En anatomía, a uretra (do grego οὐρήθρα, ourethra) é un tubo que conecta a vexiga urinaria co exterior e serve para expulsar a urina (en ambos os sexos) e para expulsar o seme (no sexo masculino). Nos machos, a uretra está conectada tanto co aparato urinario coma co reprodutor, atravesa lonxitudinalmente o pene e acaba no seu extremo. Nas femias a uretra é máis curta, é independente do aparato reprodutor, e acaba no perineo por diante do orificio vaxinal.

A uretra masculina atravesa a próstata e o pene.

O esfínter uretral externo está ao inicio da uretra, formado por fibras musculares estriadas, e permite o control voluntario da micción.

Anatomía

editar

Uretra feminina

editar

Na muller, a uretra mide só de 2,5 cm a 4 cm [1][2] de lonxitude (a cifra varía algo segundo as fontes), e ábrese ao exterior entre o clítoris e a vaxina. Está situada detrás da sínfise pubiana, incrustada na parede anterior da vaxina, e a súa dirección é oblicua cara a abaixo e adiante; está lixeiramente curvada coa concavidade dirixida cara a adiante.

A uretra consta de tres capas: muscular (externa), lámina propia conxuntiva, e mucosa (interna). O seu revestimento (mucosa) ten un epitelio estratificado escamoso, que se vai facendo de transición preto da vexiga urinaria, e ten pregamentos lonxitudinais e numerosas invaxinacións, e algunhas células mucosas. A lámina propia é un tecido conxuntivo laxo sen papilas e con moitas fibras elásticas e moitos plexos venosos. A capa muscular é unha continuación da da vexiga, consta de fibras de músculo liso que son lonxitudinais as exrternas e circulares as capas máis externas. Entre a fascia superior e inferior do diafragma uroxenital, a uretra feminina está rodeada polo esfínter uretral. A innervación (consciente e voluntaria) do sistema nervioso somático do esfínter uretral externo procede do nervio pudendo.

Uretra masculina

editar

No macho humano, a uretra ábrese ao final do pene (normalmente, pero ver hipospadia). A uretra é a vía de saída da urina durante a micción e do seme durante a exaculación. Os datos da lonxitude da uretra masculina son variables segundo as fontes e adoitan estar entre 18 e 22 cm [1][3] A uretra ten forma de S invertido, xa que baixa en vertical atravesando a próstata, inclínase cara a adiante e penetra no bulbo do pene. Normalmente as paredes da súa luz están en contacto, agás cando pasa líquido. A uretra pode dividirse en catro partes no macho, denominadas:

Rexión Descrición Epitelio
Uretra preprostática Esta é a parte intramural da uretra e varía entre 0,5 e 1,5 cm de lonxitude dependendo do chea que estea a vexiga. Nalgúns textos non se considera esta parte, xa que está incluída na parede vesical. Transicional.
Uretra prostática Atravesa a próstata. Presenta unha crista media (crista uretral) e varias aberturas para os seguintes condutos: (1) o conduto exaculador, que recibe os espermatozoides do conduto deferente e o fluído exaculado da vesícula seminal, (2) varios condutos prostáticos polos que se descarga a secreción prostática, (3) o utrículo prostático, que é simplemente unha indentación (homóloga embrioloxicamente do útero feminino). Esta zona das aberturas denomínanse en conxunto colículo seminal (verumontano). Transicional
Uretra membranosa Unha pequena porción (1 ou 2 cm) pasa a través do esfínter uretral externo. Este é a parte máis estreita da uretra. Vai desde o polo inferior da próstata ao bulbo do corpo esponxoso. As glándulas bulbouretrais (ou de Cowper) están na parte posterior desta rexión pero ábrense na uretra esponxosa. Columnar pseudoestratificado
Uretra esponxosa (ou uretra do pene) Percorre toda a lonxitude do pene, pero non polo seu centro, senón pola súa parte inferior ou ventral. Ten uns 15–16 cm de lonxitude, e sitúase dentro do corpo esponxoso do pene. Os condutos das glándulas uretrais (ou de Littré) desembocan aquí, e tamén están aquí as desembocaduras das glándulas bulbouretrais.[4] Algúns libros subdividen a uretra esponxosa en dúas partes, a uretra bulbosa e a pendulosa. O lume uretral é máis estreito na parte final, o orificio ou meato uretral externo. A parte final correspondente á glande está alargada formando a fosa navicular, que é máis vertical. Isto produce un fluxo espiral de urina, o que contribúe a limpar o meato uretral externo. As mulleres non teñen un mecanismo equivalente, o que en parte explica por que teñen infeccións do tracto urinario máis frecuentemente. Columnar pseudoestratificado na zona proximal, e escamoso estratificado na distal

