Graxa

termo xenérico para varias clases de lípidos

En bioquímica, graxa é un termo xenérico para varias clases de lípidos, aínda que xeralmente se refire aos acilglicéridos, ésteres de glicerol e ácidos graxos. Estes últimos poden ser un, dous ou tres, e darán lugar a monoglicéridos, diglicéridos ou triglicéridos, respectivamente. Outros compoñentes das graxas de grande importancia serían, por exemplo, o colesterol e os fosfolípidos.

Estrutura química da timiristina, un triglicérido

Características

editar

As graxas están presentes en moitas formas de vida, e teñen funcións tanto estruturais como metabólicas (fundamentalmente, enerxéticas).

O tipo máis común de graxa é aquel no que tres ácidos graxos están unidos á molécula de glicerina, recibindo o nome de triglicéridos ou triacilglicéridos. Os triglicéridos sólidos a temperatura ambiente son denominados como graxas, mentres que os que son líquidos, tamén son coñecidos como aceites. Os aceites son transformados en graxas artificialmente mediante hidroxenación para obter manteigas ou graxas hidroxenadas.

Todas as graxas son insolubles en auga tendo unha densidade significativamente inferior (flotan na auga).

Tipos de graxas

editar

As graxas que inxerimos cos alimentos poden ser de orixe animal ou de orixe vexetal. As primairas están formadas principalmente por ácidos graxos saturados e adoitan ser sólidas a temperatura ambiente. As graxas de orixe vexetal adoitan ser líquidas (aceites) e habitualmente son máis ricas en ácidos graxos insaturados, moitos deles esenciais na nutrición ó non poder ser sintetizados no organismo.

En función do grao de saturación dos ácidos graxos formantes da graxa (é dicir, do número de dobres enlaces na molécula), podemos distinguir entre:

  • Graxas saturadas: formadas por ácidos graxos saturados, é dicir con enlaces simples entre os seus átomos de carbono (-CH2-CH2). Están presentes, por exemplo, no touciño, no sebo etcétera. Estas graxas son sólidas a temperatura ambiente. Aquelas formadas polos ácidos graxos láurico, mirístico e palmítico son as graxas máis prexudiciais para o organismo. Con todo, graxas saturadas baseadas no esteárico teñen un efecto neutro. Exemplos: sebos e manteigas.
  • Graxas insaturadas: é dicir con enlaces dobres entre os seus átomos de carbono (-CH2=CH2), formadas por ácidos graxos insaturados como o oleico ou o palmitoleico. Son líquidas a temperatura ambiente e comunmente coñécense como aceites. Poden ser, por exemplo, o aceite de oliva, de xirasol, de millo.
    • Graxas monoinsaturadas: cando posúen un único dobre enlace. Atópanse no aceite de oliva, o aguacate, e algúns froitos secos. Son as que aumentan o colesterol bo (HDL) e reducen o colesterol malo (LDL).
    • Graxas poliinsaturadas: cando posúen dous ou máis dobres enlaces. Estas non son tan beneficiosas como as monoinsaturadas, pero tampouco son tan daniñas como as saturadas. Atópanse no peixe azul, sementes e froitos secos.

Funcións das graxas

editar
  • Son a principal fonte de enerxía: 1 g de calquera graxa produce unhas 9 kilocalorías de enerxía (37,7 kJ), máis do dobre que a enerxía que proporcionan os carbohidratos ou as proteínas.
  • Son vehículo das vitaminas liposolubles (A, D, E, K).
  • Son fonte de ácidos graxos esenciais
  • Forman parte de estruturas celulares fundamentais (por exemplo, da membrana celular).

Ademais, as graxas cumpren numerosas outras funcións, como contribuír ó sabor e apeticibilidade dos alimentos, dar sensación de saciedade etc. Noutra orde de cousas, forman o panículo adiposo que protexe aos mamíferos contra o frío.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar

Estrutura química das graxas

  NODES
todo 2