre os falsos gaviais