Tudhaliyas IV
Tudhaliyas IV (rei hitita sobre -1250 – -1210), foi fillo de Hattusilis III e da raíña principal Pudú-Hepa. Levaba os títulos de Labarnas, Gran Rei, Rei de Hatti, Heroe, Sol meu e Rei do mundo (Sar kissati). O seu nome hurrita era Hesmi-Sarruma. A súa muller foi unha princesa babilonia talvez Dumu-sal-gal. O seu irmán Huzziyas foi xefe da garda real.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XIII a. C. Nerik, Turquía |
Morte | século XIII a. C. Hattusa, Turquía |
Rei | |
Datos persoais | |
Relixión | Relixión hitita |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Fillos | Arnuwandas III, Suppiluliumas II |
Pais | Hattusilis III e Puduhepa |
Irmáns | Tasmi-Sarruma Maathorneferuré Kilushepa |
Traxectoria
editarDurante o reinado do seu pai foi sacerdote de Sausga en Samuha e de feito rei de Hakpis.
Era correxente de feito (pero non levou este título) e sucedeu ao pai sen dificultade.
Renovou a concesión do reino de Tarhuntasa a Kurunta por medio dun tratado que se conservou (a chamada "taboíña de bronce" en perfecto estado de conservación).
Á morte do rei Masturi de Seha, o país fíxose independente baixo un home de orixe descoñecida chamado Tarhuna-radu, que se aliou co rei de Ahhiyawa. Tudhaliyas fixo persoalmente a campaña contra Seha. Ahhiyawa interveu pero sufriu unha completa derrota. Tarhuna fuxiu a un illote chamado Monte da Aguia, lugar que tamén foi ocupado por Tudhaliyas, fíxoo prisioneiro xunto coas súas mulleres e outros familiares e levouno a Arinna. Puxo no trono no trono a un membro da dinastía de Muwa-Walwis e a situación volveu á normalidade.
Tukultininurta I de Asiria atacou territorio hurrita pouco despois do -1240 e ocupou Isuwa que era vasalo hitita. Tudhaliyas non dubidou en declarar a guerra. O rei asirio reuniu ao seu exército en Taite. O exército hitita avanzou cara a Nihriya onde o foi atopar o exército asirio. O rei asirio repregou as súas tropas cara Sura, onde se librou a batalla que foi unha vitoria asiria e unha clara derrota hitita. Tudhaliyas retirouse a Alatarma, un pouquiño ao leste do Éufrates a posición descoñecida, probabelmente a Isuwa. O nome do rei de Isuwa non aparece nas inscricións.
Ini Tesub rei de Karkemish ocupábase de todos os asuntos de Siria e resolveu conflitos ou deu ordes a Ugarit (conflitos fronteirizos, Siyanni foi separado de Ugarit) e Amurru (prohibíndolle comerciar con Asur). Cando dous irmáns se rebelaron contra Amistamru II de Ugarit, Ini-Tesub protexeuno e os dous rebeldes foron enviados desterrados a Alashiya; tamén autorizou a extradición da muller adúltera de Ammistamru II de Ugarit, pero neste caso con permiso de Tudhaliyas que era o seu tío (a extradición supuxo a morte da princesa).
Tudhaliyas fundou a cidade alta de Hattusa, que dobrou o tamaño da cidade (1 km²) e encheuna de templos (uns 30) dedicados a deuses hititas ou hurritas. Pénsase que quería controlar aos cidadáns levando a todos os seus á capital, cousa que tiña que ser moi impopular.
A cidade alta aparece destruída en certo momento. Suponse que entón se produciu a usurpación de Kurunta e que despois recuperou o poder (ou talvez foi o seu fillo Arnuwandas III quen o recuperou, xa que o reinado do devandito pode ser máis longo do que se pensou ata hai pouco). A cidade alta habíase reconstruír, pero non os templos, e as terras deixaron de ser usadas con finalidade relixiosa.
Alashiya, que non se sabe cando escapara do control hitita (nos pasados anos aparecen cartas dun rei de Alashiya pero tamén parece ser que Hattusilis III enviara a Mursilis III exiliado a Alashiya, se ben iso non é seguro), foi conquistada por Tudhaliyas IV.
Lukka, Arzawa, Masa, as terras kaskas e a Terra Alta Hitita son indicadas como lugar de cacería do rei, o que quería dicir que pertencían ao imperio e estaban pacificadas. Tudhaliyas tamén cazaba regularmente en "terras hurritas", pero probabelmente se refire aos territorios vasalos na antiga fronteira con Mitanni.
Sucedeuno o seu fillo Arnuwandas III, deixando aparte a posíbel usurpación de Kurunta.
Hititas | ||
---|---|---|
Segue a: Hattusilis III |
Tudhaliyas IV | Precede a: Arnuwandas III |
- |