A lonxitude da uretra masculina e o feito de que teña unha curvatura prominente, fai que a cateterización da uretra masculina sexa máis difícil. A integridade da uretra pode determinarse por un procedemento chamado uretrograma retrógrado.

Histoloxía

editar

O epitelio da uretra empeza sendo transicional na saída da vexiga. Despois convértese nun epitelio estratificado columnar, e máis adiante, preto do meato urinario, un epitelio estratificado escamoso. No epitelio superficial hai pequenas glándulas secretoras de mucus, que axudan a protexer o epitelio da urina. A superficie da membrana mucosa ten moitos divertículos (lagoas de Morgagni), que se continúan con túbulos profundos e ramificados, que son as glándulas de Littré, presentes sobre todo na parte esponxosa.[1]

A lámina propia é un tecido conxuntivo laxo con moitas fibras elásticas e algúns feixes espallados de músculo liso, principalmente lonxitudinais, mais tamén circulares. Non ten papilas estendidas dentro do epitelio.

Orixe embrionaria

editar

O seo uroxenital embrionario orixina a uretra (e outras partes) e pode dividirse en tres compoñentes. A primeira das tres é a porción cranial que é continua co alantoide e forma a propia vexiga. A porción pélvica do seo forma a uretra prostática, o epitelio, a uretra membranosa e as glándulas bulbouretrais do macho e a uretra membranosa e parte da vaxina das femias.

Enfermidades

editar
 
Micrografía dun cáncer uretral, unha enfermidade rara da uretra.
  • A hipospadia e epispadia son formas de desenvolvemento anormal da uretra masculina, nas que o meato urinario non está localizado no extremo do pene, senón que aparece na parte inferior (hipospadia) ou superior (epispadia). En casos severos a uretra pode desembocar entre o pene e o escroto.
  • A infección da uretra é a uretrite, que é máis común nas femias. A uretrite é unha causa común da disuria (dor durante a micción).
  • Relacionada coa uretrite está a síndrome uretral.
  • O paso de cálculos renais pola uretra para a súa expulsión pode ser doloroso, e pode producir estenoses na uretra.
  • O cáncer de uretra é pouco común.
  • A entrada de corpos estraños na uretra é pouco común, pero poden producir danos.[5]

A endoscopia da vexiga denomínase cistoscopia e debe realizarse por vía uretral.

Outras imaxes

editar
  1. 1,0 1,1 1,2 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 797-799. ISBN 84-7605-361-4.
  2. Zacharin RF (1963). "The suspensory mechanism of the female urethra". J. Anat. 97 (Pt 3): 423–7. PMC 1244203. PMID 14047361. 
  3. Kohler TS, Yadven M, Manvar A, Liu N, Monga M (2008). "The length of the male urethra". International Braz J Urol 34 (4): 451–4; discussion 455–6. PMID 18778496. 
  4. Atlas of Human Anatomy 5th Edition, Netter.
  5. Stravodimos, Konstantinos G; Koritsiadis, Georgios; Koutalellis, Georgios (2009). "Electrical wire as a foreign body in a male urethra: a case report". Journal of Medical Case Reports 3: 49. PMC 2649937. PMID 19192284. doi:10.1186/1752-1947-3-49. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
INTERN 2
todo 2