Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2021
O mergullón cincento (Podiceps grisegena) é unha ave acuática migratoria que se encontra en rexións temperadas do hemisferio norte. En Galicia é un invernante raro. O seu hábitat de invernada está en gran medida restrinxido a augas calmas oceánicas más alá da zona onde as ondas chegan á costa, aínda que algúns exemplares poden invernar en grandes lagos. Os mergullóns prefiren como sitios de reprodución corpos de augas doces pouco profundas, como lagos, pantanos ou lagoas con peixes.
O mergullón cincento é unha ave gris escura anódina en inverno. Durante a estación reprodutora, adquire a súa distintiva plumaxe co pescozo vermello, píleo negro e unha cara gris clara. Tamén realiza unha elaborada exhibición de cortexo e unha variedade de chamadas de apareamento altas. Unha vez que se emparellan, constrúen un niño feito de plantas acuáticas e situado sobre vexetación flotante nun lago ou pantano pouco profundo.
Como todos os mergullóns, o mergullón cincento é un bo nadador e un mergullador especialmente veloz que reacciona ante o perigo mergullándose antes que voando. Ten os pés situados moi atrás no corpo, preto da cola, o que fai que en terra sexa torpe. Mergúllase para capturar peixes ou insectos que están sobre a vexetación; tamén traga as súas propias plumas, posiblemente para protexer o seu sistema dixestivo. O status de conservación das súas dúas subespecies (P. g. grisegena de Europa e oesta de Asia, e a máis grande P. g. holboelii de Norteamérica e leste de Siberia) é avaliado como de "especie pouco preocupante" e a poboación global é estable ou crecente.